ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 24 de xaneiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Consellería de Traballo e Benestar, no marco das políticas activas de emprego, xestiona os programas de apoio aos emprendedores e á economía social xa que, segundo a exposición de motivos, o autoemprego estase a amosar como unha fórmula eficaz para a incorporación ou a reincoporación ao mercado de traballo das persoas desempregadas. O programa  das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) que se regula neste proxecto de orde ten por finalidade apoiar ás persoas emprendedoras que, constituíndo pequenas empresas, actúan como axentes dinamizadores da economía e do emprego en Galicia, especialmente aquelas empresas que se implantan nos territorios rurais e, pola súa vez, xeren emprego para a nosa mocidade e para as mulleres en desemprego.

Esta orde tamén responde ao mandato do artigo 38º da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, que establece que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá incluír, nas actuacións programadas en relación coa política de emprego destinadas a promover a inserción laboral efectiva das mulleres, accións e actuacións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas dirixidas ao fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.



Á vista do borrador agora remitido e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG do 22 de agosto de 2013 e o Ditame 29/2013, emitido polo Consello con data 20 de maio de 2013, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O apartado 2 do artigo 4º recolle os supostos en que se entende que unha persoa está en situación ou risco de exclusión social, presentando certas modificacións respecto da orde do exercicio anterior; así, inclúense agora ás persoas sen fogar ou que habitan nunha infravivenda ou as que teñen cargas familiares non compartidas, entre outras.

O prazo de presentación de solicitudes é agora de dous meses dende a data da alta no réxime da Seguridade Social ou mutualidade profesional, cando antes era dun mes (artigo 6º).

O artigo 8º da orde correspondente ao exercicio anterior levaba por título “subvención para a asistencia técnica”, mentres que no novo proxecto se titula “subvención para a formación” e terá por obxecto os cursos e actividades formativas que a persoa promotora desexe realizar para obter ou mellorar coñecementos sobre a función xerencial. A contía da subvención acada un máximo de 3.000 euros polo conxunto dos cursos e actividades, mentres que na orde anterior podía chegar ata os 12.000 euros.

Polo que respecta á subvención para o inicio da actividade (artigo 9º), exclúense os gastos de constitución da empresa como gasto que se pode sufragar con esta axuda.

Obsérvase que se inclúen novos sectores que impiden ás empresas pertencentes a eles optar ás axudas reguladas neste proxecto de orde (artigo 25º).

En canto á financiación destas subvencións, a disposición adicional cuarta fixa a contía do crédito asignado en 3.125.000 euros, o que supón unha diminución de 1.320.360 euros respecto do crédito previsto na orde do exercicio anterior.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e seis artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 5 de febreiro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e quince específicas, todas elas de carácter unánime, sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma; unha xeral e dúas específica manifestadas pola CIG (Anexo I); unha específica manifestada polas organizacións sindicais (Anexo II); dúas específicas manifestadas polo S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo III) e catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo IV).





DITAME 1/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa das Iniciativas Emprendedoras e de Emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de xaneiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de febreiro de 2014, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso das barras nos artigos 20º.2, 20º.4  e 22º.4, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan limitar o uso das barras aos formularios.

Segunda.
En relación cos datos estatísticos, achegados co texto do proxecto de orde para ditaminar, chama a atención o feito de que só se amosen o número de solicitudes presentadas e resoltas, sen diferenciar as resoltas favorablemente das denegatorias.


Este Comité propón que se especifique o número de resolucións favorables e de persoas beneficiadas coas axudas.

Proponse, así mesmo, que se desglose por liñas os tipos de axudas, de xeito que se poida coñecer cales son as que teñen máis demanda.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 4º. Definicións.
Neste artigo utilízanse nas clasificacións as letras j e k.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas seguintes que correspondan.

Segunda.- Artigo 7º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75% do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Terceira.- Artigo 7º. Subvención financeira.
No apartado 4 deste artigo indícase que a solicitude desta subvención deberá presentarse nos dous mes seguintes ao inicio da actividade.

A pesar de que o prazo aumentouse nun mes respecto do proxecto do ano anterior, este Comité segue a consideralo insuficiente e propón que se fixe un prazo de tres meses, tal e como se establecía na orde do ano 2009.

Cuarta.- Artigo 9º. Subvención para o inicio da actividade.
O apartado 3 deste precepto esixe xustificar os gastos subvencionables mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento.

Este Comité considera que, ademais dos documentos bancarios, se deberían ter en conta os demais medios legais existentes para o pagamento.

Quinta.- Artigo 11º. Incremento dos incentivos.
Este artigo establece un incremento do 25% na contía máxima das axudas para os supostos en que a empresa teña o seu domicilio social e centro de traballo nun concello das provincias de Lugo e Ourense.

Este Comité considera que se debería ter en conta que existen outras zonas de Galicia, non pertencentes a estas provincias, nas que, polo seu grao de desenvolvemento económico, estaría xustificado tamén ese incremento.

Sexta.- Artigo 13º. Solicitudes e prazo de presentación.
O apartado 2 deste artigo establece que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2014.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Sétima.- Artigo 17º.Resolución e recursos.
Este Comité considera que o prazo para resolver e notificar a resolución, en relación co prazo fixado para a presentación de solicitudes, dá lugar a unha demora excesiva, habida conta de que non se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, polo que se propón que o prazo de resolución sexa de tres meses en lugar dos cinco que establece o apartado 2 deste precepto.

Oitava.- Artigo 18º. Xustificación e pagamento.
No segundo parágrafo do apartado 3 deste precepto establécese que: “As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real Decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que regula as obrigas de facturación (...).

Este Comité considera que se debería substituír, na expresión “o regulamento que regula”, a palabra “regula” por “establece”, para así evitar a cacofonía.

Novena.- Artigo 18º. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 4 deste precepto, as persoas e entidades beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido na resolución de concesión, ou, se é o caso, ata o 20 de decembro de 2014.

Este Comité propón que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, como xa se prevía na Orde para o exercicio de 2011, para o caso en que non sexa posible para o beneficiario a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.


Décima.- Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo, ao igual que no artigo 21º, menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.


Décimo primeira.- Artigo 25º. Axudas baixo condicións de mínimis.
Este precepto recolle os sectores aos que non poderán concedérselles estas axudas, e inclúe na letra d) as actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou estados membros nunha serie de supostos e na letra e) as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión desas actividades, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Por outra banda, propón que, no citado apartado e), se substitúa o termo “nacionais” por “estatais” se, como se deduce do texto, a referencia se fai aos produtos do estado español.

Décimo segunda.- Artigo 26º. Devolución voluntaria da subvención.
Neste artigo  identifícase unha conta de Novagalicia Banco empregando o IBAN, pero este figura mal expresado, xa que debe establecerse en bloques de catro díxitos, polo que se propón que se proceda á súa corrección.

Décimo terceira.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións finais .

Décimo cuarta.- Disposición Adicional Cuarta.
Nesta disposición faise referencia ao director xeral de Traballo e Economía Social, cando debería figurar a expresión “persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social”, polo que se propón a súa corrección, acorde ao resto do texto do proxecto normativo.

Décimo quinta.- Disposicións Finais.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais”, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CIG:

En relación coa subvención á xeración de emprego estable, a Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

• As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, entre os que deberían terse en conta o dos mozos e mozas desempregados, coas únicas excepcións daquelas orientadas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

• Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

• Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CIG:

Primeira.- Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O apartado 2 deste artigo establece que cando se trate de contratacións indefinidas de persoas traballadoras por conta allea, esta axuda, de ser o caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debería constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Segunda.- Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
No apartado 3 deste precepto redúcese de tres a dous anos o período durante o cal as empresas beneficiarias das axudas teñen a obriga de manter a forma xurídica pola que se lles concederon as subvencións.

A CIG considera que se debería manter o prazo de tres anos previsto na orde do 17 de marzo de 2011 (publicada no DOG do 28 de marzo de 2011).


ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo, no seu apartado 2, obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde por un período mínimo de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que dáse o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar sensiblemente o número mínimo de anos do antedito período.



























ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL SN DE CCOO DE GALICIA:


Primeira.- Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O penúltimo parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías dos incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo.

O S.N. de CC.OO. de Galicia propón que non se incentiven os contratos a tempo parcial, por entender que antes de calquera promoción do traballo a tempo parcial é necesario mellorar a súa regulación, de tal maneira que se favoreza unha maior protección dos dereitos e intereses das traballadoras e dos traballadores.

Segunda.- Artigo 6º. Subvención á xeración de emprego estable.
O apartado 4 deste artigo establece que poderán ser obxecto desta subvención os postos de traballo estables de carácter indefinido creados desde o 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014.

O S.N. de CC.OO. de Galicia considera que debería esixirse que os postos de traballo estables que se creen sexan sempre para persoas desempregadas dos colectivos subvencionables, debendo figurar no texto da orde os seguintes:

 Persoas desempregadas de longa duración.
 Persoas desempregadas que esgotasen as prestacións por desemprego.
 Persoas desempregadas de máis de 45 anos.
 Mozas e mozos.
 Vítimas de violencia de xénero.
 Persoas con discapacidade.
 Persoas desempregadas que pertencen a colectivos en risco de exclusión social.
 Mulleres.








ANEXO IV


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.-Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Ata o exercicio 2012, as axudas ás ILE´s eran obxecto dunha convocatoria específica que, dende 2013, se refunde neste proxecto de orde sen que na dotación orzamentaria se habilite un crédito maior debido a esa circunstancia, polo que se inclúe un novo beneficiario sen incrementar os fondos económicos.

Por isto, a CEG  considera que se debería habilitar unha liña de financiación específica para as ILE´s, ou ben recuperar a orde que regulaba a concesión das súas axudas.

Segunda.-Artigo 4º. Definicións.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que deberían poder ser persoas beneficiarias deste programa de axudas aquelas persoas que realicen un traballo por conta allea de prestación de servizos de duración igual ou inferior a dúas horas diarias, sempre que cumpran as condicións requiridas.

Terceira.-Artigo 9º. Subvención para o inicio da actividade.
No primeiro parágrafo do apartado 3 deste precepto establécese que serán subvencionables os gastos realizados con posterioridade ao inicio da actividade.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se deberían subvencionar tamén os gastos producidos durante un período previo ao inicio da actividade (3 meses), por haber gastos que, necesariamente, teñen lugar antes do inicio da actividade, como os gastos de constitución ou a compra de mercadorías.

Cuarta.-Artigo 19º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste precepto establécese que: “En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria”.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe aclararse o que se entende por “custo da actividade”.

Ademais, propón que o límite da contía das axudas, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións” poida acadar o 100% do custo.