ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 46/13

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se define a carteira de servizos de políticas activas de emprego e a estrutura e funcionamento das oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se define a carteira de servizos de políticas activas de emprego e a estrutura e funcionamento das oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Segundo a exposición de motivos deste proxecto normativo, nun contexto como o actual, no que o desemprego tórnase como un dos grandes retos aos que se deben afrontar os poderes públicos e no que a Xunta de Galicia aposta polo mantemento e polo reforzamento dun servizo de emprego de carácter público, faise necesaria a aprobación dunha norma como esta, que permitirá identificar as funcións e servizos que o Servizo Público de Emprego está obrigado a prestar de xeito permanente e continuado, no marco do Sistema Nacional de Emprego.

Así, este proxecto de decreto ten como obxectivo regular os servizos que se prestan, a quen van dirixidos, quen os presta, como se prestan e cal é o fin último que se persegue, coa filosofía de que o Servizo Público de Emprego de Galicia e a súa rede de oficinas de emprego, prestarán un servizo integral ás persoas demandantes, así como ás empresas e persoas empregadoras.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

O capítulo I deste proxecto normativo establece o obxectivo que persegue, define que órganos constitúen o Servizo Público de Emprego, define o que debe entenderse por “políticas activas de emprego”, “oficinas de emprego e do empregador” e “a demanda de emprego e servizos”, delimitando tamén o ámbito de aplicación da norma.

O capítulo II adícase a carteira de servizos de políticas activas de emprego.
No artigo 7º establece que esa carteira de servizos ten por obxecto garantir o acceso en condicións de igualdade a un servizo público e gratuíto de emprego e a igualdade de oportunidades no acceso a este.

O artigo 8º relaciona algúns dos servizos a prestar.

Continúa este capítulo distinguindo entre servizos á persoas demandantes, incluíndo un tratamento especial para as mulleres vítimas de violencia de xénero e para as persoas en risco de exclusión social, e servizos ás empresas e persoas empregadoras.

Finalmente, o capítulo III regula a estrutura, organización e funcionamento das oficinas de emprego dependentes do Servizo Público de Emprego de Galicia para a prestación dos ditos servizos.
Recolle, nos artigos 17º e 18º as funcións do persoal técnico e administrativo das oficinas de emprego, facendo ademais referencia á oficina virtual de emprego (artigo 20º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se define a carteira de servizos de políticas activas de emprego e a estrutura e funcionamento das oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia” consta de: Exposición de motivos, 22 artigos, unha disposición adicional, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria  e  dúas disposicións finais.

O día 27 de novembro de 2013 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e seis consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: catro consideracións específicas manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), unha consideración xeral e unha específica manifestadas pola CIG (anexo II), catro consideracións específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo III) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia e pola CEG (anexo IV).



DITAME 46/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Decreto polo que se define a carteira de servizos de políticas activas de emprego e a estrutura e funcionamento das oficinas de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de novembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, evitando a utilización do masculino xenérico (por exemplo, no título do artigo 4º, “o empregador”).

Así mesmo, deben ser corrixidas algunhas incorreccións ortográficas puntuais.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. Exposición de motivos.
Este Comité bota en falta, ao finalizar a exposición de motivos, a necesaria referencia á consulta feita ao Consello Galego de Relacións Laborais

Segunda.- Artigo 8º. Contido da Carteira de Servizos dirixidos ás persoas desempregadas.
Tanto neste precepto como no artigo 20º, emprégase o termo latino “curriculum vitae”, cando existe tradución para esa palabra (currículo), polo que se propón substituíla por esta última.

Terceira.- Artigo 10º.Medidas e programas.
Obsérvase neste precepto, así como no artigo 12º, error de redacción especialmente chamativos, polo que este Comité propón a súa revisión e corrección.


Cuarta.- Artigo 14º.Contido da Carteira de Servizos dirixidos ás persoas empregadoras e ás empresas.
No apartado 4º deste artigo inclúese, entre os servizos que prestará o Servizo Público de Emprego, o de información e asesoramento sobre modalidades e normas de contratación, en especial daquelas que resulten incentivadas ou bonificadas, así como as modalidades contractuais de formación e aprendizaxe.

Este Comité considera que se debería suprimir o inciso “en especial daquelas que resulten incentivadas ou bonificadas”, xa que é innecesario por figurar ese contido xa incluído no punto inmediatamente anterior.

Quinta.- Disposición Adicional Primeira.
Este precepto fai referencia, erroneamente, ao artigo 2.2, xa que esa referencia debe ser feita ao apartado 4 do artigo 2º.

Sexta.- Disposición Adicional Primeira.
Esta disposición alude aos órganos de participación institucionais previstos no artigo 2.2 [sic].

O emprego do termo “previstos” induce a entender que se trata de órganos creados por ese precepto, polo que este Comité propón que se substitúa por “mencionados”.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. Exposición de motivos.
Menciónanse diversas normas que, a modo de antecedente, ilustran a necesidade da norma.

Non obstante, a CEG bota en falta mencións á Lei 3/2011, do 6 de xullo, de Medidas urxentes para a reforma do mercado laboral (BOE nº 162, do 7 de xullo de 2012), o programa de Estabilidade de España para 2012-2013 e, finalmente, o Programa Nacional de Reformas de España para 2013, en tanto en canto establecen os eixos de actuación e as prioridades en materia de políticas activas de emprego.

Segunda.- Artigo 2º. O Servizo Público de Emprego de Galicia.
A CEG propón que se elimine da redacción do apartado 5º deste artigo a expresión “se é o caso”, pola arbitrariedade que comporta en referencia á participación e ás actuacións das entidades colaboradoras, en tanto en canto os centros colaboradores do SPEG son instrumentos ao servizo do SPEG para axudar na consecución dos seus fines en materia de información, orientación e prospección de emprego, tal e como se recolle na Orde do 10 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2013.

Terceira.- Artigo 12º. Medidas e programas.
Respecto da medida recollida no apartado g) deste artigo: “incentivos para compensar diferenzas salariais”, a CEG propón que se aclare a qué tipo de incentivos fai referencia esta medida.

Cuarta.- Artigo 22º. Colaboración nas políticas activas de emprego.
A CEG considera que deber substituírse, no apartado 1º deste artigo, a expresión “poderá regular” por “regulará”, co obxecto de dotar de concreción á acción e non deixar a colaboración en termos tan xenéricos.

Así mesmo, respecto do apartado 2º, propón substituír a expresión “poderá establecerse” por “establecerá”.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS  XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG):

Consideración xeral.
A CIG quere por de manifesto a situación do Servizo de orientación nas oficinas de emprego.

Aparentemente, nalgunhas oficinas de emprego, existe persoal destinado a realizar orientación; en realidade,  a maioría deste persoal foi destinado a realizar estas accións sen ter especialización na materia nin recibir formación específica para desempeñar o traballo cun mínimo de calidade.

Consideración específica.

Artigo 14º. Contido da Carteira de Servizos dirixidos ás persoas empregadoras e as empresas.
O apartado 8º deste artigo relaciona, entre os servizos que prestará o Servizo Público de Emprego, o de “espazos para formación equipados aos que se poderá acceder para impartir aquelas actividades de formación que non teñan cabida nas infraestruturas da propia empresa, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e produtividade, ligada á mellora da empregabilidade do seu persoal.

A CIG propón modificar esta redacción, de xeito que o servizo se limite a ofrecer información sobre as infraestruturas dispoñibles, tanto públicas como das entidades colaboradoras, para impartir accións formativas.

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS  ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS  SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:


Primeira. Artigo 3º. As políticas activas de emprego.
Este precepto remata aludindo ao fomento do “espírito empresarial” como un dos obxectivos das políticas de emprego.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que se substitúa a expresión “espírito empresarial” por unha máis axeitada, como “emprendemento” ou “traballo autónomo”.

Segunda. Artigo 4º. As oficinas do emprego e do empregador.
O inciso final do apartado b) deste precepto fai referencia á mellora da competitividade e produtividade en relación coas funcións do Servizo Público de Emprego, cando esa faceta nada ten que ver coas políticas activas de emprego e, polo tanto, con esas funcións.

En consecuencia, as organizacións sindicais propoñen a eliminación dese inciso.

Terceira. Artigo 12º. Medidas e programas.
O apartado g) deste artigo inclúe, entre as medidas de políticas activas de emprego adicionais, os “incentivos para compensar diferenzas salariais”.

As organizacións sindicais integrantes do Consello propoñen que ese apartado se substitúa por outro que recolla unha “axuda directa para mulleres vítimas de violencia de xénero”.

Cuarta. Artigo 22º.Colaboración nas políticas activas de emprego.
As organizacións sindicais non están de acordo coa participación das entidades con ánimo de lucro na execución e desenvolvemento dos servizos de políticas activas de emprego nin con que se deriven cara a estas entidades algunhas das actuacións da carteira de servizos, tal como se permite neste precepto.

Propoñen, polo tanto, que se elimine esa posibilidade.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS  SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO DE GALICIA E A CONFEDEREACIÓN DE EMPRESARIOS.

Artigo 14º. Contido da Carteira de Servizos dirixidos ás persoas empregadoras e as empresas.
O apartado 8º deste artigo relaciona, entre os servizos que prestará o Servizo Público de Emprego, o de “espazos para formación equipados aos que se poderá acceder para impartir aquelas actividades de formación que non teñan cabida nas infraestruturas da propia empresa, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e produtividade, ligada á mellora da empregabilidade do seu persoal.

As organizacións que subscriben esta consideración propoñen que se especifique expresamente no texto do proxecto normativo, que se trata de espazos propios, incluíndo esa expresión na redacción do devandito apartado.