ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo de xóvenes menores de 30 anos, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 26 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo de xóvenes menores de 30 anos, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31º que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38º dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Segundo a exposición de motivos, un dos colectivos prioritarios como obxectivo de empregrabilidade son os xóvenes que se ven especialmente afectados pola crise económica que se está a vivir e preténdese, con este programa, fomentar o autoemprego entre os xóvenes.


Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido destácanse os seguintes aspectos:

A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas xóvenes desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia (artigo 1º).

O capítulo II regula os distintos tipos de axudas, que inclúen: subvención para iniciativas de autoemprego xuvenil, subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia e subvención financieira.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2014 (artigo 6º) e o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar desde a data de finalización do prazo xeral de presentación de solicitudes (artigo 10º).

As axudas recollidas neste proxecto de orde subvencionaranse cun crédito de 5.000.000 de euros (disposición adicional cuarta).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo de xóvenes menores de 30 anos, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 13 de marzo de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral manifestada polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada polo SN de CCOO de Galicia, UGT- Galicia e a CEG (Anexo I) e o ditame 15/2014 que se xunta en relación á consideración xeral deste ditame.


DITAME 19/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo de xóvenes menores de 30 anos, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 26 de febreiro de 2014, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de marzo de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

O pasado día 5 de marzo, este Comité ditaminou o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014 (ditame núm. 15/2014).

O proxecto de orde que agora se ditamina é substancialmente idéntico, en título e contido, ao proxecto antes mencionado, co único cambio de que este vai destinado en exclusiva ás persoas menores de 30 anos.

Procede, polo tanto, que este Comité se reitere nas consideracións xerais e específicas expresadas no ditame 15/2014, cuxo texto se anexa, tanto no que respecta ás aprobadas unanimemente como aqueloutras postas de manifesto por unha parte das organizacións que integran este organismo.

Como se sinalaba, este Comité entende que resulta superflua a existencia de dúas ordes idénticas, co mesmo obxectivo de promover o emprego autónomo e coa mesma dotación económica que no exercicio 2013, abondando con que na orde anterior se engadise o artigo 4º desta orde destinada a menores de 30 anos.

Finalmente, este Comité chama a atención sobre o erro existente neste proxecto normativo, producido pola inclusión do novo artigo 4º xa que, aínda que os ordinais dos artigos seguintes modificáronse correlativamente dentro do capítulo II, non se tivo en conta esa circunstancia ao pasar ao capítulo III, de sorte que o proxecto inclúe dous artigos distintos identificados como “artigo 6º”.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DOS SINDICATOS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

En relación coa consideración específica non unánime relativa ao artigo 17 do proxecto de orde ditaminado co número 15/2014 (Anexo II) deste Comité, as organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia, así como a CEG, queren completar a redacción da antedita consideración do seguinte xeito:

Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

As citadas organizacións consideran que se debería aclarar o que se entende por “utilización de produtos nacionais en lugar de importados” xa que o concepto “utilización” é indeterminado.

Por outro lado o termo “importación” fai referencia a terceiros países non comunitarios, polo que a utilización de produtos procedentes de países da UE queda fóra das dúas posibilidades aquí referenciadas.

DITAME 15/2014





Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014.




I. ANTECEDENTES

O día 17 de febreiro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


No Título V da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do Traballo Autónomo, dedicado ao fomento e promoción do traballo autónomo, establécese que os poderes públicos adoptarán políticas de fomento do traballo autónomo dirixidas ao establecemento e desenvolvemento de iniciativas económicas e profesionais por conta propia. Na aplicación destas políticas de fomento tenderase ao logro da efectividade da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, e prestarase especial atención aos colectivos de persoas desfavorecidas, entre as que as persoas con discapacidade ocupan un lugar preferente.

Por outra banda, a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia establece no seu artigo 31º que, no marco da consideración como colectivo prioritario, as políticas activas de emprego valorarán as circunstancias das mulleres con especiais dificultades de inserción laboral. Así mesmo, o artigo 38º dispón que o departamento da Administración competente en materia de traballo poderá realizar accións de discriminación positiva dirixidas á equiparación de ambos os sexos no emprego por conta propia, e que nas medidas de fomento de empresariado feminino teranse en conta de xeito preferente as mulleres emprendedoras con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG do 22 de agosto de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 13 de maio de 2013 (Ditame 28/13), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Esíxese, entre os requisitos para poder ser persoa beneficiaria, ter 30 ou máis anos de idade (artigo 2º).

Obsérvase unha minoración na contía das axudas polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia (artigo 4º). Esa redución afecta aos supostos recollidos no apartado 2, letra B deste artigo (a axuda pasa de 7.000 euros a 6.000) e na letra C do mesmo apartado (a axuda pasa de 7.500 euros a 6.500).

O mesmo se observa respecto da subvención financieira no artigo 5º.

No artigo 4º tamén chama a atención a supresión dos apartados que recollían os supostos en que a contía das axudas se incrementaban en 2.000, 4.000 e 3.600 euros segundo o caso, e recolle un novo apartado 3, no que se inclúe un incremento do 10% na contía da axuda cando a persoa física, comunidade de bens ou sociedade civil solicitante teña o seu centro de traballo nas provincias de Lugo ou Ourense.

Entre as obrigas das persoas beneficiarias (artigo 12º) engádese, no apartado a), a de solicitar a alta como persoa autónoma no correspondente réxime de seguridade social ou en mutualidade de colexio profesional no prazo indicado na resolución de concesión.

As axudas recollidas neste proxecto de orde están sometidas ao réxime de mínimis, polo que non poden concederse a empresas pertencentes a determinados sectores. Xa non figuran, no proxecto para 2014, as empresas do sector do carbón pero inclúense dous novos supostos nos apartados c) e e) do artigo 17º: sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas (nos casos recollidos) e axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

En canto ao orzamento, as contías asignadas a estas axudas minóranse en 4.953.362,54 euros respecto do exercicio de 2013 (disposición adicional cuarta).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 5 de marzo de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e dezasete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións non unánimes seguintes: unha xeral manifestada polas organizacións sindicais UGT- Galicia, SN de CCOO de Galicia e a CIG (Anexo I), unha específica manifestada por UGT- Galicia SN de CCOO de Galicia e a CEG (Anexo II) e cinco específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo III).












DITAME 15/2014






En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2014, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de febreiro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de marzo de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Neste exercicio 2014, a Orde de promoción do emprego autónomo dividiuse en dúas ordes prácticamente idénticas: unha para persoas de trinta ou máis anos de idade (a que agora se ditamina) e outra para persoas xóvenes menores de trinta anos, que se ditaminará o próximo día trece de marzo. Os recursos orzamentarios adicados á promoción do emprego autónomo son aproximadamente os mesmos que no exercicio anterior, que agora se dividen, reservando 5.000.000 € para a segunda das ditas ordes.

Este Comité entende que resulta superflua a existencia de dúas ordes idénticas e co mesmo obxectivo de promover o emprego autónomo. Abondaría con que na Orde que hoxe ditaminamos se engadise o artigo 4 da destinada a menores de 30 anos.

Segunda.
No proxecto de orde  para o exercicio de 2013 elimináronse catro das seis liñas de axuda recollidas na orde do exercicio anterior: a subvención para asistencia técnica, a axuda excepcional, a subvención para formación e a subvención pola primeira contratación indefinida, aínda que esta última é obxecto dunha orde independente.

Este Comité considera que, sobre todo, as dúas primeiras axudas mencionadas contribuían dun xeito moi importante á posta en marcha dos negocios das persoas autónomas, ao suplir os problemas de liquidez iniciais.

Por iso, proponse que as liñas de axuda eliminadas sexan recuperadas ou, subsidiariamente, que os créditos que se lles viñan asignando se destinen ás liñas subsistentes, agás a parte correspondente á subvención pola contratación indefinida que conta xa co seu propio financiamento.

Terceira.
Este Comité propón que a orde reguladora destas axudas sexa tramitada no último trimestre do exercicio inmediatamente anterior ao que se subvenciona, de xeito que poida publicarse ao inicio do mes de xaneiro e garantir así que o programa permaneza vixente todo o ano. Subsidiariamente, proponse que o programa teña carácter plurianual e unicamente sexa obxecto de publicación anual a convocatoria de axudas.

Por outro lado, considérase que a concatenación dos prazos fixados neste proxecto de orde para a presentación de solicitudes (artigo 6º) e para a súa resolución (artigo 10º) dá lugar a unha demora excesiva, habida conta de que non se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, polo que se propón que se establezan prazos máis flexibles para evitar que a vixencia das axudas que se regulan neste proxecto de orde, poida quedar limitada a un período demasiado breve.
En consecuencia co anterior, proponse que o prazo para resolver e notificar a resolución sexa de tres meses en lugar dos cinco que establece o apartado 2 do artigo 10º.

Cuarta.
A estatísta da execución da Orde precedente no exercicio 2013 remitida a este Comité, recibiuse incompleta, sinalando só as solicitudes presentadas, número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes e “resoltas-nº de expedientes”.

Como este Comité ten insistido en diversas ocasións, os datos que ao Consello Galego de Relacións Laborais interesa coñecer, a efectos de avaliar o impacto real do programa correspondente, son os seguintes:
a) Nº de solicitudes presentadas.
b) Nº de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes.
c) Nº de expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.
d) Nº de persoas traballadoras afectadas polo expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.

Ao abeiro do Artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, de 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais (teor literal: Solicitar e recibir dos órganos competentes da Administración autonómica e de calquera outra institución da comunidade autónoma canta información precise para o desempeño das súas funcións), este Comité solicita que a información estatística conteña, como mínimo, os catro datos antes sinalados.

Quinta.
Obsérvase que no texto do proxecto normativo figuran algunhas incorreccións puntuais en materia de xénero, en particular o uso do masculino xenérico (por exemplo, “os socios” no artigo 2º.2 ou “desempregado” nos artigos 4º.2.A e 5º.2.A).

Tendo isto en conta, proponse unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, DE CARÁCTER UNÁNIME, DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 1 deste artigo establece que poderán ser beneficiarias das axudas as persoas desempregadas sempre que cumpran unha serie de requisitos.

Este Comité propón a supresión do termo “desempregadas” para posibilitar o acceso ás subvencións reguladas no proxecto normativo daquelas persoas que queiran mellorar a súa situación ocupacional a través deste programa de axudas.

Segunda.- Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
O apartado 2 deste artigo exclúe das axudas reguladas no proxecto normativo “os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e autónomos colaboradores”.

Este Comité considera que debe aclararse o alcance do termo “autónomos colaboradores” para os efectos desta orde.

Terceira.- Artigo 3º. Definicións.
Na orde do exercicio 2010, no número VI do apartado 1 deste artigo, definíase o concepto de persoa responsable dunha familia monoparental e con cargas familiares, facendo unha referencia ao salario mínimo interprofesional.

Este Comité solicita que se inclúa novamente esta definición no proxecto normativo e, así mesmo, tendo en conta que, para recoñecer o subsidio por desemprego, a Lei xeral da Seguridade Social esixe non superar o 75% da contía do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de pagas extras, este Comité considera que debería clarificarse se no concepto de salario mínimo interprofesional empregado na orde obxecto deste ditame debe incluírse ou non o rateo de pagas extras.

Cuarta.- Artigo 3º. Definicións.
No apartado 3 deste artigo establécese unha clasificación con letras, entre as que figuran a letra j) e a letra k).

Este Comité considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas seguintes que corresponden.

Igual consideración formúlase para o artigo 12º.

Quinta.- Artigo 4º. Subvención polo establecemento como persoa traballadora autónoma ou por conta propia.
Segundo o apartado 3 deste precepto, a contía da axuda incrementarase nun 10% cando a persoa física, comunidade de bens ou sociedade civil teña o seu centro de traballo nun concello das provincias de Lugo ou Ourense.

Este Comité considera que sería máis eficiente vencellar ese incremento ao número de habitantes dun concello (por exemplo, a concellos con menos de 20.000 habitantes) que á súa pertenza a unha determinada provincia.

Sexta.- Artigo 5º. Subvención financeira.
No terceiro parágrafo do apartado 1 deste artigo faise referencia a que os préstamos deben formalizarse entre os tres meses anteriores ao inicio da actividade e o 30 de setembro de 2014.

Este Comité considera que o disposto neste parágrafo entra en colisión co prazo estipulado no apartado 1 do artigo 1º (desde o 1 de outubro de 2013 ata o 30 de setembro de 2014), xa que non se subvencionaría a alta dun autónomo ou autónoma posterior a esa data, pero si a solicitude dunha subvención financeira para a posta en marcha do proxecto empresarial, polo que se propón a modificación desta disposición.


Sétima.-  Artigo 7º. Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa interesada de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Oitava.- Artigo 7º. Autorizacións.
Este Comité observa o emprego dun estilo directo no apartado 5 deste artigo coa redacción “infórmase de que os datos persoais recollidos na súa solicitude...” para facer referencia ao artigo 5º da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Proponse a supresión dos termos “infórmase de que” e “súa”.

Novena.- Artigo 11º. Xustificación e pagamento.
No apartado 4 deste artigo establécese que os xustificantes de pagamento deben ser bancarios.

Este Comité entende que tal requisito non debería esixirse xa que supón unha limitación, especialmente no suposto de pagamentos de pequena contía ou con determinados provedores, nos que esta fórmula de pagamento non resulta operativa.

Décima.- Artigo 11º. Xustificación e pagamento.
O apartado 8 deste precepto establece que as persoas beneficiarias deben presentar a documentación xustificativa do pagamento no prazo que fixe a resolución de concesión, que non poderá exceder de 15 días hábiles. Na orde para o exercicio de 2012 prevíase a posibilidade excepcional de prorrogar o devandito prazo noutros 15 días hábiles, inciso que xa non figura no actual proxecto.

Este Comité propón que se recupere esa posibilidade de prórroga.

Décimo primeira.- Artigo 13º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 1 deste artigo e no artigo 14º, indícase que “...illadamente ou en concorrencia coas concedidas.... ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debe substituírse por “estatais”.

Décimo segunda.- Artigo 15º. Revogación e reintegro.
No apartado 5 deste precepto regúlase a cancelación e a amortización parcial do préstamo como suposto de incumprimento total, empregando unha redacción que resulta confusa, polo que se propón unha aclaración do que se considera incumprimento por amortización parcial e por cancelación.

Décimo terceira.-Artigo 17º. Réxime das axudas.
Este artigo comeza numerando o primeiro parágrafo como apartado 1.

Este Comité propón que se elimine esa numeración, xa que o precepto carece de máis apartados.

Décimo cuarta.-Artigo 17º. Réxime das axudas.
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra d), as axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación e, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

Este Comité considera incorrecta a inclusión destas axudas neste apartado, dado que non constitúen un sector, e propón que se recollan estes supostos nun parágrafo separado.

Décimo quinta.-Artigo 17º. Réxime das axudas.
Na letra a) deste precepto faise referencia ao Regulamento  (CE) nº 104/2000 do Consello.

Trátase dunha norma que foi derrogada polo Regulamento (UE) 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os Regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello e se derroga o Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello, polo que se propón a corrección no texto do proxecto de orde.

Décimo sexta.- Disposicións Adicionais.
Obsérvase que as cinco disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións derradeiras [sic].

Décimo sétima.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras [sic].que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.


ANEXO I

CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA

Consideración xeral.
En relación coa consideración xeral unánime primeira deste ditame, as organizacións sindicais queren engadir que a esta curiosa situación só lle atopamos xeito na recente aprobación dun denominado “Plan de Emprego Xuvenil dotado con 100 millóns ata 2015” polo consello da Xunta de Galicia do día 20 de febreiro de 2014, no que se incluia  a “novidade” desta orde entre dezanove medidas.

Consideramos, por unha parte, que tería sido oportuno que ese Plan fora obxecto de ditame por parte do Consello Galego de Relacións Laborais, ou cando menos, que o Plan fora consultado a este organismo ou ás organizacións sindicais e empresarial que o conforman.

Por outro lado, resulta rechamante que un Plan sobre unha materia tan sensible como é a necesidade de ofrecer oportunidades de emprego á mocidade desempregada, se nutra detraendo os recursos económicos de programas preexistentes nos que, por outra banda e neste caso, poderían ter perfecta acollida, alén razóns basicamente propagandísticas, as iniciativas de autoemprego de persoas mozas, tal e como estaba configurado o programa en exercicios anteriores.



ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 17º. Réxime das axudas
Neste artigo establécense os sectores aos que non poderá concedérselles estas axudas, incluíndose, na letra e), as axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

As citadas organizacións consideran que se debería aclarar o significado deste apartado, xa que a redacción é confusa e indeterminada.

ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira. – Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
A CEG propón que a posibilidade de beneficiarse desta axuda se faga extensible a aquelas persoas que desempeñen un traballo por conta allea inferior a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, sempre que cumpran os requisitos de acceso esixidos no proxecto normativo.

Segunda. – Artigo 2º. Persoas beneficiarias.
No apartado 2 deste artigo establécese que quedan excluídos deste programa os socios de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que existe un agravio comparativo para os socios de sociedades mercantís, incluídas as unipersoais, posto que as referidas persoas cotizan tamén ao réxime de autónomos da Seguridade Social e, non obstante, non poden optar a ningunha axuda, considerando que deben ser beneficiarias das axudas deste programa en iguais condicións que os traballadores e traballadoras autónomas ou por conta propia.

Terceira. Artigo 3º. Definicións.
No segundo parágrafo do apartado 1. VII deste artigo establécese que non se terán en conta os investimentos realizados .... agás aqueles debidamente acreditados que sexan imprescindibles para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debería especificarse na orde que se entende por “investimentos imprescindibles”.

Cuarta. - Artigo 5º. Subvención financeira.
Segundo o apartado 1 deste artigo, parágrafo segundo, non se admitirán a efectos da súa xustificación, a adquisición de bens usados agás nos casos de traspaso de negocios.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera acertada tal exclusión, pois o investimento en material novo ao comezo da actividade pode resultar nalgunhas circunstancias un esforzo económico excesivamente custoso.

Quinta. – Disposición adicional cuarta.
A concesión das axudas non deben someterse ao criterio de prioridade na data de presentación, Debe articularse  un sistema de reparto de fondos que non penalice ás persoas que, cumprindo os requisitos, deciden comezar a súa actividade dentro do prazo fixado no proxecto de orde (cara ao final) e garantir, así, a igualdade no seu acceso.