ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 7/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, o programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) configúrase como un instrumento para a dinamización da vocación emprendedora para aproveitar o potencial de persoas dedicadas á investigación e das persoas con titulación universitaria como xestores dos seus proxectos empresariais innovadores, así como apoiar e fomentar a transferencia do amplo coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e emprego.

Esta orde ten a finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do financiamento parcial dos custos iniciais necesarios para a posta en marcha destes proxectos empresariais innovadores de contido científico e/ou tecnolóxico.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o 6 de xuño de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 4 de marzo de 2013, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.



Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:

O artigo 3º esixe agora, para poder ser entidade beneficiaria destas axudas, ter domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, así como que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado coo IEBT, requisitos que non figuraban na orde para o exercicio anterior.

Dentro da liña de apoio á función xerencial (artigo 8º), obsérvase que xa non se recolle a axuda por titoría.

Polo que respecta á axuda para o inicio e posta en marcha da actividade (artigo 10º), exclúense, como gastos subvencionables, os gastos de constitución da empresa.

O prazo para resolver  e notificar redúcese a catro meses (artigo 16º).

No artigo 17º obsérvase que se suprimiu a posibilidade de prorrogar, con carácter excepcional, o prazo para presentar a documentación xustificativa para o pagamento.

O artigo 22º recolle agora a fórmula para calcular a contía que debe reintegrarse no caso de substituír unha contratación subvencionada unha vez transcorrido o prazo que fixa o artigo 20º.2.

As axudas recollidas neste proxecto de orde están sometidas ao réxime de mínimis, polo que non poden concederse a empresas pertencentes a determinados sectores. No proxecto para 2014 xa non figuran as empresas do sector do carbón, pero inclúense dous novos supostos nos apartados c) e e) do artigo 21º: sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas (nos casos recollidos) e axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e cinco artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 19 de febreiro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e dezaoito consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: dúas xerais e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I), unha específica manifestada polas organizacións SN de CCOO de Galicia, UGT-GALICIA e CEG (Anexo II), dúas consideracións específicas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo III) e dúas consideracións específicas manifestadas pola CIG (anexo IV).











DITAME 7/14





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de febreiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de febreiro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

A pesares de que este Comité observa unha mellora na procura dunha redacción non sexista en todo o documento, parécenos importante indicar que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo: “promotores” nos artigos 6º e 10º) e o uso das barras na disposición adicional cuarta, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA ORGANIZACIÓN EMPRESARIAL E DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 1 deste artigo establécese que, como mínimo, o 75 por cento do importe do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible.

Este Comité considera que debería financiarse tamén o activo circulante, polo que propón a seguinte redacción: “Poderase destinar ata un 25% ao financiamento do activo circulante e o resto a financiar investimentos en inmobilizado material ou intanxible”.

Segunda.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No parágrafo primeiro do apartado 2 deste artigo establécese que o prazo de formalización dos préstamos concedidos polas entidades financeiras será o comprendido entre o inicio da actividade e o 30 de setembro de 2014 ou, de ser o caso, no prazo específico establecido na resolución de concesión.

Este Comité considera que o prazo debería ser máis aberto para facilitar a concesión destas axudas ao maior número posible de entidades beneficiarias, propoñendo que se podan presentar as solicitudes durante practicamente todo o exercicio.

Terceira.- Artigo 9º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente a redución de catro puntos establecida neste apartado cos obxectivos da orde, propoñendo que se manteña a anteriormente vixente de 6 puntos co límite de 1 punto.

Cuarta.- Artigo 10º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Obsérvase que, no apartado 3 deste precepto, suprimíronse os gastos de constitución da empresa como gasto subvencionable.

Tendo en conta que o apartado e) do artigo 5º inclúe a axuda para o inicio e posta en marcha da actividade como unha das modalidades de axudas, este Comité propón que se recupere a condición de subvencionable dos citados gastos.

Quinta.- Artigo 10º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.
Este Comité propón que se considere a posibilidade de incluír os gastos de investimento en activo fixo entre os gastos subvencionables descritos no apartado 3 deste artigo.

Sexta.- Artigo 12º. Solicitudes e prazo de presentación.
No apartado 2 deste artigo establécese que o prazo xeral de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 2014.

Este Comité suxire que non se establezan datas límite pechadas, estimando que o prazo establecido debería ser un prazo suficiente contado desde o día seguinte ao da publicación oficial desta orde.

Sétima.- Artigo 13º. Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 4 en relación co sistema de verificación de datos.

Oitava.- Artigo 13º. Autorizacións.
Este Comité observa o emprego dun estilo directo no apartado 5 deste artigo coa expresión “infórmaselle que” para facer referencia ao artigo 5º da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Proponse a supresión dos termos “infórmaselle que”.

Novena.- Artigo 16º. Resolución e recursos.
O apartado 2 deste artigo reduce o prazo para resolver e notificar a catro meses.

Este Comité valora positivamente a redución do prazo, pero segue a consideralo longo, polo que propón que sexa de tres meses.

Décima.- Artigo 17º. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 4 deste precepto, as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2014.

Este Comité propón que se permita solicitar, xustificadamente, unha prórroga de carácter extraordinario, como xa se prevía na Orde para o exercicio de 2013, para o caso en que non sexa posible para a persoa beneficiaria a presentación da documentación no prazo anteriormente establecido.

Décimo primeira.- Artigo 17º. Xustificación e pagamento.
Segundo o apartado 8 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a entidade beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir ao beneficiario subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedor da súa existencia.

Décimo segunda.- Artigo 18º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo indícase que o importe das subvencións ou axudas non poderá ser tal que en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80% do custo da actividade.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”.

A mesma consideración formúlase respecto ao artigo 21º.

Décimo terceira.- Artigo 19º. Exclusións.
No apartado a) deste artigo establécese que exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas nas que os promotores da empresa solicitante desempeñen o control.

Este Comité considera que debería constar o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Décimo cuarta.- Artigo 23º. Devolución voluntaria da subvención.
Neste artigo  identifícase unha conta de Novagalicia Banco empregando o IBAN, pero este figura mal expresado, xa que debe establecerse en bloques de catro díxitos, polo que se propón que se proceda á súa corrección.


Décimo quinta.- Artigo 25º. Réxime de axudas.
No apartado a) deste precepto faise referencia ao Regulamento  (CE) nº 104/2000 do Consello.

Trátase dunha norma que foi derrogada polo “Regulamento (UE) 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os Regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello e se derroga o Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello”, polo que se propón a corrección no texto do proxecto de orde.

Décimo sexta.- Artigo 25º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Décimo sétima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que neste proxecto normativo, a diferenza doutros, as disposicións adicionais e as derradeiras (sic) non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción, respectivamente, as expresións “Disposicións adicionais” e “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.

Décimo oitava.-Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
O proxecto normativo establece, nos seus artigos 5º.a) e 6º.1, unha subvención á creación directa de emprego estable.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia, manifestan que hai que ter en conta o obxectivo do programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica, que non é outro que “promover a cultura emprendedora relacionando a investigación e a tecnoloxía coa creación de emprego, favorecendo e impulsando a creación de empresas de carácter innovador na Comunidade Autónoma de Galicia xeradoras de empregos cualificados”.

Dito isto, consideran que non se debería subvencionar a creación de postos de traballo estables ao abeiro deste programa, ao que sí poden vincularse o resto das axudas establecidas no artigo 5º do proxecto normativo (subvención para contratación de persoal técnico de alta cualificación, apoio á función xerencial, subvención financeira e axuda para o inicio e posta en marcha da actividade).

Segunda.
O proxecto normativo regula, no seu artigo 6º, a subvención á creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e no seu apartado 6 alude á contratación indefinida de persoas traballadoras por conta allea.

Sen prexuízo do manifestado na consideración anterior, as organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia  consideramos que a referencia ten que ser feita á contratación indefinida ordinaria.  

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 20º. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias.
Este artigo establece no seu apartado 1.a) a obriga de realizar a actividade que fundamente a concesión de axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

Igualmente, no seu apartado 2 obrígase ás empresas a manter os postos de traballo creados e que serviron de cálculo para as distintas modalidades de axuda pola creación de empregos estables durante un período mínimo de dous anos. Nas ordes dos exercicios de 2006 e 2012 este prazo era, respectivamente, de cinco e tres anos.

As organizacións sindicais, sen prexuízo do manifestado na consideración xeral primeira, consideran que o tempo mínimo debe ser de cinco anos, polo que propoñen que se recollan as citadas obrigas tal e como estaban na orde do exercicio de 2006.

ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SN DE CCOO DE GALICIA, UGT E CEG

Artigo 25º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

As citadas organizacións consideran que se debería aclarar o que se entende por “utilización de produtos nacionais en lugar de importados” xa que o concepto “utilización” é indeterminado. Por outro lado o termo “importación” fai referencia a terceiros países non comunitarios, polo que a utilización de produtos procedentes de países da UE queda fóra das dúas posibilidades aquí referenciadas.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POR A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 4º. Definicións.
O apartado 3 deste artigo establece que para os efectos das axudas a IEBTS terán a consideración de persoas desempregadas aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta as especiais características das IEBTS, propón ampliar a consideración de persoas desempregadas aos efectos dos incentivos establecidos na orde, eliminando a obrigatoriedade de carecer de ocupación no momento da alta.

Segunda. - Artigo 5º. Tipos de axuda.
Nas distintas modalidades de axuda, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que debería incluírse unha axuda específica destinada á transformación de contratos temporais en indefinidos, incentivando deste xeito ás empresas ao mantemento do emprego.

ANEXO IV


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CIG:

Primeira.- Artigo 6º. Subvención á creación directa de emprego estable.
O apartado 6 deste artigo establece que os beneficios establecidos ás contratacións indefinidas de traballadoras e/ou traballadores por conta allea nesta orde serán compatibles coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Segunda.- Artigo 7º. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.
O apartado 1 deste artigo establece que a contía da subvención será equivalente ao 40% dos custos salariais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, cun máximo de 12 mensualidades.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar que a contía da subvención non poderá superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

Igual consideración maniféstase respecto do establecido no apartado 5 deste artigo, debendo indicarse que as axudas concedidas non poderán, en ningún caso, superar o custo de Seguridade Social da persoa contratada.