ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 3 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo consta na exposición de motivos do proxecto normativo, a crise económica actual está a provocar un aumento do número de persoas traballadoras inscritas nas oficinas do Servizo Público de Emprego e, por tanto, das taxas de desemprego. Corresponde á Xunta de Galicia poñer todos os medios ao seu alcance para facer fronte a esta situación, constituíndo as políticas activas de emprego o instrumento axeitado para loitar contra o desemprego.

O tecido empresarial de Galicia está composto, na súa maioría, por microempresas e, principalmente por persoas traballadoras autónomas, que son as principais protagonistas na creación de emprego. Por este motivo a Xunta de Galicia impulsa medidas para fomentar o emprendemento e apoiar á persoa emprendedora como axente dinamizadora da economía na comunidade autónoma. É necesario tamén articular programas que axuden e consoliden as persoas autónomas xa establecidas.

Neste marco e co obxectivo de favorecer a creación de novos empregos estables, a inserción laboral de persoas en desemprego e para contribuír ao desenvolvemento e crecemento das pequenas unidades produtivas, deséñase un programa específico para apoiar e incidir naquelas persoas traballadoras autónomas e persoas profesionais que, con potencialidade para crear emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñer a contratación das súas primeiras persoas traballadoras e o cambio de dimensión do seu negocio, que ten unha especial relevancia nesta comunidade autónoma.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 12 de xuño de 2013 e o Ditame 25/13, emitido polo Consello con data 16 de abril de 2013, obsérvanse que se tiveron en conta varias das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
No artigo 3º engádese un novo apartado segundo o cal non poden ser beneficiarias das axudas as persoas que desenvolvesen, como persoas traballadoras autónomas,  a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova situación de alta na Seguridade Social. Tamén se exclúe agora aos autónomos colaboradores.

Regúlase no novo proxecto normativo o suposto de que a substitución da persoa traballadora pola que se concedeu a subvención se realice transcorrido o prazo que fixa o artigo 16º.9, suposto que se considera un incumprimento parcial e dá lugar a un reintegro parcial (artigo 18º).

As axudas recollidas neste proxecto de orde están sometidas ao réxime de mínimis, polo que non poden concederse a empresas pertencentes a determinados sectores. Xa non figuran, no proxecto para 2014, as empresas do sector do carbón nin as empresas en crise, pero inclúense dous novos supostos nos apartados c) e e) do artigo 21º: sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas (nos casos recollidos) e axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

En canto á financiación destas axudas, obsérvase unha mingua no crédito total asignado de 825.000 euros respecto do crédito asignado para o exercicio anterior (disposición adicional terceira).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinteún artigos, catro disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 17 de febreiro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Contén así mesmo, en anexos, as consideracións seguintes sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral e unha específica manifestadas pola CIG (anexo I), dúas específicas manifestadas polas organizacións sindicais representadas neste Consello (anexo II), unha específica manifestada pola CEG (anexo III) e unha específica manifestada por UGT- GALICIA, SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo IV).














DITAME 4/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de febreiro de 2014, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de febreiro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Definicións.
Aínda que o precepto leva por título “definicións”, chama a atención o feito de que o segundo e o terceiro parágrafo do apartado 1 recollen temas procedimentais que non encaixan, polo tanto, dentro deste artigo.

Este Comité propón que os referidos parágrafos se recollan noutro precepto distinto.

Segunda.- Artigo 3º. Persoas beneficiarias.
No apartado 5 deste artigo utilízase a letra j, que non existe no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexa substituída pola seguinte que corresponde.

Terceira.- Artigo 5º. Requisitos.
O apartado 5 deste precepto esixe, nas contratacións indefinidas polas que se solicita a subvención, que exista correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.

Este Comité entende que se debería suprimir tal requisito.

Cuarta.- Artigo 7º. Exclusións.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos beneficios as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido ou nos últimos 3 meses mediante un contrato de carácter temporal.

Este Comité considera que debería definirse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Quinta.- Artigo 13º. Resolución e recursos.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo para resolver e notificar é de cinco meses.  

Este Comité, aínda que valora positivamente a redución do prazo de seis a cinco meses respecto do proxecto anterior, segue a consideralo excesivo e propón que sexa de tres meses. Debe terse en conta que as solicitudes que se presentasen os últimos días do prazo, que remata o 30 de setembro de 2014, poderían ser resoltas no exercicio 2015 xa que o prazo de resolución supera os tres meses.

Sexta.- Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.
Á vista dos apartados 1 e 3 deste precepto, así como do artigo 17º, parece que se establecen diferentes límites de compatibilidade, polo que este Comité considera que se debería harmonizar o contido dos apartados e artigo sinalados.

Sétima.- Artigo 17º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.

Formúlase a mesma consideración respecto do apartado e) do artigo 21º.

Oitava.- Artigo 21º. Réxime de axudas.
No apartado a) deste precepto faise referencia ao Regulamento  (CE) nº 104/2000 do Consello.

Trátase dunha norma que foi derrogada polo Regulamento (UE) 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os Regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello e se derroga o Regulamento (CE) nº 104/2000 d Consello, polo que se propón a corrección no texto do proxecto de orde.

Novena.- Artigo 21º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Décima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo primeira.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

CONSIDERACIÓN XERAL
A Confederación Intersindical Galega reitera o xa sinalado a este respecto en anteriores ditames, no senso de que é necesario redefinir as políticas activas de emprego arredor dos seguintes eixes:

- As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen (entre os que se debe ter en conta a problemática laboral da mocidade), coas únicas excepcións daquelas orientadas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.
- Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.
- Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA

Artigo 15. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo establece que: “Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán,en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona.

A CIG considera que debería constar, en vez do establecido no citado apartado que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.














ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 7º. Exclusións.
O apartado 4 desta base recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.

Segunda.- Artigo 16º. Obrigas das persoas beneficiarias.
O apartado 9 deste artigo obriga á persoa beneficiaria a manter no seu cadro de persoal á persoa traballadora contratada ao abeiro desta orde durante un tempo mínimo de dous anos.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.

Esta mesma consideración formúlase respecto do apartado 10 do mesmo precepto.






















ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 7º. Exclusións.
O apartado 2 deste precepto exclúe dos beneficios deste proxecto normativo os contratos realizados con familiares, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, con algunha excepción.

A CEG propón que se suprima esta exclusión, que non figura recollida no artigo 9 da Orde do 30 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 21º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

As citadas organizacións consideran que se debería aclarar o significado deste apartado, xa que a redacción é confusa e indeterminada.