ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/14

Ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 31 de outubro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2015, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

Segundo a Exposición de motivos, os programas de cooperación tratan de dar un enfoque global ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde a dobre perspectiva de serviren de ferramenta para a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional das persoas traballadoras desempregadas que participen neles e de dinamización e xeración de novas actividades no medio local e rural.

Con esta finalidade convócanse estas subvencións como instrumento a través do cal se ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir unha experiencia laboral mínima que poida permitir a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego.

Á vista do borrador remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 30 de maio de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de abril de 2014 (Ditame 20/14), obsérvase que se tiveron en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Do novo proxecto normativo destacan as seguintes modificacións con respecto á orde do ano anterior:

Polo que respecta ao financiamento destes programas (artigo 2º), asígnase unha contía de 1.300.000 de euros. Na orde anterior, a contía inicial era de 1.000.000 de euros se ben, con posterioridade, o crédito foi aumentado en 317.077,34 euros máis, a través da Orde do 22 de xullo de 2014 (DOG do 31 de xullo de 2014). Inclúese un novo apartado 3 neste artigo no que se dispón que a concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde, estará supeditada á existencia de crédito na aplicación correspondente dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015, polo que a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

O artigo 7º relativo a documentación dispón no seu apartado 4 que sempre que a persoa interesada ou representante realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

O proxecto normativo obxecto de ditame inclúe dous novos artigos 8º e 9º, nos que se regulan respectivamente os consentimentos e autorizacións e os datos de carácter persoal, que constitúen una novidade respecto da orde anterior.

Finalmente, a disposición adicional primeira fai referencia tamén ao procedemento de tramitación anticipada que se pretende seguir para con este proxecto de orde.

De xeito inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo Comité.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2015” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, tres disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 14 de novembro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración xeral e unha específica de carácter non unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración específica de carácter non unánime, manifestada pola CIG (anexo II).





















DITAME 30/14



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2015”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de novembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de novembro  de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité bota en falta que este proxecto normativo non se acompañe dunha explicación que argumente a razón da supresión, xa na orde para o exercicio 2014, do programa específico destinado ás mulleres vítimas de violencia de xénero.
Segunda.
A información estatística achegada co texto do proxecto normativo non se axusta ao que ten solicitado este Comité, que son os seguintes datos:
- Número de solicitudes presentadas
- Número de persoas traballadoras afectadas por esas solicitudes
- Número de solicitudes resoltas favorablemente
- Número de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes resoltas favorablemente.






CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 4º.- Requisitos das obras e servizos.
O apartado 1.f) deste artigo establece como requisito unha duración máxima diferente para a contratación, segundo sexa a tempo completo ou a tempo parcial.

Este Comité considera que a duración máxima debería ser a mesma para os contratos a tempo completo e a tempo parcial.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O apartado 3 deste artigo establece que en ningún caso será subvencionable o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa subvencionada, por canto existen instrumentos convencionais que xa contemplan o seu aboamento mensual e, aínda cando é unha indemnización, tamén o é a bolsa de vacacións, por exemplo, ou un plus de distancia, e iso si sería subvencionable ao non se excluír na norma.

Terceira.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O parágrafo final do apartado 1 deste artigo fai referencia a un incremento do importe da contía da subvención no caso de que as contratacións se realicen conxuntamente.  

Este Comité considera que debería clarificarse a expresión “conxuntamente”, coa finalidade de non conducir a interpretacións erróneas.

Cuarta.- Artigo 10º. Procedemento.
No apartado 5 deste artigo valórase o emprego da lingua galega só como criterio auxiliar, para outorgar prioridade no caso de empate nas puntuacións obtidas polas solicitudes presentadas en aplicación dos criterios de preferencia establecidos no apartado 4 do dito artigo.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. E tamén, respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego. Igualmente, este cambio de criterio non é consonte coa función normalizadora da lingua que a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, lle impón a Administración Autonómica.
Este Comité propón que o emprego da lingua galega se valore no apartado 4 deste artigo 8º.


Quinta.- Artigo 10º. Procedemento.
Séguese a empregar a letra “j” na enumeración do apartado 4, letra que non forma parte do alfabeto galego.

Este Comité solicita a súa substitución pola seguinte que corresponde, que é o “l”.

Sexta.- Artigo 11º. Resolución.
Este Comité valora a redución de prazo para resolver as solicitudes, pero entende que o prazo de cinco meses establecido segue a ser excesivo, polo que propón que se reduza a tres meses.

Sétima.- Artigo 11º. Resolución.
No apartado 4 deste artigo, ao igual que no apartado 2 do artigo 15, séguese a manter a referencia ao programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia (de xénero), cando este programa non figura xa no proxecto normativo sometido a ditame.

Este Comité propón que a redacción destes apartados sexa coherente co establecido no artigo 1º do proxecto normativo.

Oitava.- Artigo 12º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e das traballadoras.
No apartado 5, letra a) deste artigo establécese a preferencia do colectivo de mulleres que acrediten a condición de vítimas de violencia.

Este Comité considera que debería substituírse a expresión “mulleres vítimas de violencia” pola de “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que este é o termo utilizado tanto pola Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes, como pola normativa derivada desta lei.






































ANEXO I


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA.

Consideración xeral:
Obsérvase unha drástica minoración na contía dos créditos asignados, que pasan dos 45.132.082 € do exercicio 2012, a 1.317.077,34€ en 2014 e a 1.300.000€ para o 2015.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que son conscientes de que a vía dos programas de cooperación non é a que ten que sustentar os servizos públicos que se prestan dende as entidades locais nin os empregos públicos, consideran que o mantemento deste recorte implicará unha redución da eficacia do programa á súa mínima expresión en ambas as dúas áreas.



Consideración específica: Artigo 10º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica cuarta, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:
A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba ata 5 puntos ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.









ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG.

En relación coa disposición adicional terceira do proxecto normativo que se somete a ditame, considérase que a frase “As que poidan emanar do Diálogo Social e Institucional de Galicia” é superflua e está fora de lugar nunha norma xurídica.