ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, co obxectivo de vincular todas as políticas activas de emprego e a implicación real do tecido empresarial na recuperación do mercado laboral, continúase neste proxecto de orde coa obrigatoriedade da participación activa nos programas de fomento da empregabilidade por parte das persoas desempregadas potenciais beneficiarias dos programas de incentivos á contratación.

Como novidade, aos tres programas regulados na orde do ano 2013 engádense outros dous, destinados a favorecer a contratación temporal de persoas mozas menores de 30 anos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 6 de xuño de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 16 de abril de 2013 (Ditame 24/13), obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destácanse, como novidade, os seguintes aspectos:

Engádense dous programas destinados a favorecer a contratación temporal de persoas mozas menores de 30 anos, por ser este un colectivo especialmente afectado pola actual crise económica e que presenta elevadas taxas de desemprego. Neste senso, un destes programas (Anexo IV) pretende fomentar o contrato para a formación e a aprendizaxe e, no outro programa (Anexo V), incentívase o contrato temporal de persoas mozas menores de 30 anos que nos 3 meses anteriores á contratación careceran de ocupación.

As axudas recollidas neste proxecto de orde están sometidas ao réxime de mínimis, polo que non poden concederse a empresas pertencentes a determinados sectores. Xa non figuran, no proxecto para 2014, as empresas do sector do carbón nin as empresas en crise, pero inclúense dous novos supostos nos apartados c) e e) do artigo 15º: sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas (nos casos recollidos) e axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Obsérvase un incremento de 709.500 euros no orzamento total asignado ao conxunto dos programas (disposición adicional terceira).

Polo que respecta aos dous primeiros programas (Anexo I e II), obsérvase que na Base oitava, dedicada ao reintegro das axudas, engádese unha regulación para calcular a contía do reintegro parcial.

En canto ao programa de incentivos á contratación temporal (Anexo III), inclúese neste proxecto normativo unha nova base terceira, que regula os contratos temporais para favorecer a inclusión.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, quince artigos, tres disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e cinco anexos.

O día 10 de marzo de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: unha xeral e dúas específicas manifestadas pola CIG (anexo I), unha xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais (anexo II), dúas específicas manifestadas polas organizacións UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia (anexo III), dúas específicas manifestas polas organizacións sindicais UGT-Galicia e S.N. de CC.OO. de Galicia e a CEG (anexo IV) e dúas específicas manifestadas pola CEG (anexo V).



DITAME 17/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación das persoas traballadoras, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de febreiro de 2014, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de marzo de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que esta orde debería prever a posibilidade de que os postos de traballo ocupados por persoas discapacitadas poidan requirir medidas de adaptación, polo que podería establecerse algún tipo de axuda limitada, para estes casos.

Segunda.
Este Comité observa que existen erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente na utilización do masculino xenérico (por exemplo, “beneficiarios” na disposición adicional primeira), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Definicións.
Como xa se indicou nos Ditames 10/2011 e 13/2012, este Comité considera confusa a redacción do apartado 4 deste artigo, propoñendo que se substitúa por outra que resulte intelixible.

Segunda.- Artigo 2º. Definicións.
No apartado 2 deste artigo utilízanse as letras j e k, que non existen no alfabeto galego, polo que este Comité propón que sexan substituídas polas seguintes que correspondan.

Formúlase igual consideración respecto do artigo 3º, por empregar a letra j no seu apartado 3.

Terceira.- Artigo 6º. Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da entidade solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 3 en relación co sistema de verificación de datos.

Cuarta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Quinta.- Artigo 9º. Modificación da resolución de concesión.
Neste artigo menciónase erroneamente o termo “nacionais” para referirse ao ámbito do conxunto do Estado español.

Este Comité propón que se utilice o termo “estatais” para evitar confusións interpretativas.


Sexta.- Artigo 13º. Devolución voluntaria da subvención.
Neste artigo  identifícase unha conta de Novagalicia Banco empregando o IBAN, pero este figura mal expresado, xa que debe establecerse en bloques de catro díxitos, polo que se propón que se proceda á súa corrección.

Sétima.- Artigo 15º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Oitava.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as tres disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha de elas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Novena.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décima.- Anexo I. Base Cuarta. Exclusións.
No apartado 3 establécese que se exclúen dos incentivos as contratacións realizadas con persoas traballadoras que nos 24 meses anteriores á data de contratación prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

Este Comité considera que debería definirse o que se entende por grupo de empresas para os efectos desta orde.

Formúlase igual consideración respecto da Base cuarta, apartado 3 dos Anexos IV e V.

Décimo primeira.- Anexo I. Base Sétima. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que no segundo parágrafo do apartado 1 debería constar a mención do prazo dos 20 días seguintes ao da substitución para a comunicación ao órgano que concedeu a axuda, tal e como figuraba na orde do 2011.


ANEXO I


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

Consideración xeral:
A CIG ven preconizando e manifestándose reiteradamente nos ditames deste Comité Delegado, sobre a necesidade de redefinir as políticas activas de fomento do emprego, que se veñen mantendo con escasos cambios ano tras ano, sen que os seus resultados teñan actuado perceptiblemente de xeito positivo na situación das persoas desempregadas. A enorme dimensión dos recursos públicos transferidos ás empresas privadas ten producido escasos resultados en cantidade e en calidade do emprego, como demostran as estatísticas oficiais. A diminución da precariedade contractual relativa non é produto dun avance na calidade do emprego, senón que resulta do efecto estatístico da expulsión da actividade laboral de persoas traballadoras con contrato non estable, que se ten acentuado como consecuencia da crise económica.

Xa que logo, eses recursos públicos e máis nestes momentos de rigor orzamentario, deberían reorientarse, dende o noso punto de vista, arredor dos seguintes eixes:


1) As medidas de apoio económico á contratación deberían estar destinadas en exclusiva a aqueles colectivos específicos máis vulnerables que se determinen (entre os que debe terse en conta o da mocidade), coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida persoal, laboral e familiar e á redución da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

2) Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito sectorial e establecemento de mecanismos de control por parte da representación legal do persoal nas empresas.

3) Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego, dirixidas á atención das persoas desempregadas.


A orde que agora ditaminamos parece querer avanzar nun destes criterios, en concreto o de destinar as axudas a colectivos específicos. Sen embargo, este aparente avance queda moi mediatizado pola amplitude e diversidade de colectivos definidos no artigo 2, polo que practicamente outorga carácter xeral ás subvencións, e en consecuencia o posible efecto selectivo resulta claramente prexudicado.



Por outro lado, temos que avaliar negativamente que os relativos avances producidos en anos anteriores en canto ao establecemento de plans empresariais de estabilidade laboral e a esixencia dun determinado nivel de taxa de estabilidade para que a empresa poidese acceder a incentivos, resultaran eliminados desde o exercício de 2010.


Consideracións específicas:

Primeira.- Exposición de motivos.
Na exposición de motivos vencéllase esta orde cuns acordos asinados no seo do “Diálogo Social”. A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que substancialmente, e agás retoques cosméticos, ven sendo reprodución doutras anteriores.

Segunda.- Artigo 10º. Incompatibilidades e concorrencia.
A Confederación Intersindical Galega considera que debería constar neste artigo que os incentivos non poderán superar, en ningún caso, o custo de Seguridade Social da persoa contratada.


























ANEXO II

CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓN SINDICAIS:

Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que nunha orde destinada a favorecer a contratación estable das persoas traballadoras (agás no suposto do colectivo de persoas en risco de exclusión social), non se deberían incentivar os contratos temporais de persoas mozas desempregadas, senón fomentar exclusivamente a súa contratación indefinida.

Consideracións específicas:

Primeira.- Anexo I. Base Segunda. Requisitos.
O apartado 3 desta disposición establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade da persoa traballadora, ou, entre outras causas, por xubilación.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teñan en conta para o cómputo do persoal fixo as baixas por propia vontade da persoa traballadora e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.

Segunda.- Anexo I. Base Segunda. Requisitos.
No apartado 5 desta base, establécese que a xornada de contratación indefinida inicial a tempo parcial deberá ser pactada entre o 35% e o 75% da xornada a tempo completo establecida  no convenio colectivo de aplicación.

As organizacións sindicais propoñen que o incentivo á contratación a tempo parcial teña a mesma redacción que figuraba na orde do exercicio anterior, segundo a cal, a contratación debía pactarse ao 50% da xornada a tempo completo.

Terceira.- Anexo I. Base Cuarta. Exclusións.
O apartado 4 desta base recolle, entre as exclusións, o suposto das persoas traballadoras que rematen unha relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, con algunha excepción.

As organizacións sindicais entenden que esta inclusión opera como cautela, o que fai que ese prazo de tres meses resulte escaso, considerando que se debería ampliar sensiblemente.


Cuarta.- Anexo I. Base Sétima. Obrigas das entidades beneficiarias.
Esta disposición obriga ás empresas beneficiarias a manter no seu cadro de persoal fixo ás persoas traballadoras subvencionadas ao abeiro desta orde durante un período de dous anos a computar desde a data de realización da contratación.

As organizacións sindicais consideran que, ao establecerse un prazo tan curto, pódese propiciar que se perverta o obxectivo desta orde, que declara a pretensión de avanzar na estabilidade contractual das persoas traballadoras, xa que se da o paradoxo de que a indemnización por despedimento pode resultar sensiblemente inferior á subvención percibida pola contratación indefinida, polo que deberíase incrementar ata cinco anos o referido período.
Esta mesma consideración formúlase respecto do Anexo II na Base Sétima.


ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Exposición de motivos.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que debería suprimirse a referencia ao Diálogo Social que se fai no primeiro parágrafo da exposición de motivos, por dúas razóns: En primeiro lugar porque eses acordos tiñan unha vixencia temporal que remataba en 2013 e, en segundo lugar, porque o que se establece neles dista moito do que se recolle nesta orde, especialmente polo que respecta aos programas dos Anexos IV e V.

Segunda.- Anexo I. Base Sétima. Obrigas das entidades beneficiarias.
As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia consideran que no apartado 2 debería manterse a mesma redacción da orde correspondente ao exercicio anterior.

Igual consideración formúlase respecto do apartado 2 da Base Sétima do Anexo II.











ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 15º. Réxime de axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

As citadas organizacións consideran que se debería aclarar o que se entende por “utilización de produtos nacionais en lugar de importados” xa que o concepto “utilización” é indeterminado. Por outro lado o termo “importación” fai referencia a terceiros países non comunitarios, polo que a utilización de produtos procedentes de países da UE queda fóra das dúas posibilidades aquí referenciadas.

Segunda.- Anexo I. Base Quinta. Solicitudes e documentación.
No apartado 4 desta disposición esíxese acompañar á solicitude orixinal ou copia compulsada ou cotexada dos documentos TC2 correspondentes ás tres mensualidades anteriores ao mes de realización da contratación.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o S.N. de CC.OO. de Galicia e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que non debería esixirse esta documentación posto que existe un convenio de colaboración coa Seguridade Social e xa obra en poder da Administración.

A mesma consideración formúlase respecto do Anexo II, Base Quinta, apartado 5.
















ANEXO V


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo I. Base Primeira. Ámbito temporal de aplicación e contratacións subvencionables.
O apartado 2 desta base relaciona os colectivos de persoas traballadoras que considera prioritarios, incluíndo, na letra e), aos “mozos e mozas desempregados sen cualificación”.

A CEG propón que se elimine a expresión “sen cualificación”, debido a que o contexto económico evolucionou endurecendo as condicións de acceso dos mozos e mozas en xeral ao mercado de traballo, proba do cal é o progresivo incremento das taxas de desemprego xuvenil que se veñen dando dende a posta en marcha deste programa. Por este motivo, solicítase dotar dun maior alcance a esta medida no contexto actual.

Segunda.- Anexo IV. Base Terceira. Contías dos incentivos.
A CEG propón que a redacción que recolle o apartado 1 deste precepto sexa substituída pola que figura no artigo 8º.2 do Real decreto 1529/2012 polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual, isto é: “O tempo de traballo efectivo, que deberá ser compatible co tempo dedicado ás actividades formativas, non poderá ser superior ao 75% durante o primeiro ano, ou ao 85% durante o segundo e terceiro ano, da xornada máxima prevista no convenio colectivo ou, no seu defecto, da xornada máxima legal”.