ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 48/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei estatal 5/2011, do 29 de marzo, de economía social: o conxunto das actividades económicas e empresariais, que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que, perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.
Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, a economía social, polos seus principios, perfílase cada día como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. Co obxecto de promover o seu desenvolvemento creouse un instrumento de colaboración formado por entidades públicas e privadas que colaboran nun marco de actuación  co mesmo obxectivo común de fomento, que presta especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. Este instrumento foi regulado mediante o Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se regula o seu funcionamento.
O conxunto de axudas establecidas no proxecto normativo que se somete a ditame forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e concrétanse en tres programas con entidades destinatarias diferenciadas.
Os dous primeiros programas dan continuidade a senllas liñas de actuación reguladas en pasados exercicios pola orde de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais (Programa I) e a orde de concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo (Programa II). Os ditos programas de axudas son complementados neste proxecto normativo por un programa novidoso (Programa III), que pretende incentivar a realización de actividades de promoción, por parte de entidades que se teñen incorporado á recentemente creada Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. Deste modo incentivase a efectiva participación nesta Rede de entidades sen ánimo de lucro como asociacións e fundacións, de organizacións profesionais, empresariais e sindicais e de cámaras de comercio.
Os tres programas comparten, en maior ou menor medida, o marco de actuacións que representa a Rede Eusumo, que permite a coordinación de actuacións e un maior e máis eficaz aproveitamento dos recursos dispoñibles para o labor de fomento.
Este proxecto normativo é, por tanto, a primeira vez que se somete a ditame.

Sen embargo, pódese establecer unha comparación coas bases reguladoras dos dous primeiros programas en convocatorias anteriores.

En primeiro lugar, na regulación do Programa I (Anexo I, Base primeira), no punto 4.3º inclúese unha novidade respecto da Orde do 3 de abril de 2013 (DOG do 10 de abril de 2013) segundo a cal: “Cando o importe do gasto subvencionable da acción ou investimento supere a contía de 12.000 euros (I.V.E. excluído) a entidade beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención”.

No punto 6.2º suprímese o emprego da lingua galega na realización das actividades como criterio de valoración ao que se asignaba ata 15 puntos, pasando a ter a consideración de elemento dirimente en caso de empate na baremación do resto de criterios.

Ademáis, no artigo 10º.1 que regula a xustificación do pagamento, inclúese agora a documentación que se debe achegar cando a xustificación comprenda gastos de persoal (apartado 5º) ou otro tipo de gastos (apartado 6º). Esta regulación afecta tamén ao programa III, non así ao programa II.

En canto ao Programa II (Anexo I, Base segunda), non se aprecian diferenzas co contido da Orde do 10 de maio de 2013 (DOG do 20 de maio de 2013), agás no relativo á xustificación dos gastos para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención.

Finalmente, o Programa III (Anexo I, Base terceira) supón unha novidade en sí mesmo, xa que o Decreto 225/2012, do 15 de novembro (DOG do 27 de novembro de 2013) tiña por obxecto a creación e regulación do funcionamento da Rede Eusumo, pero as actividades que tiña por obxecto esta Rede non eran subvencionables, mentres que este proxecto normativo prevé unha serie de contías para subvencionar ata o 80% dos gastos necesarios para a realización das actividades recollidas no texto.

O apartado 3º desta base dispón que serán subvencionables as actividades de carácter informativo, formativo e de asesoramento, especialmente encamiñadas a fomentar o emprendemento cooperativo e a economía social, a través da Rede Eusumo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.


O día 9 de decembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais e dezaoito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral e unha específica non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais UGT-GALICIA  e S.N. DE CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).








DITAME 48/2013



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 9 de decembro de 2013, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité observa que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas nos ditames 10/2012, 10/2013 e 11/2013, feito que se valora positivamente.

Segunda.
Aínda que o uso da linguaxe en materia de xénero está, en xeral, bastante coidado, cómpre sinalar algúns erros que deben ser corrixidos: “os interesados” (artigo 4º.4), “secretaria” e “substituído”(artigo 7º.4), o uso das barras no artigo 8º.6, “os participantes” (artigo 10.3º), “os traballadores”(artigo 10º.4) e “beneficiarios” e “dos solicitantes”(artigo 13.a)

Terceira.
Este Comité valora moi positivamente a redacción do artigo 9º.5.1 que establece a posibilidade de pagamentos a conta do 80% da contía de xustificación presentada e a exoneración da obriga de constituír garantía cando se trata de entidades non lucrativas, o que supón unha aplicación rigorosa do Regulamento de Subvencións de Galicia, tal como vén propoñendo este Comité en varios ditames.

Cuarta.
Tanto na exposición de motivos como ao longo do texto do proxecto normativo, aparecen referencias a diversas ordes ministeriais, respecto das cales este Comité considera que se debería especificar a data na que foron publicadas no BOE.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo.
No apartado 2 deste precepto esíxese presentar unha copia compulsada do DNI da entidade solicitante ou representante legal.

Este Comité considera que se debería admitir, tamén, a presentación de copia cotexada, sobre todo tendo en conta que, ao longo do texto deste proxecto de orde, se admiten ambas posibilidades (por exemplo, no artigo 5º.1.1).

O mesmo se observa respecto do artigo 5º.1.6 e do artigo 12º.2, ítems 2 e 3.

Segunda.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo.
En relación co segundo parágrafo do apartado 2, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, establecendo primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante, e en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Terceira.- Artigo 4º. Solicitudes e prazo .
O apartado 3 deste precepto establece que “(...)respectaranse, de ser o caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda, no Anexo I das bases”.

Este Comité considera que se debe modificar esa referencia ao Anexo I, xa que no actual proxecto normativo, o prazo aparece regulado no artigo 18º e, ademais, é o mesmo para todas as solicitudes, sen distinguir en función do tipo de axuda.

Cuarta.- Artigo 5º. Documentación.
Neste precepto faise referencia ao Anexo IV do proxecto normativo. No devandito Anexo fálase de axudas solicitadas ou obtidas doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Este Comité propón substituír o termo “nacionais” por “estatais” en consonancia co resto do texto normativo, por exemplo, cos artigos 9º, 10º ou 13º.

Quinta.- Artigo 6º. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
No proxecto de orde do exercicio anterior figuraba no apartado 2, entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das actividades”, puntuándose con ata 15 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto anterior, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Sexta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
Segundo o primeiro apartado deste precepto, o órgano competente para resolver as solicitudes será a persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se elimine o termo “persoa titular” xa que, ao falar de “organo”, o texto estase a referir á Dirección Xeral e non á persoa titular.

Sétima.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo fixa un prazo para resolver e notificar de cinco meses.

Este Comité propón que ese prazo se reduza a tres meses, especificando que empezará a contar a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para presentar solicitudes, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva.

Oitava.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
No apartado 3 deste precepto sinálase que, en calquera dos medios de divulgación das actividades, deberá constar de xeito destacado a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité propón que  concrete o significado da expresión “de xeito destacado”.

Novena. – Artigo 10º. Documentación xustificativa para o pagamento.
O apartado 1, ítem 6, esixe xustificar a aplicación da parte dos gastos non imputada ao programa, o que parece excesivo, polo que se propón suprimir esa obriga, de xeito que a redacción sexa: “ Cando unicamente se impute unha porcentaxe deles ao proxecto, a memoria deberá xustificar a aplicación da parte imputada ao programa, así como especificar o criterio de imputación”.

Décima.- Artigo 10º. Documentación xustificativa para o pagamento.
No ítem 9 do primeiro apartado deste precepto, esíxese copia de todos os documentos xerados (en formato papel e formato dixital).

Este Comité considera que esta obriga é excesiva e que tan só se debería aportar aquela documentación que teña transcendencia.

Reiterase a mesma consideración para o apartado 2, ítem 1 e para o apartado 3, ítem 1.



Décimo primeira.- Artigo 20º. Xustificación das accións subvencionadas.
Respecto das datas máximas para xustificar as accións, este Comité considera que se deben ter en conta, á hora de fixar eses prazos, a data de peche do pagamento de cotas á Seguridade Social e a data para o ingreso do IRPF.

Décimo segunda.- Artigo 21º. Financiamento e normativa reguladora.
Ao longo dos apartados 1,2 e 3 deste precepto, especifícase o financiamento das axudas de cada un dos programas e, a continuación, resúmese a asignación a cada un deles.

Este Comité considera que se debe suprimir ese parágrafo final, que resulta redundante por estar a información xa establecida, máis claramente, nos citados apartados.

Décimo terceira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Nas cartas de contestación á mesma consideración manifestada nos ditames 10/2012, 10/2013 e 11/2013, xustifícase esta circunstancia alegando que se trata dunha técnica normativa consolidada o que, en primeiro lugar, non pode aceptarse como un argumento válido e, en segundo lugar, resulta contraditorio coa realidade xa que son varias as ordes publicadas no DOG en que estas disposicións figuran baixo o nome de finais.

Décimo cuarta.- Anexo I, Base primeira, apartado 3. Actividades e gastos subvencionables.
O apartado 3.1 recolle os gastos normais de funcionamento que son subvencionables incluíndo, no  5º ítem, as cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma galega.

Este Comité considera que non ten lóxica que se subvencionen con axudas autonómicas eses gastos de ámbito estatal, polo que se propón a supresión deste ítem.

Décimo quinta.- Anexo I, Base primeira, apartado 5. Criterios de avaliación.
No apartado 2 establécense os criterios valorables dunha forma moi xeral, recollendo soamente a puntuación máxima que se pode acadar con cada un deles, sen criterios orientativos que baremen ese máximo.

Este Comité propón que se avance na concreción desa valoración para que as entidades beneficiarias poidan guiarse e evitar que se trate dunha cuestión discrecional para a Comisión de valoración.

A mesma consideración se fai respecto da Base segunda, apartado 6º e Base terceira, apartado 5º.

Décimo sexta.- Anexo I, Base segunda, apartado 2. Beneficiarias.
No apartado 3.º1 faise referencia ao estímulo do autoemprego e o emprendemento cooperativo.

Este Comité considera que se debe corrixir o termo “cooperativo”, que debe figurar en plural (cooperativos), xa que alude tanto ao emprendemento como ao eutoemprego.


Décimo sétima.- Anexo I, Base segunda, apartado 6. Criterios de avaliación.
No apartado 2.d valórase, como criterio, a titulación académica universitaria que debe posuír o técnico asesor.

Chama a atención que, mentres no sub-apartado a) figuran tanto a licenciatura como o grao en diversas materia, no sub-apartado b) figure soamente a diplomatura en Ciencias Empresariais e Relacións Laborais, polo que se propón que se inclúa tamén aquí a opción do grao en tales materias.

Décimo oitava.- Anexo I, Base terceira, apartado 4. Contías das axudas.
O apartado 3 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros pola creación de cada grupo promotor, cun máximo de 6.000 euros por entidade beneficiaria.

Este Comité entende que ese límite de 6.000 euros pode frear a actividade cooperativa ao impedir que a creación de máis de 6 grupos promotores poida ser subvencionada.





ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPEÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 6º. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
En relación coa consideración específica unánime quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.



ANEXO II


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA  E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
Estas organizacións consideran que o financiamento das actividades de formación reguladas neste anteproxecto normativo debería establecerse a través das ordes reguladoras específicas como as relativas ás dos plans de formación sectoriais e intersectoriais ou outras que podan establecerse ao efecto.
O financiamento de formación ao marxe do marco da formación para o emprego non fai senón crear desigualdades e atomizar o reparto de fondos , tendo en conta que concorren outras asociacións que no se benefician de financiamento paralelo para a execución da súa formación.

Consideración específica:

Anexo I, Base primeira, apartado 3. Actividades e gastos subvencionables.
No apartado 3.3 inclúense, como actividade subvencionable o asesoramento a emprendedores e público en xeral.

Proponse, ao respecto, que se aclare que ese asesoramento debe estar vinculado á creación de empresas de economía social.