ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 39/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia

I. ANTECEDENTES

O día 25 de outubro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Os certificados de profesionalidade, regulados polo Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, son o instrumento de acreditación oficial, no ámbito da administración laboral, das cualificacións profesionais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais adquiridas a través de procesos formativos ou do proceso de recoñecemento da experiencia laboral e de vías non formais de formación, e permiten a súa correspondencia cos títulos de formación profesional do sistema educativo.

O Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade estruturado sectorialmente en 26 familias profesionais, permite configurar unha oferta formativa para os tres niveis de cualificación actuais en formación profesional para o emprego.

O Real decreto 1675/2010, do 10 de decembro, modifica o Real decreto 34/2008 e dispón que corresponderá á administración laboral competente a comprobación de que os candidatos/alumnos posúen os requisitos formativos para cursar con aproveitamento a formación.

Posteriormente, o Real Decreto 34/2008 vese modificado tamén polo Real Decreto 189/2013, do 15 de marzo que , entre outras, cousas modifica os requisitos  de acceso aos certificados de profesionalidade nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde do ano 2011, publicado no DOG o día 4 de agosto de 2011 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 4 de maio de 2011 (Ditame 16/11), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Na Exposición de motivos faise referencia ao Real Decreto 189/2013, do 15 de marzo, que modifica, entre outros aspectos, os requisitos de acceso aos certificados de profesionalidade nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

Isto reflíctese no artigo 2º do proxecto normativo (que se corresponde co artigo 5º da orde anterior), no que se observa a supresión dalgúns requisitos que figuraban recollidos.

Obsérvase, tamén, a supresión dos supostos en que se entende que unha persoa posúe a formación básica e está exenta de realizar probas de avaliación en competencia clave.

Inclúese un novo Anexo I no que se regula o nivel de exixencia formativo para as competencias clave de nivel 2 e de nivel 3 de cualificación profesional.

Igualmente, supón unha novidade o Anexo II, onde se relacionan as titulacións requiridas ás persoas que exerzan os cargos de presidente e vocais das comisións de avaliación para as probas en competencias clave de nivel 2 e 3 de cualificación profesional.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, 13 artigos, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións finais.

O día 8 de novembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, a consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia(Anexo I).










DITAME 39/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen os requisitos formativos para o acceso á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional e se regulan as probas de avaliación en competencias clave dentro das accións formativas de formación profesional para o emprego na Comunidade Autónoma de Galicia, con data de rexistro de entrada neste Consello o 25 de outubro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de novembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité considera que, no caso da competencia en comunicación en lingua galega, debería preverse a regulación da situación especial que pode darse cando unha persoa realizou a súa formación escolar e académica fóra de Galicia e polo tanto, previsiblemente, carece da referida competencia.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto xa que aínda observa algúns erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente en certos aspectos da terminoloxía empregada, que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, como o uso do masculino xenérico e a utilización das barras, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só recomendan o uso das barras para os formularios.












ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

No Real Decreto 189/2013, do 15 de marzo, polo que se modifica o Real Decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade e os reais decretos polos que se establecen certificados de profesionalidade ditados para a súa aplicación (BOE nº 69, do 21 de marzo de 2013) establece no seu artigo 20: “(...) as probas poderanse realizar ben directamente polos Servizos Públicos de Emprego ou a través dos centros formativos, para o que deberán estar previamente autorizados, en base a probas previamente establecidas ou as que poidan propor os devanditos centros(...)”.

Polo tanto, e en atención á colaboración público-privada articulada no citado Real Decreto, a CEG propón que se habilite a posibilidade de que os centros de carácter privado poidan participar no proceso de avaliación para a acreditación de competencias clave a través da oportuna normativa reguladora que autorice aos centros para a realización das devanditas probas.