ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/14

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 12 de maio de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o que remite o proxecto de decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2015 e solicita o seu ditame preceptivo para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do decreto publicado no DOG o día 8 de agosto de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 10 de xullo de 2013 (Ditame 35/2013), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo presenta como novidade máis salientable o traslado de dous festivos ao día seguinte, posto que no ano 2015 é domingo o 1 de novembro (Todos os Santos) e o 6 de decembro (Día da Constitución) e pasan a ser festivos os días 20 de marzo (venres, día seguinte a San Xosé)  e 2 de novembro (luns, día seguinte a Todos os Santos).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e dúas disposicións derradeiras.




O día 21 de maio de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén, como anexos, unha consideración xeral e dúas específicas de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CC.OO. e CIG (anexo I) e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma de carácter non unánime manifestadas polas organizacións sindicais SN de CC.OO. e CIG (Anexo II).







DITAME 23/2014





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia no calendario laboral para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de maio de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de maio de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:











CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.


Primeira.- Artigo 2º. Festas locais.
Se temos en conta que as festas locais son escollidas e propostas polo órgano municipal competente, este Comité suxire unha mellor redacción para este artigo:

“Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos Traballadores, artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e artigo 1.11º do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación oficial determinarase pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Traballo e Benestar en cada unha das provincias da comunidade autónoma, nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia”.


Segunda.- Disposicións derradeiras [sic].
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións finais”, antes de enunciar cada unha delas.

















ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA, UGT-GALICIA E CIG.

Consideración xeral

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia, UGT- Galicia e CIG fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de manobra para poder fixar as súas festas, respectando, de ser o caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda optar por outras festas de carácter cívico ou laico.


Consideracións específicas.

Artigo 1º. Festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.
A diferenza do establecido no Decreto do exercicio 2011, no artigo 1º deste proxecto normativo obsérvase que tan só se relacionan as festas laborais propias da Comunidade Autónoma.

As organizacións sindicais consideran que o obxecto deste proxecto de decreto é determinar o calendario laboral do ano 2015, polo que se solicita que se manteña a redacción do Decreto de 2011 e que se incorporen as datas das festas laborais de carácter retribuído e non recuperable fixadas desde o ámbito estatal, con indicación da posibilidade da súa modificación, se fora o caso.

Artigo 1º. Festas laborais propias da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.
Neste artigo figura como festa laboral propia da Comunidade Autónoma de Galicia o 20 de marzo, día seguinte a San Xosé.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debería establecerse como festivo con carácter retribuído e non recuperable o día 24 de xuño, en lugar do 20 de marzo, por ser esa unha data de fondo arraigamento na cultura popular galega.



ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E CIG.

Primeira.

Seguindo coa liña argumental de anos precedentes e tendo en conta que o Parlamento Galego aprobou o día 9 de marzo de 2006 “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuír a traer pacificamente a democracia”,  estas dúas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.

Proponse o cambio legal da denominación da festa do 25 de xullo, que figura no artigo 1º deste proxecto normativo como “Día Nacional de Galicia”, para que pase a designarse como “Día da Patria Galega”.