ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/14

Ditame sobre o proxecto de decreto polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

I. ANTECEDENTES

O día 30 de outubro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de decreto polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na actualidade o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) réxese pola Lei 14/2007, do 30 de outubro e polo Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica e funcional.

O proxecto normativo que se somete a ditame dispón a aprobación duns novos estatutos do referido organismo autónomo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Proxecto de decreto polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA)” consta de: un artigo único, catro disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras. Así mesmo ten, en anexo os estatutos do organismo autónomo que constan de sete títulos e cincuenta e sete artigos.

Polo presente proxecto derróganse o Decreto 130/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica e funcional ISSGA, a Orde do 23 de agosto de 2010 pola que se aproba o Regulamento orgánico de funcionamento da Comisión de Goberno do ISSGA e a Orde do 9 de novembro de 2009 pola que se actualiza a composición da Comisión de Goberno ISSGA.

O organismo autónomo defínese no artigo 1º dos estatutos como un organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e se configura como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais e adscrito organicamente á consellería competente en materia de traballo, con personalidade xurídica propia e diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins e dispón de patrimonio e tesouraría propios. Dentro da esfera da súa competencia, correspóndenlle as potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins.

O Título I dos Estatutos recolle a disposicións xerais: natureza xurídica, réxime xurídico e sede e ámbito de actuación do Instituto.

O Título II regula en detalle os fins e as funcións da entidade pública.

No Título III detállase a organización do ISSGA, atribuíndoselle dous órganos de goberno: Presidencia e Consello Reitor e un executivo, a Xerencia. No capítulo III deste título ven detallada a estrutura administrativa do Instituto.

No Título IV establécense as áreas técnicas para o desenvolvemento das funcións do Instituto: seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, medicina do traballo e formación, divulgación e documentación.

No título V disponse que o ISSGA desenvolverá as súas actividades consonte ao establecido nun plan de actuación, como instrumento fundamental para dar cumprimento aos fins e desenvolver as funcións que lle son propias, no marco da estratexia que nesta materia se adopte polos poderes públicos da Comunidade Autónoma.

Finalmente, os Títulos VI e VII do proxecto resérvanse para o réxime de xestión administrativa e funcional do ente e a regulación do persoal ao servizo do Instituto, respectivamente.





Os días 5 e 12 de novembro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezaoito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.




DITAME 28/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de proxecto de decreto polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de outubro de 2014, e para o efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois das xuntanzas celebradas os días 5 e 12 de novembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.


Primeira.

O nacemento do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral-ISSGA ten a súa raíz no consenso entre a administración e os interlocutores sociais máis representativos do noso país, formalizándose a súa creación mediante a Lei 14/2007.

Posteriormente, a administración impulsa unilateralmente a modificación do marco regulatorio de xeito realmente singular, ao introducir peculiares disposicións na Lei 16/2010, coñecida como LOFAXGA (disposición adicional décimo terceira) e na Lei 14/2013 de racionalización do sector público autonómico (disposición “derradeira” sexta).

Agora preséntase un proxecto de Decreto para aprobar os Estatutos do ISSGA, co obxectivo de adaptar o marco regulatorio deste organismo ás devanditas normas legais que non foron obxecto de consenso cos interlocutores sociais máis representativos (asociacións empresariais e sindicatos), nin tampouco de consulta con eles.

O ISSGA configúrase, no art. 1º da Lei 14/2007, como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais, que está chamado a desenvolver as súas actividades no conxunto de Galicia e en todos os sectores produtivos, incluindo as cooperativas e o traballo por conta propia, con especial énfase na atención ás actividades de prevención dirixidas ás pequenas e medianas empresas (Art. 2 da Lei 14/2007). Estes obxectivos e prioridades exceden amplamente o ámbito das relacións laborais na función pública, polo que non se xustifica a modificación da composición do órgano máximo de goberno do Instituto para dar entrada a unha organización sindical sectorial, de ámbito limitado exclusivamente á función pública, que ostenta unha representatividade global de apenas o 3% e lixeiramente por enriba do 15% na función pública, ámbito este no que os tres sindicatos intersectoriais máis representativos achéganse ao 64%.

Non se trata por tanto, dun órgano de participación institucional, e por iso non existe razón legal pola que teña que considerarse afectado pola Disposición Adicional décimo terceira da LOFAXGA, dito isto con independencia de que entendemos que o contido literal desa Disposición non ten encaixe pacífico no ordenamento xurídico-legal que regula a representatividade sindical e a participación institucional das organizacións empresariais e sindicais. A este respecto, como afirmou por unanimidade este Comité no seu Ditame 8/2013, a Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010 é imposible de harmonizar co conxunto do ordenamento xurídico, suscitándose ademais serias reservas de inconstitucionalidade da dita Disposición.

En definitiva, as organizacións integrantes do Comité (CEG, UGT, CCOO e CIG) consideramos que a extraordinaria importancia que ten o esforzo común de administración, sindicatos e asociacións empresariais en favorecer a eficiencia no exercicio das trascendentais funcións asignadas ao Instituto, reclama recuperar o camiño do consenso e que se impulsen pola Administración da Comunidade Autónoma as medidas legais que repoñan a situación anterior ás disposicións que sinalamos no segundo parágrafo desta Consideración, e se abra un proceso de diálogo para dar oportunidade a que os cambios e actualizacións que poidera ser conveniente introducir na normativa reguladora do ISSGA, se aborden dende o consenso que coidamos inherente á materia da prevención de riscos laborais.


Segunda.

Este Comité aprecia que existen unhas modificacións no contido dispositivo do borrador de decreto presentado no mes de abril no Consello Galego de Saúde Laboral respecto do presentado no Consello Galego de Relacións Laborais, o que xustificaría retomar a tramitación deste proxecto de decreto para que o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral poida pronunciarse sobre as modificacións existentes no borrador presentado ante este órgano, como, por exemplo, as introducidas no artigo 9, letra c), no artigo 26.4, un novo artigo 28, entre outras, así como a supresión do apartado 1 do artigo 24, modificación esta última da que tivo coñecemento o Consello Galego de Relacións Laborais no día de onte, 11 de novembro.










CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.
No primeiro parágrafo da Exposición de motivos faise referencia á Lei 4/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

En realidade, trátase da Lei 14/2013, polo que se propón a corrección desa referencia.

Segunda.-Exposición de motivos
Bótase en falta, no último parágrafo da Exposición de motivos, a alusión ao ditame preceptivo do Consello Galego de Relacións Laborais.

Terceira.- Disposicións adicionais.
Obsérvase que, a diferenza doutros proxectos normativos, as catro disposicións adicionais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción o epígrafe “Disposicións adicionais”, antes de enunciar cada unha delas.

Formúlase a mesma consideración respecto das disposicións transitorias, a disposición derrogatoria e as disposicións derradeiras [sic].

Cuarta.- Disposicións derradeiras.
No texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Quinta.-Disposición derrogatoria única.
Este Comité chama a atención sobre a incongruencia da redacción desta disposición, da que parece deducirse que o proxecto de decreto sometido a ditame modifica a Lei 14/2007 pola que se crea e regula o ISSGA, cando isto é consecuencia do singular proceso de modificación ou adaptación da citada lei a través de peculiares disposicións incluídas na Lei 16/2010 e na Lei 14/2013.

O mesmo cabe dicir da redacción do quinto e penúltimo parágrafo da Exposición de motivos, en particular coa expresión “estes estatutos inciden na Lei 14/2007”, o que asemella infrinxir o principio de xerarquía normativa.

Sexta.- Artigo 6º. Funcións.
Neste artigo 6, letra j) (sic) establécese como función do ISSGA a de “Programar e realizar controis xerais e sectoriais sobre as condicións de seguridade e saúde laboral nas empresas, coa prestación a estas e aos representantes legais das persoas traballadoras do asesoramento pertinente e a comunicación das correccións necesarias”. Esta función específicase logo na regulación das distintas áreas técnicas, concretamente, nos seguintes artigos: 31 letras b) e c), 33 letras b) e c), 34 letras d) e e).

A diferencia da redacción do artigo 6, na que se estipula primeiro a función de programar e logo a de realización de controis xerais e sectoriais, nos artigos 31 e seguintes antes indicados non se menciona a función de programación.

Na opinión deste Comité debería quedar máis clara na redacción destes preceptos que o labor de realización de comprobacións nos lugares de traballo e a realización de controis xerais ou sectoriais é un labor que se insire nun programa ou plan de actuación previamente aprobado polo ISSGA, de acordo tamén co previsto no artigo 36 deste proxecto de decreto.

Sétima.- Artigo 6º. Funcións.
Na enumeración deste artigo figuran as letras j) e k), impropias do alfabeto galego, polo que se propón que se substitúan polas seguintes que correspondan.

Obsérvase isto mesmo respecto dos artigos 24, 25, 31, 32, 33 e 34, así como respecto do artigo 16º coa particularidade, neste caso, de que ademais se exclúe da enumeración o ñ), letra que si pertence ao alfabeto galego.

Oitava.- Artigo 7º. Organización.
Este precepto emprega a numeración 1 e 2, o que pode interpretarse como un criterio de xerarquización.

Este Comité propón que se elimine a devandita numeración para salvagardar a consideración de órgano máximo de goberno atribuído ao Consello Reitor.

Novena.- Artigo 10º. O Consello Reitor.
Como sinalamos ao respecto do artigo 7º, para salvagardar o criterio de que o Consello Reitor é o órgano máximo de goberno do ISSGA, deberíase suprimir o termo “colexiado” que figura na primeira frase deste artigo.

Décima.- Artigo 11º. Composición.
No apartado 1 deste artigo establécese que fará parte do Consello Reitor, en representación dos axentes sociais, unha persoa en representación de cada un dos sindicatos que estean presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, nos termos expostos na disposición adicional 13ª da LOFAXGA.

Este Comité reitera o manifestado na consideración xeral primeira: “O ISSGA configúrase, no art. 1º da Lei 14/2007, como un órgano técnico en materia de prevención de riscos laborais, que está chamado a desenvolver as súas actividades no conxunto de Galicia e en todos os sectores produtivos, incluindo as cooperativas e o traballo por conta propia, con especial énfase na atención ás actividades de prevención dirixidas ás pequenas e medianas empresas (Art. 2 da Lei 14/2007). Estes obxectivos e prioridades exceden amplamente o ámbito das relacións laborais na función pública, polo que non se xustifica a modificación da composición do órgano máximo de goberno do Instituto para dar entrada a unha organización sindical sectorial, de ámbito limitado exclusivamente á función pública, que ostenta unha representatividade global de apenas o 3% e lixeiramente por enriba do 15% na función pública, ámbito este no que os tres sindicatos intersectoriais máis representativos achéganse ao 64%.

Non se trata por tanto, dun órgano de participación institucional, e por iso non existe razón legal pola que teña que considerarse afectado pola Disposición Adicional décimo terceira da LOFAXGA, dito isto con independencia de que entendemos que o contido literal desa Disposición non ten encaixe pacífico no ordenamento xurídico-legal que regula a representatividade sindical e a participación institucional das organizacións empresariais e sindicais. A este respecto, como afirmou por unanimidade este Comité no seu Ditame 8/2013, a Disposición adicional décimo terceira da Lei 16/2010 é imposible de harmonizar co conxunto do ordenamento xurídico, suscitándose ademais serias reservas de inconstitucionalidade da dita Disposición”.

Décimo primeira.- Artigo 11º. Composición.
A maiores do xa manifestado na consideración xeral unánime primeira, no apartado 3 deste precepto establécese que “Esta designación das/dos suplentes deberá ser realizada pola Administración ou órgano representado xunto coa designación das/os representantes titulares”, mentres que o apartado 3 do artigo 15 dispón: “Se un membro do consello estivera ausente máis de tres sesións consecutivas sen causa xustificada, a persoa que ostente a presidencia estará facultada para requirir ao interesado/a a xustificar a súa ausencia e, en caso de non o fixese, pedir aos órganos, unidades ou organizacións de procedencia que consideren a oportunidade de propoñer a súa substitución.”

Este Comité propón que se harmonice a redacción empregada en ambos artigos tendo en conta  no artigo 15º a previsión de suplencia recollida no artigo 11.3.

Décimo segunda.- Artigo 12º. Presidencia do Consello Reitor.
No seu apartado 1, este artigo establece que “a Presidencia corresponde á persoa titular da consellería competente en materia de traballo, que ostenta tamén a Presidencia do organismo”.

Este Comité propón que se inclúa o inciso “sen prexuízo do disposto no parágrafo segundo do artigo 8º”, que habilita ao Consello da Xunta a nomear outra persoa para desempeñar o cargo.

Décimo terceira.- Artigo 15º. Dereitos e obrigas dos membros do Consello Reitor.
Respecto do apartado 4 deste precepto, este Comité propón que, para evitar que se produzan discriminacións, se manteña a redacción dada polo artigo 5º.4 da Orde do 23 de agosto de 2010 pola que se aproba o Regulamento orgánico de funcionamento da Comisión de Goberno do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), isto é: “O cargo de membro da Comisión non será retribuído, sen prexuízo da percepción das indemnizacións económicas que procedesen por asistencia”.


Décimo cuarta.- Artigo 17º. Constitución e réxime de sesións.
No segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo faise unha referencia errónea ao artigo 18º, xa que debería facerse ao artigo 8º, polo que se propón a súa rectificación.

Neste mesmo parágrafo, establécese que “Non existirá substitución dos membros do Consello Reitor agás no caso da persoa que ostente a presidencia segundo o previsto no artigo 18 destes estatutos. A persoa que desempeñe a secretaría pode ser substituída pola persoa designada como substituta no acordo do Consello Reitor polo que se procede ao seu nomeamento”.

Este Comité considera que se debería incluír aquí unha referencia á posibilidade de designar suplentes que se recolle no artigo 11º deste proxecto normativo.

Décimo quinta.- Artigo 25º. A subdirección xeral Técnica e de Planificación.
O artigo 6º.2 da Orde do 23 de agosto de 2010 pola que se aproba o Regulamento orgánico de funcionamento da Comisión de Goberno do ISSGA recollía, como competencia do Servizo Técnico de Planificación, analizar, investigar e avaliar as causas e os factores determinantes dos riscos laborais, dos accidentes de traballo e das enfermidades profesionais, abordar o seu estudo preventivo e propor, de ser o caso, medidas correctoras.

Este Comité observa que entre os fins do ISSGA, enumerados no artigo 6º deste proxecto de decreto, se recolle a antedita función, pero non se atribúe a ningún órgano determinado, polo que se propón que se especifique, no artigo 25.2.1, esta función entre as que corresponden ao Servizo Técnico de Planificación.

Décimo sexta.- Artigo 26º. Os centros territoriais do ISSGA.
Obsérvase que se elimina o labor de coordinación dos técnicos habilitados como función dos centros territoriais.

Independentemente do labor de coordinación que, a nivel galego, atribúe o artigo 25 deste proxecto normativo á subdirección Xeral Técnica e de Planificación, debería manterse, por parte das xefaturas dos centros territoriais do ISSGA, a coordinación das actuacións dos técnicos habilitados que desenvolvan o seu traballo no ámbito territorial correspondente.

Décimo sétima.- Artigo 26º. Os centros territoriais do ISSGA.
A numeración dos apartados deste artigo presenta un erro, xa que o apartado cuarto figura introducido co número 3, polo que se propón a súa corrección. Así mesmo deberase rectificar a referencia ao artigo 29º que debe ser feita o artigo 30º.

Décimo oitava.- Título IV.
En varios artigos deste título recóllese, entre outras, a función de prestar asesoramento técnico ás autoridades e ás institucións públicas que o demanden, aos/ás traballadores/as e ás empresas en relación con varios aspectos.

Este Comité propón que se inclúan tamén, como destinatarias dese asesoramento, ás organizacións sindicais e empresariais que así o demanden.