ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se modifica o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego.

I. ANTECEDENTES
O día 5 de setembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se modifica a orde pola que se se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A orde que se modifica, publicada no  DOG núm. 75, do 21 de abril, foi obxecto do ditame 6/2014 do Comité, emitido en data 19 de febreiro de 2014.  Segundo se reflicte na exposición de motivos da orde de modificación, por mor de comunicación realizada polo Servizo Público de Emprego Estatal do Ministerio de Emprego e Seguridade Social as subvencións do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego, poderán estar cofinanciadas nunha porcentaxe de ata o 80%, polo Fondo Social Europeo (FSE) para as rexións do obxectivo de converxencia, a través do Programa Operativo Plurirrexional de Adaptabilidade e Emprego número 2007ES05UPO001, aprobado con data 14 de decembro de 2007 para o período 2007-2013, no eixo 2, tema prioritario 66.

O dar adecuada publicidade a este cofinanciamento do FSE e as obrigas que comporta, é polo que se modifica a orde antedita.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Engádese un novo artigo 19 no que se inclúe a normativa comunitaria aplicable o pasar a financiarse as subvencións recollidas nesta orde polo FSE ata unha porcentaxe do 80%. Así mesmo recóllense as obrigas derivadas deste cofinanciamento ademais das xerais recollidas na orde que se modifica.
Os cambios neste novo artigo 19 non afectan aos prazos establecidos na orde que se modifica para a presentación de solicitudes nin tampouco afecta ao resto do seu articulado.

De xeito inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se modifica a orde pola que se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2014, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego” consta de: Exposición de motivos, dous artigos e unha disposición derradeira.


O día 12 de setembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.




DITAME 25/2014





En relación coa solicitude de pola que se modifica a orde pola que se se establecen as bases reguladoras da subvención do custo salarial para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o período do 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015, dentro do programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de de setembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de setembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.
Este Comité manifesta a súa preocupación sobre esta modificación da orde de de 8.04.2014 xa que podería afectar ás condicións de acceso e ás esixencias de execución, así como aos criterios de financiamento das axudas, polo que considera que en futuras normas se debería ter en conta isto e establecerse integramente as bases reguladoras de cada convocatoria, prevéndose nela, de ser o caso, a posibilidade de financiamento polo Fondo social Europeo (FSE).




Segunda.
Este Comité chama a atención sobre o feito de que pode resultar de imposible cumprimento con efectos retroactivos, a obriga de información que se menciona no último parágrafo da letra c) do apartado 2 do artigo 19, así como na letra a) do seu apartado 3.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS.

Primeira.- Artigo 1. Apartado 2.
O Comité propón que se modifique a redacción do apartado 2º do artigo 19º pola seguinte: onde se di “recollidas no artigo 13 da orde, as seguintes:” por “recollidas no seu artigo 13, as seguintes”, co obxecto de clarificar a redacción.

Segunda.- Artigo 1. Apartado 2 b).
Este Comité propón modificar a redacción deste precepto para unha maior seguridade xurídica e que se estableza un prazo concreto que sexa o suficientemente amplo para asegurar o cumprimento do previsto nos Regulamentos comunitarios.

Terceira.- Artigo 1. Apartado 3 b).
O Comité propón que a posibilidade de xuntar unha breve descrición sobre a sistemática de contabilización dos gastos, recollida neste apartado, se elimine por superflua ou ben, subsidiariamente, se faga constar como obrigatoria.

Cuarta.- Artigo 2.
Este Comité considera que debería constar no texto do artigo que a orde á que se fai alusión é a do 8 de abril de 2014.

Por outra parte, consíderase que sería tecnicamente máis correcto identificar este precepto como “disposición adicional” e denominar o artigo 1 do proxecto normativo como “Artigo único”.

Quinta. Disposición derradeira (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figura unha disposición derradeira que debería denominarse “disposición final” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.