ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 45/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados para o emprego de Galicia durante os anos 2014 e 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 18 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados para o emprego de Galicia durante os anos 2014 e 2015, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Segundo a exposición de motivos, no actual contexto económico, a sociedade esixe dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas e eficientes que coadxuven a paliar os efectos e a reducir o desemprego, sinaladamente das persoas con especiais dificultades de inserción; por esta razón, mantendo os elementos nucleares que caracterizan orixinariamente aos programas integrados para o emprego, a presente regulación realiza unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego, introducindo unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade que inclúen necesariamente formación para o emprego e intermediación no mercado de traballo. De esta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para 2014.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 8 de maio de 2013, publicada no DOG o 16 de maio de 2013, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 30 de xaneiro de 2013 (ditame 7/13), obsérvase que foron tidas en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.





Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Na súa Exposición de Motivos, así como no artigo 1º, apréciase o incremento  dos créditos con cargo aos cales se financiarán as axudas reguladas neste proxecto de orde; as contías pasan dun total de 2.528.000 para o período 2013-2014 a un total de 5.472.000 € para o período 2014-2015.

O artigo 3º da Orde anterior concluía fixando un prazo máximo de 12 meses para a execución dos programas, inciso que xa non figura neste proxecto normativo.

Polo que respecta aos criterios de valoración dos programas (artigo 7º), o ámbito xeográfico de actuación do programa poderá ser puntuado con ata 25 puntos, 5 puntos máis do previsto na orde para o exercicio anterior. Ademais, a puntuación deste apartado incrementarase en 5 puntos máis no caso de que os programas se desenvolvan exclusivamente dentro das provincias de Lugo e/ou Ourense.

A experiencia acreditada nos últimos 5 anos pola entidade solicitante pasa a valorarse con ata 25 puntos (5 menos que no exercicio anterior) e inclúese, como novidade, a posibilidade de puntuar negativamente unha mala xestión, restando ata 15 puntos.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2014 e 2015” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, dúas disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.

O día 25 de novembro de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e quince consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración específica manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo II) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e pola CEG (anexo III).



DITAME 45/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados para o emprego de Galicia durante os anos 2014 e 2015”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 25 de novembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité observa que a Orde do 8 de maio de 2013, reguladora das subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas integrados para o emprego durante os anos 2013 e 2014, se vai solapar durante 2014 coa que agora se ditamina, que rexe para os anos 2014 e 2015.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3º. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No epígrafe A deste artigo inclúense nos colectivos prioritarios, entre outros, as persoas desempregadas de longa duración .

Este Comité considera que debería engadirse unha especificación relativa á baixa cualificación, quedando a redacción final como segue: “as persoas desempregadas de longa duración (especialmente, aquelas  con baixa cualificación)”.

Segunda.- Artigo 3º. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No segundo parágrafo do epígrafe A deste artigo establécese que polo menos, o 50% das persoas inscritas como demandantes de emprego deberán ser perceptores de prestacións ou subsidios por desemprego ou do programa de recualificación profesional”.


Tendo en conta o risco de exclusión social das persoas non perceptoras das devanditas prestacións, este Comité non comparte o feito de que se priorice ao colectivo de perceptores, polo que propón que se suprima esta referencia.

Terceira.- Artigo 3º. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No último parágrafo do epígrafe A deste artigo e no segundo parágrafo do epígrafe B establécese, respectivamente, que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 35% no caso do epígrafe A, porcentaxe que se reduce ao 30% no caso do epígrafe B.

Este Comité considera que os obxectivos de inserción laboral que se especifican neste artigo son excesivos debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para os programas da letra A unha porcentaxe de inserción do 25% e para os programas da letra B unha porcentaxe do 20%.

Cuarta.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias.
Este Comité entende que se debería establecer algún mecanismo que garanta  que non se produzan  duplicidades de acceso  por un mesmo concello.

Quinta.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1 deste artigo enuméranse os documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e a aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións  particulares das persoas candidatas.

Sexta.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, propón incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 1º da orde: información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral e mobilidade xeográfica.

Sétima.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que se propón que se valore simplemente o número e as características dos colectivos desempregados para atender, tendo en conta as especiais dificultades da súa inserción laboral, independentemente do colectivo prioritario de pertenza.

Subsidiariamente, para o caso de que esta consideración non prospere, proponse que o colectivo de persoas desempregadas de longa duración pase a estar incluído no Grupo A.


Oitava.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.d) deste precepto recolle, como criterio de valoración dos programas, os compromisos adquiridos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes.

Obsérvase que no actual proxecto normativo redúcese a puntuación que se asignaba a este criterio na orde do exercicio anterior (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pásase a 15 sobre 80). Este Comité, tendo en conta o obxecto deste proxecto normativo, non está de acordo con esta redución e considera ademais que o referido parámetro debería ter un maior peso na puntuación global.

Novena.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Tendo en conta  a natureza do programa, non se considera necesario puntuar o esforzo investidor que figura no punto 1.e) deste artigo, polo que este Comité propón que se elimine este criterio.

Décima.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.A.b) remata prevendo que, no caso de que os programas se desenvolvan exclusivamente dentro do ámbito das provincias de Lugo e/ou Ourense, a puntuación deste apartado incrementarase en 5 puntos.

Este Comité entende que esa puntuación adicional non debería responder a un criterio estritamente xeográfico, senón a  criterios máis obxectivos.

Décimo primeira.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) deste precepto valora a experiencia acreditada nos últimos cinco anos pola entidade solicitante, incrementando a puntuación asignada respecto da orde do ano 2012 (pasa dun 20% a un 25%).

Este Comité propón que se manteña a puntuación do 20% que se prevía na orde do ano 2012, por considerala suficiente.

Décimo segunda.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.f) engade una novidade a este proxecto normativo, segundo a cal: “avaliarase a xestión e execución dos programas das entidades que participaron nas cinco convocatorias anteriores e puntuarase negativamente unha mala xestión restando ata 15 puntos”.

Este Comité propón que se suprima esta penalización polo risco de discrecionalidade que conleva.

Décimo terceira.- Artigo 9º. Contía das subvencións.
Tanto neste artigo, como no artigo 10º, apréciase unha modificación relativa á distribución das contías máximas, que agora se pechan mensualmente e xa non cun máximo anual.

Este Comité considera que se debería recuperar a previsión anual de contías máximas, para facilitar unha xestión máis flexible”.

Décimo cuarta.- Artigo 10º. Gastos imputables.
En relación coa consideración anterior, este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que, no caso dos custos salariais e de seguridade social (apartado 1.a), a substitución dunha contía máxima anual por un tope mensual implica unha redución do máximo anual.

Así, no caso de que non se manteña a regulación de máximos anuais, este Comité propón que se axusten os máximos mensuais para que a axuda anual total, de 42.000 euros, non se vexa minguada.

Décimo quinta.- Artigo 12º. Xustificación e pagamento.
En contra do solicitado por este Comité nos ditames relativos ás ordes dos exercicios anteriores, o apartado 1.A) deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar un pagamento da cantidade equivalente á subvención concedida para o ano 2014, sempre e cando esta non supere o 25% da suma das subvencións do ano 2014 e 2015, en concepto de anticipo.

Tendo en conta que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que poderanse aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1. A) deste artigo, de ata o 100%.





ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Artigo 3º. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que sería necesario establecer unha duración mínima para o correcto desenvolvemento destes programas.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
No punto 1.h. deste artigo  establécese que a puntuación que se outorgará polo emprego da lingua galega nas accións do programa integrado para o emprego, será de 5 puntos.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería recuperar a previsión que contiña a Orde correspondente ao exercicio de 2009, onde este criterio contaba cunha valoración de 12 puntos, xa que o idioma é un ben cultural que se debe promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e proximidade coas persoas participantes nas actividades, mellorando o seu resultado.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Gastos imputables.
Na letra c) deste artigo establécese que cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que debería permitirse que a porcentaxe chegue ata o 100%.