ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/14

Ditame sobre o anteproxecto de decreto polo que se institúen os Premios RSE Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 7 de agosto de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo anteproxecto de decreto polo que se institúen os Premios de Responsabilidade social Empresarial (RSE) Galicia e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Trátase dun proxecto normativo polo que se crean uns premios destinados a recoñecer publicamente a aquelas empresas que nas súas políticas e sistemas de xestión, implanten e poñan en funcionamento os principios e prácticas de responsabilidade social empresarial. Estes premios RSE Galicia teñen carácter honorífico e carecen de dotación económica.

A convocatoria terá unha periodicidade anual e contará con catro modalidades ou recoñecementos nos ámbitos social, ambiental, económico e da conciliación laboral, familiar e persoal.

Asemade contará con tres categorías segundo as empresas sexan pequenas, medianas ou grandes.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Anteproxecto de decreto polo que se institúen os Premios RSE Galicia” consta de: Exposición de motivos, nove artigos e dúas disposicións derradeiras.

O día 3 de setembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e sete específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.


Contén, como anexo, unha consideración xeral de carácter non unánime sobre a valoración da norma manifestada polas organizacións sindicais UGT- Galicia e SN de CC.OO. e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).






DITAME 24/2014





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se se institúen os Premios RSE Galicia, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de agosto de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de setembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.
Este Comité considera recomendable que existan dúas modalidades de premios e que haxa unha primeira de carácter xeral, cun premio á excelencia en materia de Responsabilidade Social Empresarial para aquelas entidades nas que a súa actividade empresarial poida considerarse como un exemplo integral nesta materia e, unha segunda modalidade para recoñecer publicamente o labor desenvolvido polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos laboral-económico, ambiental e de acción social.



Segunda.
Este Comité observa que a denominación dos premios como “Premios RSE Galicia” non é coherente coa denominación que figura no Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial (2012-2014).

Terceira.-
Este Comité considera que, para a súa mellor comprensión, a denominación RSE Galicia debería transcribirse como Responsabilidade Social Empresarial Galicia, polo que propón a súa substitución ao longo do proxecto normativo.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.- Exposición de Motivos.
O Comité bota en falta a referencia a que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e entende que así debe constar no proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 3º. Participantes.
No apartado 2 deste artigo establécese que “Non poderán participar as entidades sen ánimo de lucro”. Este Comité considera que o termo “ participar” non é axeitado, polo que o referido apartado 2 debería substituirse polo seguinte texto:

“2. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro”.

Terceira.- Artigo 4º. Modalidades.
Ademais de facer notar a contradición existente no enunciado artigo ao referirse a tres modalidades e logo regular catro, este Comité propón que, ademáis da de carácter xeral que se cita na consideración xeral primeira deste ditame, se establezan tres modalidades ou recoñecementos, por considerar que os premios deberían ir enfocados ao ámbito interno da empresa, á súa acción social e a súa relación co contorno natural.

Polo exposto, as modalidades que figuran no referido artigo 4 deberían denominarse:
a) Laboral- económico, b) Medio ambiental e c) De acción social.

Asi mesmo, este Comité propón que en cada orde anual de convocatoria dos premios se concreten os aspectos en cada unha das modalidades que se establezan.

Cuarta.- Artigo 5º. Categorías.
Este Comité considera que as tres categorías que figuran neste artigo deberían recollerse sen a referencia a 1ª, 2ª e 3ª e relacionar as categorías ordenándoas con guións, para evitar que poda interpretarse como unha clasificación xerárquica.


Quinta.- Artigo 6º. Xurado.
Este Comité propón que, no apartado 1 deste artigo, se inclúan como membros do Xurado as organizacións sindicais e empresariais mais representativas en Galicia.

Sexta.- Artigo 8º. Características dos premios.
No parecer deste Comité sería conveniente prever algún mecanismo administrativo para revisar a distinción a aquelas entidades que tivesen comportamentos contraditorios co carácter do premio, con posterioridade ao seu outorgamento.

Séptima.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Así mesmo obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as dúas disposicións derradeiras [sic] non aparecen encaixadas baixo un título común.






























ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E UGT-GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG).

As organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN.de CC.OO. de Galicia e máis a CEG propoñen incluír no segundo parágrafo da exposición de motivos a referencia ao Acordo a prol da Responsabilidade Social Empresarial en Galicia, polo que propón incluir a seguinte redacción neste segundo parágrafo:

“A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, no seu interese por promover e difundir o concepto da responsabilidade social e empresarial, de conformidade co establecido no Acordo a prol da Responsabilidade Social Empresarial en Galicia, asinado o abeiro do proceso de diálogo social en Galicia o 5 de febreiro de 2007 dentro do Acordo sobre un novo marco de relacións laborais en Galicia, así como no previsto no Plan Estratéxico Galego de Responsabilidade Social Empresarial (2012-2014) ...”.