ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 24 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a persoas desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, todas estas accións de formación profesional para o emprego conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade dos desempregados dentro da Estratexia Europea de Emprego acordada polo Consello Europeo extraordinario de Luxemburgo, e da estatal, de acordo co Plan Nacional de Acción para o Emprego.

O Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego contempla a formación de oferta, entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, ocupadas e desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo que atenda aos requirimentos de competitividade das empresas, á vez que satisfaga as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.

A Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, polo que se desenvolve o devandito Real decreto, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas á súa financiación.
Entre as distintas modalidades de formación de oferta que regula esta Orde, contémplanse as accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

Segundo o artigo 1º, este proxecto de orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública e a execución de accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación.

No mesmo artigo, sinálase que as accións formativas subvencionables serán aquelas nas que se impartan especialidades vencelladas a certificados de profesionalidade de nivel 1 ou competencias clave de nivel e que a convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no DOG (artigo 3º) e a resolución das solicitudes deberá ser ditada e notificada ás persoas interesadas no prazo de cinco meses, contados desde a data de presentación (artigo 5º).

Dentro dos custos subvencionables (artigo 12º), inclúense custos directos da actividade formativa (como a docencia), custos asociados (como luz, auga, gastos financeiros, etc) e outros custos como os de avaliación e control da calidade da formación.

Polo que respecta á financiación, a contía total do orzamento asignado ascende a 2.300.000 (disposición adicional primeira).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a persoas desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014” consta de: Exposición de motivos, tres títulos, 33 artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 11 de marzo de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e tres consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, seis consideracións específicas non unánimes manifestadas pola CEG (Anexo I) e o ditame 43/2013 que se xunta en relación á consideración xeral primeira deste ditame.



DITAME 18/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a persoas desempregadas menores de 30 anos e con baixa cualificación na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 24 de febreiro de 2014, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de marzo de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Esta orde é semellante á Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014 (DOG do 10 de xaneiro de 2014), que foi obxecto do ditame nº 43/2013 deste Comité.

Efectivamente, os prazos, a xustificación, compromisos de contratación, axudas ao alumnado, prácticas, uso da aplicación SIFO, etc, gardan correlación coa antedita orde, agás en que esta vai destinada á formación de persoas desempregadas menores de 30 anos, en especialidades vencelladas a certificados de profesionalidade de nivel 1 ou competencias clave de nivel 2.
Este Comité non atopa moito sentido nin xustificación á segregación desta orde, cando podería quedar perfectamente regulada a través da orde xeral antes mencionada como vía de programación específica.

En todo caso, este Comité reitera as consideracións xerais e específicas contidas no seu ditame 43/2013 en todos aqueles casos en que afecten á nova orde.

Achégase o texto íntegro do citado ditame como anexo a este ditame.

Segunda.
Este Comité observa que os fondos destinados a esta orde en modo algún compensan a diminución xa posta de manifesto no ditame 43/2013, relativo á orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014, significando a desaparición de case 8.000.000 de euros con respecto ao exercicio 2013.

Terceira.
No apartado 2 do artigo 1º deste proxecto normativo establécese o obxecto e ámbito de aplicación desta orde e se indica que: “As accións formativas subvencionables serán aquelas nas que se impartan  especialidades vencelladas a certificados de profesionalidade de nivel 1 ou competencias clave de nivel 2”

Este Comité entende que existen puntos nesta norma que son incoherentes e non procede a súa aplicación cando a solicitude sexa sobre accións formativas de competencias clave. Pasamos a enumeralos:

Artigo 4. Procedemento para a valoración:
• 5.1 xa que as competencias clave non se enmarcan dentro dunha especialidade formativa nin dentro dun área profesional.
• 5.2 xa que non se impartiron dentro da programación de AFD
• 5.4 xa que non procede un compromiso de inserción laboral
• 5.5 xa que non é unha especialidade formativa que se poida programar na súa totalidade
• 5.7 xa que non son especialidades das que se citan no apartado.

Artigo 24. Acción formativas
• 24.1 xa que o obxectivo prioritario das accións formativas que se corresponden coas competencias claves non é a inserción laboral se non a capacitación para o acceso á formación en certificados de nivel 2.

Queremos indicar tamén a necesidade de vincular á formación en competencias clave o compromiso por parte da Administración de convocar probas de avaliación, xa que sen elas, a formación non tería ningún valor.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Solicitudes, documentación e prazo.
Segundo o apartado 3 deste precepto, para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, cinco accións formativas, sen que en ningún caso se poidan solicitar máis dunha edición dunha mesma especialidade.

Este Comité propón que se elimine esa limitación a cinco accións formativas.

Segunda.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 5 deste artigo recóllense os criterios que terá en conta a comisión de valoración “para avaliar as solicitudes da vía de programación ordinaria”.

Este Comité propón eliminar a expresión “vía de programación ordinaria”, xa que carece de sentido.

Terceira.- Artigo 18º. Prazo.
Segundo este precepto, exceptúanse do cumprimento do prazo fixado as entidades que teñan un mínimo de 15 cursos programados.

Este Comité considera oportuno, dadas as circunstancias deste plan, que a excepción se teña en conta para entidades que teñan un mínimo de 5 cursos programados.




ANEXO I


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA


Primeira.- Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.
As accións formativas subvencionadas ao abeiro deste proxecto normativo diríxense a persoas traballadoras desempregadas menores de 30 anos.

A CEG propón que, no caso de persoas discapacitadas, ese límite de idade se incremente ata os 35 anos, por tratarse de persoas que presentan especiais dificultades para acceder ao mercado laboral e que, ademais, adoitan facelo máis tardiamente.

Segunda.- Artigo 2º. Entidades beneficiarias.
Segundo este precepto, poderán ser entidades beneficiarias das axudas os centros ou entidades colaboradoras inscritos ou acreditados no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar.

A CEG solicita que se habilite a posibilidade de que, con carácter excepcional,  poidan concorrer a estas axudas as entidades que posúan unha acreditación provisional, nos termos establecidos no art. 3.4 do Decreto 106/2011, do 19 de maio, polo que se crea o Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar e se regula o procedemento para a inscrición e, se é o caso, acreditación dos centros e entidades que impartan formación para o emprego no territorio da Co¬munidade Autónoma de Galicia: “(…) Art.3.4 De forma excepcional, cando as necesidades formativas do mercado ou as necesida¬des de atención a colectivos específicos o fagan preciso, os centros e entidades poderán ser inscritos e, se é o caso, acreditados, de forma provisional, para a impartición dunha acción formativa concreta, en canto dure a acción formativa, sempre que cumpran os re¬quisitos exixidos en cada un dos programas das especialidades e, se é o caso, nos reais decretos reguladores dos certificados de profesionalidade, de forma que se garanta que non se menoscaba a calidade da formación. Isto tamén será aplicable ás accións formati¬vas que inclúan compromisos de contratación”.

Terceira.- Artigo 4º. Procedemento.
No apartado 5, ítem 1º deste artigo recóllese, como criterio de valoración, a experiencia en formación profesional de carácter presencial financiada con fondos públicos.

A CEG considera que se debería ter en conta a experiencia profesional no ámbito da formación independentemente de que fora financiada con fondos públicos ou privados, e da súa modalidade de impartición.

Cuarta.- Artigo 10º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
Respecto do apartado 3 deste precepto, a CEG propón que se incremente a compensación para os titores das empresas que acollen alumnos en prácticas por hora ou día de práctica, en tanto en canto require dunha atención e dispoñibilidade do persoal da empresa que está ao marxe das súas competencias.

Quinta.- Artigo 10º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
A subvención relativa ao persoal de apoio debe ter en conta as necesidades especiais dos colectivos, como é o caso dos intérpretes de linguaxe de signos. Con este motivo, proponse que a subvención cubra a totalidade do custo sempre que estea xustificado.
Así mesmo e con carácter xeral, pídese que se substitúa a expresión “persoas con minusvalía” por “persoas con discapacidade”.

Sexta.- Artigo 26º. Selección do alumnado.
A CEG propón que se recolla a redacción do artigo 44º.5 da Orden de formación de accións formativas de persoas desempregadas para o ano 2014, que permite que os centros poidan solicitar da Dirección Xeral de Emprego e Formación unha autorización con carácter excepcional para facer a selección directa dos alumnos atendendo ás particularidades que se poidan dar nos colectivos das accións formativas.





DITAME 43/13



Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014.


I. ANTECEDENTES

O día 29 de outubro de 2013 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras.

A Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, polo que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, en materia de formación de oferta, modificada parcialmente pola Orde ESS/1727/2012, de 2 de agosto, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas á súa financiación.
Entre as distintas modalidades de formación de oferta que regula a antedita Orde contémplanse as accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, cuxa execución se realizará mediante a convocatoria do órgano competente de cada Comunidade Autónoma conforme ás bases que na Orde se establecen.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2013, publicado no DOG o día 21 de xaneiro de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 27 de novembro de 2012 (Ditame 23/12), obsérvase que se tivo en conta unha consideración manifestada a título particular por unha organización sindical.

O novo proxecto normativo introduce modificacións na maioría do articulado; porén, destácanse os seguintes aspectos:

O artigo 4º establece os medios electrónicos como única vía para a presentación de solicitudes, descartando a posibilidade da presentación presencial.

O mesmo se observa nos artigos 8º e 12º, onde se regula a presentación de solicitudes para as dúas vías de programación posibles.

Os criterios de avaliación das solicitudes (artigo 5º) vense modificados tanto na propia definición dalgúns criterios (como acontece coa experiencia  na impartición de formación profesional) como na valoración que se lles outorga, apreciándose unha diminución nos puntos que corresponden a cada criterio.

Suprímese, neste mesmo artigo 5º, o emprego da lingua galega na realización de accións formativas como criterio avaliable e puntuado con 5 puntos; no actual proxecto, a utilización da lingua galega ten a consideración de elemento dirimente en caso de empate nas puntuacións obtidas.

O capítulo III, “Do cofinanciamento polo Fondo Social Europeo” supón unha novidade deste proxecto normativo, recollendo en dous artigos (26º e 27º) a regulación nesta materia.

En canto aos custos subvencionables (artigo 30º), hai varias modificacións. Así, especifícase que o custo mínimo en concepto de docencia (fixado no 35%) debe empregarse exclusivamente  en custos de docencia.

Suprímense os apartados que distinguían entre docentes segundo a modalidade da súa contratación.

Por outra banda, aumenta considerablemente a cobertura mínima do seguro para o caso de morte e de invalidez permanente.

O capítulo V “Da xustificación dos gastos subvencionados” supón tamén unha novidade respecto da orde publicada para o exercicio anterior xa que, aínda que esta regulación se recollía no proxecto de orde para o ano 2013, na redacción final da orde non figura.

Polo que respecta ás persoas destinatarias da formación (artigo 43º), o apartado 2 deste precepto dá preferencia soamente ás que teñan a condición de persoas desempregadas, mentres que na Orde anterior non se esixía esta condición para todos os colectivos prioritarios (por exemplo, mulleres e persoas con discapacidade).

Finalmente, introdúcense modificacións nas axudas de transporte (artigo 48º) e no precepto que regula as prácticas en empresas (artigo 51º).



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014” consta de: Exposición de motivos, 51 artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


O día 22 de novembro de 2013 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén sete consideracións xerais e corenta e cinco específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións de carácter non unánime seguintes:
• Catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o Consello (Anexo I)
• Dúas específicas manifestadas polos sindicatos UGT e CC.OO e a CEG (Anexo II)
• Catro específicas manifestadas polo sindicato CIG e a CEG (Anexo III)
• Unha xeral manifestada polos sindicatos UGT e CIG e pola CEG (Anexo IV)
• Seis específicas manifestadas polo sindicato CIG (Anexo V)
• Unha xeral e unha específica manifestada polo sindicato CC.OO. (Anexo VI)
• Once específicas manifestadas pola CEG (Anexo VII)
• Unha específica manifestada polos sindicatos UGT e  CC.OO e a CEG (Anexo VIII)




DITAME 43/2013




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2014”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 29 de outubro de 2013, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de novembro de 2013, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité observa que a dotación orzamentaria sufriu unha mingua do 27,8% respecto á dotación inicial prevista na orde do exercicio anterior. Porcentaxe que aumenta ata o 34% en relación coa dotación definitiva, logo da ampliación de importes que recolle a Orde do 22 de maio de 2013 (DOG do 29 de maio de 2013).

Este Comité non está de acordo con esa minoración, considerando que as diminucións producidas na convocatoria anterior e na actual están a poñer en risco o obxectivo de procurar a formación das persoas desempregadas e o fomento do emprego, polo que se debería incrementar o esforzo económico e máis tendo en conta as actuais taxas de desemprego en Galicia.  

Dadas as circunstancias actuais e a problemática do noso mercado de traballo, é imprescindible unha dotación suficiente que permita poñer en marcha as accións de formación necesarias e de calidade, que sirvan para integrar no mercado de traballo á poboación desempregada, que cada vez ten maiores dificultades.

Aínda máis, mantense a redución do 15% dos custos asociados,  o que prexudica enormemente ás entidades beneficiarias no desenvolvemento da actividade formativa coa calidade requirida.

Á limitación orzamentaria súmase a redución dos anticipos, o que pon en grave perigo a posibilidade de impartición das accións formativas e a viabilidade das propias entidades beneficiarias.

Aínda coñecendo a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, este Comité suxire que a Xunta de Galicia aprobe unha norma específica para subvencións en materia de formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100, anticipo que xa establece a norma estatal.

Finalmente, este Comité propón que, en todo caso, teñan a consideración de custos elixibles os gastos financeiros.

Segunda.
Para evitar os efectos nocivos da diminución do crédito dispoñible para esta convocatoria e atenuar o impacto dos retrasos nas liquidacións das subvencións, este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, suxerindo, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.

Terceira.
Este Comité considera que as bolsas de axuda ao alumnado desempregado deberían estar xestionadas e pagadas directamente pola Administración da Xunta de Galicia, tendo en conta que o actual sistema está a xerar problemas de liquidez, de índole fiscal e da propia xestión das axudas públicas nun marco subvencional.

Cuarta.
Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso reiterado das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (especialmente significativo na utilización de alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, debendo terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.

Ademais, recoméndase que se utilice a neutralidade na denominación dos cargos públicos.

Quinta.
O carácter prioritario dos novos certificados de profesionalidade debe tomarse con cautela, pois aínda que o Decreto 106/2011, de Inscrición e acreditación, foi publicado en xuño de 2011, a administración non está a responder de xeito áxil ás solicitudes de novas homologacións, máxime no momento actual, que están a saír publicados un volume importante de novos certificados de profesionalidade, derrogando moitas das especialidades que as entidades tiñan acreditadas. Así mesmo, deberíase ter en conta, no carácter prioritario, todas aquelas accións que, sen estar asociadas aínda aos novos certificados, teñen éxito polo seu nivel de demanda e polo seu grao de inserción laboral.

Por outra banda, este Comité reclama da Administración unha maior axilidade nos procesos de inscrición de centros e acreditación de especialidades.  

Deberíase considerar a posibilidade de reprogramar as accións, nos termos e prazos establecidos pola Administración, e ter en conta a posibilidade de reprogramar aquelas accións que aínda que non estean na solicitude inicial, poidan ter demanda.

Deberíase adiantar o inicio das actividades formativas de modo que os cursos con maiores horas lectivas se poidan desenvolver sen ter que sobrecargar de horas o alumnado.

Ademais, debería contemplarse a posibilidade de facer convocatorias de carácter bianual co obxecto de facer unha programación máis axeitada en horarios e necesidades de formación.

Sexta.
Este Comité considera que se debería continuar traballando na mellora da aplicación SIFO para simplificar os procesos, coa finalidade de axilizar os traballos nos centros e garantir o seu funcionamento en todo momento, evitando a introdución manual de calquera tipo de dato por parte dos centros.

Ademais debería estar moi claro, para evitar problemas de incompatibilidade, que debe ser o Servizo Público de Emprego o organismo encargado do recoñecemento e pagamento das axudas (tamén a axuda de transporte que na actualidade recoñece a entidade de impartición), xa que é o propio servizo o que ten a información das axudas percibidas pola persoa asistente aos cursos.

No que se refire á xestión administrativa, é necesaria unha maior axilidade na xestión e unha simplificación das obrigas administrativas que leva consigo a execución das accións, evitando que os centros teñan que remitir a documentación esixida nos artigos 4º e 8º, que debe remitirse vía SIFO e tamén en papel.

Sétima.
Este Comité considera que, con independencia de que o alumnado poida non participar nalgún dos módulos da acción formativa, deberíase garantir e concretar expresamente na orde o financiamento total da acción formativa á entidade, independentemente do número total do alumnado que participe en cada módulo.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que debería incluírse entre estas vías de acceso, unha vía específica para as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación, co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais.

Segunda. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Este precepto establece que poderán participar na vía de programación ordinaria: “Todos aqueles centros e entidades de formación inscritos ou acreditados no rexistro de centros e entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, naquelas especialidades que teñan inscritas ou acreditadas á data de publicación desta orde”.

Este Comité considera que debería permitirse participar aos referidos centros tamén naquelas especialidades que estean en proceso de inscrición ou acreditación á data de publicación da orde.

Terceira.- Artigo 4º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado, 2.d) indícase que cando as especialidades formativas se correspondan cos novos certificados de profesionalidade, deberán achegar convenio ou acordo coa empresa ou empresas onde se realizarán as prácticas.

Este Comité considera que debería achegarse un compromiso da entidade de realizalas, pero os convenios deberían presentarse cando a acción formativa estivera concedida para non comprometer ás empresas sen necesidade.

Cuarta.- Artigo 4º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2.e), establécese que xunto coa solicitude se acompañe a xustificación documental de ter cumprido na execución das accións formativas concedidas na convocatoria anterior co compromiso de inserción laboral.

Este Comité propón a eliminación da obrigatoriedade atribuída á entidade beneficiaria da subvención de ter que xustificar documentalmente a inserción laboral do seu alumnado polas seguintes razóns:
1ª. A entidade beneficiaria non dispón de autoridade legal para obrigar ao seu ex-alumnado a comunicar e xustificar documental e suficientemente a súa inserción laboral nun período de seis meses, logo de ter rematado o correspondente curso, o que na práctica supón cando menos unha patente limitación para a entidade.
2ª. A ausencia de recursos económicos específicos habilitados para a realización deste traballo, unha vez rematada a acción formativa.

En todo caso, este Comité considera que debería quedar máis claro e concretarse o procedemento que teñen os centros de xustificar o dito compromiso. Ademais hai que ter en conta que parte do alumnado pode optar polo autoemprego.

O compromiso de inserción laboral debería ser máis flexible no referido aos prazos, xa que, dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo a inserción laboral faise máis complicada e, polo tanto, debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural posterior á finalización das accións, as baixas producidas ao longo do curso por colocación ou que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.

Debido ao escaso marxe existente entre a finalización da formación na convocatoria do 2013 (15 de decembro de 2013) e a presentación da nova solicitude (1 mes desde a publicación), este Comité considera que é pouco realista o compromiso de inserción esixido ás entidades colaboradoras. Establécese como requisito que o alumnado teña finalizada a formación específica para poder cumprir co compromiso de inserción laboral, polo que as entidades só dispoñen de 15 días para poder conquerir e demostrar os obxectivos de inserción, cando o máis probable e que estes se produzan nos 6 meses seguintes á finalización da formación.

Quinta.- Artigo 5º. Procedemento.
Para a elaboración do Anexo IV referido neste artigo, este Comité considera que se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír no citado anexo.

Por outro lado, este Comité considera que deberían manterse incluídas no referido Anexo IV, cando menos durante un período de tempo axustado ao período de amortización do esforzo inversor, aquelas especialidades formativas que supoñan un elevado investimento para as entidades beneficiarias, para os efectos de permitir a súa programación e rendibilización en termos económicos e sociais.

Sexta.- Artigo 5º. Procedemento.
No apartado 4.4º deste artigo establécese que “A inserción deberá realizarse nunha ocupación relacionada coa familia profesional á que pertenza a especialidade impartida. Non se considerarán inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso”.

Este Comité considera que deberíase substituír este texto por: “Consideraranse inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso.”


Sétima.- Artigo 5º. Procedemento.
O apartado 4.5º deste artigo establece a valoración da experiencia e xestión do centro.

Co obxecto de que as entidades poidan traballar na mellora continua, este Comité propón que a Administración traslade as suxestións de mellora que considere convenientes derivadas do informe técnico de seguimento, aínda mais cando este puntúa no baremo.

Oitava.- Artigo 5º. Procedemento.
No proxecto de orde do exercicio anterior figuraba no apartado g), entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das accións formativas”, puntuándose con 5 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na realización das accións valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto anterior, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Novena.- Artigo 5º. Procedemento.
O apartado 2 deste precepto inclúe, nos ítems a) e b), concrecións relativas ao procedemento que resultan inintelixibles tal e como figuran redactadas, polo que se propón a revisión da súa redacción.

Décima.- Artigo 5º. Procedemento.
Apréciase un erro de redacción no apartado 4.4º deste artigo, xa que figura repetido o mesmo parágrafo de xeito que se está a valorar con diferente puntuación o mesmo suposto.

Décimo primeira.- Artigo 5º. Procedemento.
No apartado 4.7º deste artigo valórase con 2 puntos a acreditación da entidade en norma ISO de calidade ou plan de mellora EFQM.

Este Comité propón que se manteña a valoración de 5 puntos pola ISO que se prevía no exercicio anterior e se suprima o contido das letras b), c) e d) referido aos selos de excelencia. Por outro lado, debería valorarse con dous puntos a aquelas entidades que acrediten documentalmente estar en proceso de obtención de certificados ou selos en xestión de calidade.


Décimo segunda.- Artigo 5º. Procedemento.
No apartado 4.8º, introdúcese unha asignación negativa de 20 puntos polo incumprimento do compromiso de inserción.

Este Comité considera que o dito incumprimento debería penalizarse con só 10 puntos negativos, que son os mesmos que se asignan polo compromiso de inserción, xa que ao penalizarse co dobre de puntos o incumprimento, pode levar a que as entidades beneficiarias, diante deste risco, decidan non comprometerse á inserción, deixando ao programa sen unha parte substancial da súa finalidade.

Décimo terceira.- Artigo 5º. Procedemento.
O apartado 7º deste artigo fixa en 30 puntos dos 65 posibles a puntuación mínima necesaria para acceder á programación, o que esixe un 46 % da puntuación posible total, mentras que na convocatoria anterior se esixían 35 puntos de 100 posibles (un 35%).

Este Comité propón que se fixe unha puntuación mínima requirida que sexa equivalente á porcentaxe esixida na orde do exercicio anterior.

Décimo cuarta.- Artigo 18º. Pagamento.
No apartado 1 deste artigo, establécese que os anticipos serán ata o 25% do orzamento do curso. Na orde para o exercicio de 2012 recollíanse anticipos de ata o 70% e no ano 2011 do 80%. Non obstante, aínda coñecendo a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, este Comité suxire que a Xunta de Galicia aprobe unha norma específica para subvencións en materia de formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100, anticipo este que xa establece a norma estatal.

Décimo quinta.- Artigo 18º. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 2 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas do alumnado, etc., así como todos os gastos financeiros que se lle ocasionan, como os xuros debedores ou calquera modalidade de garantía válida en Dereito como o seguro de caución, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha clara relación coa acción formativa a impartir.

Décimo sexta.- Artigo 18º. Pagamento.
Para o caso de que se esixa aval bancario, este Comité solicita que se aclaren as condicións de levantamento dos avais aos que se refire o punto 2 deste artigo.

Décimo sétima.– Artigo 23º. Resolución.
O apartado 2 deste artigo recolle, para a resolución dos expedientes,un prazo de cinco ou de tres meses segundo a vía de programación de que se trate . Este Comité propón que este prazo sexa de tres meses para todas as vías.


Décimo oitava.- Artigo 25º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2º inclúese un parágrafo segundo o cal: “Os docentes(...) deben acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero”.

Este Comité propón eliminar a preposición “de” da redacción, xa que parece dar a entender que con 150 horas se adquire experencia profesional ou docente en materia de xénero, cando esa referencia alude só á formación.

Décimo novena.- Artigo 25º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que na documentación que se relaciona na letra e) do apartado 3 deste artigo engádense os extractos do libro maior no que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

Este Comité entende que debería eliminarse esta obriga por considerar xa suficiente a documentación que se esixe. E, de manterse, debería engadirse “ou ben extractos da contabilidade analítica onde se reflictan todas as imputacións realizadas para a execución da acción formativa”.

No caso específico das entidades sen ánimo de lucro constátase, por exemplo, que na xestión de plans subvencionados de formación para o emprego, non se poden desglosar as subcontas por tipos de plans debido a súa complexidade, polo que a imputación dos custos para cada plan formativo realízase a través da contabilidade analítica que está cadrada coa contabilidade financeira.

Vixésima.- Artigo 25º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No último parágrafo do apartado 3 deste artigo establécese que a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2014.

Este Comité considera que os prazos, na práctica, resultan moi axustados, polo que entende que se debería flexibilizar o período de xustificación, sendo este como máximo de 15 días despois de finalizado o último curso.

Vixésimo pimeira.- Artigo 25º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 15 deste artigo establécese a obriga de dispoñer de libros contables..., coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas...”.

En liña co disposto na consideración décimo novena, este Comité considera que deberían engadirse os termos “contabilidade financeira ou analítica”.

Vixésimo segunda.- Artigo 25º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
En relación co apartado 4º, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, establecendo primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante, e en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente á Consellería de Traballo e Benestar para que solicite no seu nome as certificacións

Vixésimo terceira.- Artigo 25º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 20 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería conveniente que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estes deben cumprir para acceder á especialidade correspondente.

Vixésimo cuarta.- Artigo 30º. Custos subvencionables.
O apartado I.1 deste artigo establece un custo hora mínimo en concepto de docencia, estipulándose como mínimo no 35% do custo da acción formativa, tendo como límite o prezo de mercado.

Este Comité suxire que se formule unha redacción nova, na que se estableza unha modulación da porcentaxe da docencia en relación coa valoración económica do módulo.

Vixésimo quinta.- Artigo 30º. Custos subvencionables.
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría, impedindo na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado, e provocando na práctica un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.

Vixésimo sexta.-Artigo 30º.- Custos subvencionables.
O apartado I.4º deste precepto recolle o suposto en que debe xustificarse adecuadamente a utilización exclusiva de determinadas instalacións para a impartición de accións.

Este Comité considera necesario que se especifique o xeito de xustificar adecuadamente esa utilización.

Vixésimo sétima.-Artigo 30º.- Custos subvencionables.
No apartado I.5º increméntanse notablemente as contías de cobertura mínima no caso de morte (pasando de 36.000 a 150.000 euros) e no caso de invalidez permanente (pasando de 42.000 a 150.000 euros).

Este Comité considera excesivo este aumento das contías, entendendo que deberían incrementarse de xeito paulatino, progresivo e razoable.

Vixésimo oitava.-Artigo 30º.- Custos subvencionables.
O apartado II.1 regula os custos de persoal de apoio relacionando, en particular, unha serie de gastos que se inclúen.

Este Comité considera que a expresión “en particular” debería substituírse por “a título de exemplo”, de maneira que non limite as tarefas incluídas e deixando claro que simplemente son expemplos e que non supón, en ningún caso, unha lista pechada.

Vixésimo novena.- Artigo 30º. Custos subvencionables.
No apartado II.3 relaciónanse outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxería, correo, limpeza e vixilancia asociados á execución da actividade formativa, eliminándose, con respecto á convocatoria para o 2012, a expresión “e outros non especificados anteriormente”.

Este Comité entende que este cambio impide a imputación doutros custos asociados como, por exemplo, a telefonía.

Por outra banda, nesta convocatoria mantense a redución dos custos asociados no 15%, polo que este Comité considera que este cambio prexudica enormemente ás entidades beneficiarias, fundamentalmente ás entidades sen ánimo de lucro, que non teñen actividade mercantil para manter as súas estruturas formativas, polo que se propón recuperar a porcentaxe establecida na convocatoria 2012 (20%).

Trixésima.- Artigo 31º. Subcontratación.
Dado que a contratación de persoal laboral nunca se debe de considerar subcontratación, este Comité considera que se debería modificar a redacción da segunda frase deste artigo do seguinte xeito: “A contratación de servizos para a impartición de docencia directa dos cursos non se considerará subcontratación”.

Trixésimo primeira.-Artigo 43º.- Persoas destinatarias da formación.
O apartado 2 relaciona os colectivos de persoas desempregadas que terán preferencia para a participación, nos cursos recollendo, no ítem 1º, ás persoas que teñen superados un ou varios módulos dun certificado.

Este Comité propón que, no caso de programar un certificado completo, se permita a posibilidade de superar o número máximo previsto de 15 alumnos, para que ese alumno que xa superou un ou varios módulos poida incorporarse no momento en que se vaia desenvolver o módulo que ten pendente. Esta incorporación iría asociada a un incremento económico no módulo ou módulos.

Trixésimo segunda.-Artigo 43º.- Persoas destinatarias da formación.
Tendo en conta a situación e dimensión do desemprego na actualidade, este Comité considera que no apartado 2, a preferencia establecida no borrador da Orde debería modificarse, situando en primeiro lugar ás persoas desempregadas de longa duración e recolocando os ordinais de preferencia en función deste cambio.


Trixésimo terceira.- Artigo 43º. Persoas destinatarias da formación.
O apartado 3 deste artigo establece que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións, agás nos cursos con compromiso de contratación inmediata.

Este Comité propón substituír “en cada unha das accións” por “no conxunto do plan formativo”.

Trixésimo cuarta.- Artigo 44º. Selección do alumnado.
No apartado 1.b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente. Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, estas deben convocarse de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.

Trixésimo quinta.- Artigo 44º. Selección do alumnado.
No apartado 1.c) deste artigo permítese a participación nas probas a traballadores e traballadoras ocupados, que o tiveran solicitado. Este Comité considera que non se debe limitar esta participación só ás persoas traballadoras ocupadas, suxerindo a eliminación do termo “ocupados”.

Trixésimo sexta.- Artigo 44º. Selección do alumnado.
Respecto ao establecido no apartado 1 letra e) epígrafe i deste artigo, sobre que a selección do alumnado que se realice mediante un anuncio en prensa deberase publicar en domingo, agás que o centro directivo correspondente da consellería autorice a súa publicación nun día distinto, este Comité propón que se acuda a esta posibilidade “sen necesidade de autorización previa”.

Trixésimo sétima.- Artigo 44º. Selección do alumnado.
No apartado 3 recóllese a posibilidade de substituír alumnos que non se incorporen ou se dean de baixa. No caso das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, esa posibilidade só se dá durante os primeiros cinco días lectivos.

Este Comité considera que debería permitirse esa substitución máis aló dese prazo de 5 días, fixando unha porcentaxe en función da duración da acción (xa que non ten a mesma repercusión nun certificado de 300 horas que nun de 600), cun máximo do 25%.

Así mesmo, debería terse en conta esta circunstancia no cálculo de alumnos subvencionados.

Trixésimo oitava.- Artigo 47º. Módulos transversais.
No apartado 7 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”. Este Comité considera que, dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicirse: “poderán quedar exentos se así o solicitan”.

Trixésimo novena.- Artigo 48º. Axudas para o alumnado desempregado.
No apartado 5.1 establécese que o alumnado terá dereito a percibir unha bolsa consistente no 75% do IPREM diario. Este Comité considera necesario modificar a norma de xestión destas bolsas para que o pagamento sexa xestionado directamente pola Administración, tal e como se indicou na consideración xeral terceira deste ditame.

Cuadraxésima.- Artigo 48º. Axudas para o alumnado desempregado.
No último parágrafo do apartado 5.1 establécese que a variación de rendas non se considerará circunstancia sobrevida para os efectos de xerar dereito á percepción destas axudas.

Este Comité considera que debería suprimirse o establecido neste parágrafo, por canto os cambios de situación económica deberían dar lugar ao dereito de percepción de axudas ou á perda deste dereito.

Cuadraxésimo primeira.- Artigo 50º. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% das horas lectivas”, este Comité considera que se debería facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Cuadraxésimo segunda.- Artigo 51º.Prácticas en empresas.
En relación ás prácticas incluídas no programa formativo do curso, sería desexable establecer unhas instrucións  para o correcto desenvolvemento das prácticas atendendo a aspectos como o calendario de execución, lugar (mesmo concello ou outro), circunstancias para a renuncia e, en xeral, todos aqueles aspectos derivados da posible casuística.

Cuadraxésimo terceira.- Anexo VI. Compromiso de inserción de alumnos.
Consideramos este anexo pouco realista, xa que na situación económica e empresarial actual, débese poder traballar ao longo do curso na inserción laboral dos alumnos. Comunicar na solicitude as empresas nas que se vai realizar a inserción, os postos e a duración do contrato, representa unha seria limitación para as entidades solicitantes e pouco realista, xa que as empresas non teñen por qué manter ese compromiso. Debería ser unha declaración de intencións, con xustificación posterior do grao de cumprimento, atendendo as alegacións expresadas no artigo 4º.

Cuadraxésimo cuarta.- Disposición Adicional Terceira.
Nesta Disposición Adicional faise referencia á obtención concorrente de subvencións ou axudas “outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais” en coherencia co disposto no apartado 6 do artigo 28º deste proxecto normativo.

Cuadraxésimo quinta.- Disposición Adicional Cuarta.
Este Comité considera que as organizacións sindicais e empresariais máis representativas deben participar na determinación dos criterios de elaboración do Anexo IV e presentar as propostas de especialidades a incluír nel.
ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda compartindo a lóxica excepción da concorrencia competitiva, consideran que se debería realizar unha fiscalización eficaz sobre a que entidades se lles concede e en que condicións.

Segunda.- Artigo 5º. Procedemento.
En relación coa consideración específica unánime oitava, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (programación de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras desempregadas) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.

Terceira.- Artigo 8º. Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 4, sobre a Licenza municipal de apertura recóllese que “No seu defecto este documento poderá ser substituído por unha declaración responsable do seu representante legal na que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición”.
As organizacións sindicais que fan parte deste Comité, consideran que para cumprimentar o disposto no Decreto de Rexistro de Centros e a normativa en materia de Actividades Económicas, non se pode permitir operar aos centros de formación cunha simple declaración responsable do seu representante legal sobre a idoneidade. Por iso, propoñen substituir a redacción aludida pola seguinte: “No seu defecto, este documento poderá ser substituído pola copia da solicitude de licenza municipal de apertura, en trámite de concesión, coa obriga de presentar a licenza de apertura no intre en que se lle outorgue”.


Cuarta.- Artigo 18º. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 1 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o aboamento do anticipo deberá constituír unha garantía a favor da Consellería a través dun seguro de caución ou outras formas de aval, as organizacións sindicais deste Consello consideran que este debería esixirse só para as entidades lucrativas.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E SINDICATO NACIONAL DE CC.OO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira. Artigo 5º.- Procedemento.
Estas organizacións consideran que a valoración da experiencia na impartición das accións debería ter en conta o caso dos certificados de máis recente aprobación e, polo tanto, de menor percorrido no que a experiencia se refire, para deste xeito evitar que se xeren diferenzas na puntuación atribuíbles a outras circunstancias.

Segunda. Artigo 43º.- Persoas destinatarias da formación.
Este artigo relaciona os colectivos que terán preferencia para a participación nos cursos, sinalando no seu apartado 3 que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións.

Estas organizacións propoñen que se aclare se a citada porcentaxe inclúe aos traballadores autónomos e, de non ser así, que se inclúan.






ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira. Artigo 2º.- Vías de programación.
O último parágrafo deste artigo exclúe a posibilidade de presentar solicitude de subvención por máis dunha vía de programación.

A Confederación Intersidical Galega e a Cofederación de Empresarios de Galicia consideran que se debe eliminar esa limitación, xa que as entidades poden decidir presentar accións formativas en varías vías atendendo á súa especificidade e mesmo poden ser complementarias.

Por outra banda, queren chamar a atención sobre o feito de que non se motiva suficientemente tal restrición.

Segunda. Artigo 4º.- Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 3 deste precepto establece que: “para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, dúas edicións dunha mesma especialidade”.

A Confederación Intersidical Galega e a Cofederación de Empresarios de Galicia propoñen a supresión do devandito apartado xa que impón unha limitación sen xustificación algunha do alcance desta medida.

Terceira. Artigo 8º.- Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 3 deste artigo limita a un máximo de dúas as accións formativas que pode solicitar cada entidade pola vía de programación dos convenios de colaboración.

Estas organizacións consideran que debería suprimirse esa previsión xa que limita a oferta formativa dun colectivo que presenta maiores dificultades de inserción laboral ou ten necesidade dunha formación máis específica ou mesmo innovadora.

Cuarta. Artigo 31º.- Subcontratación.
As organizacións CEG e CIG, consideran que para evitar situacións discriminatorias entre as distintas entidades beneficiarias das subvencións, deberíase suprimir o redactado que figura no artigo 31 e substituílo polo previsto no artigo 17 para as vías de programación con compromiso de contratación. En definitiva, proponse que se abra a posibilidade de recurrir á subcontratación nas tres vías de programación e non só na vía con compromiso de contratación.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

As centrais sindicais UGT- Galicia e CIG, así como a CEG consideran, respecto do procedemento de presentación de solicitudes e documentación complementaria (artigos 4º, 8º e 12º) que se debería respectar o dereito recoñecido á cidadanía na Lei 30/1992 de Réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo que pode optar entre a presentación telemática e a presentación en papel por rexistro.


ANEXO V

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Primeira. Artigo 5º.- Procedemento.
Regúlanse neste artigo os criterios avaliativos de “Capacidade acreditada da entidade” (Apartado 4.1º, con ata 5 puntos) e a “Metodoloxía innovadora” (Apartado 4.3º, con ata 10 puntos).

A CIG considera que os criterios deben tender a ser o máis obxectivos posibles, para evitar discrecionalidade no outorgamento da puntuación, e que deberían ser coñecidos polas entidades solicitantes os parámetros que poden dar lugar ás diferentes asignacións (Nos casos sinalados, de 1 a 5, ou a 10 puntos), polo que propón que se detallen neste precepto os criterios de aplicación para a asignación concreta de cada puntuación.

Segunda . Artigo 5º.- Procedemento.
No apartado 4.5º valórase a xestión do centro cun máximo de 10 puntos.

Esta organización sindical propón que se recupere a puntuación prevista na orde do exercicio anterior, que outorgaba ata 25 puntos.

Terceira.- Artigo 5º.- Procedemento.
Respecto do apartado 4.6º,  a CIG propón que se manteña a previsión do exercicio anterior, segundo a cal: “Se a especialidade solicitada está incluída no anexo IV e se programa na súa totalidade, outorgaranse 20 puntos”, xa que actualmente se valora con 5 puntos.

Cuarta.- Artigo 28º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
O apartado 3 deste artigo establece que o importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe do módulo que lle corresponda á especialidade.

Esta organización propón a eliminación do modelo proposto para a cuantificación das subvencións destinadas a cada acción formativa, que entendemos desvencellado da realidade, xa que non ten en conta os custos reais que ten cada especialidade formativa en función das súas características e esixencias materiais de execución.

Na práctica pásase dun modelo de financiamento adaptado a cada especialidade, que contaba con 48 niveis económicos distintos segundo as especialidades, a un modelo que contempla dous niveis económicos, 9 e 13 €, que provoca diferenzas de financiamento en relación ao modelo anterior que conleva un encarecemento das accións formativas de entre un 10% e un 70% segundo a especialidade.


Quinta.- Artigo 47º. Módulos transversais.
En relación coa formación en materia de Prevención de Riscos Laborais, a CIG considera que a Consellería de Traballo da Xunta de Galicia debería impulsar a elaboración de Catálogos Formativos nesa materia, para os sectores da Construción e do Metal, dado que as limitacións impostas nos procesos vencellados á obtención das denominadas “Tarxetas Profesionais”, especialmente no primeiro sector mencionado, imposibilitan na práctica a homologación para poder impartir con medios propios estes concretos módulos transversais.

Sexta.- Artigo 48º. Axudas para o alumnado desempregado.
A CIG solicita que o apartado 5.2 c) deste artigo quede redactado como segue: “Que a especialidade formativa se imparta nos centros pertencentes á Consellería de Traballo e Benestar ou que sexa algunha das especialidades formativas incluídas no Anexo IV”.


ANEXO VI

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECIFÍCA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SINDICATO NACIONAL DE CC.OO. DE GALICIA.

Consideración xeral.
Os artigos 4º, 8º e 12º regulan, para cada vía de programación respectivamente, o procedemento de presentación de solicitudes e da documentación complementaria.

Desa regulación resulta que as solicitudes deben presentarse  por medios electrónicos, mentres que se esixe a presentación presencial da documentación complementaria.

O Sindicato Nacional de CC.OO de Galicia propón que a vía telemática sexa a única vía de presentación para toda a documentación.

Consideración específica.

Artigo 37º.- Xustificación dos custos directos.
O Sindicato Nacional de CC.OO de Galicia considera que se debería esixir expresamente, dentro da documentación que se require, o modelo IDC (modelo de xustificación documental da cotización), que na práctica xa se vén esixindo.

ANEXO VII

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA


Primeira.- Artigo 5º. Procedemento.
Respecto á previsión do apartado 1.a deste precepto, a CEG considera que a resolución das entidades que sexan solicitantes e conten con centros acreditados en máis dunha provincia, debería facerse pola Dirección Xeral de Emprego e Formación, en aplicación dos principios de racionalidade administrativa e eficiencia.
Segunda.- Artigo 5º. Procedemento.
O segundo ítem do apartado 4 deste artigo outorga 10 puntos se a especialidade solicitada é conducente á obtención dun novo certificado de profesionalidade, sempre que se programe na súa totalidade.
A CEG entende que esa puntuación é excesiva, xa que non está na liña de fomentar a formación accesible e modular e, ademais, hai que ter en conta que os criterios de acceso do alumnado varían en función dos módulos, polo que dificultará os procesos de selección.
Finalmente o aquí establecido non ten a súa correspondencia cos criterios de preferencia dos colectivos regulados no artigo 43.2, no que o colectivo prioritario é aquel que desexe completar un certificado.
Terceira.- Artigo 5º. Procedemento.
O compromiso de inserción laboral regulado no apartado 4.4º debe ser máis flexible no tempo (duración), xa que dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada. Tamén debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural anterior á solicitude das accións, a inserción por un período mínimo de tres meses, as baixas producidas ao longo do curso por colocación, a inserción de persoas desempregadas que se constitúen como autónomos ou eliminar a esixencia de que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.
Cuarta.- Artigo 5º. Procedemento.
O apartado 4.6º deste artigo avalía con 5 puntos  a solicitude que teña a especialidade solicitada incluída no anexo IV.

A CEG considera que a solicitude debería avaliarse cos citados 5 puntos tamén cando sexa unhas unidades de competencia que formen parte da dita especialidade formativa.

Quinta.- Artigo 47º. Módulos transversais.
A CEG considera que deberían revisarse as materias a impartir nestes módulos, incluíndo outras materias de interese para as persoas destinatarias e os criterios para homologalos, posto que provocan duplicidades de xestión.

Sexta.-Artigo 48º. Axudas para o alumnado desempregado.
A CEG considera que a axuda para o transporte público, recollida no apartado 5.2º, é insuficiente xa que, en moitos casos, non cubrirá o custo dos desprazamentos.

Se o que se pretende é que a formación non teña custo para o alumnado, debería incrementarse para cubrir o custo real, máxime cando o alumnado que vén dun itinerario de inserción si que ten cuberta esta continxencia.

Así mesmo, a CEG propón que nos casos en que o alumnado teña mobilidade reducida e non poida utilizar o transporte público, perciba unha axuda para cubrir a quilometraxe do desprazamento dende o seu domicilio ao centro de formación ou traballo de 0,19 céntimos de euro/km.

Sétima.- Artigo 49º. Dereitos e deberes dos alumnos e das alumnas.
No apartado 5º establécese que: “A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia.

A CEG considera que é necesario aclarar qué se entende  por “calquera outro medio”, en tanto en canto o alumnado debe estar advertido do modo de xustificación das ausencias.

Oitava.- Artigo 51º. Prácticas en empresas.
Polo que se refire ao período de presentación da documentación que se precisa para a realización das prácticas, co motivo de facilitar a participación das empresas na xestión de toda a documentación administrativa que se xera e sobre a cal as entidades beneficiarias dependen de terceiros, a CEG solicita unha redución dos tempos de entrega que se traduza en cinco días hábiles de antelación á data de inicio das prácticas e non os dez días hábiles que se recollen no actual proxecto normativo, tal e como se viña establecendo anteriormente.

Novena.- Artigo 51º. Prácticas en empresas.
No apartado C.2 deste artigo establécese que as empresas deberán comunicar aos representantes legais das persoas traballadoras na empresa unha relación do alumnado que vaia realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

A CEG considera que as entidades non deben establecer os procedementos internos das empresas, co cal serán elas mesmas as que decidan o que nas súas empresas deben comunicar, a quen e como.


Décima.- Artigo 51º. Prácticas en empresas.
A CEG propón que se inclúa a posibilidade de, logo de autorización da Admnistración, ampliar o número de horas das prácticas incluídas no programa formativo das especialidades vencelladas a novos certificados, co obxectivo de facilitar o acceso a unha formación máis completa e aproveitando as oportunidades que as empresas poidan facer.

Décimo primeira.- Anexo IV.
A CEG propón a inclusión das seguintes especialidades no anexo IV, para proporcionar formación específica nestes ámbitos no que a demanda de emprego cualificado das empresas é maior:

SSCE0110 Docencia da formación para o emprego
ADGD0308 Actividades de xestión administrativa
ADGD0108 Xestión contable e xestión administrativa para auditorías
ADGD0208 Xestión integrada de recursos humanos
ADGD0210 Creación e xestión de microempresas
IFCD0110 Confección e publicación de páxinas webs
IFCT0310 Administración de bases de datos
IFCT0109 Seguridade informática

IFCT0609 Programación de sistemas informáticos
FMEC0108 Fábrica e montaxe de instalacións de tubería industrial
FMEC0110 Soldadura con electrodo revestido e TIG
FMEC0210 Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG
FMEC0208 Deseño de caldeiraría e estruturas metálicas
FMEC0309 Deseño na industria naval
FMEC0209 Deseño de tubería industrial

COML0210 Xestión e control do aprovisionamento
COML0309 Organización e xestión de almacéns

SSCS0208 Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
SEAG0211 Xestión ambiental.




ANEXO VIII

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E  SINDICATO NACIONAL DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Artigo 40º. Forma de xustificar a pagamento.
Este precepto regula os distintos soportes que permiten xustificar o pagamento.

As organizacións sindicais que integran o Consello consideran que debería substituírse o parágrafo relativo ao pagamento en efectivo por outro no que se inclúa, como xustificante de pago, os tickets ou facturas  que inclúa o CIF do provedor, tendo en conta a normativa de carácter xeral que existe sobre esta materia.