ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 49/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

O día 28 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, creando o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

De conformidade coa exposición de motivos deste proxecto normativo, a Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación, e acordou establecer as súas bases reguladoras.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 4 de abril de 2013, publicada no DOG o 12 de abril de 2013, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 23 de xaneiro de 2013 (ditame 4/13), obsérvase que foron tidas en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Este proxecto normativo non presenta modificacións de importancia respecto da orde correspondente ao exercicio anterior.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.


O día 16 de decembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.












DITAME 49/2013





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de decembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Apréciase a ausencia, ao longo do texto do proxecto, dalgunha previsión respecto da  incompatibilidade entre participar neste concurso e concorrer aos outros premios en materia de cooperativas, polo que se propón que se regule a imposibilidade de concorrer simultaneamente a varios destes premios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 8º.- Tribunal.
O primeiro apartado deste artigo prevé que será a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas a que avalíe os proxectos presentados, actuando como tribunal para a concesión do premio.

Este Comité considera que debería engadirse un apartado neste artigo establecendo o seguinte: “Cando exista vínculo algún entre un membro da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e un aspirante ao premio, aquel terá a obriga de absterse.”

Segunda. Artigo 15º.- Prazo de presentación de solicitudes.
Este precepto recolle un prazo pechado para a presentación de solicitudes que remata o 15 de maio de 2013 e, para o caso de que o período de presentación resultara inferior a un mes, fixa un prazo dun mes desde o día seguinte á publicación da orde.

Este Comité considera que esa redacción é farragosa polo que, para unha maior claridade, propón a seguinte redacción: “O prazo de presentación de solicitudes de participación estará aberto durante tres meses a contar dende a publicación desta Orde. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte”.

Ademáis, chámase a atención sobre o erro na data pechada que recolle o texto normativo, xa que fai referencia ao 15 de maio de 2013 en vez de 2014.

Terceira. Artigo 18º.-Financiamento
Neste artigo, así como no artigo 19ª, alúdese ao proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2014. Este Comité considera que debería terse en conta, no momento da publicación deste proxecto de orde, se a referencia hai que facela á lei de orzamentos ou ao proxecto de lei.

Cuarta. Disposición Adicional
Esta Disposición  aproba a delegación, entre outras, da competencia para resolver a concesión do premio na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se suprima esa parte da redacción, posto que ese órgano xa está habilitado para resolver en virtude do artigo 9º.6 deste proxecto normativo.

Quinta. Disposicións Derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.