ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 47/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que o traballo autónomo constitúe un sector de importancia fundamental na creación de emprego e riqueza e no que descansa boa parte da estabilidade do sistema económico de Galicia. Por iso, o fomento do asociacionismo no sector do autoemprego contribúe á consolidación do colectivo das persoas traballadoras autónomas.

Por outra banda, a Lei 5/2011, do 29 de marzo, de Economía Social establece que os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral forman parte das entidades que integran a economía social. Así, esta lei dispón que as entidades da economía social poderán constituír asociacións para a representación e defensa dos seus intereses, e no seu artigo 8 recoñécese como tarefa de interese xeral a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades da economía social e das súas organizacións representativas, respectando as competencias das comunidades autónomas.

Neste contexto, esta orde establece axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o financiamento dos gastos xerais de funcionamento, infraestrutura e mantemento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral para que poidan desenvolver de forma eficaz o cumprimento da súa finalidade e fortalecer á súa estrutura.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 19 de xuño de 2013 e tendo en conta o ditame 23/2013, emitido polo Consello con data 10 de abril de 2013, obsérvase que non foron tidas en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo só presenta as seguintes modificacións:

Prevese a súa tramitación anticipada na Exposición de Motivos.

En canto á financiación destas subvencións, obsérvase unha minoración no crédito total, que pasa de 130.000 euros a 123.500 (Disposición Adicional Terceira). Esa mingua afecta, unicamente, ao programa de axudas ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas, cuxo crédito se reduce de 100.000 a 93.500 euros.

En consecuencia, a contía máxima da subvención para o devandito programa é agora de 18.700 euros, mentres que na orde do exercicio anterior era de 20.000 euros (base quinta, Anexo A).

Polo que respecta aos gastos subvencionables (base terceira dos Anexos A, B e C), aprécianse dúas modificacións: por unha banda, inclúense as cotas de subscrición pola pertenza a outras organizacións estatais, e non só autonómicas, como se recollía na orde do exercicio anterior.

Por outra banda, a contía da subvención polos gastos de desprazamento e manutención non poderá superar, segundo o proxecto normativo, o 70% do seu custo, mentres que a orde anterior prevía unha contía máxima de 90 euros por persoa e día.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais, dúas derradeiras e tres anexos.
O día 9 de decembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia.











DITAME 47/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de subvencións para sufragar os gastos de funcionamento das entidades asociativas galegas de persoas traballadoras autónomas, das entidades asociativas de centros especiais de emprego e das entidades asociativas de empresas de inserción laboral, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de decembro de 2013, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité considera que non se xustifica suficientemente na exposición de motivos a decisión de agrupar nunha mesma orde ás entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas con entidades asociativas de centros especiais de emprego e de empresas de inserción laboral, dado que son entidades con finalidades moi dispares.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto para adecualo á normativa vixente para a escrita da lingua galega, corrixindo as enumeracións nas que se utilizan as letras j e k (anexos A, B e C, bases 3 e 6), letras que non son propias do alfabeto galego, considerando que deben substituírse polas seguintes que correspondan.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 6º. Autorizacións.
En relación co apartado 1º, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, establecendo primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante, e en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

O mesmo se observa respecto do apartado 3 en relación co sistema de verificación de datos.

Segunda.- Artigo 12º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O apartado h) deste artigo establece a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité considera que deberían figurar expresamente no texto do artigo as medidas que se consideran axeitadas.

Terceira.- Artigo 15º. Devolución voluntaria da subvención.
Neste precepto faise referencia ao código de conta cliente (CCC) no que se debe facer a devolución voluntaria das subvencións.

Este Comité considera que debería terse en conta que, a partir do 1 de febreiro de 2014, o CCC será substituído polo IBAN para identificar as contas bancarias.

Cuarta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

O mesmo se observa respecto das disposicións derradeiras [sic].


Quinta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Sexta.- Anexo A. Base primeira. Obxecto.
Tal e como está redactado o segundo parágrafo deste precepto, pode dar lugar a que se entenda que o carácter intersectorial se refire aos traballadores, cando en realidade se está a referir ás entidades asociativas, polo que se propón que o parágrafo quede redactado como segue: “Para os efectos deste programa, enténdese por entidade asociativa de carácter intersectorial de persoas traballadoras autónomas aquela que conte con membros en, polo menos, dous sectores económicos, entre os da agricultura, industria, construción e servizos”.

Sétima.- Anexo A. Base terceira. Gastos subvencionables.
O apartado 1 deste artigo establece que serán subvencionables os gastos realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de outubro de 2014.

Este Comité considera que, para os efectos de subvencionar un exercicio completo, o período debería ser o comprendido entre o 1 de novembro de 2013 e o 31 de outubro de 2014.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base terceira e para o anexo C, base terceira.

Oitava.- Anexo A. Base terceira. Gastos subvencionables.
O apartado 2 deste precepto inclúe, entre os gastos subvencionables, as cotas pola pertenza a organizacións autonómicas ou estatais.

Este Comité considera que non se debe subvencionar con medios autónomicos a pertenza a organizacións estatais, polo que propón suprimir esa posibilidade.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base terceira, apartado 2 e para o anexo C, base terceira, apartado 2.

Novena. – Anexo A. Base quinta.- Contía das subvencións.
No apartado 2 deste artigo establécese que a contía máxima da subvención non poderá exceder a cantidade de 18.700 €.

Este Comité propón que a redacción deste apartado sexa a que figura na Orde do 1 de xuño de 2010, que establecía a posibilidade de rateo do importe do crédito existente.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base quinta (10.000 €) e para o anexo C, base quinta (7.000 €).


Décima.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
Tendo en conta que na base sexta do Anexo A se esixe que a entidade presente unha memoria dos servizos prestados aos seus asociados, este Comité propón que se engada como criterio de valoración o que establecía o apartado 1.d) do artigo 11º da orde do exercicio 2010 : “d) Actividades realizadas no exercicio 2012 e servizos que prestan aos seus asociados: Ata 15 puntos”.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima e  para o anexo C, base sétima.

Décimo primeira.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado d) desta base valóranse, ata 15 puntos, os acordos de interese profesional concertados.

Este Comité considera que debería manterse a valoración de ata 10 puntos que establecía a orde do ano 2011, dado que non aparece xustificación axeitada para este incremento.

Décimo segunda.- Anexo A. Base sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas.
No apartado 1.g) desta base valóranse os convenios ou acordos de colaboración e representación asinados con entidades inscritas ou que solicitasen a inscrición no rexistro de asociacións profesionais de traballadores autónomos da Comunidade Autónoma de Galicia en ata 10 puntos.

Este Comité considera que se deberían valorar tamén os acordos ou convenios que asinasen coas organizacións empresariais e sindicais máis representativas de Galicia.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima, 1.g) e para o anexo C, base sétima, 1.g).



ANEXO


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que as actividades que se subvencionan mediante este proxecto normativo son conceptualmente dunha excesiva flexibilidade e mesmo se prevé subvencionar con fondos públicos actividades ordinarias relativas á estrutura de asociacións privadas, polo que propoñen que se acoten as actividades obxecto de axudas a aquelas que teñan interese público, do mesmo xeito que se fai coas asociacións de cooperativas

Consideración específica:

Anexo A. Base Sétima. Criterios de valoración das entidades asociativas de persoas traballadoras autónomas. Letras a) ata h) do apartado 1.

As organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia consideran que non se concreta suficientemente o baremo aplicado para outorgar a puntuación a cada solicitude.

Reiterase a mesma consideración para o anexo B, base sétima e para o anexo C, base sétima.