ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 40/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 4 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A presente regulación establece un programa autonómico de obradoiros de emprego en base ao cal se aprobarán, exclusivamente, proxectos de seis meses de duración, introducíndose unha serie de modificacións e adaptacións tendentes ao mesmo tempo a reducir os custos dos proxectos e a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias.

Estes obradoiros de emprego concíbense como programas mixtos de formación e emprego que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Así mesmo procédese ao establecemento dunha vinculación efectiva entre os programas mixtos de formación e emprego e a consecución dun emprego con posterioridade ao desenvolvemento dos mesmos, procurando unha maior implicación e compromiso dos concellos na consecución da posterior inserción laboral.

Nesta convocatoria a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas paradas e a evolución do paro rexistrado no período 2009-2013 e a evolución da poboación, e terase en conta, ademais, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2013, publicado no DOG o día 16 de maio de 2013 (modificada pola Orde de 20 de agosto de 2013 – DOG do 29/08/2013) e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 27 de marzo de 2013 (Ditame 18/13), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Na Orde anterior, o artigo 4º fixaba o 1 de outubro de 2013 como data límite para o inicio dos obradoiros de emprego; neste proxecto normativo, establécese que esa data fixarase pola Comisión de Valoración prevista no seu artigo 19º.

O artigo 11º inclúe un novo apartado d) no que esixe que as persoas candidatas preseleccionadas posúan a formación mínima en materia de competencias clave para poder cursar con aproveitamento os diferentes módulos formativos. En consecuencia con isto, suprime a previsión que se recollía no artigo 6º que obrigaba a estas persoas a cursar un módulo de competencias clave e a superalo.

Polo que respecta á documentación que se debe presentar xunto coa solicitude (artigo 16º), suprímese a obriga de presentar o compromiso asumido pola entidade participante de procurar a inserción laboral posterior de polo menos o 10% das persoas desempregadas participantes nos proxectos.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, 37 artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 14 de novembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén oito consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexo, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I)









DITAME 40/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, con data de rexistro de entrada neste Consello o 4 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de novembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité observa que persisten erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no uso das barras (“alumnos/as” no artigo 27º), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo e corrixir a redacción no apartado 2 do artigo 12º, así como a referencia ás letras j e k, impropias do alfabeto galego, nos artigos 20º e 34º, substituíndo estas polas que corresponden.

Terceira.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto normativo emprégase o termo “alumnado-traballador participante”, así como o termo “alumno traballador” para referirse ás persoas beneficiarias participantes no programa dos obradoiros de emprego.

Este Comité propón a súa substitución por “persoas participantes” e, consecuentemente, a inclusión deste termo na clave de codificación (E01) recollida no artigo 13º.




Cuarta.
Este Comité bota en falta que siga sen argumentarse, neste proxecto de orde, a razón da supresión dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e unidades de promoción e desenvolvemento operada no ano 2012.

Quinta.
Este Comité considera que debería xustificarse no proxecto normativo o motivo da supresión, como entidades promotoras e beneficiarias dos programas, dos organismos autónomos, entes e sociedades públicas e de dereito público da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, universidades e fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro, que figuraban no artigo 6º da orde do 18 de marzo de 2010 (DOG núm. 58, do 26/03/2010).

Sexta.
Este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que os Anexos a este proxecto normativo foran remitidos en lingua castelá exclusivamente, xa que considera que a documentación que se remite para ditame debe enviarse en lingua galega.

Sétima.
O artigo 6º da orde de obradoiros de emprego para o exercicio anterior establecía que o alumnado que non posuíra unha formación mínima debería cursar o módulo de competencias clave, posibilidade que é suprimida neste proxecto normativo. Porén, o artigo 11º deste inclúe, como novidade, entre os requisitos mínimos das persoas candidatas preseleccionadas, o de posuír esa formación mínima, o que supón que o alumnado que carece dela non pode cursar os diferentes módulos formativos da súa especialidade.

Este Comité considera que debería xustificarse a eliminación no proxecto normativo da posibilidade de acceso a cursar o módulo de competencias clave.

Oitava.
Neste proxecto de orde elimínase a esixencia, por parte das entidades participantes, de asumir un compromiso de inserción laboral de, polo menos, o 10% das persoas desempregadas participantes nos proxectos.

Este Comité considera que debería recuperarse esa esixencia, máxime tendo en conta que no resto das ordes de accións formativas é un dos criterios de valoración. Ademais, a exposición de motivos deste proxecto normativo establece que “Estes obradoiros de emprego (...) están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas ..... ”, polo que non se entende a supresión do compromiso de inserción laboral.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 3º.- Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
O apartado 2 deste precepto esixe unha media de paro superior a 500 persoas, exceptuando deste requisito os supostos en que a solicitude ou actuacións previstas no proxecto engloben cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia.

Este Comité non comparte a esixencia de que os concellos pertenzan á mesma provincia, dadas as características xeográficas dos concellos galegos, de xeito que propón a eliminación dese inciso.

Segunda. Artigo 10º.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.
O apartado 1 deste artigo establece que a selección do alumnado-traballador así como a do persoal directivo, docente e de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Traballo e Benestar e da entidade promotora.

Este Comité, reiterando o manifestado en ditames anteriores, considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto coas persoas representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente ao obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Tercera. Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
As organizacións sindicais e empresarial con presenza neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Consello Autonómico de Emprego.

Cuarta.- Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
Este Comité entende que habería que regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado que cause baixa.

Quinta. Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
No apartado 3 deste artigo establécese que terán preferencia para participar nestes proxectos o colectivo de persoas con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, relacionando a continuación unha serie de exemplos.

Este Comité considera que debería constar soamente a prioridade do referido colectivo e suprimir todos os exemplos.
Para o caso de manterse os exemplos, proponse a modificación da expresión “mulleres vítimas de violencia” por “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa que dela se deriva.

Sexta. Artigo 12º.- Procedemento de selección do persoal directivo, docente e de apoio.
Este artigo establece que a selección do persoal directivo, docente e de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Na selección do persoal directivo e docente, consideramos que deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta á Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, máxime tendo en conta que se está a seleccionar o persoal directivo e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade da decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida das persoas candidatas.

Así mesmo, as organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que, utilizando o sistema de oferta, non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, faríase a convocatoria pública”.

Sétima. Artigo 14º.- Incidencias e reclamacións.
Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademais, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que deberían sinalarse expresamente, e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar, a xurisdición ante a cal debe comparecer a persoa que reclame e a necesidade ou non de esgotar vías previas.


Oitava. Artigo 20º.- Criterios de valoración dos proxectos.
No proxecto de orde do exercicio anterior figuraba no apartado 1, letra m), entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto anterior, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Novena. Artigo 21º.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa de tres meses.

Décima. Artigo 28º.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador.
Obsérvase un descenso en 50 puntos porcentuais do SMI a subvencionar nos contratos para a formación e aprendizaxe, pasando a ser do 100%.

Tendo en conta que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios para adaptalos aos convenios colectivos de aplicación, este Comité considera que debería manterse a porcentaxe contemplada na orde do 2010 co fin de favorecer a súa continuidade.

Décimo primeira. Artigo 37º.- Asistencia, seguimento e avaliación.
Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas ao Consello Autonómico de Emprego, aos Consellos Provinciais de Emprego e aos Comités Territoriais de Emprego , para asegurar o exercicio das funcións que o Decreto 192/2011, do 29 de setembro lles encomenda.






ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 20º.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.