ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 41/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2014.

I. ANTECEDENTES


O día 5 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2014 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a concesión de subvencións ás entidades que realicen accións de información, orientación e busca de emprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de técnicos para a realización do servizo de información, orientación e prospección de emprego, en colaboración coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde do ano 2013, publicado no DOG o día 19 de abril de 2013  e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 25 de febreiro de 2013 (Ditame 13/13), obsérvase que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.







Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 2º, que regula as entidades beneficiarias, agrupa agora no apartado 1.a) a todas as administracións locais que poden ser beneficiarias das subvencións.

Polo que respecta aos criterios de valoración das solicitudes (artigo 8º), inclúese un inciso final no apartado 1.A. b), segundo o cal “avaliarase a xestión e execución das accións das entidades que participaron en convocatorias anteriores e puntuarase negativamente unha mala xestión restando ata 15 puntos.

En canto aos requisitos e selección do persoal técnico (artigo 9º), o novo proxecto normativo incorpora, como novidade, unha relación das titulacións preferentes para as persoas prospectoras de emprego, cando na anterior orde só se recollían as titulacións preferentes para o persoal técnico de orientación.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2014” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O 21 de novembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións xerais de carácter unánime, así como dezaoito consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha xeral (Anexo I) e dúas específicas (Anexo IV) manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia ; unha xeral manifestada por CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo II); unha xeral manifastada pola CIG (Anexo III); unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) (Anexo V) e dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo VI).









DITAME 41/13





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de técnicos para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de novembro de 2013 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.
Este Comité avalía negativamente os cambios que se veñen introducindo na regulación das actividades a desenvolver ao abeiro desta Orde. En concreto, considérase que a evolución das variables orzamentarias, as diversas limitacións no financiamento, a desaparición das posibilidades de contratar persoal de apoio, así como da imputación dos gastos xerais, materiais ou desprazamentos xerados polo desenvolvemento das accións, ou en fin, os cambios operados nos criterios de valoración, parecen apuntar á idea de que as entidades acaben realizando cunha escaseza de fondos e cun maior esforzo a execución dunhas accións que forman parte das políticas activas de emprego dependentes da Administración Pública.

No que respecta á evolución orzamentaria dos diferentes programas incluídos nesta Orde, este Comité non comparte que fronte ao incremento previsto para as accións desenvolvidas polas administracións locais, se minoren os fondos destinados a aquelas entidades máis directamente vencelladas ao ámbito laboral, é dicir, ás organizacións sindicais e empresariais.

Outro tanto cabe dicir en relación coa importante diminución da contía máxima da subvención por persoa técnica contratada, que pasa de 30.688,29 a 20.000 euros/ano, que unida ao non financiamento dos gastos inherentes ás funcións do persoal técnico nin dos gastos de apoio do persoal administrativo e outros gastos de estrutura e materiais necesarios para o desenvolvemento da actividade, converten ás entidades executantes das accións non só en obrigadas cofinanciadoras parciais das obrigas da Administración, senón mesmo en axentes financiadores da totalidade das accións durante a execución anual destas, tendo en conta ademais a eliminación das posibilidades de anticipos e liquidacións parciais.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, evitando a utilización do masculino xenérico (por exemplo, na exposición de motivos). Ademais recoméndase que se utilice a neutralidade na denominación dos cargos públicos (por exemplo, persoa titular da consellería en lugar de Conselleira).

Terceira.
Este Comité considera que se debería avanzar na clasificación e concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas técnicas, tanto nas accións individuais, como especialmente nas colectivas.

Cuarta.
Este Comité considera que no proxecto normativo se debería asegurar que as accións que se executan ao abeiro desta orde se poidan facer ao longo de todo o ano, sen que existan períodos sen cobertura de apoio económico. Sería conveniente que tanto a publicación da orde como a resolución das solicitudes se realizasen nun tempo adecuado para que permitisen a continuidade das accións sen xerar períodos baleiros na execución e dotasen de continuidade ao servizo.

Quinta.
Este Comité considera que neste proxecto normativo debería incluírse o procedemento dos Itinerarios Personalizados de Inserción (IPIs), que se mencionan no apartado 1 do artigo 1º, e, entre outras cousas, habilitar criterios obxectivos para o persoal técnico de orientación.

Sexta.
Este Comité considera que cómpre que se xunten, na remisión do proxecto de orde para o seu ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 1. a) deste artigo faise referencia á posibilidade de que as entidades locais concorran por si mesmas ou a través dos seus organismos autónomos ou entidades que exerzan competencias en materia de emprego ou formación.

Este Comité considera que debería establecerse unha limitación á posibilidade de que un concello poida concorrer a través de varias agrupacións e así evitar duplicidades.

Segunda.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
No apartado 1. a) deste artigo faise referencia aos centros especiais de orientación.

Este Comité considera que se deberían definir máis no proxecto normativo este tipo de centros, os requisitos que deben cumprir, etc.

Terceira. – Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 4º que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que puidera corresponder e aquelas outras que poidan esixirse legalmente.

Cuarta.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo establécese que a contía da subvención para o persoal contratado será ata un máximo de 20.000 euros anuais por técnico, o que supón unha rebaixa dun 35% respecto ao exercicio 2012.

Este Comité considera que se debería incrementar o importe da subvención para que sexa posible cubrir o custo total do persoal contratado.

Quinta.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado co texto que figuraba na orde para o exercicio do ano 2011: “Igualmente, subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.

Sexta.- Artigo 7º. Procedemento, competencia e resolución.
Examinada a redacción do texto dos distintos apartados deste artigo, este Comité considera que se debería manter na súa integridade o texto do artigo 9º da orde correspondente ao exercicio de 2009, publicado nas páxinas 1.385 e 1.386 do Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009.

Sétima.- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité considera mellor o baremo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009, no que a valoración mínima para ser entidade beneficiaria era de 25 puntos sobre 100, mentres que no actual proxecto normativo é de 50 sobre 100.

Propoñemos que se manteña a correlación porcentual dun cuarto sobre o total.

Oitava.- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Cos cambios nos criterios de valoración e a inclusión dun criterio negativo (1.A.b) pódese dar lugar a que unha entidade, por exemplo, tendo puntuación negativa por mala xestión e puntuación por persoal contratado, obteña puntuación positiva e, pola contra, unha entidade que continúe o servizo cambiando o persoal e non teña puntuación negativa por mala xestión obteña unha puntuación inferior.

Este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa por mala xestión dada tamén a dificultade de definición de en que consiste esa mala xestión.

Novena- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Este artigo, inclúe como criterios de valoración a posta a disposición por parte da entidade de recursos humanos, técnicos, e materiais (apartado d) e a redución de custos polas aportacións económicas de aquela (apartado e).

Tendo de novo en conta o manifestado na consideración xeral primeira, este Comité propón que se supriman estes dous apartados.

Décima - Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
No proxecto de orde do exercicio anterior figuraba no apartado h), entre os criterios de valoración: “Emprego da lingua galega na realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, debidamente declarado pola persoa representante da entidade: 5 puntos”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na realización das accións valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto anterior, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo primeira.- Artigo 9º. Requisitos e selección dos técnicos de información , orientación e prospección de emprego.
Consonte ao establecido na consideración xeral primeira, na que se alude á necesidade de contar con persoal de apoio, este Comité considera que no apartado 1 deste artigo, a continuación do primeiro parágrafo, se debería incluír o seguinte: “Esta preselección non será necesaria respecto da contratación do persoal de apoio”.

Décimo segunda.- Artigo 9º. Requisitos e selección dos técnicos de información , orientación e prospección de emprego.
Este Comité propón que se inclúa a titulación en Dereito como preferente para as persoas técnicas de orientación e para as persoas prospectoras de emprego.

Décimo terceira.- Artigo 9º. Requisitos e selección dos técnicos de información , orientación e prospección de emprego.
No apartado doutros méritos dentro dos requisitos de selección elimínase, con respecto da orde do exercicio anterior, a posesión do CELGA 3 ou equivalente debidamente homologado (0,15 puntos).

Este Comité propón que se manteña este mérito para o exercicio 2014.

Décimo cuarta.- Artigo 9º. Requisitos e selección dos técnicos de información, orientación e prospección de emprego.
No primeiro parágrafo do punto 3 deste artigo engadiuse: “En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos información e orientación laboral e/ou de prospección de empresas, se é o caso”.

Este Comité considera que debería suprimirse o novo texto polos conflitos que pode supoñer a modificación dos contratos entre as entidades empregadoras e as persoas empregadas para adecualos á prestación deste servizo.

Décimo quinta.- Artigo 10º.- Pagamento da subvención.
Este Comité considera que se debería concretar con precisión o momento en que se fará efectivo o pagamento da subvención.

En calquera caso, proponse que se regule a posibilidade de anticipos do 100%  da subvención sen necesidade de constitución de ningún tipo de garantía e se faga efectivo o aboamento da subvención anticipadamente, xustificándose mediante a presentación da documentación que se considere necesaria.

Décimo sexta- Artigo 10º.- Pagamento da subvención
O apartado 1, letra f) deste precepto recolle a obriga de indicar o despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de información, orientación e prospección de emprego.

Tendo en conta que o artigo 2º, no apartado 2, letra a), fixa como requisito das entidades solicitantes o dispoñer de locais con despacho unicamente para a atención individual dos demandantes de emprego, este Comité considera que o cumprimento do dito requisito non esixe que necesariamente se teña que dispoñer de tantos despachos individuais como persoas se dediquen a estas accións, polo que propón suprimir a última frase que figura nesta letra f).

Décimo sétima.- Artigo 13º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2.I.c) esíxese a obtención dunha autorización previa por parte da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Este Comité propón que esa autorización sexa substituída por unha comunicación á Dirección Xeral.

Décimo oitava.- Artigo 13º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2.II.a) establécese que as entidades beneficiarias deben manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada respecto de certas operacións.

Este Comité propón a eliminación do sistema de contabilidade separada, por considerar que é suficiente coa codificación contable.




ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comparten os enormes recortes impostos nas últimas convocatorias para á contratación de Axentes de Emprego, que á vista dos cambios antes sinalados, semellan indicar que se está no camiño de subsumir os programas de orientación cos de axentes de emprego.

Neste senso, as organizacións sindicais non comparten a opción de substituír o estímulo da contratación por conta allea  pola insistencia en primar a “asistencia para o autoemprego”: a Administración non debería, e moito menos na presente situación de crise, abdicar da súa obriga de favorecer a xeración do emprego estable de calidade, trasladando esa responsabilidade a cada persoa por vía do seu “autoemprego”. O emprego autónomo pode ser unha das opcións posibles e merece o apoio público, pero non pode converterse na única ou principal vía de colocación.

En canto ao réxime de concorrencia competitiva, entendemos que tal réxime debería atemperarse con algún criterio avaliativo que teña en conta a representatividade social que ostentan as organizacións sinaladas na letra d) do apartado 1 do artigo 2º, así como garantir que prime o respecto da obxectividade, en evitación de prácticas de discrecionalidade que se teñen observado na concesión das axudas.


ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

As organizacións sindicais CIG e SN de CCOO de Galicia solicitan que se produza unha aclaración sobre as funcións que realizan orientadores e prospectores dado que no baremo para a contratación de persoal aparece a novidade dos prospectores de emprego cun perfil distinto, pero non aparecen na orde as funcións diferenciadas de cada un.


ANEXO III


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG

A Confederación Intersindical Galega, en relación co que se expón na consideración xeral unánime primeira, entende que a limitación de 20.000€ na contía da subvención pode favorecer situacións de discriminación salarial do persoal contratado, segundo sexa por unha entidade ou outra ou incluso pola mesma entidade en anos diferentes.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Funcións do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
No apartado 1.d) deste artigo establécese que serán funcións do persoal técnico o casamento entre as ofertas e demandas de emprego.

As organización sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que este casamento debería realizarse no Servizo Público de Emprego.

Segunda.  Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime décima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.




ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Financiamento.
No acordo de Diálogo Social con data 30 de xullo de 2010, asinouse o compromiso, por parte da Administración, de potenciar os programas de información e orientación dos vindeiros anos para os axentes sociais, polo que a diminución no financiamento que presenta este proxecto de orde entra en colisión co acordado e asinado.


ANEXO VI

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
Na letra d) do número 1 deste artigo disponse que serán entidades beneficiarias "as confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia e as fundacións dependentes das anteriores, especializadas na realización de accións de información e orientación laboral. Neste caso, non se admitirán as solicitudes de entidades que pertenzan ou estean asociadas a outras dun ámbito territorial superior, cando estas últimas presenten solicitude ".

A redacción deste precepto descoñece a diferenza de personalidade xurídica que teñen as distintas asociacións empresariais constituídas conforme á lei 19/1977, o que pode ocasionar problemáticas na xestión do persoal contratado.

Iso supón que solo se resolvería favorablemente a solicitude presentada pola entidade de maior ámbito, que en hipótese tería que ter en conta as necesidades das entidades asociadas a esta de ámbito inferior. Pero isto suporía que tería que ser esta entidade a que contratase un persoal de orientación que desenvolvería servizos noutros centros de traballo, cunha titularidade que non lle corresponde á solicitante, o que ademais da necesidade de facer as correspondentes comunicacións á Seguridade Social, pode ocasionar posibles problemáticas relacionadas coa circunstancia de que as ordes e instrucións serían da entidade solicitante pero o réxime de horario, vacacións... serían da entidade inferior, o que a pouco que se reflexione pode provocar interpretacións de posible cesión ilegal.
Por este motivo, a CEG solicita a modificación deste parágrafo sen prexuízo de manter a validez da consideración específica non unánime manifestada pola CEG no Ditame 31/11, podería redactarse co seguinte tenor literal e sistematicamente nunha letra propia (separando tamén en letras independentes as organizacións sindicais e as fundacións dependentes de confederacións e asociacións empresariais e sindicais de Galicia): “As confederacións e asociacións empresariais intersectoriais máis representativas do ámbito provincial ou autonómico de Galicia, conforme ao disposto na disposición adicional sexta do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.”

Segunda.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a posibilidade de incrementar a contía máxima nun 15% debe ampliarse a todas as entidades concorrentes e non só ás establecidas no artigo 8º.1.B, dado que neste caso só as entidades locais poden acceder a este incremento xa que son as únicas susceptibles de agruparse para os efectos desta orde.