ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro, do Ministerio de Emprego e Seguridade Social polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema de Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas.

I. ANTECEDENTES.

O día 7 de maio de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se ditan normas de con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto  3/2014, do 10 de xaneiro, do Ministerio de Emprego e Seguridade Social polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema de Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas. e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As axudas reguladas no proxecto normativo que se somete a ditame teñen por obxecto o establecemento, para a Comunidade Autónoma de Galicia, de normas de carácter permanente para a xestión do procedemento das axudas previstas no citado Real decreto 3/2014, do 10 de xaneiro. As ditas axudas están destinadas a facilitar unha cobertura económica a persoas traballadoras próximas á idade de xubilación para atender situacións de urxencia e necesidade socio laboral e, ao mesmo tempo, a paliar as consecuencias sociais derivadas dos procesos de reestruturación de empresas que puidesen levar consigo o cesamento total ou parcial da actividade destas ou contribúan ao mantemento do emprego.

Á vista do borrador agora remitido e da anterior regulación contida na Orde do 12 de xuño de 2008 (DOG 20 de xuño de 2008) e do ditame emitido polo Consello con data do 8 de maio de 2008, obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polos axentes sociais no Ditame 26/08.

O proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto da Orde do 12 de xuño de 2008:

Neste proxecto de orde non se regula a convocatoria de axudas para este exercicio, soamente establécense as normas de procedemento para a súa xestión.

No artigo 2º, relativo a concesión das axudas, engádese un número 3, que dispón que as axudas se outorgarán en réxime de concesión directa e se remite aos artigos 36 a 40 do Regulamento da  da Lei 30/1992, de 13 de xuño,  de subvencións de Galicia.

Modifícase a denominación do artigo relativo ao procedemento (anteriormente  art. 6, solicitudes e documentación, agora art. 3 “procedemento para o recoñecemento das persoas traballadoras potencialmente beneficiarias da axuda”). Engádese a este artigo un novo suposto



no número 2, para o caso das persoas traballadoras despedidas en virtude do artigo 51 do Estatuto dos Traballadores.

O prazo máximo para resolver previsto no número 5 do art. 4º redúcese de tres a dous meses.

Engádese unha nova regulación para a presentación electrónica das solicitudes no artigo 5º, que pasa a ser o xeito preferente de presentación das solicitudes e da documentación.

O órgano instrutor encargado da tramitación dos expedientes e a formulación das propostas de resolución xa non é o Servizo de Relacións Laborais da delegación provincial da Consellería de Traballo correspondente e pasa a ser a subdirección xeral competente en materia de traballo da citada Consellería (art.6º).
  
No relativo ao financiamento destas axudas, engádese un novo apartado (4 ) ao artigo 8º, no que se prevé que a participación da empresa poderá superar a porcentaxe do 60% establecida no apartado 1, sempre que exista conformidade previa dela. Respecto ao financiamento da parte correspondente á Administración da Comunidade Autónoma (art 8º, apartado 2), ademais da referencia aos orzamentos xerais do Estado para cada ano, engádese que é a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais a que establecerá os criterios obxectivos para a súa distribución territorial, polo que este financiamento terá a consideración de fondos finalistas.

Engádese un artigo 9º relativo a achega da Administración, no que se establece que a Consellería de Traballo e Benestar  porá os fondos públicos necesarios para o aboamento das axudas a dispor da Tesourería Xeral da Seguridade Social, unha vez que este organismo comunique a súa conformidade coa achega e coas garantías prestadas pola empresa.

Modifícase o establecido no artigo 10º, relativo ao pagamento da axuda e réxime de xustificación e control, posto que a dirección xeral competente en materia de traballo expresará o número de anualidades (ata catro) nas que van a realizarse as achegas pública e empresarial.

Inclúese unha disposición derrogatoria única pola que se derroga a Orde do 12 de xuño de 2008.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a
xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto  3/2014, do 10 de xaneiro, do Ministerio de Emprego e Seguridade Social polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema de Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas” consta de: Exposición de motivos, dez artigos, disposición adicional única, disposición derrogatoria única e unha disposición derradeira.

O día 21 de maio de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexo, unha consideración específica de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.





DITAME 22/2014


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se ditan, con carácter permanente, normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Real decreto  3/2014, do 10 de xaneiro, do Ministerio de Emprego e Seguridade Social polo que se establecen as normas especiais para a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema de Seguridade Social, a persoas traballadoras afectadas por procesos de reestruturación de empresas, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de maio de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de maio de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.
En aplicación do artigo 3º, apartado 2, letra g), da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, este organismo está facultado para “solicitar e recibir dos órganos competentes da Administración autonómica e de calquera outra institución da comunidade autónoma canta información precise para o desempeño das súas funcións”.

Polo exposto, este Comité solicita que, co envío das normas a ditaminar, ademais das correspondentes memorias, se acompañe información estatística, naqueles casos en que como este, se trate de normas destinadas a renovar outras promulgadas coas mesmas finalidades en exercicios anteriores.

Así, para ditaminar axeitadamente os contidos deste proxecto de orde, na medida en que se trata dunha norma que ten antecedentes nas anteriores de contido semellante que tiñan vixencia para os pasados exercicios, sería conveniente ter recibido da Consellería información dos resultados da aplicación das normas precedentes nos exercicios anuais xa pechados, que exprese cando menos o número de solicitudes e o número de contratos de traballo por elas afectados e que indique tamén as solicitudes resoltas en sentido favorable, total ou parcialmente, e as rexeitadas, para poder calibrar co apropiado coñecemento de causa o alcance e efectos da norma, e poder avaliar convenientemente as posibilidades de suxerir modificacións e reformas que puideran mellorar o cumprimento dos obxectivos da nova orde.


Segunda.
En relación co réxime de concesión das axudas reguladas neste proxecto normativo,  este Comité considera que o procedemento que se establece é excesivamente complexo e repetitivo, polo que, de cara a garantir a súa celeridade e eficacia, se debería simplificar, particularmente, no que se refire a solicitudes e prazos de xestión.

Por isto, e dentro das competencias da Comunidade Autónoma e o marco normativo básico estatal, proponse que a Xunta de Galicia, a través das canles de cooperación institucional oportunas, inste ao Goberno do Estado a modificar a normativa  básica  de cara a flexibilizar os procedementos de recoñecemento das persoas traballadoras potencialmente beneficiarias e de concesión da axuda, que se recollen nos artigos 3º e 4º deste proxecto normativo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:


Primeira.- Artigo 2º.  Réxime de concesión destas axudas.
No apartado 2 deste artigo establécese a normativa de aplicación. Non obstante, este Comité considera que debería incluírse  unha referencia xenérica a este proxecto de orde, así como ao Regulamento de subvencións, polo que proponse a seguinte redacción:  

“2. As solicitudes e a súa tramitación e concesión axustaranse, ademais de ao disposto nesta orde, ao que se dispón na Lei 30/1992 ........, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, de 21 de xullo, polo que se aproba  o seu Regulamento.”

Obsérvase, no apartado 4 deste artigo, un erro de concordancia onde di “A parte das axudas .... imputaranse” debería dicir “imputarase”.

Segunda.- Artigo 3º. Procedemento para o recoñecemento das persoas traballadoras potencialmente beneficiarias da axuda.
Obsérvase un erro no apartado 2 deste artigo e onde di “a solicitude presentara a empresa ...” debería dicir “ a solicitude presentaraa a empresa ...” ou mellor, “a solicitude presentarase pola empresa ....”. Así mesmo, en lugar de citar dúas veces o Estatuto dos Traballadores neste apartado 2 e na letra b) do apartado 3, este Comité propón simplificar a súa redacción e que en lugar do Estatuto se faga referencia á “antedita norma”.

Finalmente este Comité suxire que na letra e) do apartado 3 deste artigo se especifique que “a representación das persoas traballadoras” é a “representación legal das persoas traballadoras”.

Terceira.- Artigos 3º e 4º. Procedemento para o recoñecemento das persoas traballadoras potencialmente beneficiarias e procedemento para a concesión da axuda.
No  apartado 7 do artigo 3º e no apartado 5 do artigo 4º disponse que transcorrido o prazo máximo para resolver sen terse notificada a resolución, entenderase desestimada a solicitude de concesión da axuda.

Este Comité considera que a Administración debe resolver expresamente o procedemento, sobre todo cando a resolución contén a denegación da axuda, e isto non só por eficacia e seguridade xurídica, senón tamén en consonancia co establecido ao longo da Orde cando se esixe anticipación de achegas dinerarias ás persoas traballadoras potencialmente beneficiarias.

Cuarta.- Artigo 8º. Financiamento.
Segundo o establecido neste artigo, o financiamento das axudas e das cotizacións á Seguridade Social corresponderalle nun 60% á empresa solicitante e o 40% restante con cargo á aplicación orzamentaria correspondente da consellería competente en materia de traballo.

Deberíase considerar a posibilidade de aplicar unha fórmula distributiva dese financiamento máis equilibrada e reducir a porcentaxe que lle correspondería pagar á empresa en función da súa situación económica.

Polo exposto, este Comité propón á Xunta de Galicia que, a través das canles de cooperación institucional oportunas, inste ao Goberno do Estado a modificar a normativa básica, de cara a flexibilizar as porcentaxes establecidas no Real Decreto 3/2014, do 10 de xaneiro.




Quinta .- Artigo 9º. Achega da Administración e Artigo 10º. Pagamento da axuda e réxime de xustificación e control.
O artigo 13º do Real Decreto 3/2014, do 10 de xaneiro fai referencia ao xeito en que se deben ingresar as achegas que lle corresponde sufragar ás empresas solicitantes: en tantas anualidades como anos permanezan as persoas traballadoras percibindo as axudas, cun máximo de catro.

Este Comité considera que sería máis axeitado establecer un fraccionamento de tal achega, polo que solicita á Xunta de Galicia que, a través das canles de cooperación institucional oportunas, inste ao Goberno do Estado a modificar a regulación da materia e que se flexibilicen os prazos de fraccionamento para posibilitar ingresos trimestrais ou semestrais por parte das empresas beneficiarias.

Sexta.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que neste proxecto normativo, a diferenza doutros, as disposicións derradeiras (sic) non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción a expresión “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.

Proponse tamén que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.





































ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira. - Artigo 4º.- Solicitudes e documentación.

No apartado 3. a) esíxese un documento no que se recolla o compromiso da empresa de anticiparlles ás persoas traballadoras as axudas previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas, se transcorridos tres meses dende a súa concesión non se fixeran efectivas por causas imputables á empresa.

Para dotar á Orde dunha maior seguridade xurídica na interpretación do disposto nesta letra a), habería que, a título exemplificativo, establecer unha relación aberta das posibles causas imputables á empresa que puideran dar lugar á anticipación das axudas recoñecidas á persoa traballadora.