ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas xoves que realizan prácticas non laborais en empresas.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas xoves que realizan prácticas non laborais en empresas, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas xoves que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

Segundo a exposición de motivos, considérase urxente e necesario artellar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para este colectivo, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, á ocupación e á adquisición de práctica laboral nun contorno real.

Entre estas medidas figuran a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.

Para incentivar a realización destas prácticas, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesario subvencionar as bolsas que se paguen ás persoas xoves que realicen as prácticas non laborais en empresas.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

Poderán ser entidades beneficiarias as empresas con centro de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia no marco do Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, subscriban acordos con xoves para a realización de prácticas non laborais (artigo 2º).

Segundo o artigo 4º, as prácticas non laborais irán dirixidas a persoas xoves desempregadas inscritas na oficina de emprego, con idades comprendidas entre 18 e 25 anos inclusive, que posúan unha titulación oficial universitaria, titulación de formación profesional, de grao medio ou superior, ou titulación do mesmo nivel que o desta última, correspondente ás ensinanzas de formación profesional, artísticas ou deportivas, ou ben un certificado de profesionalidade.

O apartado 3 do mesmo precepto establece que as persoas xoves participantes recibirán da empresa ou grupos empresariais no que desenvolvan as prácticas unha bolsa de apoio cuxa contía será, como mínimo, do 80% do IPREM mensual vixente.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas comezará ao día seguinte da publicación da presente orde e rematará o 15 de novembro de 2014 (artigo 6º) e o prazo para resolver e notificar as solictudes será dun mes, contado desde a súa presentación (artigo 8º).

O crédito asignado para subvencionar estas axudas ascende a 1.000.000 euros que figuran na lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2014 e 917.000 € para o ano 2015 (disposición adicional primeira).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas xoves que realizan prácticas non laborais en empresas” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, catro disposicións adicionais e dúas finais.

O día 28 de febreiro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e doce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha consideración xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo I) e unha consideración xeral e cinco específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).


DITAME 12/2014




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas xoves que realizan prácticas non laborais en empresas, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de febreiro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que na norma debería preverse un tratamento específico para a situación prevista no artigo 5º.1 do Real Decreto 1543/2011 de darse o caso, polo demais desexable, de que a persoa xoven durante o desenvolvemento das prácticas non laborais pase a ser contratada pola empresa ou ben se incorpore como persoa socia á cooperativa ou sociedade laboral.

Segunda.
Obsérvanse no texto do proxecto normativo algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico (por exemplo “os estudantes universitarios” no artigo 3º.5 ou “os traballadores” no artigo 5º) e o uso das barras na denominación dos cargos públicos (por exemplo director/a xeral no artigo 8º ou conselleiro/a na disposición adicional terceira), polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3º. Das prácticas non laborais.
Segundo o apartado 1 deste precepto, as empresas ou grupos empresariais, en colaboración cos Servizos Públicos, poderán subscribir acordos con persoas xoves.

Este Comité propón que se defina o que se entende por “grupo empresarial” aos efectos deste proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 3º. Das prácticas non laborais.
Segundo o apartado 1 deste precepto, os Servizos Públicos poderán subscribir acordos en colaboración coas empresas ou grupos empresariais.

Este Comité propón que se especifique que se trata dos Servizos Públicos de Emprego.

Terceira.- Artigo 3º. Das prácticas non laborais.
Segundo o apartado 1 deste precepto, as persoas xoves coas que se suscriben os acordos deben ser persoas con ningunha ou moi escasa experiencia laboral.

Este Comité considera necesario concretar a expresión “moi escasa experiencia laboral”, por tratarse dun concepto totalmente indeterminado.

Cuarta.- Artigo 4º. Destinatarios das prácticas non laborais e contido das mesmas.
No apartado 2 deste artigo establécese que as persoas xoves participantes recibirán da empresa ou grupos empresariais no que desenvolvan as prácticas unha bolsa de apoio cuxa contía será, como mínimo, do 80% do IPREM mensual vixente.

Este Comité propón que se especifique que a referencia se fai ao IPREM mensual vixente en cada momento.

Quinta.- Artigo 5º. Acordos para a realización das prácticas.
Este artigo remata fixando a obriga para a empresa de informar á representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de prácticas non laborais subscritos coas persoas xoves.

Este Comité considera que se debería incluír unha previsión para o suposto de que non exista representación legal das persoas traballadoras e suxire que, en tal caso, sexa informada a totalidade do cadro de persoal.


Sexta.- Artigo 6º. Solicitudes, documentación e prazo.
En relación co apartado 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 4, letra e) deste mesmo artigo e recoller, en primeiro lugar, a denegación expresa do consentimento e, en segundo lugar, a acreditación de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ninguna débeda coa Administración pública de Galicia.

Sétima.- Artigo 11º. Pagamento e xustificación das subvencións.
Segundo o apartado 2 deste artigo, a xustificación dos gastos correspondentes ao ano 2014 deberá realizarse antes do 20 de decembro de 2014.

Este Comité propón que, para evitar un período de lagoa, se especifique que os gastos posteriores á devandita data serán xustificados no exercicio de 2015.

Oitava.- Artigo 11º. Pagamento e xustificación das subvencións.
O segundo parágrafo do apartado 3 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Novena.- Artigo 11º. Pagamento e xustificación das subvencións.
Segundo o apartado 3 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a empresa beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á empresa beneficiaria subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Décima.- Artigo 15º. Devolución voluntaria das subvencións.
Neste artigo  identifícase unha conta de Novagalicia Banco empregando o IBAN, pero este figura mal expresado, xa que debe establecerse en bloques de catro díxitos, polo que se propón que se proceda á súa corrección.

Décimo primeira.- Disposición adicional primeira.
Obsérvase que nesta disposición figura a contía de 1.917.000 euros como contía asignada para estas axudas no exercicio de 2014.

Tendo en conta o disposto na memoria económica que acompaña o proxecto normativo, así como na exposición de motivos, trátase dun erro que debe ser corrixido, xa que a contía real é de 1.000.000 de euros para o ano 2014.

Décimo segunda.- Disposición adicional segunda.
Nesta disposición indícase que “...a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.







ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais botan en falta a regulación de maiores controis que os establecidos no artigo 4º.2 e o establecemento de cautelas e seguimento real das prácticas non laborais, en evitación de que esta vía se poida utilizar en fraude de lei para contratar man de obra gratuíta.


Consideración específica:

Artigo 4º. Destinatarios das prácticas non laborais e contido das mesmas.
No apartado 2 deste precepto establécese que nos acordos para a realización das prácticas contemplarase de forma expresa a potestade do Servizo Público de Emprego de Galicia de realizar accións de control e seguimento das prácticas non laborais.

Na medida en que con este proxecto de orde se trata de subvencionar prácticas non laborais, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a potestade do Servizo Público de Emprego emanada da norma estatal (artigo 4º.3 do Real decreto 1543/2011), debería ser de exercicio obrigatorio.




ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG valora positivamente a posta en marcha dunha orde que financie a realización de prácticas profesionais para xoves que carecen de experiencia, en tanto en canto pode contribuír a mellorar a súa empregabilidade.

O desenvolvemento do borrador non fai senón reproducir as condicións establecidas no Real decreto 1543/2011 polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas (BOE núm. 278, do 18 de novembro de 2011) para a súa financianción.

É por iso  que as consideracións que a continuación se detallan están na liña de concretar e ampliar aspectos non contemplados no citado Real decreto, co obxecto de multiplicar o seu impacto nos xoves e nas empresas.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3º. Das prácticas non laborais.
O apartado 4 deste artigo fixa a duración das prácticas non laborais entre seis e nove meses.

A CEG considera que debería ampliarse o período subvencionable de xeito que a duración das prácticas sexa de tres a nove meses, tal e como establece o Real decreto 1543/2011.

Segunda.- Artigo 3º. Das prácticas non laborais.
A duración das prácticas establécese entre seis e nove meses; non obstante, deberíase especificar en horas, xa que pode darse a circunstancia de que as prácticas se desenvolvan nun tempo inferior á xornada laboral completa polo que, se ben o período de realización en meses é o mesmo, as horas efectivas poden diferir substancialmente.

Así mesmo, e atendendo a esta circunstancia, a remuneración contemplada no artigo 9º.2 debe ser rateada en función das horas efectivas (establécese mes ou fracción).

Terceira.- Artigo 3º. Das prácticas non laborais.
Segundo o apartado 4 deste precepto, as prácticas desenvolveranse baixo a dirección e supervisión dun titor.

A CEG propón que se incorporen algunhas medidas de apoio ás persoas que van a realizar a labor de titoría, atendendo ao seu papel e responsabilidade para o correcto desempeño da súa labor.

Cuarta.- Artigo 4º. Destinatarios das prácticas non laborais e contido das mesmas.
O apartado 2 deste precepto regula o procedemento de preselección das persoas xoves para a realización das prácticas.

A CEG considera que é necesario que se aclare o proceso de preselección (prazos, etc) que debe realizar o Servizo Público de Emprego de Galicia, en tanto en canto as empresas deben someterse a el como fase previa e obrigatoria antes do inicio das prácticas.

Así mesmo, por ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o organismo encargado das accións de control e seguimento, debe articularse no convenio a devandita circunstancia e valorarse que sexa este o que asine ao igual que o resto das partes (alumno e empresa) a efectos doutras posibles actuacións inspectoras.

Quinta.- Artigo 5º. Acordos para a realización das prácticas.
A CEG propón que a orde se acompañe dun modelo de acordo de prácticas que recolla polo menos os aspectos mencionados neste artigo 5º.