ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/14

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2014 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, este proxecto de orde ten como finalidade manter o fomento da realización das funcións propias das organizacións sindicais e a promoción do funcionamento dos seus gabinetes técnicos así como o apoio aos plans de formación de cadros e delegadas e delegados sindicais.

As subvencións reguladas na referida orde son de dous tipos:
• Programa I: Axuda para o desenvolvemento das actividades ordinarias das centrais sindicais durante o ano 2014.
• Programa II: Axuda para promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais e para plans de formación de cadros sindicais.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 11 de xuño de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 4 de marzo de 2013 (Ditame 15/13), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Obsérvase, na exposición de motivos, unha diminución do importe das axudas para o exercicio do 2014 (1.170.000 €) con respecto ás destinadas ao ano 2013 (1.244.500 €).

En consecuencia, o crédito para o programa I pasa de 883.500 a 830.000 euros (artigo 3º) e o crédito para o programa II pasa de 361.000 a 340.000 euros (artigo 7º).

O artigo 4º, relativo ao programa I, especifica agora que actividades serán subvencionables e cales non. O mesmo se observa respecto do programa II no artigo 8º.
O prazo de presentación de solicitudes, que era de 40 días hábiles dende o día seguinte á publicación da orde, é agora dun mes dende a citada data, segundo o artigo 9º.

Inclúese, como novidade neste proxecto normativo, a regulación das obrigas das entidades beneficiarias (artigo 16º) e do seguimento e control das axudas (artigo 19º).



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezanove artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 4 de marzo de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello: dúas consideracións xerais e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I), unha consideración xeral manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II) e unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo III).






DITAME 8/14



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de febreiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de febreiro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 11º. Documentación específica.
No segundo parágrafo deste artigo esíxese xuntar copia compulsada dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete.

Este Comité considera que debe admitirse tamén a posibilidade de copia cotexada.

Igual consideración se formula respecto do artigo 14º, apartado 4, letras b) e f), así como respecto do artigo 10º, apartado a).

Segunda.- Artigo 13º. Resolución.
Obsérvase, no primeiro parágrafo deste artigo, a referencia á conselleira de Traballo e Benestar.

Este Comité propón que, en consonancia co resto do texto deste proxecto, a referencia se faga á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar respectando, así, a neutralidade na denominación dos cargos públicos.

Terceira.- Artigo 14º. Forma de pagamento e xustificación.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Cuarta.- Artigo 14º. Forma de pagamento e xustificación.
O apartado 4, letra b) deste precepto obriga a presentar facturas orixinas ou copias compulsadas seladas pola entidade emisora.

Na práctica, moitas facturas achéganse por correo electrónico e non veñen seladas pola entidade emisora.

Por iso, este Comité propón que se admitan, como xustificación, as facturas emitidas por vía electrónica así como, para a xustificación do pagamento, a documentación aportada por banca electrónica.

Quinta.- Artigo 14º. Forma de pagamento e xustificación.
Este Comité observa que existe un erro no apartado 5) deste artigo, posto que a referencia ao 31 de outubro de 2013 debe entenderse feita ao 31 de outubro de 2014.

Sexta.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Sétima.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais”, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Consideracións xerais:

Primeira.
No ditame desta norma para o exercicio de 2008, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais manifestaron que non podían deixar de significar que persisten importantes diferenzas con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas, polo que propoñían que se consignasen incrementos significativamente superiores ao IPC.

Malia isto, vense observando un descenso continuado dos importes globais das axudas obxecto deste proxecto normativo. Así, entre 2010 e 2014, produciuse unha minoración das contías nun importe de 1.295.000 euros, o que supón unha redución do 60,09 %.

Este Comité considera que a porcentaxe de redución aplicada a estes programas resulta moi superior á media do descenso do orzamento xeral que, entre 2010 e 2014, reduciuse nun 12,02 %, pasando dun orzamento total de 11.686.232.484 a 10.281.347.165 euros.

Segunda.
Este proxecto normativo, ao igual que o do exercicio anterior, suprime o programa II de axudas ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comprenden a desaparición das axudas a estes gabinetes, que poden constituír un importante elemento anti-crise mediante o seu asesoramento en temas como, por exemplo, o autoemprego.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables.
Neste precepto establécese que o crédito será proporcionalmente distribuído entre as centrais sindicais a que se refire o artigo 2º. No artigo 8º, relativo ao programa II, especifícase que esa distribución terá lugar entre as centrais sindicais que o soliciten.

As organizacións sindicais propoñen que se engada ese inciso (“que o soliciten”) igual que figura no artigo 8º ou, subsidiariamente, se inclúa un precepto que prevexa o reparto do remanente que se poida producir, por ausencia de solicitudes, entre as organizacións que si soliciten as subvencións.

Segunda.- Artigo 8º. Entidades beneficiarias e actividades subvencionables.
No primeiro parágrafo deste artigo suprimiuse a alusión á Lei 11/1985 referida á representatividade das centrais sindicais, recollida na orde do exercicio de 2011, que consideramos debería manterse.

Terceira.- Artigo 14º. Forma de pagamento e xustificación.
Dado que os programas teñen por obxectivo subvencionar a actividade ordinaria e esta desenvólvese ao longo de todo o ano, este Comité considera que se debería habilitar a posibilidade de xustificar gastos ata o 31 de decembro ou, en todo caso, por períodos anuais completos.

Cuarta.- Artigo 16º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo disponse que cando se trate de axudas destinadas a promover o funcionamento de gabinetes técnicos das centrais sindicais, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2015 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores e traballadoras con adscrición ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2014 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2014.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de achega documental, cando xa no artigo 11º se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recollen no artigos 10º e 14º)


ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2014.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, estase a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende, ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferenzas establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.


A exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outogarmento de subvencións a uns órganos de representación (de traballadores e traballadoras) con obxecto de que desenvolvan a súa función de interlocución social coa idoneidade técnica e profesional requerida.


A exposición de motivos polo tanto podería dar cobertura á regulación  nun plano total de igualdade, de idénticas subvencións ás organizacións empresariais, para que estas podan desempeñar as funcións de interlocución social e fomento da profesionalidade de tales organizacións e de creación de emprego.


Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais e que consideramos, salvando as distancias e diferenzas entre Comunidades, debera terse en conta por parte da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

É incuestionable o papel fundamental que cumpren as organizacións sindicais, pero exactamente no mesmo nivel é necesario situar ás organizacións empresariais. Asi mesmo, non podemos esquecer que se as organizacións sindicais e empresariais cumpren unha función fundamental no noso sistema ata o punto de estar recollida a súa existencia no Título Preliminar da Constitución Española como garantes da defensa e promoción dos intereses económicos e sociais de persoas traballadoras e empresas, resulta totalmente inxustificado que existan subvencións específicas unicamente para unha das dúas partes.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia solicitan que as expresións “centrais sindicais con representación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia” e “centrais sindicais intersectoriais” que aparecen recollidas no texto do proxecto normativo sexan substituídas por “organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”, tal como asinou o Presidente da Xunta no Acordo de Diálogo Social.