ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Segundo a exposición de motivos, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) é un concepto en pleno desenvolvemento no tecido económico e social actual, que sen dúbida é moi beneficioso para o progreso da nosa sociedade, e contribúe á mellora da calidade e competitividade das empresas.
Pero a realidade da situación actual é que este concepto atópase aínda en fase de desenvolvemento e consolidación nas empresas, polo que precisa ser fomentada.
Así mesmo, tendo en conta a relación directa entre RSE e a igualdade de oportunidades, no propio Plan estratéxico recóllese o fomento da igualdade entre homes e mulleres, en todos os planos da actividade da empresa, polo que nesta orde queren abordarse, de xeito integral, ambos aspectos, promoción da RSE e promoción da igualdade laboral, para cumprir así, non só a estratexia galega de RSE, senón tamén a Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, e a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e os seus decretos de desenvolvemento.
En concordancia con todo isto, a Xunta de Galicia convoca para 2014, a través desta orde, axudas ás pequenas e medianas empresas galegas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde de responsabilidade social empresarial (RSE) publicada no DOG o día 10 de xuño de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello o 5 de abril de 2013 (Ditame 19/13), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións de carácter unánime manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Obsérvase unha minoración nas contías do importe total das axudas, que pasa de 397.737 euros para o exercicio anterior a 250.000 no actual exercicio (artigo 3º).

A documentación que debe achegarse coa solicitude das axudas é máis exhaustiva neste proxecto de orde (artigo 22º).

Respecto do seguimento e control das liñas de actuación (artigo 32º), engádese un apartado específico para a liña I.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2014” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, trinta e tres artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 26 de febreiro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e nove específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións xerais e específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma:

• 2 consideracións xerais e 10 específicas manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo I)
• 6 consideracións específicas manifestada pola CEG (Anexo II)
• 1 consideración xeral manifestada pola CIG (Anexo III)










DITAME 11/2014




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se convocan para o exercicio 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de febreiro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité amosa unha opinión contraria á unificación das normas de responsabilidade social empresarial e igualdade nunha soa orde, pois iso supón vincular o concepto de RSE á igualdade, cando aquel é un concepto moito máis amplo.

Isto, unido á progresiva redución de orzamento para estes programas, implica que a norma para impulsar a RSE nas empresas galegas se reduce a unha única liña de actuación para a elaboración das memorias de RSE, obviando todo o relativo á implantación desta e á consecución da cultura da responsabilidade social.

Ao mesmo tempo, sitúa nun lugar insignificante a consecución da igualdade entre homes e mulleres no mercado laboral cando todos os indicadores económicos e sociais reflicten a necesidade de redobrar os esforzos para superar as desigualdades.

Segunda.
Neste proxecto normativo obsérvanse vestixios de linguaxe sexista ( “o representante” no artigo 22º, entre outros exemplos) así como a persistencia no uso das barras (“os/as administradores/as” no artigo 22º, “traballadores/as” no artigo 25º, ou “alumno/a no artigo 27º), polo que este Comité propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Por outra banda, tendo en conta que se está a ditaminar un proxecto normativo en materia de responsabilidade social empresarial e igualdade, este Comité considera que a Administración debería poñer unha especial énfase en recomendar ás empresas solicitantes que a documentación a presentar sexa redactada atendendo a unha linguaxe non sexista.

Terceira.
Sinálase nalgúns artigos do texto da orde (por exemplo, o 22º.6.1 ou o 27º.5.2.E) que a documentación se aportará en orixinal ou copia compulsada.

Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia cotexada.

Cuarta.
No Capítulo V, relativo ás Axudas para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, regúlase, no artigo 17º, a contía destas axudas.

Este Comité considera insuficientes as contías máximas por entidade beneficiaria que figuran no referido artigo 17º: 6.000 € para o caso de habilitar lugares axeitados para repouso de traballadoras embarazadas, salas de lactación ou instalacións análogas e 10.000 € cando se trate de habilitar servizos de comedor e gardaría.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 8º. Requisitos das empresas beneficiarias da Liña II, programa I.
Tendo en conta a memoria explicativa deste proxecto normativo que foi remitida, este Comité considera que debería xustificarse o criterio polo que se establece a obrigatoriedade de que as empresas, para seren beneficiarias destas axudas, conten cun mínimo de 10 persoas traballadoras, recollido no apartado 2 deste artigo.

Segunda- Artigo 21º. Consentimentos e autorizacións.
En relación co apartado 2, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa ou entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 3 en relación co sistema de verificación de datos.

Terceira.- Artigo 25º. Criterios de avaliación.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar secundario para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Cuarta.- Artigo 27º. Forma de pagamento e xustificación. Documentación acreditativa.
No apartado 3 deste artigo sinálase que o pagamento efectuarase con carácter único e pola súa totalidade.

Este Comité considera que debería contemplarse a posibilidade de anticipos e pagamentos parciais.

Quinta.- Artigo 27º. Forma de pagamento e xustificación. Documentación acreditativa.
No apartado 5 deste artigo recóllese que o pagamento das axudas queda condicionado á presentación antes do 31 de outubro da documentación que se relaciona. Esta Comité entende que este prazo de presentación resulta de difícil ou imposible cumprimento.

Por outra banda, este mesmo apartado recolle a posibilidade da presentación da documentación nunha data posterior ao 31 de outubro, establecida na resolución de concesión. As organizacións sindicais e empresarial consideran que esa nova posibilidade na resolución e non no texto da orde pode introducir elementos de discrecionalidade.

Sexta.- Artigo 27º. Forma de pagamento e xustificación. Documentación acreditativa.
Segundo o apartado 7 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a empresa beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir ao beneficiario subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedor da súa existencia.

Sétima.- Artigo 27º. Forma de pagamento e xustificación. Documentación acreditativa.
O apartado 7 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles,  o suposto en que a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Oitava.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que as dúas disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic], respecto a que veñan encaixadas baixo un título común.

Novena.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega, polo que propón a súa corrección.








ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais:

Primeira.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais consideramos, unha vez máis, que é preciso vixiar o proceso de negociación dos plans de igualdade nas empresas, xa que temos constancia de que en moitos casos, non se conta coa participación da representación legal das traballadoras e dos traballadores en ningunha das fases de elaboración do mesmo, carecendo de información ao respecto da elaboración da diagnose e incluso das accións recollidas no plan, así como das axudas solicitadas para elaboralo e aplicalo.

Por outra banda, consideramos necesario incluír como obrigatoria a solicitude dun informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social relativo á existencia dunha sinatura do plan, e cremos que debería ser obrigatoria a constitución dun órgano de seguimento do plan coas organizacións sindicais, de xeito que poida ser informado das axudas solicitadas pola empresa, así como da aplicación do plan. Ademais hai que ter en conta a este respecto que moitas das empresas que solicitan estas subvencións non teñen representación sindical, polo que desde as centrais sindicais non podemos facer un seguimento nin constatar a traslación do recollido no plan á realidade laboral desta empresa.

Segunda.
As organizacións sindicais que integramos o Consello Galego de Relacións Laborais manifestamos a nosa disconformidade coa política de subvencións a consultoras privadas, dado que a maior parte dos plans de igualdade, elaborados por estas, manteñen un “formato tipo” con accións e obxectivos xenéricos que valen para empresas de calquera sector, sen atender á realidade sociolaboral da empresa. E porque en boa parte da análise de datos, compróbase que carecen da formación técnica precisa para elaboralos. Por iso, solicitamos que, máis que ofrecer a posibilidade de facer escolla entre persoal propio ou consultoras privadas, se abra unha nova vía de colaboración con entidades de carácter público para a elaboración dos estudos e diagnoses, así como para a proposta do plan, sen necesidade de recorrer a financiar nun 100% os custos da realización da actividade por parte dunha empresa privada.





Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 8º. Requisitos das empresas beneficiarias da Liña II, programa I.
Respecto das empresas ás que non lles será de aplicación a Liña I de axudas, ademais das que teñan unha obriga legal de implantar plans de igualdade, debería de excluírse tamén as que teñan esta obriga por un convenio colectivo de ámbito superior á empresa.

Os plans de igualdade que se subvencionan deberían de ser os acordados coa representación legal do persoal e que prevexan a participación desta representación no seu desenvolvemento.

Segunda.- Artigo 8º. Requisitos das empresas beneficiarias da Liña II, programa I.
De acordo co segundo parágrafo da letra B do apartado 1 deste precepto: “os plan de igualdade elaborados deberán ser acordados coa representación legal do seu persoal, no caso de habela, ou coas persoas traballadoras, e prever a súa participación no seu desenvolvemento”.

As organizacións sindicais consideramos que esta regulación debería estenderse ao conxunto dos programas en materia de igualdade.

Terceira.- Artigo 9º. Actividades subvencionables da Liña II, programa 1.
No apartado 1.a) deste artigo considérase gasto subvencionable a realización  dunha diagnose da realidade da empresa  desde a perspectiva de xénero para a elaboración dun plan de igualdade, indicando este apartado os aspectos necesarios que debe conter a diagnose.

As organizacións sindicais consideramos que o informe de diagnose debería ser máis exhaustivo que o que recolle a orde. Por iso propoñemos incluír que o informe de diagnose deberá aportar datos cuantitativos e cualitativos en relación ás seguintes categorías:

- Características xerais da empresa e estrutura organizativa (organigrama, funcións, linguaxe empregada na documentación interna e externa, incluíndo as ofertas de emprego, a rotulación dos postos e dos cargos, linguaxe empregada nas campañas de publicdidade, boletíns internsos, páxina web, etc).
- Características do cadro de persoal (sexo, idade, nível de estudos, categorías profesionais, tipos de contrato, tipos de xornada, niveis xerárquicos, movementos de persoal, antigüidade, responsabilidades familiares, solicitudes de excedencias e permisos retribuídos, traslados, medidas tomadas para protexer a maternidade e a lactación, representación sindical desagregada por sexo, configuración do comité de empresa desagregado por sexos...)
- Instalacións e condicións de traballo na empresa (baños de mulleres, baños de homes, vestiarios de mulleres, vestiarios de homes, EPIS adaptados para mulleres, EPIS adaptados para homes, vestiario adaptado a mulleres embarazadas, zonas destinadas á lactación, comedores, salas de descanso, garderías, servizo médico, adaptación da ergonomía do mobiliario, das máquinas e utensilios profesionais, aparcamentos adaptados a mulleres embarazadas, aparcamentos adaptados a persoas con mobilidade reducida, adaptacións específicas para a eliminación de barreiras arquitectónicas para persoas con discapacidade...)
- Datos referentes á retribución (distribución do cadro de persoal por bandas salariais, clasificación profesional, antigüidade, salario bruto, complementos e pluses)
- Datos referentes ás accións de formación continua levadas a cabo polas traballadoras e polos traballadores (especificando se foron levadas a cabo en horario de traballo, as categorías ou departamentos aos que se lles deu a formación...).
- Datos relativos ás medidas de conciliación existentes na empresa e ao emprego desta (permisos concedidos e denegados, especificar o tipo de permisos, se son excedencias, reducións de xornada, lactación acumulada, coidado de familiares, acompañamento a familiares para asistir a consulta médica, flexibilización horaria, etc.).
- Datos relativos á promoción do cadro de persoal (haberá que especificar os motivos polos cales promocionaron, de que departamento, sección ou posto, a antigüidade e formación da traballadora ou traballador promocionado, que tipo de promoción, etc.).
- Política de recursos humanos (linguaxe e contido das ofertas de emprego, perfil profesional, criterios de selección, composición das equipas, obxectivos da formación, criterios da avaliación para valorar a promoción, avaliación das capacidades, criterios para decidir os aumentos salariais, salarios das ocupacións maioritariamente levadas a cabo por homes e mulleres, beneficios sociais, incentivos, etc.).
- Opinións e suxestións do persoal (grao de aceptación e implicación do persoal no Plan, opinións sobre o rol da muller no traballo, necesidades expresadas polas propias mulleres, proposta do conxunto do cadro de persoal).

Cuarta.- Artigo 9º. Actividades subvencionables da Liña II, programa 1.
Consideramos que podería puntuarse positivamente a aquelas empresas que, en lugar de contratar a unha consultora privada para elaborar o Plan de igualdade, contraten a unha persoa experta durante o tempo que dure a elaboración e posta en marcha dese Plan.

Tamén podería puntuarse positivamente ás empresas que fagan uso do organismo oficial posto ao seu servizo para o desenvolvemento de medidas e plans de igualdade que recolle a Lei de igualdade.

Quinta.- Artigo 9º. Actividades subvencionables da Liña II, programa 1.
En liña co anterior e tendo en conta o disposto no apartado 1.d) deste artigo, que contempla como gastos subvencionables os derivados da contratación da empresa ou entidade externa especializada en materia de igualdade para o asesoramento na implantación e aplicación do plan de igualdade, consideramos que sería de grande axuda que o departamento da Consellería especializado en Igualdade elabore, para os efectos desta orde, un sistema de acreditación das consultoras efectivamente especializadas para o asesoramento en materia de igualdade.

Sexta.- Artigo 11º. Contía das axudas para a implantación de plans de igualdade, Liña II, programa 1.
As organizacións sindicais consideramos que a contía das axudas por asistencia a curso de formación que recolle o apartado b) deste precepto (ata 600 euros por persoa) é demasiado elevada para unha formación de 40 horas, tendo en conta que o Instituto da Muller ofrece cursos online de 65 horas de formación básica e superior en materia de igualdade con carácter gratuíto.

Sétima.- Artigo 11º. Contía das axudas para a implantación de plans de igualdade, Liña II, programa 1.
O apartado d) deste precepto establece que a contía da axuda acadará ata o 100% do importe satisfeito pola contratación da empresa ou entidade externa especializada en igualdade. Consideramos que debe esixirse que a empresa contratada figure acreditada como consultora especializada polo organismo competente, de acordo co manifestado na consideración quinta deste anexo ao ditame, referida anteriormente.

Oitava.- Artigo 14º. Contía das axudas da Liña II, programa 2.
Obsérvase unha minoración nas porcentaxes de compromiso de contratación feminina respecto da orde para o exercicio de 2012, o que resulta contrario ao espírito da norma.
As organizacións sindicais reiteramos o dito na consideración específica unánime cuarta do ditame 4/2012 con máis énfase, dada a redución de porcentaxes, polo que se insiste en levar a cabo un esforzo por aumentalas, polo menos nas empresas de máis de 50 persoas traballadoras.

Tamén consideramos que o mínimo de contratación en cifras debería ser maior, tanto nas empresas de menos de 50 persoas traballadoras como nas de máis de 50.

Novena.- Artigo 22º. Documentación da solicitude.
No apartado 4, punto 4.2 esíxese acompañar unha relación dos traballos de diagnose ou de elaboración de plan de igualdade realizados pola empresa nos tres anos anteriores.
As organizacións sindicais consideramos que a relación debería ser dos catro anos anteriores e esixirlle á empresa que estea provista da acreditación da Consellería como consultora especializada en temas de igualdade.

Décima.- Artigo 25º. Criterios de avaliación.
A taxa de estabilidade superior ao 20%, que se esixe no criterio 3º deste artigo, considérase excesivamente baixa, dada a porcentaxe de precariedade contractual que existe, polo que propoñemos que este requisito se incremente substancialmente, sen que en ningún caso sexa inferior ao 75%.






ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º.Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde.
Esta organización suxire que se inclúan as entidades sen ánimo de lucro como entidades beneficiarias.

Segunda.- Artigo 4º.Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde.
A CEG considera que a Liña II de axudas debería ampliarse a todo tipo de empresas como medida de estímulo á implantación de plans de igualdade.

Terceira.- Artigo 4º.Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde.
Á vista dos resultados do informe da convocatoria anterior, a CEG propón que para impulsar as medidas recollidas nas liñas I e II deste proxecto de orde que quedaran desertas, se permita que os organismos intermedios poidan desenvolver accións que promovan a adopción destas medidas por parte das pequenas empresas.

Cuarta.- Artigo 4º.Requisitos xenéricos das empresas beneficiarias desta orde.
No parágrafo segundo deste artigo establece que as empresas beneficiarias deben ter contratado un mínimo dun 10% do seu persoal en Galicia e, cando menos, 10 persoas.

A CEG considera que debe manterse o disposto na orde para o exercicio 2011, na que o mínimo de persoas contratadas era catro, xa que non se xustifica este incremento e, ademais, reduce o impacto destas axudas.

Quinta.- Artigo 9º. Actividades subvencionables da Liña II, programa 1.
A CEG considera que debería contemplarse como actividade subvencionable a adaptación do centro de traballo para poder realizar teletraballo.

Sexta.- Artigo 25º. Criterios de avaliación.
O criterio 3º está referido á “taxa de estabilidade do cadro de persoal nos doce meses anteriores á solicitude...., sempre que esta sexa superior ao 20%”. A CEG considera que debería suprimirse esta última frase dado que non ten en conta a taxa de estabilidade sectorial.







ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLO SINDICATO CIG:

A CIG considera que a política de fomento da adopción de medidas para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e a igualdade nas pequenas e medianas empresas, que se persigue con esta Orde, podería derivar en que o obxectivo das posibles beneficiarias sexa a simple obtención dunha axuda pública, ao centrarse en subvencións ás empresas, sen suficientes garantías e compromisos de previa negociación coa representación legal do persoal e de execución e seguemento do acordado, pervertíndose deste xeito a finalidade da norma. Neste senso, a CIG considera desacertado o réxime de subvencións para a elaboración de Plans de Igualdade, sen que estes constitúan un documento vinculante para a empresa e o cadro de persoal.