ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

I. ANTECEDENTES
O día 30 de xaneiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, o acceso ao emprego é un elemento decisivo para a integración das persoas con discapacidade na economía e na sociedade nun sentido amplo. O artigo 37 do Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, establece que será finalidade da política de emprego aumentar as taxas de actividade, de ocupación e inserción laboral das persoas con discapacidade, así como mellorar a calidade do emprego e dignificar as súas condicións de traballo, combatendo activamente a súa discriminación. Para elo, as administracións públicas competentes fomentarán as súas oportunidades de emprego e promoción profesional no mercado laboral, e promoverán os apoios necesarios para a búsqueda, obtención, mantemento do emprego e retorno ao mesmo.

O programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego recolle como accións subvencionables as axudas aos proxectos de creación e de ampliación do cadro de persoal fixo de persoas con discapacidade e as axudas ao mantemento de centros especiais de emprego, nas que se inclúe a subvención do custo salarial dos traballadores e das traballadoras con discapacidade.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 28 de maio de 2013 e o Ditame 17/13, emitido polo Consello con data 27 de marzo de 2013, obsérvanse que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.



Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
En primeiro lugar, hai que facer referencia ao período subvencionable, ao cal se alude no propio título do proxecto normativo, así como na exposición de motivos e nos artigos 1º e 4º, e que se estende dende o 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, polo que a subvención pasa a ser plurianual.

Polo que respecta ao pagamento anticipado da subvención, mantense a porcentaxe do 80% da subvención concedida respecto da anualidade orzamentaria de 2014, pero redúcese ao 50% da subvención concedida cando se refire á anualidade de 2015 (artigo 11º.2).

Obsérvase, no proxecto normativo, un incremento de 220.000 euros no importe da aplicación orzamentaria con cargo á cal se financiarán estas subvencións en 2014, mentres que o crédito fixado para 2015 fíxase en 6.100.000 euros, o que supón unha minoración de 1.400.000 respecto de 2014. (disposición adicional quinta).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2014, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 19 de febreiro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén doce consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma das organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CIG (Anexo I) e unha xeral manifestada por UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e CEG.





DITAME 6/14



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de febreiro de 2014 acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 4º. Axuda e período subvencionable.
No apartado 3 deste precepto recolle as regras conforme ás que se determinará a contía das subvencións, a primeira das cales outorga ata o 50% do SMI para os postos ocupados por persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

Este  Comité considera que se debería incluír unha subvención específica no texto para o caso de postos de traballo ocupados por persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental, persoas con discapacidade intelectual ou pertencentes a algún dos colectivos de  máis difícil inserción en atención ás súas circunstancias persoais ou sociais. Esta subvención xa se recollía na Orde do ano 2011 cunha porcentaxe superior, ao ter en conta as especiais dificultades de adaptación aos postos de traballo e as grandes dificultades de integración que presentan estes colectivos.

Segunda. - Artigo 7º. Autorizacións.
Este Comité considera que se debería modificar a redacción do segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo, debido a que a expresión “ ... poderá denegar expresamente o consentimento, daquela deberá ......” resulta confusa.

Terceira. - Artigo 7º. Autorizacións.
En relación cos dous primeiros parágrafos do apartado 1 deste artigo, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 4, en relación co sistema de verificación de datos.

Cuarta.- Artigo 8º. Documentación.
A letra g) do apartado 1 deste artigo establece que as solicitudes da subvención deben ir acompañadas dos recibos de salarios e documento bancario de transferencia que acredite o seu pagamento.

Este Comité considera que existen distintas formas de pago dos salarios ademais da transferencia bancaria, polo que debería permitirse a acreditación  do pagamento cos outros medios existentes.

Igual consideración formúlase respecto do artigo 12º.1.c), relativo á xustificación do pagamento das subvencións.

Quinta.- Artigo 11º. Pagamento.
O apartado 4 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles,  o suposto en que a persoa ou entidade beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Sexta.- Artigo 11º. Pagamento.
Segundo o apartado 4 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a persoa ou entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir ao beneficiario subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedor da súa existencia.

Sétima.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Na enumeración deste artigo figuran as letras j) e k), impropias do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúan polas seguintes que correspondan.

Oitava.- Artigo 13º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
En relación co disposto no apartado g) deste artigo, este Comité suxire que se especifique expresamente o prazo máximo de duración da obriga de conservar os documentos.

Novena.- Artigo 14º. Incompatibilidades e concorrencia.
Neste artigo e no artigo 15º, faise referencia á obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos “concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.

Décima.- Artigo 18º. Devolución voluntaria da sunvención.
Neste artigo  identifícase unha conta de Novagalicia Banco empregando o IBAN, pero este figura mal expresado, xa que debe establecerse en bloques de catro díxitos, polo que se propón que se proceda á súa corrección.

Décimo primeira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.




ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, vén constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teoricamente, sofre o empresariado na súa produción e rendabilidade polo feito de contar con persoas traballadoras con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas: os centros sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento.

Existen casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con persoas traballadoras con discapacidades practicamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que, en supostos de subrogación nos servizos, non se poda producir a pertinente asunción de persoas traballadoras discapacitadas pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as dúas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique os posibles casos de enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas estanse xa a tomar medidas nese senso, como as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non cualificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dea cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora de conceder as axudas; facer unha selección estrita de todos os centros respecto do cumprimento dos requirimentos legais para percibilas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, as organizacións sindicais e empresariais a través do Consello Autonómico de Emprego e dos correspondentes Consellos provinciais de emprego.
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:


Artigo 4º. Axuda e período subvencionable.

Obsérvase unha diminución da porcentaxe da subvención do salario mínimo interprofesional respecto do proxecto de orde ditaminado por este Comité en data 12 de setembro de 2011 (ditame 23/2011). As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais entendemos que se deberían manter a porcentaxe e o importe da cantidade mínima mensual para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Disposición Adicional quinta.
As organizacións UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e a CEG propoñen que a Dirección Xeral de Relacións Laborais remita un informe dos expedientes das solicitudes de cualificación como centro especial de emprego para o ano 2014, que recolla o número de empresas solicitantes e o sector ao que pertencen.