ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 51/13

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

I. ANTECEDENTES

O día 9 de decembro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para a execución das horas de formación que excedan do 25% da xornada laboral asociadas aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

O Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego contempla a formación de oferta, entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 25 de novembro de 2013, publicada no DOG o 29 de novembro de 2013, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de novembro de 2013 (ditame 42/13), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Respecto ao texto da orde do exercicio anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

Especifícase que o prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 15 de decembro de 2014, xa que na orde anterior só se fixaba o comezo do prazo (artigo 4º).

En canto ao lugar de impartición da formación, o artigo 7º permite agora que esta se leve a cabo na propia empresa.

Polo que respecta á contía do crédito con cargo ao cal se financian estas axudas obsérvase, na disposición adicional primeira, un incremento na contía, que pasa de 280.000 euros para o exercicio 2013 a 650.000 para o 2014 e  450.000 para o 2015.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, catro disposicións adicionais e dúas finais.


O día 16 de decembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada pola CEG (Anexo I), unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais (Anexo II) e unha consideración xeral non unánime manifestada pola CIG (Anexo III).







DITAME 51/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento de formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de decembro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 16 de decembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero, evitando a utilización do masculino xenérico (por exemplo, “os interesados” no artigo 6º ou “os beneficiarios” no artigo 11º) e o uso das barras (“director/a” na disposición final primeira ou “conselleiro/a” na disposición adicional terceira), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo, tendo en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo para adecualo á normativa vixente da lingua galega.

Terceira. Este Comité considera que se debería ter en conta na redacción deste proxecto para o exercicio 2014 e futuros que a contratación que se subvenciona pode estenderse ata tres anos e pode iniciarse en 2013, polo que se propón que figure como criterio o da vixencia do contrato e non o da súa duración.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 4º.- Solicitudes, documentación e prazo.
Este Comité suxire que, para unha maior claridade, o punto 4.f) debería quedar redactado como segue: “No caso daquelas entidades que denegasen expresamente o consentimento ao órgano xestor para a súa solicitude, acreditación documental de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.”

Segunda. Artigo 7º.- Lugar de impartición.
Segundo este precepto, a formación asociada ao contrato de formación e aprendizaxe vinculada a certificados de profesionalidade deberá ser impartido  por un centro acreditado.

Este Comité propón que se regule a posibilidade de acreditar con carácter provisional aos centros para impartir esa formación.

Terceira. Artigo 14º.- Devolución voluntaria das subvencións.
No apartado 1 deste artigo aparece o código de conta cliente (CCC) no que se debe facer a devolución voluntaria das subvencións.

Este Comité considera que debería terse en conta que, a partir do 1 de febreiro de 2014, o CCC será substituído polo IBAN para identificar as contas bancarias.




ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG:

Artigo 11º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Entre as obrigas citadas menciónase neste punto a de verificar o cumprimento dos requisitos establecidas para os docentes, esta cuestión non é competencia das empresas contratantes senón dos centros acreditados, polo tanto non é esixible para estes efectos.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 11º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Entre as obrigas requiridas ás empresas debería establecerse a de poñer en coñecemento da representación legal das persoas traballadoras as circunstancias de execución de cada contrato formalizado.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG:

A Confederación Intersindical Galega avalía negativamente que se destinen fondos das cotas de formación, aportados polas persoas traballadoras e empregadoras, para inxectar liquidez a certas empresas pola vía de subvencionar os contratos aos que se refire este proxecto de orde.