ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de febreiro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a exposición de motivos, as transformacións que están experimentando a economía, a sociedade, os continuos avances tecnolóxicos e os cambios nos hábitos laborais e nos sistemas de organización do traballo, acompañado da perda de lazos sociais e familiares, configuran algunhas das múltiples causas de exclusión social. Un rasgo común a casi todas as situacións de exclusión social é a dificultade para participar nos mecanismos habituais de formación e inserción laboral. Para paliar e erradicar estas situacións de desarraigamento e exclusión social, xorden as empresas de inserción laboral, cuxa finalidade primordial é a incorporación ao mercado laboral das persoas en risco ou situación de exclusión social, proporcionándolles un traballo remunerado e a formación e acompañamento necesarios para mellorar as súas condicións de empregabilidade e facilitarlles o acceso ao mercado laboral ordinario.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese que no capítulo V do Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e se crea o seu rexistro administrativo, enúncianse as medidas que pode adoptar a Administración para o fomento da inserción sociolaboral. Así, esta orde, desenvolve o mencionado capítulo, establecendo un programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e anunciando a súa convocatoria para o ano 2013.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 20 de xuño de 2013 e o Ditame 16/2013, emitido polo Consello con data 11 de marzo de 2013, obsérvanse que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
En relación coa subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas (artigo 8º), engádese neste proxecto normativo a esixencia de que as contratacións realizadas teñan unha duración inicial mínima de 12 meses e unha xornada de traballo non inferior ao 50% para poder obter a subvención.

As axudas recollidas neste proxecto de orde están sometidas ao réxime de mínimis, polo que non poden concederse a empresas pertencentes a determinados sectores. Xa non figuran, no proxecto para 2014, as empresas do sector do carbón nin as empresas en crise, pero inclúense dous novos supostos nos apartados c) e e) do artigo 29º: sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas (nos casos recollidos) e axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

En canto ao importe das contías con cargo ás cales se subvencionarán estas axudas, obsérvase un incremento no orzamento total de 10.000 euros (disposición adicional terceira) respecto da contía prevista na Orde publicada en 2013, aínda que debe terse en conta que a dotación orzamentaria para 2013 incrementouse en 125.000 euros a través da Orde do 20 de novembro de 2013 (DOG do 27 de novembro de 2013).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e nove artigos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 10 de marzo de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén once consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: dúas manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I), unha manifestada pola CIG (anexo II), unha manifestada por UGT-Galicia (Anexo III) e dúas manifestadas polas organizacións UGT-Galicia, SN de CCOO de Galicia e pola CEG (anexo IV).







DITAME 16/2014





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de febreiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de marzo de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 4º. Suxeitos e persoas beneficiarias da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral.
Obsérvase que no apartado 1 deste artigo empréganse as letras j e k na clasificación.

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deberían substituírse polas que correspondan.

Formúlase a mesma consideración respecto do artigo 24º polo uso da letra j.

Segunda. - Artigo 5º. Contratos de traballo subvencionables.
Na letra b) do apartado 1 deste artigo indícase que os contratos de traballo terán unha duración non inferior a 6 meses.

Este Comité entende que debería establecerse tamén un prazo máximo de duración que sexa coherente coa lexislación estatal na materia.


Terceira.-Artigo 8º. Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas.
No apartado 5 deste precepto, fíxase un prazo de 2 meses para substituír as persoas polas que se concedeu a subvención, en caso de extinción da relación laboral.

Este Comité considera que se debería manter a previsión da orde para o exercicio de 2012, que fixaba ese prazo nun mes, por entender que este é suficiente.

Formúlase igual consideración respecto do artigo 9º, apartado 7.

Cuarta. - Artigo 10º. Subvención pola realización de labores de mediación laboral.
No apartado 1 deste artigo establécese que, no caso de contrato temporal cunha duración inferior a 24 meses e igual ou superior a seis meses, a subvención reducirase proporcionalmente.

Este Comité considera que debería especificarse en relación a que se realiza a redución proporcional ou proceder a súa baremación.

Quinta. - Artigo 11º. Subvención financeira.
No apartado 3 deste artigo establécese que esta axuda será equivalente á redución de ata catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo.

Este Comité considera incoherente cos obxectivos da orde a redución de catro puntos establecida neste apartado, propoñendo que se manteña a de 6 puntos co límite de 1 punto que figuraba na orde para o ano 2009.

Sexta.- Artigo 17º. Autorizacións.
En relación co apartado 1 , este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 3 en relación co sistema de verificación de datos.

Sétima.- Artigo 23º. Incompatibilidades e concorrencia.
O apartado 2 deste artigo prohibe que os incentivos regulados no proxecto normativo podan superar, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17º.3 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Este Comité considera que estes límites deberían figurar expresamente na orde, polo que propón que se especifiquen no texto do artigo.

Oitava. - Artigo 26º. Revogación e reintegro.
Este Comité considera que debería incluírse un novo apartado neste artigo no que se concretaran as condicións para o reintegro parcial das cantidades percibidas.

Novena. - Artigo 29º. Axudas de minimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Décima. – Disposicións adicionais.
Obsérvase que as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.
Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].
Décimo  primeira. – Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 8º. Subvención pola contratación de xerentes ou persoas técnicas.
No apartado 1 deste artigo establécese una subvención equivalente ao 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería manterse a redacción da orde para o exercicio 2012 que subvencionaba a totalidade da cota, tanto patronal como obreira.

Segunda. - Artigo 11º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 2 deste artigo, último parágrafo, non se admitirá, para os efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados con cargo ao préstamo obxecto da axuda, agás no suposto de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:


Artigo 9º. Subvención pola contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción.
O apartado 2 deste artigo establece como límite á contía desta axuda o 50% dos custos laborais totais, incluídas as cotizacións á Seguridade Social, calculados sobre 12 mensualidades.

A Confederación Intersindical Galega considera que debe constar, en vez do establecido no citado apartado, que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.

ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DO SINDICATO UGT-GALICIA:

Artigo 4º. Suxeitos e persoas beneficiarias da inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral.
O regulado neste artigo enténdese disposto na Lei 44/2007, polo que debería adecuarse ao seu contido, considerando que a inserción sociolaboral por medio destas empresas vai dirixida ás persoas en situación de exclusión social desempregadas e inscritas nos SPE, pertencentes a algún dos colectivos descritos no artigo 2 da Lei de referencia.


ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DOS SINDICATOS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 5º. Contratos de traballo subvencionables.
Na orde para o exercicio de 2013 suprimiuse do apartado 1 deste artigo a referencia ao Decreto 156/2007, do 19 de xullo,polo que as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia, así como a CEG consideran que debería incluírse, neste mesmo apartado, unha mención á lexislación estatal aplicable, quedando a redacción como segue: “1. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social segundo a lexislación estatal aplicable e as empresas de inserción laboral terán que reunir as seguintes características para ser subvencionables:”

Segunda. - Artigo 29º. Axudas de mínimis.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

As citadas organizacións consideran que se debería aclarar o que se entende por “utilización de produtos nacionais en lugar de importados” xa que o concepto “utilización” é indeterminado. Por outro lado o termo “importación” fai referencia a terceiros países non comunitarios, polo que a utilización de produtos procedentes de países da UE queda fóra das dúas posibilidades aquí referenciadas.