ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 28 de xaneiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Tal e como se recolle na exposición de motivos deste proxecto normativo, a crise en que está inmersa a nosa economía repercute en termos de emprego, destruíndose día a día numerosos postos de traballo e aumentando o número de persoas inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego e, por tanto, as taxas de desemprego. Esta situación, aínda que repercute en todos os tramos de idade, presenta unha maior gravidade no sector máis novo da poboación, e particularmente naqueles mozos e mozas con menor cualificación.

En base a esta situación e no marco do Diálogo Social deséñanse un programa mixto de formación e contratación (FORCON) dirixido a mozos e mozas con baixa cualificación que versa sobre especialidades formativas vencelladas a ocupacións incluídas nos sectores estratéxicos de Galicia, segundo o plan estratéxico Galicia 2010-2014, de xuño de 2010.

Os sectores estratéxicos de futuro son os relacionados coa economía verde (enerxías renovables, vehículo verde, preservación medioambiental), economía da saúde (servizos á terceira idade, servizos á dependencia) e economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía, tecnoloxías mecánicas e robotización), sectores nos que se prevé maiores posibilidades de empregabilidade e estabilidade.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 4 de xuño de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 10 de abril de 2013 (ditame 22/13), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 18º recolle agora a fórmula para calcular a contía que debe reintegrarse no caso de substituír unha contratación subvencionada unha vez transcorrido o prazo que fixa o artigo 16º.

Suprímense as empresas en crise e as empresas do sector do carbón como entidades ás cales non pode concederse as axudas e inclúense, neste proxecto de orde, as empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos especificados (artigo 21º).

O crédito asignado para esta subvención é de 250.000 euros, o que supón unha minoración do orzamento en 500.000 euros respecto da orde para o exercicio anterior (Disposición adicional terceira).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación -Programa FORCON -, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte e un artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 12 de febreiro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexo, dúas consideracións xerais e tres específicas manifestadas pola Confederación Intersindical Galega.



DITAME 3/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á formación e contratación –Programa FORCON-, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de xaneiro de 2014, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de febreiro de 2014, acordou pronunciarse en canto á seguinte consideración:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Á vista dos resultados da execución do programa nos exercicios anteriores (tres expedientes resoltos favorablemente en 2012, e outros tres en 2013), que expresan unha evidente escasa eficiencia, as organizacións que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debería cuestionarse a súa continuidade nos termos nos que está formulado.
























ANEXO

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG).

Consideracións xerais:

Primeira.
A CIG reitera as consideracións xerais e específicas UNÁNIMES postas de manifiesto polas organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais no Ditame 22/2013, emitido sobre este mesmo proxecto normativo para o exercicio 2013, agás aquelas que foron tidas en conta na redacción do proxecto para 2014.

Segunda.
A CIG chama a atención sobre a posibilidade de que, á vista do teor literal do articulado (particularmente, artigos 4º e 16º), se poidan producir irregularidades. Efectivamente, a norma semella permitir que unha empresa contrate temporalmente a un alumno do Programa FORCON cobrando a subvención correspondente; posteriormente, transformarlle o contrato temporal en indefinido, cobrando unha nova subvención; e por último, de producirse a extinción dese contrato, poida transformar o contrato temporal doutra persoa traballadora en indefinido, evitando así ter que devolver a segunda das subvencións.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 5º. Requisitos.
No apartado 2 deste artigo faise referencia ao mantemento do cadro de persoal da empresa respecto á media dos tres meses anteriores ao mes de realización da contratación pola que se solicita a subvención.

A CIG considera que esta referencia é un lapso temporal moi escaso e polo tanto debería ampliarse.

Así mesmo, no segundo parágrafo do apartado 3 deste mesmo artigo establécese que para o cálculo do mantemento do cadro de persoal non se computarán, entre outras, as baixas por finalización do contrato. A CIG considera que debería suprimirse esta exclusión.

Segunda.- Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Terceira.- Artigo 16º.- Obrigas dos beneficiarios.
O apartado 10 deste precepto recolle, para o caso de que se subvencione a transformación dun contrato temporal en indefinido, a obriga de manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada por un período de dous anos.

A CIG considera que o período de mantemento desa obriga debería ampliarse a cinco anos.