ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de xaneiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, recóllese o mandato de que as administracións públicas competentes promoverán a prevención e o asesoramento, incluídas a asistencia e a cooperación técnica, a información, divulgación, formación e investigación en materia preventiva, coa finalidade de promover melloras nas condicións de traballo dirixidas a elevar o nivel de protección e da seguridade e saúde laboral das persoas traballadoras.

A Lei 54/2003, de 12 de decembro, que modifica a anterior, establece o obxectivo de combater activamente a sinistralidade laboral e integrar a prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa, para o que se precisa instrumentar mecanismos que faciliten ás empresas galegas o cumprimento deste novo marco normativo.

Segundo a exposición de motivos, o obxecto desta orde é convocar axudas para o fomento da prevención de riscos laborais entre as persoas traballadoras galegas mediante accións de formación, así como de promoción, difusión e comunicación sobre a normativa e aspectos máis relevantes da seguridade e saúde laboral entres os distintos sectores afectados, co obxecto de impulsar a presenza de recursos preventivos na empresa e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais no traballo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 15 de maio de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 30 de xaneiro de 2013 (ditame 6/13), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O importe das axudas vese minorado en 40.000 euros para a liña 1 e en 42.500 para a liña 2 (artigo 3º).

Neste mesmo artigo engádese un novo parágrafo que especifica que accións non serán subvencionables en ningún caso.

No novo proxecto de orde establécese unha fase de preavaliación na que se verificará o cumprimento das condicións  que esixe a orde para ser entidade beneficiaria (artigo 9º).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2014” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 12 de febreiro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral única sobre a valoración da norma.

















DITAME 2/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2014, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de xaneiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de febreiro de 2014, acordou pronunciarse en canto á seguinte consideración:


CONSIDERACIÓN XERAL ÚNICA DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Tendo en conta que este proxecto de orde xa foi informado favorablemente e por unanimidade polo Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, do que formamos parte as organizacións integrantes deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, o presente ditame limítase a reiterar as propostas de mellora técnica da norma contidas no noso ditame 6/2013, emitido sobre o proxecto de orde do exercicio anterior, agás as consideracións primeira, segunda, quinta, oitava, décimo terceira, décimo quinta e décimo sexta que xa foron tidas en conta no actual proxecto de orde.

Suxerimos, ademais, que naqueles casos en que se esixe a presentación de documentación compulsada, se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.