ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento.

I. ANTECEDENTES

O día 16 de setembro de 2014 recibiuse no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional para o emprego ten entre as súas finalidades proporcionarlles ás persoas traballadoras, especialmente ás ocupadas, a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual da persoa traballadora.

O Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, ten como obxecto ofrecer ás persoas traballadoras, tanto ocupadas como desempregadas, unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda aos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas e as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal dos traballadores, de forma que os capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego.
Entre as iniciativas que recolle este real decreto figuran os plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas, que son obxecto de regulación nesta orde de convocatoria.

A Orden TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o dito Real Decreto, desenvolve a formación de oferta co obxectivo de integrar e dar un tratamento coherente e unitario a toda a formación de oferta dirixida ao conxunto dos traballadores, ocupados e desempregados, e regula as bases que deben rexer a concesión de subvencións públicas destinadas a financiar dita formación polas diferentes Administracións Públicas no seu ámbito de xestión.

As axudas previstas no proxecto de orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e pola Administración Xeral do Estado e están incluídas no Programa Operativo Plurirrexional  “Adaptabilidade e Emprego”, imputables ao novo período de programación dos fondos estruturais 2007-2013.

Á vista do borrador agora remitido, e tendo en conta o texto da mesma Orde publicado no DOG o 7 de outubro de 2013 e o Ditame 31/2013, emitido polo Consello con datas 12 e 21 de xuño de 2013, obsérvanse que se tiveron en conta dúas consideracións manifestadas polos sindicatos e a CEG.

Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Inclúese, no actual proxecto de orde, un novo apartado (artigo 4º) que dispón que se consideran accións formativas vinculadas ás áreas prioritarias aquelas cuxos contidos se correspondan na súa totalidade con: internacionalización da empresa, emprendemento, innovación, desenvolvemento tecnolóxico dos procesos produtivos , loxística e eficiencia enerxética. Así mesmo, consideraranse accións formativas prioritarias as dirixidas á obtención dos certificados de profesionalidade relacionados no anexo III da orde. No caso das accións formativas dirixidas a obtención dos ditos certificados, só se poderán impartir na modalidade presencial.

Para o suposto de Plans de formación intersectoriais, o apartado 1º A.a) do artigo 5º, exclúe agora as persoas traballadoras asalariadas que presten servizos en empresas ou entidades públicas incluídas no ámbito de aplicación dos acordos de formación nas administracións públicas. O apartado 2 establece, por outra parte que “O persoal pertencente ás entidades beneficiarias, así como ás entidades subcontratadas e provedoras poderá participar nos plans de formación previstos nesta convocatoria, cun límite máximo dun 10% do total dos participantes do plan”.

En materia de selección do alumnado, o art. 6º apartado 2.d) inclúe unha nova previsión que dispón “Ao inicio da acción formativa, as entidades beneficiarias comunicarán á Dirección Xeral de Emprego e Formación, a través da aplicación informática a relación de persoas desempregadas participantes co obxecto de que, se procede, se suspenda a demanda a tavés do procedemento previsto entre o Servizo Público de Ëmprego Estatal cos Servizos Públicos de emprego das comunidades autónomas”.

No artigo 8º inclúese unha nova disposición nas axudas de transporte, mínorase o importe da axuda para o suposto de transporte público interurbano que pasa de 6€ a 5€ e se regulan axudas de manutención e aloxamento. Engádese tamén un novo apartado 5.8 neste artigo sobre as obrigas da entidade beneficiaria.

No apartado 5 do artigo 23 limítase a posibilidade de subcontratar as accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria ata un 50% por unha soa vez, e ademais engádese a condición de que a contratación se realizará de acordo coas condicións normais do mercado.  

En canto ás obrigas das entidades beneficiarias (art. 24º), inclúense novas esixencias relativas á autorización da persoa traballadora para o emprego dos seus datos persoais, remisión de controis, contabilidade das transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, informe individualizado de progresos do alumnado e remisión de acta de avaliación no caso dos cursos de novos certificados de profesionalidade.

Para o caso das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, o artigo 26º
dispón no seu apartado 2º de maiores esixencias en materia de seguimento e control.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais, dúas disposicións finais e sete anexos.


O día 24 de setembro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións xerais e dezanove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime seguintes: unha xeral manifestada pola CIG (anexo I), cinco específicas manifestadas pola CEG (anexo II) e dúas específicas manifestadas pola organización sindical UGT-Galicia e e a CEG (anexo III).

`DITAME 26/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se aproba a convocatoria de subvencións para o financiamento de plans de formación dirixidos prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas mediante a subscrición de convenios de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/718/2008, de 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de setembro de 2014, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de setembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que a administración laboral debe ter en conta o relevante papel que o sistema de formación para o emprego asigna aos axentes sociais representativos, como elemento esencial e central na xestión da formación para persoas traballadoras en activo, á hora de retornar en forma de acción formativa os fondos de formación profesional para o emprego ás persoas traballadoras e ás empresas que previamente os cotizaron.

Sería necesario que por parte da administración competente se habilitaran os fondos precisos para poder financiar a formación necesaria a nivel intersectorial e sectorial, coma en exercicios anteriores, xa que os citados fondos teñen carácter finalista (cuestión que mesmo foi sinalada polo Tribunal Constitucional na sentenza 244/2012) e proveñen, maioritariamente, das cotizacións empresariais e das persoas traballadoras.

En consecuencia, este Comité insta á Consellería de Traballo e á Xunta de Galicia á convocatoria de plans de formación sectoriais, cun reparto equilibrado dos fondos de formación profesional para o emprego considerando o seu carácter finalista, polo que non poden ser destinados a outros recursos que non sexan a súa aplicación a través das organizacións sindicais e empresariais.



Segunda.
Este Comité considera que debería revisarse a guía informativa de plans de formación para adaptala a esta orde nas materias que fora necesario.

Terceira.
O Comité, se ben constata unha mellora na redacción do texto do proxecto normativo no uso da linguaxe en materia de xénero, observa que seguen a utilizarse ao longo da redacción o masculino xenérico e as barras, en expresións non axeitadas, como “traballadores e socios” (artigo 5º.1.C), “traballadores e autónomos” (art. 8º.5.1), “dos/as alumnos/as” (artigos 6º2.c, 8º. 2) e “traballadores/as” (art. 9º a). Respecto ao uso das barras, debe terse en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Cuarta.
Este Comité considera oportuna a eliminación en toda a norma da referencia a “convenios de ámbito autonómico”, que figura incluso no título do proxecto normativo, dada a desaparición da tipoloxía de convenio.

Quinta.
Este Comité entende que, toda vez que no artigo 4º, apartado 6, se elimina a posibilidade de impartición na modalidade de teleformación de accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, deberían eliminarse os requisitos para esta modalidade que figuran ao longo do proxecto, por exemplo no artigo 13º.

Sexta.
En relación coas disposicións deste proxecto normativo que reiteran ao longo do procedemento a presentación por parte da persoa beneficiaria de documentos que xa figuran en poder da Administración (artigo 24º, apartados 3 e 4), este Comité entende que tal requirimento é contraditorio co disposto na Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, que no seu artigo 39 f) dispón que a cidadanía ten dereito a non presentar documentos que xa se encontren en poder da administración actuante

Sétima.
Este Comité bota en falta no proxecto normativo a regulación da solicitude de anticipos e solicita que se lle informe dos motivos da súa supresión.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-Exposición de motivos.
En relación co financiamento das axudas que se convocan neste proxecto normativo, establécese na exposición de motivos que “poderán cofinanciarse polo Fondo Social Europeo”. Este Comité entende que se debería especificar na convocatoria cal é o financiamento, en aras do principio de seguridade xurídica, pois o marco normativo pode variar sensiblemente de levar financiamento comunitario así como as obrigas que ese financiamento conleva para as entidades executoras.

Segunda.-Artigo 3º. Prazo de execución dos plans de formación.
Este Comité considera que se debería permitir ás entidades poder xustificar os seus gastos á finalización da totalidade do plan formativo e non en atención aos períodos sinalados neste artigo, en tanto en canto o período de execución comprende a totalidade do plan.

Terceira.-Artigo 4º. Accións formativas.
En relación co previsto nos apartados 2 e 3 deste precepto sobre módulos transversais, este Comité propón que, nos casos en que o alumnado dunha acción formativa estea exento da realización dos ditos módulos, o orzamento previsto a estes efectos se poida reprogramar pola entidade impartidora.

Cuarta.-Artigo 4º. Accións formativas.
No apartado 5 deste precepto sinálase que, como norma xeral, os módulos transversais deberán impartirse ao final da acción formativa.

Este Comité considera que esta esixencia debería referirse soamente á formación a través da modalidade presencial, polo que habería que especificalo no dito apartado 5.

Quinta. -Artigo 5º. Participación das persoas traballadoras.
O termo “deberán” que figura no primeiro parágrafo do apartado 3 deste artigo é taxativo. Isto unido a que este Comité considera que non debería establecerse un mínimo de persoas desempregadas participantes, lévao a propoñer a substitución do disposto no dito parágrafo pola seguinte redacción : “En todos os plans de formación poderán participar as persoas traballadoras desempregadas, cun límite máximo dun 40 % do total de participantes de cada plan. O número total de horas de participación das  persoas traballadoras desempregadas non poderá superar o 40% das horas totais do plan de formación ”.

Sexta.-Artigo 6º. Selección de alumnado.
O apartado 1 deste precepto establece que a convocatoria pública que poderán realizar as entidades beneficiarias deberá publicarse en domingo.

Este Comité considera que a obrigatoriedade de publicar en domingo non é garantía de maior impacto, polo que propón que se permita a publicación en calquera día da semana.
Sétima.-Artigo 7º. Dereitos e deberes do alumnado.
No apartado 3 deste artigo establécense os requisitos para a obtención do diploma. Obsérvase que non consta, na modalidade presencial, en que apartado se inclúen os módulos optativos (sensibilización ambiental e alfabetización informática), polo que se descoñece como se vai computar o 75% de tempo de aproveitamento.

Oitava.-Artigo 7º. Dereitos e deberes do alumnado.
Segundo o apartado 6 deste precepto, o alumnado que resulte seleccionado para un curso non poderá asistir, en ningún caso, a outro curso simultáneo.

Este Comité propón que se elimine esta prohibición ante a imposibilidade pola entidade impartidora de exercer un control ao respecto.

Novena.- Artigo 16. Criterios de valoración.
No apartado 2.b.2) deste artigo o Comité propón substituir a expresión “nas especialidades formativas” por “na familia profesional”, co obxectivo de impulsar a renovación da oferta formativa.

Décima.-Artigo 18º. Módulos económicos máximos.
Este Comité observa que se consolida a redución na contía dos módulos máximos operada no exercicio anterior e que, neste exercicio, se agrava cunha nova redución de 1 € por particpante e hora na modalidade de teleformación, o que prexudicará a calidade das accións formativas, polo que propón que se recuperen os módulos económicos do exercicio de 2012.

Décimo primeira.-Artigo 18º. Módulos económicos máximos.
O apartado 2 deste artigo recolle que, excepcionalmente, poderá autorizarse un incremento de ata un 50% do módulo económico superior da modalidade presencial de formación.

Este Comité considera que se debería aclarar ou exemplificar que accións formativas poden ter carácter excepcional e que, polo tanto, serían susceptibles de acollerse a un incremento.

Décimo segunda.-Artigo 19º. Resolución.
O Comité propón unificar os prazos das dúas reconfiguracións que se prevén neste artigo a un mes, xa que, polas características das accións, moitas teñen poucas horas de formación, polo que o prazo de 1 mes antes do remate sería suficiente e permitiría ás entidades mellorar a execución do plan.

Décimo terceira.-Artigo 20º. Custos financiables e criterios de imputación.
Este Comité considera que se deberían incluír de forma explícita entre os custos financiables, ademais dos relativos ao persoal, aqueles que están directamente relacionados  coa actividade formativa, tales como telefonía, conexión a internet, auditorías, mantemento e os relativos ao equipamento informático, así como outros custos asociados, por tratarse de gastos imprescindibles para a execución do plan.


Décimo cuarta.-Artigo 20. Custos financiables e criterios de imputación.
No último parágrafo do apartado 3.c) deste artigo prevése que a suma dos custos asociados do plan non poderá superar o 10 % dos custos da actividade formativa. Este Comité entende que dito límite debería ser establecido no 25% para poder atender os gastos estruturais reais das entidades beneficiarias, o que posibilitará, ao mesmo tempo, ofrecer unha formación de calidade.

Décimo quinta.-Artigo 21º. Pagamento e liquidación das subvencións.
O apartado 1 deste precepto establece os casos nos que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución firme de procedencia de reintegro.

Este Comité considera que debería especificarse que se trata dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, que xa se esgotou a posibilidade de recurrila en via xurisdicional ou mediante recurso extraordinario de revisión e que se adapte ao establecido no art. 60.4  do Regulamento da Lei de Subvencións (Decreto 11/2009).


Décimo sexta.-Artigo 21º. Pagamento e liquidación das subvencións.
O apartado 6 deste precepto prevé a posibilidade de anticipar ata o 25% do total do orzamento de gastos do convenio.

Este Comité considera que esa porcentaxe fai practicamente inviable a execución dos plans de formacion nas condicións reguladas, polo que debería aplicarse o sistema de pagamento que se establece na orde estatal no seu artigo 19 ou articular os anticipos como noutras comunidades autónomas que chegan ao 100%.

En consecuencia, este Comité entende que debería ampliarse a porcentaxe de anticipo ata acadar o 100%, sendo como son fondos finalistas e non trasladar ás entidades beneficiarias problemas de tesouraría e sobrecustos para poder financiar as accións.

Subsidiariamente, considérase que o proxecto de orde obxecto de ditame debería recoller elementos de flexibilidade para facilitar a xustificación das subvencións, en tanto non sexa restablecido o anticipo do 80% dos fondos concedidos ou ben se determine un sistema de garantía e aval para que as entidades xestoras da formación poidan acceder ao crédito sen que isto lles supoña asumir maiores custos financeiros. Como elementos de flexibilidade, suxírense os seguintes:

1.Mediante excepcións á norma xeral do anticipo do 25% para a formación profesional para o emprego.

2.Formalizar acordos coas entidades bancarias que permitan o crédito ás entidades beneficiarias mediante avais brandos.




Décimo sétima.- Artigo 23. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
Neste artigo recóllese no apartado 5 unha modificación con respecto a redacción do ano anterior que implica a limitación da subcontratación da “acción formativa” ata un 50 % mentres que na convocatoria da anualidade anterior era dun 100%.

Este Comité considera mais axeitada de cara á boa execución do plan de formación a porcentaxe anteriormente establecida e seguir mantendo a posibilidade de subcontratación de ata o 100% das accións formativas, dadas as características das entidades beneficiarias deste proxecto normativo e as modificacións que se veñen producindo nos últimos anos, como a rebaixa da porcentaxe destinada a atender os custos asociados ou a rebaixa do módulo de teleformación.

Polo exposto, este Comité propón que se manteña a porcentaxe de ata o 100% de exercicios pasados e a substitución do termo “acción formativa” por “plan de formación” en coherencia coa normativa en materia de subvencións.

Décimo oitava.- Artigo 23. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
O número 6 deste artigo dispón que as facturas que emita a empresa subcontratista deberán conter unha desagregación suficiente, soportada documentalmente. Este  Comité entende que debería aclararse o soporte documental que neste artigo se está a requirir.

Décimo novena.- Artigo 23. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
O apartado 9 deste artigo recolle no terceiro parágrafo a posibilidade, para o cálculo do segundo rateo, de desviacións do 20 % do número de alumnado orzamentado.

Este Comité propón que se recupere a porcentaxe do 30% establecida na orde do exercicio pasado, dado que a entidade xa ten compromisos e custos que serían de imposible recuperación.






















ANEXO I



CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA:

A Confederación Intersindical Galega (CIG) entende que, vistos os datos de desemprego do noso país, así como a saída masiva de mozos e mozas ao estranxeiro en busca de oportunidades laborais, a política de investimento en formación para o emprego tería que experimentar un xiro radical, para o que resulta absolutamente imprescindible elevar o volume de recursos. O proxecto normativo obxecto deste ditame vai en sentido diametralmente oposto a esta necesidade, pois consolida a redución de máis dun 80% dos fondos, que se realizou no pasado ano 2012 respecto do exercicio anterior.

A CIG considera, por outra parte, que a Xunta de Galicia debería implementar as medidas necesarias para corrixir as continuas dilacións no pagamento dos fondos concedidos, dilacións que están a crear moi serias dificultades de xestión económica ás entidades xestoras de formación beneficiarias, obrigadas ao endebedamento e á asunción de déficits.






















ANEXO II


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º. Accións formativas.
A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) considera que debería revisarse a obrigatoriedade da realización de módulos transversais que obedecen a unha recomendación do FSE así como o módulo de igualdade, xa que na maior parte dos casos os alumnos xa os cursaron polo que o custo formativo asociado a estes queda infrautilizado e, dadas as circunstancias, todos os recursos son necesarios.

Segunda.- Artigo 6 º. Selección do alumnado.
A CEG solicita que, no punto 2 deste artigo, se inclúan no proceso de sondaxe do SPEG aquelas persoas que cumprindo os requisitos requiridos manifesten o seu interese por participar explicitamente ante o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) ou ante as entidades formadoras.

Terceira.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.
No punto 3 deste artigo se establece que “De conformidade co establecido no artigo 8.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tamén terán a condición de beneficiarios: a) Os membros asociados o beneficiario principal que se comprometan a executar a totalidade ou parte da actividade en que se fundamenta a concesión da subvención en nome e por conta do mesmo (…). En todo caso o pagamento da subvención efectuaráse ao beneficiario principal”.

A atribución da consideración de beneficiarios aos membros asociados implica, a todos os efectos, igualdade de condicións na execución das accións e, polo tanto, poderán recibir directamente as contías que teñan comprometido executar en virtude do compromiso asinado no anexo VI. Pola mema razón non procede diferenciar o beneficiario principal do resto de beneficiarios, por iso solicitamos a eliminación na orde desta referencia do pagamento ao beneficiario principal.

Cuarta.- Artigo 10º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.

Coa finalidade de circunscribir as entidades beneficiarias ás que teñen recoñecida a súa representatividade no ámbito da participación institucional, proponse engadir no punto 1. A) deste artigo o seguinte:

“E atendendo ao criterio da participación institucional, de acordo coa Lei 17/2008, de 29 de decembro, de participación institucional  das organización sindicais e empresariais máis representativas de Galicia”.



Quinta.-Artigo 23. Instrucións de xustificación de custos e liquidación.
No apartado 5 deste artigo prevese a subcontratación por calquera beneficiario cunha entidade vinculada ao mesmo.

A CEG propón que se elimine o requisito de autorización previa do órgano concedente, xa que no artigo 12, relativo á documentación que acompaña á solicitude, xa se pon en coñecemento da administración información detallada, na que se inclúe “Relación de entidades a subcontratar, coas que estea previsto que se executen a totalidade ou parte do plan de formación, con indicación no seu caso, das que estean vinculadas á entidade beneficiaria aportando o método seguido para a selección das mesmas, e xustificación da súa solvencia técnica e eficiencia económica”.
































ANEXO III


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL UGT-GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.-Artigo 4º. Accións formativas.
Este artigo, no seu apartado 2, esixe ao alumnado a realización duns módulos agás que acredite documentalmente estar en posesión dun diploma  oficial que acredite a súa formación en materia de igualdade.

A organización sindical UGT-Galicia e a CEG entenden que debería aclararse no articulado ou, no seu defecto, na guía informativa que é o que se considera "diploma oficial" e os termos en que se vai realizar a validación dos módulos. Para iso, proponse adoptar a redacción establecida no art. 33º da Lei 2/2007 do traballo en igualdade de Galicia: "O alumnado deberá realizar o dito módulo agás que acredite documentalmente ter realizado formación en materia de igualdade de duración igual ou superior ás horas que debe realizar (…) ".

Segunda.-Artigo 4º. Accións formativas.
Segundo o apartado 4 deste precepto: “ O alumnado que teña xa cursado algún destes módulos da Dirección Xeral de Emprego e Formación, non poderá volver a realizalo”.

A organización sindical UGT-Galicia e a CEG consideran que as entidades de formación non dispoñen de mecanismos que lles permitan contrastar a exención aquí considerada, polo que debería explicarse como se lles pode esixir.