ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES
O día 5 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional cuadraxésimo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, estableceu unha redución durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e que o seu ou a súa cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social.

A Lei 18/2007, de 4 de xullo, procede á integración dos traballadores e traballadoras por conta propia do Réxime Especial Agrario no Réxime Especial da Seguridade Social dos Traballadores por Conta Propia ou Autónomos, con efectos dende o 1 de xaneiro de 2008. Créase, dentro deste réxime, un Sistema Especial para Traballadores por Conta Propia Agrarios que establece unha redución durante cinco anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor das persoas de 40 ou menos anos de idade que sexan cónxuxes ou descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que esta se atope dada de alta nos citados réxime e sistema especial.

A Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias modifica a Lei 18/2007, do 4 de xullo e amplía a aplicación da redución na cotización á Seguridade Social ás persoas que teñan cincuenta ou menos anos de idade na data da súa incorporación ao sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

Neste contexto normativo e segundo a exposición de motivos, nesta orde establécese a regulación do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares ou titulares de explotacións agrarias e á súa convocatoria para o ano 2014, dando continuidade aos incentivos e melloras introducidos neste programa desde o ano 2006.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 14 de agosto de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 10 de xuño de 2013 (Ditame 30/2013), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 5º mantén o prazo xeral para a presentación de solicitudes, pero engade dous prazos específicos, segundo se trate de incorporacións ao réxime especial de traballadoras por conta propia ou autónomas a través do sistema especial para traballadoras por conta propia agrarias realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data de publicación desta orde de axudas ou de incorporacións posteriores á publicación da orde de convocatoria.

En canto ao financiamento das axudas reguladas neste proxecto normativo, obsérvase unha mingua de 131.500 euros no crédito asignado, que pasa de 194.000 euros a 62.500 (disposición adicional quinta).

Na mesma disposición adicional quinta, inclúese un novo parágrafo segundo o cal, se o orzamento establecido non é suficiente, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación da solicitude.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 17 de febreiro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezaseis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, en anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha específica manifestada pola organización sindical UGT-Galicia (Anexo I) e unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo II).





DITAME 5/2014




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares ou titulares de explotacións agrarias, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de febreiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 17 de febreiro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.
Este Comité considera que se debería garantir, mediante as oportunas medidas de coordinación interadministrativa, que todas as persoas que se benefician da bonificación estatal sexan informadas, no momento de facer os trámites ante a Seguridade Social, das posibilidades que teñen de acollerse ao programa de incentivos regulado neste proxecto normativo.

Segunda.
Este Comité non cuestiona o feito de que estamos ante un programa destinado maioritariamente a mulleres e amósase conforme con que se priorice o seu acceso como persoas beneficiarias deste programa. Non obstante, propón que se recupere a redacción do proxecto de orde para o exercicio de 2012 e que o programa se dirixa ás persoas cotitulares ou titulares de explotacións agrarias.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
Este Comité suxire incluír na exposición de motivos, entre as mencións á normativa de aplicación, pola súa relevancia para os efectos desta orde, a Orde AAA/1408/2012, do 26 de xuño, pola que se regula o Rexistro de explotacións agrarias de titularidade compartida.

Segunda.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería engadirse un novo apartado no punto primeiro deste artigo (despois da letra c) que recolla especificamente a condición de titularidade compartida establecida na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias.

Terceira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería suprimirse a letra d) do apartado 1 deste artigo, xa que podería darse o caso de que persoas menores de 50 anos, que non teñen a condición legal de cotitulares, non podan solicitar a axuda estatal.

Cuarta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
Nos apartados 1.a) e 2 esíxese que a incorporación das persoas beneficiarias ao réxime especial de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas a través do sistema especial para persoas traballadoras por conta propia agrarias, se produza a partir do 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014.

En anteriores convocatorias podía ser beneficiaria das axudas calquera persoa incorporada desde o 1 de xaneiro de 2006. Considérase que este proxecto normativo exclúe as persoas incorporadas con anterioridade ao 1 de outubro de 2009 que non se beneficiaron das axudas en convocatorias anteriores, polo que este Comité propón manter o prazo do 1 de xaneiro de 2006 establecido en ordes precedentes.

Subsidiariamente, este Comité propón atender o prazo que prevé a disposición adicional primeira da Lei 18/2007, do 4 de xullo, pola que se procede á integración das persoas traballadoras por conta propia do Réxime Especial Agrario da Seguridade Social no Réxime Especial da Seguridade Social das persoas traballadoras por conta propia ou autónomas, que inclúe as persoas incorporadas dende o 1 de xaneiro de 2008.

Quinta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O último parágrafo do apartado 2 deste artigo establece que deberá producirse unha continuidade no funcionamento da explotación agraria, de xeito que entre a data de alta no sistema especial da nova titular e a data do feito causante que determina o cambio de titularidade non transcorran máis de 12 meses.

Este Comité considera que se debería eliminar este parágrafo.


Sexta.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 3 deste artigo establece que será requisito para poder acceder á condición de beneficiario das axudas desta orde que non estivesen de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, nos 6 meses inmediatamente anteriores ao mes da súa alta no sistema especial.

Este Comité considera que se debería manter a redacción que figuraba na orde do exercicio de 2010 (apartado 5), no que se establecía como requisito que as persoas beneficiarias estiveran incluídas no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios.

Sétima.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
No proxecto normativo que se ditamina obsérvase que se eliminaron como persoas beneficiarias deste programa as que foron beneficiarias en calquera das convocatorias dos anos 2006, 2007, 2008 e 2009, suposto que estaba previsto no apartado 4 do artigo 2º da orde de 2010.

Este Comité considera que se debería xustificar a eliminación deste suposto, dado que sempre existiu unha continuidade en todos os anos desde que en 2006 comezaron estas axudas.

Oitava.- Artigo 11º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo establécese que a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais  ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacional ou nacionais” debería substituírse por “estatal ou estatais”.

A mesma consideración formúlase para o artigo 13º.

Novena.- Artigo 12º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este precepto establece no seu apartado a) un compromiso de permanencia de alta na seguridade social que este Comité entende como mecanismo de control e, dada a situación actual, non parece oportuna a súa introdución, máxime se se ten en conta que non existe tal referencia na normativa estatal de aplicación e na maioría das ordes das respectivas comunidades autónomas.

Décima.- Artigo 12º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que a obriga que figura no apartado g) deste artigo debería substituírse pola seguinte: “g) A aceptación da axuda económica implicará a autorización para aparecer na lista pública conforme ao previsto no artigo 9º.6 desta orde”.

Décimo primeira.- Artigo 12º. Obrigas das persoas beneficiarias.
Este Comité considera que debería figurar expresamente no apartado i) deste artigo cales son as restantes obrigas establecidas no artigo 11º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


Décimo segunda.- Artigo 14º. Revogación e reintegro.
Este Comité considera igualmente que neste artigo deberían figurar expresamente os casos e os termos previstos para a revogación e reintegro no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo terceira.- Artigo 14º. Revogación e reintegro.
O apartado 2 deste precepto establece que procederá o reintegro parcial das axudas  no caso de non cumprir a obriga que recolle o artigo 12ª letra a) de manter a actividade agraria durante tres anos.

Este Comité, en coherencia co solicitado respecto do artigo 12º na consideración específica novena, propón a eliminación deste apartado.

Décimo cuarta.- Disposición Adicional Quinta.
Esta disposición establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, sendo por importe de 62.500 euros, para o exercicio de 2014.

Dado o carácter da norma que se somete a ditame e a súa finalidade, este Comité reitera a consideración presentada no ditame 6/2011, e entende que non debería figurar unha limitación de crédito que poda conducir a que algunhas solicitudes que cumpran todos os requisitos (entre eles, a alta da afectada na Seguridade Social) resulten denegadas por insuficiencia de crédito orzamentario.

Ademais, a drástica diminución orzamentaria para este exercicio implica que só 20 persoas poderán optar ás axudas.

Décimo quinta.- Disposicións Adicionais
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as seis disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo sexta.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA:

Artigo 3º. Axuda.

Dado que as axudas reguladas nesta orde teñen carácter extraordinario e esixen un compromiso de permanencia de alta na Seguridade Social de tres anos, para a publicación definitiva da orde débese ter en conta que os 3.000€ superarían a axuda equivalente á bonificación autonómica do 20% e do 50% das cotas establecidas para aboar os pagamentos á Seguridade Social neste trienio.

ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA:

Artigo 16º. Devolución voluntaria da subvención.

En base ao establecido na exposición de motivos desta orde polo que se entende o disposto nesta regulamentación como un programa de incentivos para promover a afiliación á seguridade social, e sen menoscabo do disposto na Lei de subvencións de Galicia, resulta paradoxal, dada a especificidade desta liña de axudas, que se prevea nun artigo a posible devolución voluntaria desta subvención, propoñendo a súa eliminación, xa que entendemos que é un aspecto recollido xa na normativa autonómica de referencia.