ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 42/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se regula o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e a aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se regula o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e a aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para a execución das horas de formación que excedan do 25% da xornada laboral asociadas aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

O Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego contempla a formación de oferta, entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.



Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

A convocatoria das subvencións previstas neste proxecto de orde tramitaranse en réxime de concesión directa (artigo 1º).

Segundo o artigo 2º, poden ser entidades beneficiarias as empresas que contraten traballadores baixo a modalidade do contrato para a formación e a aprendizaxe durante o ano 2013, cunha dedicación ao tempo de formación que exceda do 25% da xornada laboral efectiva do traballador, sempre que reúnan os requisitos que esixe o Real Decreto 1529/2012.

Os devanditos contratos deben celebrarse con traballadores maiores de 16 anos e menores de 30 que carezan da cualificación profesional obtida e recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo requirida para concertar un contrato en prácticas para o posto de traballo ou ocupación obxecto do contrato.

A duración mínima destes contratos será dun ano e a máxima de tres.

O prazo para a presentación das solicitudes remata o 30 de decembro de 2013 (artigo 4º) e a resolución dos expedientes das axudas deberán ditarse no prazo de 3 meses, contados desde a presentación da solicitude (artigo 5º).

As accións formativas impartidas ao abeiro desta orde serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da execución das horas de formación que excedan do 25% da xornada laboral asociadas aos contratos de formación e aprendizaxe regulados no RD 1529/2012 (artigo 8º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e a aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, quince artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.

O día 21 de novembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, dúas consideracións específicas non unánime manifestada pola CEG (Anexo I) e unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais (Anexo II)






DITAME 42/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e a aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, con data de rexistro de entrada neste Consello o 12 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de novembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no uso das barras (“director/a” na disposición final primeira ou “conselleiro/a” na disposición adicional terceira), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo para adecualo á normativa vixente da lingua galega.

Terceira.
Este Comité considera que a concatenación dos prazos establecidos neste proxecto normativo (solicitudes, resolución, xustificación) dificulta a viabilidade da execución da norma. Por iso solicitamos que en vindeiros exercicios sexa presentado con anterioridade para que a súa execución sexa máis viable e permita a participación dun maior número de empresas.

Cuarta.
Este Comité considera que se debería ter en conta na redacción deste proxecto para o exercicio 2014 e futuros que a contratación que se subvenciona pode estenderse ata tres anos e pode iniciarse en 2013, polo que se propón que figure como criterio o da vixencia do contrato e non o da súa duración.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Exposición de motivos.
Este Comité observa, ao finalizar a exposición de motivos, a necesaria referencia á consulta feita ao Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda. Artigo 4º.- Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 3.b) deste artigo solicítase a copia compulsada do NIF da entidade.

Este Comité considera que debería solicitarse “Copia compulsada ou cotexada do NIF da entidade”.

Terceira. Artigo 4º.- Solicitudes, documentación e prazo.
Este Comité suxire que, para unha maior claridade, o punto 3.f) debería quedar redactado como segue: “No caso daquelas entidades que denegasen expresamente o consentimento ao órgano xestor para a súa solicitude, acreditación documental de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.”

Cuarta. Artigo 8º.- Determinación das subvencións para a acción formativa.
Na última frase do punto 3 deste artigo di “…polo importe do módulo económico mencionado no parágrafo anterior”.

Este Comité suxire que se cambie a expresión “parágrafo” por “apartado” por ser máis correcta.

Quinta. Artigo 13º.- Devolución voluntaria das subvencións.
No apartado 1 deste artigo aparece o código de conta cliente (CCC) no que se debe facer a devolución voluntaria das subvencións.

Este Comité considera que debería terse en conta que, a partir do 1 de febreiro de 2014, o CCC será substituído polo IBAN para identificar as contas bancarias.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CEG:

Artigo 8º.- Determinación das subvencións para a acción formativa.
O importe do módulo establecido debe especificar hora/alumno e aclarar se se aplica a todas as modalidades de impartición da formación.

Artigo 13º.- Devolución voluntaria das subvencións.
Entre as obrigas citadas menciónase neste punto a de verificar o cumprimento dos requisitos establecidas para os docentes, esta cuestión non é competencia das empresas contratantes senón dos centros acreditados, polo tanto non é esixible para estes efectos.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 10º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Entre as obrigas requiridas ás empresas debería establecerse a de poñer en coñecemento da representación legal das persoas traballadoras as circunstancias de execución de cada contrato formalizado.