ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 38/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se dá publicidade aos modelos normalizados de solicitude de autorización de persoas e entidades para desenvolver actividades de auditoría dos sistemas de prevención e de notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer á auditoría dos sistema de prevención, a presentar na Comunidade Autónoma de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 1 de outubro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que dá publicidade aos modelos normalizados de solicitude de autorización de persoas e entidades para desenvolver actividades de auditoría dos sistemas de prevención e de notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer á auditoría dos sistema de prevención, a presentar na Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Como normativa estatal básica, o Real Decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, modificado polo Real Decreto 337/2010, do 19 de marzo, polo que se regulan os servizos de prevención, establece no seu artigo 33 que as persoas ou entidades especializadas que pretendan desenvolver a actividade auditora dos sistema de prevención haberán de contar coa autorización da autoridade laboral competente do lugar onde radiquen as súa instalacións principais.

Na mesma norma establécese que as empresas con certas actividades e menos de 50 traballadores que desenvolvan actividades preventivas con recursos propios, considerarase que cumpren a obriga da auditoría cando cubran e remitan á autoridade laboral unha notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer a esta.

O procedemento de autorización de persoas e entidades para desenvolver esas actividades de auditoría é tramitado, na Comunidade Autónoma de Galicia, polo Servizo de Seguridade e Saúde Laboral.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

O artigo 1º recolle o obxecto do proxecto normativo, é dicir, dar publicidade aos modelos normalizados de solicitude de autorización para desenvolver actividades de auditoría dos sistemas de prevención e de notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer á auditoría do sistema de prevención.

O artigo 2º regula a presentación dos modelos que se levará a cabo ante o Servizo de Seguridade e Saúde Laboral, preferiblemente por vía electrónica.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que dá publicidade aos modelos normalizados de solicitude de autorización de persoas e entidades para desenvolver actividades de auditoría dos sistemas de prevención e de notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer á auditoría dos sistema de prevención, a presentar na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, dous artigos, unha disposición derradeira e dous anexos cos diferentes modelos de solicitude.

O día 7 de outubro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestada polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN de CC.OO de Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG e pola organización sindical CIG (Anexo II).




DITAME 38/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que dá publicidade aos modelos normalizados de solicitude de autorización de persoas e entidades para desenvolver actividades de auditoría dos sistemas de prevención e de notificación sobre a concorrencia das condicións que non fan necesario recorrer á auditoría dos sistema de prevención, a presentar na Comunidade Autónoma de Galicia, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de outubro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 7 de outubro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo cara a unha adecuada utilización da linguaxe en materia de xénero, que evite o emprego reiterado do masculino xenérico (obsérvase o uso deste na exposición de motivos “traballadores” e nos anexos “expertos, colexiados, traballadores, empresario, traballador designado…”).

Segunda
Obsérvase a existencia de erros de concordancia ao longo do texto do proxecto normativo, como por exemplo no artigo 2.1 (“O referidos modelos”) ou 2.4 (“.. que consideren… e do procedementos administrativo..”), así como a falta da preposición e do artigo para referirse ás traballadoras no anexo TR841A (“Documentación relativa aos/traballadores/as”), polo que este Comité propón a súa revisión ortográfica.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité bota en falta a referencia a que o proxecto normativo foi informado polo Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

Segunda.- Artigo 1º. Obxecto.
Este Comité considera que debería incluírse neste artigo unha referencia á Orde TIN/2504/2012, do 20 de setembro, pola que se desenvolve o Real Decreto 39/97, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención.

Terceira.- Disposición derradeira [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha disposición derradeira que debería denominarse disposición final para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Cuarta.- Anexo Procedemento TR841A.
No apartado referido ao ámbito territorial, aparece a indicación “Nacional”. Este Comité considera que debería substituírse por “Estatal” para evitar confusión interpretativa.

Quinta.- Anexo Procedemento TR841A.
No apartado referido á documentación relativa á empresa solicitante, obsérvase que se solicita “Escritura da sociedade: poderes”. Este Comité propón que se substitúa por “Poder ou poderes da persoa representante legal da empresa”.

Sexta.- Anexo Procedemento TR841A.
Este Comité considera que no apartado de Lexislación Aplicable debería engadirse a mención á Lei de Prevención de Riscos Laborais.

A mesma consideración realízase para o anexo do Procedemento TR845A.


ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:


Anexos

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que os modelos de anexos deberían axustarse aos modelos existentes para o procedemento TR840A, posto que conteñen unha información moito máis detallada.


ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA E A ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG:

Anexo TR845A.

As organizacións CEG e CIG consideran que é superfluo o cadro Resumo dos datos relativos á prevención de riscos, posto que esta información está xa incluída na copia da última avaliación realizada na empresa, cuxa presentación se esixe no apartado seguinte do referido anexo.