ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral  Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2014 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos sociais a través da prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio.

Segundo a exposición de motivos, o mantemento para este exercicio do importante axuste nos orzamentos estatais en materia de políticas activas de emprego fai que se manteña a prioridade absoluta establecida para as entidades prestadoras de servizos sociais, especialmente para discapacidade e risco de exclusión social, na convocatoria para 2012.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 11 de outubro de 2013, publicada no DOG o día 18 de outubro de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 10 de xullo de 2013 (ditame 33/2013), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial no Ditame 21/2012.


Este proxecto normativo non presenta modificacións salientables respecto da orde para o exercicio anterior.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 3 de marzo de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións non unánimes seguintes: unha específica manifestada polas organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais (Anexo I) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo II).

















DITAME 13/2014


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro para a prórroga da contratación de axentes de emprego e unidades de apoio e se procede á convocatoria para o ano 2014”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de febreiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de marzo de 2014, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Aínda que para este exercicio os créditos asignados a estas subvencións non experimentan variación ningunha respecto da contía das axudas para o exercicio 2013, a redución experimentada respecto do exercicio 2011 supera os 23 millóns de euros.

Este Comité non comparte o drástico recorte que o Goberno galego está a aplicar nos diferentes programas polos que se desenvolven en Galicia as políticas activas de emprego; recortes que, nalgúns casos, superaban a porcentaxe aplicada nos orzamentos xerais do Estado e restrinxen os colectivos beneficiarios das medidas. Non é entendible que, con máis de 280.000 persoas desempregadas en Galicia, as medidas para combater o paro non vexan incrementados os seus orzamentos senón que, pola contra, redúcense os recursos e o persoal destinado á atención das persoas paradas contribuíndo a súa vez a incrementar o volume de desemprego.

Por outra banda, este Comité considera que non existe xustificación para que se manteña exclusivamente unha determinada tipoloxía de entidades sen ánimo de lucro e se exclúan todas as demais, polo que propón que se permita a todas as entidades sen ánimo de lucro optar á consideración de entidades beneficiarias e, en consecuencia, proponse un incremento na contía do orzamento para dar cabida a estas entidades.

Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “o solicitante” no artigo 7º ou “os traballadores” no artigo 11º), e no uso das barras (“os/as axentes de emprego” ou “os/as traballadores” no artigo 10º, polo que propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira. – Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.

Este Comité considera que debe ser indistinto se se trata dun contrato de telefonía móbil ou fixa, polo que propón que se suprima esa especificación.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: contía.
O apartado 2 deste artigo utiliza a expresión “contía máxima da subvención”; non obstante, a Consellería mantén o reparto das axudas ano tras ano sen actualizar.

Polo exposto e para evitar discrecionalidade, este Comité considera que se debe eliminar o termo “máxima”, co obxecto de que o disposto no artigo 5º.2 sexa realmente o que se aplica.

Terceira.- Artigo 5º. Subvención: contía.
Segundo o apartado 6 deste artigo, non se considera custo salarial elixible o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º.c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a devandita indemnización, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, tendo en conta, ademais, que noutros programas si ten o carácter de subvencionable.

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención: contía.
O inciso final do apartado 6 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Chama a atención esta regulación xa que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos pluses son cotizables e, polo tanto, deben ser obxecto de subvención.

Quinta. - Artigo 8º. Procedemento.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Sexta. - Artigo 9º. Resolución.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Sétima. – Artigo 16º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Entre as obrigas das entidades beneficiarias, na letra b) do apartado 2 deste artigo establécese a de identificar en conta contable separada todos os ingresos e os gastos referidos a operacións afectadas pola subvención.

Este Comité cre necesario que se especifique que gastos deben de asentarse na devandita conta, se só os que son subvencionables ou todos aqueles que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.



ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 8º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica unánime quinta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente  das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debe aclarar a razón deste exclusión.