ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/14

Ditame sobre o proxecto de orde polas que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de fereiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro.
Segundo se establece na exposición de motivos, é necesaria a colaboración das institucións sen ánimo de lucro para posibilitar e contribuir o desenvolvemento, aproveitamento e dinamización do potencial económico, social e cultural da Comunidade Autónoma, á vez que se favorece a creación de emprego, mediante a prestación gratuíta de servizos de interese xeral e social.
Con esta finalidade impleméntase a presente convocatoria de subvencións, como instrumento a través do cal ofrécese ás persoas desempregadas unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.
Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 27 de maio de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de abril de 2013 (ditame 20/13), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Obsérvase unha  diminución  de 118.334,83 euros no importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 2º).
No artigo 5º engádese un apartado no que se especifica que estas subvencións son incompatibles con outras axudas públicas, para a mesma finalidade, procedentes de fondos de políticas activas de emprego.
Esíxese, agora, unha puntuación mínima de 35 puntos para a obtención das axudas reguladas neste proxecto normativo (artigo 8º).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións finais.
O día 3 de marzo de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e doce consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: unha xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-GALICIA, CIG e SN. DE CC.OO. DE GALICIA (Anexo I) e tres específicas manifestada pola CEG (Anexo II).





DITAME 14/14



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro e se procede á convocatoria para o ano 2014”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de febreiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de marzo de 2014, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.
Este Comité observa que no texto do proxecto normativo persisten algunhas incorreccións ortográficas e da linguaxe en materia de xénero, como o uso do masculino xenérico ao longo do texto e a utilización das barras (arts. 14 e 12), polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe,  tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda.
Este Comité considera que debería substituirse a expresión “contratación de mulleres vítimas de violencia” pola de “contratación de mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.

Terceira.
Obsérvase como, neste proxecto, se rextrinxe aínda máis o acceso á condición de entidade beneficiaria ao esixir, no artigo 3º, que as entidades solicitantes estean debidamente inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

Este Comité propón que se elimine ese requisito, permitindo o acceso a todas as entidades sen ánimo de lucro e, en consecuencia, se incrementen as contías asignadas a estas subvencións para dar cabida a todas as entidades.

Por outra banda, este Comité non comparte a importante minoración operada na provisión  deste programa desde o exercicio de 2012, que supón unha diminución do 58%, tendo en conta, ademáis, que o artigo 2º.2 prevé a posibilidade de que os créditos asignados poidan ser obxecto de modificacións, como xa aconteceu nos exercicios anteriores.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 3º.- Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente  das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.

Este Comité considera que debe ser indistinto se se trata dun contrato de telefonía móbil ou fixa, polo que propón que se suprima a especificación.

Segunda.- Artigo 4º.- Requisitos dos servizos a prestar.
O apartado d) deste precepto fixa a duración máxima dos contratos, establecendo que “en caso de contratación a tempo parcial, do 50 ou do 75%, dita duración máxima poderá estenderse ata os doce meses”.

Este Comité considera que se debe substituír a expresión en cursiva por “do 50 ao 75%” para que a redacción non resulte confusa.

Terceira.- Artigo 4º.- Requisitos dos servizos a prestar.
O apartado d) deste artigo establece unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.  

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.

Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio de 2011, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Quinta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
En relación co establecido no apartado 5 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, tendo en conta, ademais, que noutros programas si ten o carácter de subvencionable.

Sexta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O inciso final do apartado 5 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e pluses extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Chama a atención esta regulación xa que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos pluses son cotizables e, polo tanto, deben ser obxecto de subvención.

Sétima.- Artigo 8º. Procedemento.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Oitava.- Artigo 9º. Resolución.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Novena.- Artigo 10º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Este Comité propón cambiar esta frase dado que consideramos que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. Así, o texto quedaría:
“... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Décima.- Artigo 10º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No apartado 2 deste artigo establécese que as persoas traballadoras contratadas por un período igual ou superior a seis meses con cargo ás axudas concedidas no exercicio pasado, non poderán ser contratadas con cargo ás axudas desta orde.

Este Comité considera que debería manterse a redacción do apartado 1 do artigo 12º da orde do exercicio de 2009 (período superior a nove meses nos últimos tres anos).

Décimo primeira. - Artigo 13º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra j.

Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Déicmo segunda. - Artigo 14º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2. II.a) deste artigo establécese que as entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.
Este Comité considera necesario que se especifique neste apartado que gastos son os que deben asentarse na contabilidade separada, se soamente aqueles que son subvencionables ou todos os que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.
































ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do porxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, entendendo que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto, prohibindo expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.
Consideración específica:

Artigo 8º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente  das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debe aclarar a razón desta exclusión.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: contía.
A CEG propón que o incentivo por mobilidade establecido neste artigo se faga extensible ademais de ás mulleres vítimas de violencia ás persoas con discapacidade como forma de promocionar a súa mobilidade xeográfica debido ás súas dificultades para ocupar postos de traballo lonxe do seu entorno habitual e como forma de integración e participación social.

Terceira.- Disposición adicional terceira.
A CEG propón que a duración de 12 meses do contrato laboral se faga extensible igualmente ás persoas con discapacidade polo mesmo motivo explicado na alegación anterior.