ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 50/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e ser procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de novembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

De conformidade coa exposición de motivos deste proxecto normativo, a Consellería de Traballo e Benestar, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos, así como de promocionar a educación e a formación cooperativa, establece as bases reguladoras para o certame Cooperativismo no ensino e aproba a súa convocatoria para o ano 2013.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 4 de abril de 2013, publicada no DOG o 12 de abril de 2013, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 23 de xaneiro de 2013 (ditame 5/13), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo non presenta modificacións relevantes respecto da orde para o exercicio anterior.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013” consta de: Exposición de motivos, vinteún artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.



O día 16 de decembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.











DITAME 50/2013





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido  ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de novembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de decembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
Obsérvase que no texto do proxecto normativo existen algunhas incorreccións da linguaxe, como o uso abusivo das barras, en materia de xénero, polo que se propón unha revisión do texto, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


Segunda
Apréciase a ausencia, ao longo do texto do proxecto, dalgunha previsión respecto da  incompatibilidade entre participar neste concurso e concorrer aos outros premios en materia de cooperativas, polo que se propón que se regule a imposibilidade de concorrer simultaneamente a varios destes premios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 12.- Resolución e recursos.
O apartado 5 deste precepto fixa un prazo de tres meses para resolver e notificar a resolución.

Este Comité considera que se debe especificar que o devandito prazo comezará a contar a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para presentar solicitudes, por tratarse dun concurso.

Segunda. Artigo 18º.- Presentación de solicitudes e traballos.
Este precepto recolle un prazo pechado para a presentación de solicitudes que remata o 15 de maio de 2014 e, para o caso de que o período de presentación resultara inferior a un mes, fixa un prazo dun mes desde o día seguinte á publicación da orde.

Este Comité considera que esa redacción é farragosa polo que, para unha maior claridade, propón a seguinte redacción: “O prazo de presentación de solicitudes de participación estará aberto durante tres meses a contar dende a publicación desta Orde. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte”.

Terceira. Artigo 20º.-Financiamento.
Neste artigo alúdese aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2013. Este Comité considera que debería terse en conta, no momento da publicación deste proxecto de orde, se a referencia hai que facela á lei de orzamentos ou ao proxecto de lei.

O mesmo se observa respecto do artigo 21º.

Cuarta. Disposición Adicional.
Esta Disposición  aproba a delegación, entre outras, da competencia para resolver a concesión do premio na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se suprima esa parte da redacción, posto que ese órgano xa está habilitado para resolver en virtude do artigo 12º.3 deste proxecto normativo.

Quinta. Disposicións Derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.