ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/14

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se crea a Comisión Tripartita Galega para a inaplicación de convenios colectivos e se regula o seu funcionamento.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de setembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se crea a Comisión Tripartita Galega para a inaplicación de convenios colectivos e se regula o seu funcionamento e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores, establece que cando  concorran na empresa causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, e non se chegue a un acordo entre a empresa e as persoas representantes dos traballadores e traballadoras para deixar de aplicar as condicións de traballo pactadas en convenios colectivos de sector ou de empresa, as discrepancias xurdidas poderán someterse á Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos ou aos órganos correspondentes das comunidades autónomas.

Por medio deste proxecto normativo a Comunidade Autónoma de Galicia quere dotarse dun marco propio de decisión, A Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, para os centros de traballo das empresas situados no territorio da Comunidade Autónoma no que se corresponsabilicen os axentes sociais galegos xunto coa Administración laboral autonómica e, que terá a súa  sede no Consello Galego de Relacións Laborais, por ser este un ente de diálogo entre sindicatos e asociacións empresariais, configurado como tal pola citada Lei 5/2008, do 23 de maio de 2008.

A Comisión Tripartita Galega se configura como  órgano de carácter colexiado, dos previstos na Lei 16/2010, do 17 decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, decisorio e de composición tripartita, integrado por representantes de recoñecido prestixio en materia de relacións laborais, da Administración pública autonómica, e das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia,  que non ten carácter de órgano de participación institucional e que terá as seguintes funcións decisorias:

A) Adoptar o acordo e resolver, o conflito suscitado cando, seguindo o procedemento previsto no artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores concorran na empresa causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, non se chegue a un acordo entre a empresa e as persoas representantes dos traballadores e traballadoras para deixar de aplicar as condicións de traballo pactadas en convenios colectivos de sector ou de empresa, sempre que só afecten a centros de traballo situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

B) Adoptar o acordo de designar a unha persoa que arbitrará sobre como se vai a resolver a discrepancia xurdida entre a empresa e a representación das persoas traballadoras, en canto á non aplicación das condicións de traballo pactadas nos convenios colectivos referidos anteriormente, se a resolución de desacordo se leva a cabo polo procedemento de designación arbitral regulado neste decreto.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se crea a Comisión Tripartita Galega para a inaplicación de convenios colectivos e se regula o seu funcionamento e solicitando” consta de: tres capítulos que conteñen dezaoito artigos, catro disposicións adicionais e tres derradeiras.

O capítulo I, baixo a denominación de Disposicións xerais, integra tres artigos que establecen cal é o obxecto do decreto e regulan o relativo á natureza e réxime xurídico do órgano que se crea e as súas funcións.

O capítulo II consta de dúas seccións. Na primeira, que comprende os artigos 4 a 8, defínese a composición e a organización da Comisión, e na Sección segunda, que comprende o artigo 9, establécense as normas de funcionamento en relación coas xuntanzas e adopción de acordos.

O capítulo III, que comprende os artigos 10 a 18, regula a lexitimación para solicitar a actuación da Comisión, o desenvolvemento da actuación decisoria, o inicio do procedemento, a documentación, a tramitación e a resolución no seo da propia Comisión ou mediante arbitraxe, o procedemento para nomear ás persoas que van actuar como árbitros e que deberán estar incluídas nunha lista específica, e a designación da persoa que actuará como árbitro en cada caso.

O día 1 de outubro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e vinte e unha consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, en anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime: dúas específicas manifestadas pola CEG (Anexo I) e unha xeral e outra específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, S.N. CCOO e CIG) (Anexo II)



DITAME 27/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de proxecto de decreto polo que se crea a Comisión Tripartita Galega para a inaplicación de convenios colectivos e se regula o seu funcionamento, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 16 de setembro de 2014, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 1 de outubro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité considera que, consecuentemente co disposto en diversos apartados do proxecto normativo no relativo a que os acordos da Comisión se adoptarán preferentemente por consenso, este deberá poñerse en valor como elemento esencial entre a Administración Pública de Galicia e as organizacións sindicais e empresariais máis representativas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para acordar unha inaplicación dos convenios colectivos, así como para acordar a listaxe de árbitros, posto que no texto figuran, neste último suposto, uns prazos excesivamente ríxidos.

Segunda.
O Comité constata o establecemento de prazos no procedemento regulado por esta disposición que entran en contradición uns con outros ou son de difícil cumprimento, polo que  considera que se debería clarificar o procedemento a seguir, tendo en  conta que non se debería superar o prazo máximo de 25 días establecido no Estatuto dos Traballadores.

Terceira.
Este Comité entende que a redacción sobre os procedementos a seguir no caso de inaplicación dos convenios colectivos é farragosa e mesmo contraditoria ao longo de todo o texto, polo que propón que se aclare.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-Exposición de motivos.
Este Comité considera que a mención que se fai no parágrafo quinto da exposición de motivos ao Consello Galego de Relacións Laborais na Lei 5/2008, de 23 de maio que o regula, debería referirse ao Consello citándoo como ente de diálogo institucional entre os sindicatos e asociacións empresariais máis representativas de Galicia.  

Segunda.-Artigo 4º. Composición.
Este Comité propón modificar a redacción que figura no número 1º deste artigo para as persoas integradas na Comisión Tripartita Galega para a inaplicación de convenios colectivos (CTG) que cualifica como “persoas de recoñecido prestixio en materia de relacións laborais” pola de “persoas significadas en materia de relacións laborais”, característica esta que deberá circunscribirse unicamente aos representantes da Administración Pública de cara a non limitar a designación que corresponde aos axentes sociais.

Terceira.-Artigo 4º. Composición.
En relación á regulación recollida no número 1º deste artigo da composición da CTG como órgano tripartito formado por representantes da consellería con competencia en materia de relacións laborais e das organizacións sindicais e empresariais intersectoriais mais representativas, este Comité, de acordo coa normativa da Organización internacional do Traballo (OIT) que regula a composición de órganos paritarios e a praxe no Estado Español en órganos deste carácter como o consello reitor do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) ou os consellos xerais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e do Servizo Público de Emprego (SPE), considera que o proxecto normativo adopta unha representación máis reforzada da administración que debería corrixirse para equiparar o número de representantes de cada un dos tres grupos.

Cuarta.-Artigo 4º. Composición.
No número 5 deste artigo faise mención, como na Exposición de Motivos, ao Consello Galego de Relacións Laborais por medio de referencia á Lei 5/2008, de 23 de maio, que o regula. Este Comité considera que o proxecto normativo debería referirse ao Consello como o ente de diálogo institucional entre os sindicatos e asociacións empresariais máis representativas de Galicia.

Quinta. –Artigo 4º. Composición.
Este Comité considera que a posibilidade -recollida no punto 7 deste artigo- de asistencia ás deliberacións da CTG de persoas expertas, podería suprimirse por parecer superflua. Subsidiariamente, proponse que se limite o número de persoas expertas que podan asistir as reunións, de cara a garantir a operatividade das súas xuntanzas.
Sexta.- Artigo 4º. Composición
No apartado 8º deste artigo, relativo ao desempeño da Secretaría da CTG, o Comité entende que deberá ser desempeñada pola persoa que ocupe a secretaría do Consello Galego de Relacións Laborais, de acordo co disposto no artigo 10º da Lei 5/2008, de 23 de maio.

Sétima.-Artigo 5º. Presidencia da Comisión.
Este Comité considera que a letra d) deste artigo debería redactarse de novo e adaptalo máis fielmente ás disposicións da Lei de réxime xurídico e do procedemento administrativo común, polo que propón a seguinte redacción “Exercer o seu dereito ao voto e dirimir con este os empates a efectos de adoptar acordos”.

Oitava.- Artigo 5º. Presidencia da Comisión.
A redacción da letra f) deste artigo debería ser mellorada para simplificala, mellorando así a comprensión do disposto nela, polo que o Comité propón a seguinte redacción: “Exercer cantas funcións sexan intrínsecas á titularidade da Presidencia”.

Novena.- Artigo 5º. Presidencia da Comisión.
O Comité propón que as previsións contidas no parágrafo segundo deste artigo para o caso de vacante da Presidencia da CTG, ao ser esta desempeñada pola persoa titular da presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais, deberían ser compatibles co que dispón o artigo 10º 3 h) da Lei 5/2008, de 23 de maio que o regula e, consecuentemente, seguirse os mecanismos previstos na dita lei para os casos de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Presidencia do Consello.

Décima.-Artigo 6º. Secretaría da Comisión.
A redacción da letra e) deste artigo é demasiado redundante, polo que este Comité propón simplificala para mellorar así a súa comprensión, de xeito análogo ao proposto para o artigo 5º f), coa seguinte redacción: “Exercer cantas funcións sexan intrínsecas a titularidade da Secretaría”.

Décimo primeira.-Artigo 7º. Vogais da Comisión.
Este Comité entende que a disposición recollida na letra a) deste artigo é demasiado reiterativa, polo que propón a seguinte redacción alternativa “Coñecer previamente ás reunións a información precisa sobre os temas obxecto delas”.

Décimo segunda.-Artigo 9º. Xuntanzas e adopción de acordos da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación  de Convenios Colectivos”.
En relación co disposto no apartado 1 deste artigo, relativo á convocatoria da Comisión, este Comité propón modificar a súa parte final, e substituír “a petición de quen teña competencia para isto” por “a petición da maioría de calquera das representacións que integran a Comisión”.

Décimo terceira.-Artigo 10º. Lexitimación.
Na letra b) deste artigo existe un erro de concordancia ao final da aliña segunda, onde figura “estes” que debería substituírse por “estas”.


Décimo cuarta.-Artigo 10º. Lexitimación.
Para non obviar na letra b) deste artigo a competencia dos sindicatos mais representativos exercida a través da representación legal das persoas traballadoras, este Comité considera que este apartado debería redactarse reproducindo as disposicións contidas no artigo 41.4 do Estatuto do Traballadores. En consecuencia, propón engadir ao final desta letra b) a seguinte redacción, separada por unha coma: “integrada por traballadores e traballadoras da propia empresa e elixida por estes democraticamente, ou a unha comisión de igual número de compoñentes designados segundo a súa representatividade polos sindicatos mais representativos do sector ao que pertenza a empresa e que estiveran lexitimados para formar parte da Comisión Negociadora do Convenio Colectivo que é de aplicación”.

Décimo quinta.-Artigo 13º. Documentación.
En relación coa solicitude referida no número 1 deste artigo e que figura no anexo I do proxecto de decreto, o Comité entende que debería corrixirse, pois no pé da mesma figura como centro directivo para remitir a solicitude a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social cando, consonte ao disposto no artigo 2º número 2 do proxecto, debería figurar o Consello Galego de Relacións Laborais.

Décimo sexta.-Artigo 14º. Tramitación nos supostos que procede a resolución no propio seo da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos.
O Comité constata que podería producirse unha discordancia entre o disposto no número 2 deste artigo no relativo ao número de veces que a Comisión debería reunirse ao referirse a unha única reunión da Comisión na que se adopta a decisión resolutoria, e o recollido no artigo 9º número 1 do proxecto normativo que sinala que a Comisión se reunirá tantas veces como sexa necesario, polo que este Comité entende que se debería aclarar este extremo.

Décimo séptima.-Artigo 16º. Nomeamento de árbitros.
En relación coa referencia que se fai no número 3 deste artigo ás “organizacións sindicais e empresariais intersectoriais”, este Comité propón a eliminación da expresión “intersectoriais” por reiterarse en demasía ao longo do proxecto normativo.

Décimo oitava.- Artigo 16º. Nomeamento de árbitros.
O Comité propón substituír a expresión contida no número 5 deste artigo de “unha validez“ pola de “unha duración” por ser esta máis adecuada e exacta”.

Décimo novena.- Disposición adicional primeira. Gastos de funcionamento.
Este Comité considera que non resulta claro o réxime regulado de gastos de funcionamento desta Comisión Tripartita, tanto mais cando supón un incremento de funcións e carga de traballo para un ente, o Consello Galego de Relación Laborais, que ten asignados uns orzamentos moi axustados, polo que entende que se debería ampliar a súa dotación nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de cara a garantir un axeitado desempeño das novas competencias atribuídas.



Vixésima.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que neste proxecto normativo, a diferenza doutros, as disposicións adicionais e as derradeiras (sic) non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúan na redacción, respectivamente, as expresións “Disposicións adicionais” e “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.

Vixésimo primeira.-Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.



































ANEXO I


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG):


Primeira.- Artigo 13º. Documentación.
A CEG considera que, para facilitar a súa comprensión, debería aclararse a redacción da letra g) do número 2 deste artigo, polo que propón a seguinte redacción: “Conformidade, de ser o caso, das partes discrepantes sobre o procedemento para a solución desta entre os establecidos no artigo 11.3 e, no caso de optar pola designación dun ou dunha árbitro entre persoas expertas imparciais e independentes, conformidade de ser o caso sobre o seu nomeamento”.


Segunda.- Artigo 18º. Procedemento para a solución de discrepancias, mediante a designación dun ou dunha árbitro.
A CEG considera que no número 2 do artigo 18º debería suprimirse a posibilidade nel prevista de solicitar por parte do árbitro a emisión dun informe da Comisión Tripartita Galega para a Inaplicación de Convenios Colectivos, por resultar redundante con relación ao disposto no punto 1 deste mesmo artigo.






















ANEXO II


CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO.


Consideración xeral.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais chaman a atención sobre a contradición existente entre o disposto no apartado 3 do artigo 11 do proxecto de decreto e a lexislación estatal de aplicación (RD 1362/2012, do 27 de setembro, artigos 19.4 e 23.2 e disposición final primeira), en relación co establecido no artigo 82.3 do Estatuto dos Traballadores, no sentido de atribuir directamente a unha arbitraxe a resolución da falta de acordo respecto dunha inaplicación e non á Comisión creada, tal e como fai a lexislación estatal.


Consideración específica.- Artigo 11º. - Obxecto e requisitos da actuación decisoria.
A referencia ao prazo de 48 horas contido no apartado 3 deste artigo 11º, resulta algo confusa posta en relación co resto dos prazos do procedemento regulado neste proxecto normativo, polo que as organizacións sindicais propoñen mellorar a súa redacción e substituír a frase recollida nas aliñas primeira e segunda do punto 3, onde se di “ a Comisión decidirá, por maioría absoluta dos seus membros, nun prazo de 48 horas” por “Reunida a Comisión, esta decidirá nun prazo máximo de 48 horas” por ser mais correcta esta expresión.