ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/14

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2014.

I. ANTECEDENTES

O día 8 de abril de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2014, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que, baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.
Os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade convócanse estas subvencións como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Á vista do borrador remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 5 de maio de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 5 de abril de 2013 (Ditame 21/13), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:
En relación co obxecto e finalidade da convocatoria (art.1) elimínase o programa específico destinado ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Constátase unha nova redución na contía total asignada para o financiamento deste programa (artigo 2.1) pasando dos 8.600.000 € da convocatoria do 2013 a 1.000.000 € para o 2014 e suprímese a distribución provincial de créditos que figuraba na convocatoria do 2013.

Engádese un novo apartado ao artigo 3.2  no sentido de que  non poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin aquelas que non presentasen a documentación xustificativa en relación co cofinanciamento das axudas polo Fondo Social Europeo, correspondente á subvención de exercicios anteriores.

En canto aos requisitos das obras ou servizos a subvencionar (art. 4.f), modifícanse as duracións e as porcentaxes; así se dispón que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos non superará os tres meses desde a súa data de inicio (seis meses na convocatoria do 2013), cando a xornada sexa a tempo completo. No caso de contratacións a tempo parcial, ata o 50 por cen (fronte ao 75 da convocatoria anterior) e que dita duración máxima poderá estenderse ata os seis meses (antes doce).
No apartado de contía da subvención (art. 5), elimínase o apartado b) relativo ao incentivo da mobilidade xeográfica ao suprimirse o programa específico relativo a inserción laboral das mulleres vítimas de violencia de xénero.

Dáselle unha nova redacción ao apartado segundo do artigo relativo a presentación de solicitudes (art. 6), para clarexar o seu contido, e no apartado 4 (antes 5) se inclúe a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar como órgano de referencia de cara a exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición. No apartado 5 (antes 6) deste mesmo artigo 6, elíminase a referencia ao programa de mulleres vítimas de violencia de xénero, posto que se suprime.

No artigo  relativo á documentación (art. 7), elimínase a letra f relativa a declaración de obrigas coa UE (Anexo III). Na letra a) do apartado 2 deste artigo, engádese o requisito especifico de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

No tocante ao procedemento, nas preferencias de selección (art.8.4), modifícanse as puntuacións e as actividades; deste xeito os servizos personalizados pasan de ter 30 puntos a 20. En protección civil, suprímese a valoración aos concellos que non dispoñan de servizos de emerxencias e, nos servizos de ocio e culturais, engádense novas tecnoloxías.

Resulta afectada a puntuación máxima que pasa de 150 puntos a 145 ao eliminarse a valoración polo emprego da lingua galega nos proxectos, que pasa de ser valorado só como criterio en caso de empate de solicitudes (apartado 5).

Suprímense tamén os apartados 6 e 7 do art. 8 relativos á puntuación final das solicitudes de obras ou servizos presentadas conxuntamente e fusión de concellos.

Polo que se refire a resolución (art. 9), redúcese o prazo recollido no apartado 2 do artigo, pasando de seis a cinco meses, incluíndose no mesmo apartado unha referencia ao artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (silencio administrativo negativo).

Neste artigo obsérvase un erro, o manterse o apartado 4, relativo á determinación da contía da subvención correspondente ao incentivo á mobilidade xeográfica das beneficiarias do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, suprimido na convocatoria do 2014. Este mesmo erro reitérase no apartado 2 do art. 13.

No artigo relativo aos requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras (art. 10), elimínase a referencia aos organismos das administracións públicas distintas da local e universidades.

En relación coa modalidade de contratación, substitúese a referencia ao “contrato de duración determinada de interese social” pola de “contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social” (art. 11, apartados 1 e 4.b). Non obstante, mantense a denominación anterior no art. 13.1.a), ao referirse aos contratos de traballo de duración determinada.

No apartado 4 do dito artigo 11, relativo á obriga de comunicar os contratos de traballo suscritos á oficina de emprego, inclúese agora a posibilidade -só para as empresas de menos de cinco traballadores- de comunicalo por escrito e non soamente a través da aplicación informática CONTRAT@.

No artigo 13, relativo a xustificación e pagamento, elimínase a necesidade de presentación do certificado expedido pola entidade bancaria de titularidade da conta do beneficiario. E inclúese como apartado d) unha declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, nin ser debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Polo que se refire ao cofinaciamento polo FSE (art. 15), no apartado 2.II, engádese a referencia aos artigos 14 e 15 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e na letra c) de dito parágrafo, substitúese o Modelo TC-1 por “recibo de liquidación de cotizacións”. Ademais, engádese a necesidade de presentación dun “Extracto bancario (orixinal ou copia compulsada) xustificativo do ingreso do importe da subvención concedida” e “Documentación acreditativa do mantemento do sistema de contabilidade separada”.

Finalmente e polo que se refire as disposicións adicionais e finais, elimínanse as referencias á “conselleira” e á “directora xeral” (adicional segunda)e substitúense por “persoa titular” e “persoa responsable”, non obstante, na adicional terceira, segue aparecendo “directora xeral de...”.

De xeito inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo Comité.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2013” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 21 de abril de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e dez consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración específica de carácter non unánime, manifestada pola CIG (anexo II).



DITAME 20/14



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2014”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de abril de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de abril de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.

Este Comité observa que no texto do proxecto normativo aínda persisten algunhas incorreccións en materia de linguaxe de xénero (por exemplo, título do artigo 14º), polo que propón que se revise cara unha axeitada utilización da linguaxe, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Recoméndase revisar, así mesmo, a definición dos cargos públicos, que debe ser neutra (por exemplo, na disposición adicional terceira segue a empregarse “directora xeral” en lugar de “persoa titular da dirección xeral”). Igualmente, en lugar de empregar a expresión “persoa responsable” deberíase utilizar “persoa titular”.


Segunda.

Este Comité bota en falta que este proxecto normativo non se acompañe dunha explicación que argumente a razón da supresión do programa específico destinado ás mulleres vítimas de violencia de xénero.


Terceira.

A información estatística achegada co texto do proxecto normativo non se axusta ao que ten solicitado este Comité, que son os seguintes datos:

- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.








CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4º.- Requisitos das obras e servizos.
O apartado 1.f) deste artigo establece como requisito unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O apartado 3 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Terceira.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O parágrafo final do apartado 1 deste artigo fai referencia a un incremento do importe da contía da subvención no caso de que as contratacións se realicen conxuntamente.  

Este Comité considera que debería clarificarse a expresión “conxuntamente”, coa finalidade de non conducir a interpretacións erróneas.

Cuarta.- Artigo 8º. Procedemento.
No apartado 5 deste artigo valórase o emprego da lingua galega só como criterio auxiliar, para outorgar prioridade no caso de empate nas puntuacións obtidas polas solicitudes presentadas en aplicación dos criterios de preferencia establecidos no apartado 4 do dito artigo.

Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.

Este Comité propón que o emprego da lingua galega se valore no apartado 4 deste artigo 8º.



Quinta.- Artigo 8º. Procedemento.
Séguese a empregar a letra “j” na enumeración do apartado 4, letra que non forma parte do alfabeto galego.

Este Comité solicita a súa substitución pola seguinte que corresponda.

Sexta.- Artigo 9º. Resolución.
Este Comité valora a redución de prazo para resolver as solicitudes, pero entende que o prazo de cinco meses establecido segue a ser excesivo, polo que propón que se reduza a tres meses.

Sétima.- Artigo 9º. Resolución.
No apartado 4 deste artigo, ao igual que no apartado 2 do artigo 13, séguese a manter a referencia ao programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, cando este programa non figura xa no proxecto normativo sometido a ditame.

Este Comité propón que a redacción destes apartados sexa coherente co establecido no artigo 1º do proxecto normativo.

Oitava.- Artigo10º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
No apartado 5, letra a) deste artigo establécese a preferencia do colectivo de mulleres que acrediten a condición de vítimas de violencia.

Este Comité considera que debería substituirse a expresión “mulleres vítimas de violencia” pola de “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.

Novena.- Artigo 13º. Xustificación e pagamento.
Na letra a) do apartado 1 deste artigo, en relación coa modalidade de contratación, séguese a manter a referencia ao “contrato de duración determinada de interese social” cando neste proxecto normativo foi substituído polo “contrato de traballo temporal coas cláusulas específicas de traballos de interese social”, como figura no artigo 11, apartados 1 e 4.b.

Este Comité considera que debería corrixirse a redacción en canto á modalidade de contrato que ten que ser utilizada segundo o artigo 11º deste proxecto de orde.

Décima.- Artigo 15º. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2, número II, letra c), puntos segundo e cuarto, figura como obriga a presentación de orixinais ou copias compulsadas da documentación que se cita.

Este Comité considera que tamén se debería recoller a posibilidade da presentación de copias cotexadas, como así se fai no artigo 13.1.b).

ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA.

Consideración xeral:
Neste proxecto de orde obsérvase, en relación co proxecto para o exercicio de 2012, unha drástica minoración nos créditos asignados, que pasan de 45.132.082 € a 1.000.000 €.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que son conscientes de que a vía dos programas de cooperación non é a que ten que sustentar os servizos públicos que se prestan dende as entidades locais nin os empregos públicos, consideran que este recorte implicará unha redución da subvención á minima expresión en ambas as dúas áreas.



Consideración específica: Artigo 8º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica cuarta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:

A Administración explica a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.







ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG.

En relación coa disposición adicional terceira do proxecto normativo que se somete a ditame, considérase que a frase “As que poidan emanar do Diálogo Social e Institucional de Galicia” é superflua e está fora de lugar nunha norma xurídica.