ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2015.

I. ANTECEDENTES


O día 3 de novembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2015 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a concesión de subvencións ás entidades que realicen accións de información, orientación e busca de emprego articuladas en itinerarios personalizados de inserción profesional e dirixidas a mellorar as posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, a través da contratación de técnicos para a realización do servizo de información, orientación e prospección de emprego, en colaboración coas entidades locais e entidades sen ánimo de lucro.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde do ano 2014, publicado no DOG o día 31 de decembro de 2013  e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de novembro de 2013 (Ditame 41/2013), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.







Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:


No artigo 1º, relativo ao financiamento das axudas (artigo 1º), obsérvase un pequeno incremento dos importes dos créditos asignados, que ascenden en fondos finalistas transferidos a 2.100.000 € e 1.800.000 € e 725.000 € correspondentes a fondos do Fondo Social Europeo, fronte ás contías asignadas para o exercicio anterior: 2.100.000 €,  1.700.000 € e 625.000 € respectivamente.

O artigo 2º, que regula as entidades beneficiarias, agrupa agora no apartado 1.a) a todas as administracións locais que poden ser beneficiarias das subvencións. No caso de agrupación de concellos limítrofes redúcese de tres a dous no caso de proceder dunha fusión.

No caso das entidades sen ánimo de lucro especializadas, reguladas no apartado 2. c) deste artigo, perfilase con mais detalle a súa definición.

En canto os requisitos que deberán reunir as entidades solicitantes, recollidas no apartado 2, establécese agora, entre outros, que reúnan condicións de accesibilidade e calidade así como dispoñer dunha conta de correo electrónico a efectos de realizar comunicacións electrónicas coa entidade.

No artigo 3º redefínense as funcións do persoal técnico de información, orientación  e prospección de emprego.

O artigo 4º, relativo a contía das subvencións recolle un novo apartado 3 que dispón que  o salario que percibirán as persoas contratadas como persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde a súa categoría profesional e titulación.

Redefínense os criterios de valoración das solicitudes (artigo 8º) e inclúese polo que se refire á experiencia acreditada da entidade nas accións, un límite ao período dos últimos cinco anos e redúcese a súa valoración de 25 ata 15 puntos.  

En canto aos requisitos e selección do persoal técnico (artigo 9º), inclúese un novo apartado 4 para cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de 12 meses, no que a entidade beneficiaria poderá contratar a outra persoa técnica en substitución de aquela que causou baixa durante o tempo restante.  No suposto de baixas temporais por maternidade ou por outras causas que se prevexa que sexan de longa duración, a substitución só será posible previa autorización expresa da Dirección Xeral de Emprego e Formación logo de solicitude fundamentada da entidade beneficiaria.

No artigo 10º inclúese unha nova disposición no sentido de reservar ao Servizo de Orientación Laboral a facultade de verificar, con carácter previo á autorización dun novo centro de orientación, se este cumpre as condicións de accesibilidade e calidade necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades.

Finalmente, na disposición adicional primeira engádese unha previsión, para os efectos do disposto no artigo 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, relativa a que a concesión destas axudas estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2015” consta de: Exposición de motivos, quince artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O 14 de novembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións xerais de carácter unánime, así como vinte consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma.

Así mesmo, contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha xeral (Anexo I) e dúas específicas (Anexo III) manifestadas polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e CC.OO. de Galicia ; unha xeral manifestada por CIG e SN de CCOO de Galicia (Anexo II); unha específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia e CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) (Anexo IV) e unha específica manifestada pola CEG (Anexo V).
















DITAME 29/14





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a contratación de técnicos para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego no exercicio 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 31 de outubro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de novembro de 2014 acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:

Primeira.

Este Comité avalía negativamente os cambios que se veñen introducindo na regulación das actividades a desenvolver ao abeiro desta Orde. En concreto, considérase que a evolución das variables orzamentarias, as diversas limitacións no financiamento, a desaparición das posibilidades de contratar persoal de apoio, así como da imputación dos gastos xerais, materiais ou desprazamentos xerados polo desenvolvemento das accións, ou en fin, os cambios operados nos criterios de valoración, parecen apuntar á idea de que as entidades acaben realizando cunha escaseza de fondos e cun maior esforzo a execución dunhas accións que forman parte das políticas activas de emprego dependentes da Administración Pública.

No que respecta á evolución orzamentaria dos diferentes programas incluídos nesta Orde, este Comité non comparte que fronte ao incremento previsto para as accións desenvolvidas polas administracións locais, se minoren os fondos destinados a aquelas entidades máis directamente vencelladas ao ámbito laboral, é dicir, ás organizacións sindicais e empresariais.

Outro tanto cabe dicir en relación coa importante diminución da contía máxima da subvención por persoa técnica contratada, que pasa de 30.688,29 a 20.000 euros/ano no 2014 e mantense para este exercicio, que unida ao non financiamento dos gastos inherentes ás funcións do persoal técnico nin dos gastos de apoio do persoal administrativo e outros gastos de estrutura e materiais necesarios para o desenvolvemento da actividade, converten ás entidades executantes das accións non só en obrigadas cofinanciadoras parciais das obrigas da Administración, senón mesmo en axentes financiadores da totalidade das accións durante a execución anual destas, tendo en conta ademais a eliminación das posibilidades de anticipos e liquidacións parciais.

Segunda.
Este Comité propón unha revisión do texto do proxecto normativo para respectar a linguaxe en materia de xénero e evitar a utilización do masculino xenérico (por exemplo, na exposición de motivos).

Terceira.
Este Comité considera que se debería avanzar máis na clasificación e concreción dos procedementos de aplicación e nos criterios metodolóxicos a aplicar polas persoas técnicas, tanto nas accións individuais como, especialmente, nas colectivas.

Cuarta.
Este Comité considera que no proxecto normativo se debería asegurar que as accións que se executan ao abeiro desta orde se poidan facer ao longo de todo o ano, sen que existan períodos sen cobertura de apoio económico. Sería conveniente que tanto a publicación da orde como a resolución das solicitudes se realizasen nun tempo adecuado para que permitisen a continuidade das accións sen xerar períodos baleiros na execución e dotasen de continuidade ao servizo, máis aínda ao ter en conta a modificación do prazo de resolución das subvencións, que pasa de 3 a 6 meses.

Quinta.
Este Comité considera que neste proxecto normativo debería incluírse o procedemento dos Itinerarios Personalizados de Inserción (IPIs), que se mencionan no apartado 1 do artigo 1º, e, entre outras cousas, habilitar criterios obxectivos para o persoal técnico de orientación.

Sexta.
Este Comité considera que cómpre que se xunten, na remisión do proxecto de orde para o seu ditame, os anexos para poder valorar en toda a súa dimensión aspectos de importancia, especialmente os relativos ao contido da memoria.









CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira. – Artigo 3º. Funcións do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
Este Comité propón que se recupere a redacción do apartado 4 deste artigo da convocatoria do exercicio 2014 ou que se concrete o límite de idade, por ser a referencia a “persoas mozas” demasiado xenérica.

Segunda. – Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar e se establecen as retribucións totais que se subvencionarán.

Este Comité considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase no artigo 4º que se subvencionará o total do custo da persoa traballadora, incluída a indemnización que puidera corresponder e aquelas outras que poidan esixirse legalmente.

Terceira.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
No apartado 1 deste artigo establécese que a contía da subvención para o persoal contratado será ata un máximo de 20.000 euros anuais por técnico, o que supón unha rebaixa dun 35% respecto ao exercicio 2012.

Este Comité considera que se debería incrementar o importe da subvención para que sexa posible cubrir o custo total do persoal contratado.

Cuarta.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
Este Comité considera que se debería engadir un novo apartado co texto que figuraba na orde para o exercicio do ano 2011: “Igualmente, subvencionarase ata un 15% do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde”.

Quinta.- Artigo 5º. Presentación de solicitudes e prazo.
O Comité considera que a referencia que fai o apartado primeiro deste artigo ao artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño debería concretarse ao apartado 6 do devandito artigo.

Sexta.- Artigo 7º. Procedemento, competencia e resolución.
Examinada a redacción do texto dos distintos apartados deste artigo, este Comité considera que se debería manter na súa integridade o texto do artigo 9º da orde correspondente ao exercicio de 2009, publicado nas páxinas 1.385 e 1.386 do Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2009.



Sétima.- Artigo 7º. Procedemento, competencia e resolución.
Este artigo dispón no seu apartado 6 que a resolución e notificación deberanse producir nun prazo de seis meses.

Este Comité manifesta que é un prazo excesivamente longo e  que debería manterse o prazo de 3 meses establecido na orde do exercicio 2014.

Oitava.- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Este Comité considera mellor o baremo establecido na orde do 20 de xaneiro de 2009, no que a valoración mínima para ser entidade beneficiaria era de 25 puntos sobre 100, mentres que no actual proxecto normativo é de 55 sobre 100 e, no caso dos concellos, de 55 sobre 170.

Propoñemos que se equiparen as dúas valoracións e que a mínima sexa do 25%.

Novena.- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Os cambios nos criterios de valoración e, especialmente, a inclusión dun criterio negativo na Orde do exercicio anterior, poden inducir distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.A.b deste artigo.

Por outra banda, neste mesmo apartado 1.A.b) establécese que se avaliará a xestión e execución das accións das entidades que participaron en convocatorias anteriores.

Este Comité considera que se deberían poñer en coñecemento das entidades os resultados da referida avaliación da xestión e execución das accións.

Décima.- Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
Este artigo, no seu apartado 1.A. inclúe como criterios de valoración a posta a disposición por parte da entidade de recursos humanos, técnicos, e materiais (apartado e) e a redución no custo das accións subvencionadas por achegas económicas de aquela (apartado f).

Este Comité propón que se supriman estes dous apartados polas razóns especificadas na consideración xeral primeira.

Décimo primeira. - Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
No proxecto de orde do exercicio 2013 figuraba no apartado h), entre os criterios de valoración: “Emprego da lingua galega na realización das accións de información, orientación e prospección de emprego, debidamente declarado pola persoa representante da entidade: 5 puntos”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na realización das accións valórase como criterio auxiliar, para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité entende que debería recuperarse a redacción da orde de 2013 (DOG de 19 de abril de 2013) para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo segunda.- Artigo 9º. Requisitos e selección do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
Este Comité propón que se inclúa a titulación en Dereito como preferente para as persoas técnicas de orientación e para as persoas prospectoras de emprego.

Décimo terceira.- Artigo 9º. Requisitos e selección do persoal técnico de información , orientación e prospección de emprego.
No apartado 2 deste artigo, referido ao baremo de “outros méritos”, dentro dos requisitos de selección elimínase, con respecto da orde do exercicio 2013, a posesión do CELGA 3 ou equivalente debidamente homologado (0,15 puntos).

Este Comité propón que se manteña este mérito para o exercicio 2015.

Décimo cuarta.- Artigo 9º. Requisitos e selección do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
No primeiro parágrafo do punto 3 deste artigo establécese que “En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos información e orientación laboral e/ou de prospección de empresas, se é o caso”.

Este Comité considera que debería suprimirse o antedito parágrafo polos conflitos que pode supoñer a modificación dos contratos entre as entidades empregadoras e as persoas empregadas para adecualos á prestación deste servizo.

Décimo quinta.- Artigo 9º. Requisitos e selección do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
Este Comité considera que ao final do primeiro parágrafo do apartado cuarto deste artigo, debería preverse a posibilidade de que a Dirección Xeral de Emprego e Formación poida autorizar unha ampliación do prazo, cando a contratación de substitución sexa imposible de materializar nos 30 días por circunstancias excepcionais e alleas á vontade da entidade.

Décimo sexta.- Artigo 9º. Requisitos e selección do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
O Comité considera que no parágrafo  2º do apartado cuarto deste artigo debería substituírse a previa autorización expresa da dirección xeral de Emprego e Formación por unha comunicación da entidade que acredite que a persoa substituída cumpre os requisitos esixidos na convocatoria de axudas.



Décimo séptima.- Artigo 10º.- Pagamento da subvención.
Este Comité considera que neste artigo deberían establecerse anticipos do 100% da subvención sen necesidade de constitución de ningún tipo de garantía e se faga efectivo o aboamento da subvención anticipadamente mediante a presentación da documentación que se considere necesaria.

Subsidiariamente, ao tratarse de subvencións vinculadas ao pagamento de persoal, debería establecerse o seu libramento con carácter mensual.

Décimo oitava- Artigo 10º.- Pagamento da subvención
O apartado 1, letra c) deste precepto, no seu segundo ítem, recolle a obriga de indicar o despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de información, orientación e prospección de emprego.

Visto o disposto no artigo 2º, apartado 2, letra a), que fixa como requisito das entidades solicitantes o dispoñer de locais con despacho unicamente para a atención individual dos demandantes de emprego, este Comité considera que o cumprimento do dito requisito non esixe que necesariamente se teña que dispoñer de tantos despachos individuais como persoas se dediquen a estas accións, polo que propón suprimir esta última obriga que figura nesta letra c), segundo ítem.

Décimo novena.- Artigo 13º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2.I.c) esíxese a obtención dunha autorización previa por parte da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Este Comité propón que esa autorización sexa substituída por unha comunicación á Dirección Xeral.

Vixésima.- Artigo 13º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2.II.a) establécese que as entidades beneficiarias deben manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada respecto de certas operacións.

Este Comité propón a eliminación do sistema de contabilidade separada, por considerar que é suficiente coa codificación contable.




ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais non comparten os enormes recortes impostos nas últimas convocatorias para á contratación de Axentes de Emprego, que á vista dos cambios antes sinalados, semellan indicar que se está no camiño de subsumir os programas de orientación cos de axentes de emprego.

Neste senso, as organizacións sindicais non comparten a opción de substituír o estímulo da contratación por conta allea  pola insistencia en primar a “asistencia para o autoemprego”: a Administración non debería, e moito menos na presente situación de crise, abdicar da súa obriga de favorecer a xeración do emprego estable de calidade, trasladando esa responsabilidade a cada persoa por vía do seu “autoemprego”. O emprego autónomo pode ser unha das opcións posibles e merece o apoio público, pero non pode converterse na única ou principal vía de colocación.

En canto ao réxime de concorrencia competitiva, entendemos que tal réxime debería atemperarse con algún criterio avaliativo que teña en conta a representatividade social que ostentan as organizacións sinaladas na letra d) do apartado 1 do artigo 2º, así como garantir que prime o respecto da obxectividade, en evitación de prácticas de discrecionalidade que se teñen observado na concesión das axudas.


ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA

As organizacións sindicais CIG e SN de CCOO de Galicia solicitan que se produza unha aclaración sobre as funcións que realizan orientadores e prospectores dado que no baremo para a contratación de persoal aparece a novidade dos prospectores de emprego cun perfil distinto, pero non aparecen na orde as funcións diferenciadas de cada un.



ANEXO III

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Funcións do persoal técnico de información, orientación e prospección de emprego.
No apartado 1.d) deste artigo establécese que serán funcións do persoal técnico o casamento entre as ofertas e demandas de emprego.

As organización sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que este casamento debería realizarse no Servizo Público de Emprego.

Segunda.  Artigo 8º. Criterios de valoración das solicitudes.
En relación coa consideración específica unánime décimo primeira, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para a contratación de persoal técnico para a realización de actividades de información, orientación e prospección de emprego) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.




ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Financiamento.
No acordo de Diálogo Social con data 30 de xullo de 2010, asinouse o compromiso, por parte da Administración, de potenciar os programas de información e orientación dos vindeiros anos para os axentes sociais, polo que a diminución no financiamento que presenta este proxecto de orde entra en colisión co acordado e asinado.


ANEXO V

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º. Contía das subvencións e período subvencionable.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a posibilidade de incrementar a contía máxima nun 15% debe ampliarse a todas as entidades concorrentes e non só ás establecidas no artigo 8º.1.B, dado que neste caso só as entidades locais poden acceder a este incremento xa que son as únicas susceptibles de agruparse para os efectos desta orde.