ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 11 de novembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Segundo a Exposición de Motivos deste proxecto normativo, para a Xunta de Galicia o desemprego xuvenil constitúe unha das súas principais preocupacións e o centro das medidas que impulsan o desenvolvemento das políticas activas de emprego, sendo os menores de vinte e cinco anos son un dos grupos de poboación que resultaron máis prexudicados polo proceso de destrución de emprego como efecto da grave crise económica que se está a padecer desde o ano 2008. Esta grave situación laboral na que se atopan os mozos e mozas pode ter como consecuencia  unha forte desconexión do mercado de traballo e de exclusión social a longo prazo. É pois entón o entorno de crise e de recesión económica coa redución do gasto público na procura da redución do déficit o que fai que a distribución de fondos estatais ás Comunidades Autónomas en materia de políticas activas de emprego sexa similar á dos exercicios anteriores, polo que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, opta por manter e continuar o esquema reflectido na orde do exercicio anterior, para os programas mixtos de formación e emprego. Así para 2015 tentarase para Galicia un programa autonómico, adaptación do programa estatal de obradoiros de emprego, consonte o momento actual e cos seus requirimentos específicos adaptados o noso mercado laboral, na procura dunha maior flexibilidade e axilidade para facilitar a súa xestión, manténdose tamén a novidade introducida no exercicio 2014 de incluír entre os beneficiarios ás persoas desempregadas maiores de dezaoito e menores de vintecinco anos.

Nesta convocatoria a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas terá en conta o número de persoas paradas e a evolución do paro rexistrado no período 2010-2014 e a evolución da poboación, ademais, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2014, publicado no DOG o día 10 de xaneiro de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 14 de novembro de 2013 (Ditame 40/13), obsérvase que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial que integran o Consello.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

Ademais de introducirse tres parágrafos novos na exposición de motivos (do catro o seis)  Con respecto a Orde anterior, modifícanse o número 3 do artigo 11º , especificándose agora que “A estes efectos, cando existan candidatos que o permitan, cando menos un 25% das persoas participantes en cada proxecto deberán ser beneficiarias/titulares da Renda de Integración Social de Galicia.”


O artigo 13º, relativo a contratación,  ten agora una nova redacción no seu número 1 na que se indica que “As persoas seleccionadas como alumnado- traballador serán contratadas, pola entidade promotora, dende a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe”.

Asímesmo introdúcese un novo artigo 16º, para regular os datos de carácter persoal recollidos na tramitación desta orde.

No artigo 21º, criterios de valoración dos proxectos, modifícanse as puntuacións e redúcense as recollidas no apartado b) do número 1 de 9 e 7 puntos ata 8 e 6 puntos, respectivamente. Introdúcese tamén un novo apartado g) no que se dispón que se valorará  tamén a dedicación do proxecto á rehabilitación e posta en valor de fachadas e edificios de carácter público e/ou social e de espazos ambientais, ata 5 puntos, de acordo cos seguintes criterios: Proxectos que non conteñan ningún módulo relacionado coas finalidades indicadas, 0 puntos. Proxectos que conteñan un módulo relacionado coas finalidades indicados, 1 punto. Proxectos que conteñan dous módulos relacionados coas finalidades indicadas, 2 puntos. Proxectos que conteñan tres módulos relacionados coas finalidades indicadas, 4 puntos. Proxectos en que todos os módulos respondan ás finalidades indicadas, 5 puntos. E un novo número 3 no que se dispón que a puntuación mínima esixible para a aprobación dos proxectos e a concesión da correspondente subvención será de 23 puntos.

Finalmente, o artigo 29, relativo a subvención para custos salariais do alumnado- traballador, dispón agora que “nos contratos para a formación e aprendizaxe que a entidade promotora subscriba cos alumnos e alumnas participantes nos obradoiros de emprego, a Consellería de Traballo e Benestar subvencionará o 100% do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a parte proporcional dunha paga extraordinaria”, cando na anterior convocatoria eran dúas pagas extraordinarias.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, 38 artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 26 de novembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén seis consideracións xerais e dezanove consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, as consideracións de carácter non unánime: unha específica manifestada polas organizacións sindicais (Anexo I) e outra específica manifestada pola organización sindical CIG (Anexo II).






DITAME 31/2014




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 11 de novembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de novembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:









CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:


Primeira.
Este Comité bota en falta que siga sen argumentarse a razón da supresión dos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e unidades de promoción e desenvolvemento operada no ano 2012.

Segunda.
Este Comité considera que debería xustificarse no proxecto normativo o motivo da supresión, como entidades promotoras e beneficiarias dos programas, dos organismos autónomos, entes e sociedades públicas e de dereito público da Administración xeral do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, universidades e fundacións, asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro, que figuraban no artigo 6º da Orde do 18 de marzo de 2010 (DOG núm. 58, do 26/03/2010).

Terceira.
Neste proxecto de orde segue sen eliminarse a esixencia, por parte das entidades participantes, de asumir un compromiso de inserción laboral de, polo menos, o 10% das persoas desempregadas participantes nos proxectos.

Este Comité considera que debería recuperarse esa esixencia recollida en ordes anteriores ao 2014, máxime tendo en conta que no resto das ordes de accións formativas é un dos criterios de valoración. Ademais, a exposición de motivos deste proxecto normativo establece que “Estes obradoiros de emprego (...) están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas ..... ”, polo que non se entende a supresión do compromiso de inserción laboral.

Cuarta.
En relación coa ficha estatística recibida xunto co proxecto normativo para ditame, faise constar que está incompleta, xa que -como xa se reiterou en diversas ocasións- os datos que lle interesa coñecer ao Consello Galego de Relacións Laborais, a efectos de avaliar o impacto real do programa correspondente, son os seguintes:

a) Nº de solicitudes presentadas.
b) Nº de persoas traballadoras afectadas polas solicitudes.
c) Nº de expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.
d) Nº de persoas traballadoras afectadas polo expedientes resoltos FAVORABLEMENTE.

Ao abeiro do Artigo 3.2 b) da Lei 5/2008, de 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais (teor literal: Solicitar e recibir dos órganos competentes da Administración autonómica e de calquera outra institución da comunidade autónoma canta información precise para o desempeño das súas funcións), este Comité solicita que a información estatística conteña, como mínimo, os catro datos antes sinalados.

Quinta.
Este Comité fai una nova chamada de atención sobre a debida precisión lingüística dos proxectos que se remitan para ditame, ao detectarse numerosos erros no texto deste proxecto de decreto, tales como “población” en lugar de “poboación” (parágrafo quinto da Exposición de Motivos”), un“y” que sobra (número 3 do artigo 13º), “administrtivo” en lugar de “administrativo” (parágrafo segundo do número 1 do artigo 15º), “indicadoa” en lugar de “indicadas” (segundo punto da letra g) do número 1 do artigo 21º), “estiver” e “xurdir” en lugar de “estivera” e “xurdira” (letra m) do número 1 do artigo 21º), “plurianualidad” en lugar de “plurianualidade” (disposición adicional terceira) e “Orden” en lugar de Orde (disposición adicional quinta).

Sexta.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto normativo emprégase o termo “alumnado- traballador participante” para referirse ás persoas beneficiarias participantes no programa dos obradoiros de emprego.

Este Comité propón a súa substitución polo termo de “persoas participantes”.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Exposición de Motivos.
Este Comité considera que a referencia que, no parágrafo quinto da Exposición de Motivos, se fai aos menores de vinte e cinco anos como un dos grupos de poboación que resultaron mais prexudicados polo proceso de destrución de emprego por efecto da crise económica, debería ser feita á mocidade en xeral e non a esa franxa en concreto, por ser mais axustado a realidade. Por ese motivo, proponse que se substitúa a expresión “os menores de vinte e cinco anos son un dos grupos ...” por “a mocidade é un dos grupos ...”.

Segunda. Exposición de Motivos.
No final do apartado sexto da Exposición de Motivos se fai referencia á novidade introducida “no exercicio anterior” e mantense a redacción da convocatoria do exercicio 2014. Posto que a convocatoria anterior se refire á do 2013, este Comité entende que a referencia debería ser á introducida “en anteriores exercicios”.

Terceira. Artigo 3º.- Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.
O apartado 2 deste precepto esixe unha media de paro superior a 500 persoas e exceptúa deste requisito os supostos en que a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia ou dous procedentes de fusión.

Este Comité non comparte a esixencia de que os concellos pertenzan á mesma provincia, dadas as características xeográficas dos concellos galegos, polo que proponse a eliminación desta esixencia.

Cuarta. Artigo 5º.- Formación e etapa en alternancia nos obradoiros de emprego.
No apartado 1º deste artigo faise unha remisión ao artigo 16.2 c) da orde e debe ser feita ao artigo 17º.2.c), polo que debería corrixirse.

Esta mesma consideración formúlase respecto do artigo 6º apartado 2 e respecto do artigo 25, no que se alude ao artigo 16 en lugar do 17.

Quinta. Artigo 6º.- Formación complementaria.
O artigo 6º da orde de obradoiros de emprego para o exercicio 2013 establecía que o alumnado que non posuíra unha formación mínima debería cursar o módulo de competencias clave, posibilidade que é suprimida neste proxecto normativo. Porén, o artigo 11º , apartado 2, letra d) deste, inclúe, entre os requisitos mínimos das persoas candidatas preseleccionadas, o de posuír esa formación mínima, o que supón que o alumnado que carece dela non pode cursar os diferentes módulos formativos da súa especialidade.

Este Comité considera que debería xustificarse a eliminación no proxecto normativo da posibilidade de acceso a cursar o módulo de competencias clave.

Sexta. Artigo 10º.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.
O apartado 1 deste artigo establece que a selección do alumnado-traballador así como a do persoal directivo, docente e de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Traballo e Benestar e da entidade promotora.

Este Comité reitera o manifestado en ditames anteriores e considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto coas persoas representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente ao obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Séptima. Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
As organizacións sindicais e empresarial con presenza neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Consello Autonómico de Emprego.

Oitava.- Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
Este Comité entende que habería que regular a posibilidade de que a entidade beneficiaria poda substituír ao alumnado que cause baixa.



Novena. Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado-traballador.
No apartado 3 deste artigo establécese que terán preferencia para participar nestes proxectos o colectivo de persoas con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e relaciónanse a continuación unha serie de exemplos.

Este Comité considera que debería constar soamente a prioridade do referido colectivo e suprimir todos os exemplos.

Para o caso de manterse os exemplos, proponse a modificación da expresión “mulleres vítimas de violencia” pola de “mulleres vítimas de violencia de xénero”, dado que é o termo que utiliza a Lei galega 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes e a normativa que dela se deriva.

Décima. Artigo 11º.- Procedemento de selección do alumnado- traballador.
Ao final do número terceiro deste artigo introdúcese un novo apartado no que se dispón que cando menos un 25% das persoas participantes en cada proxecto deberán ser beneficiarias/titulares da Renda de Integración Social de Galicia.

Este Comité considera que existe unha intederminación na expresión “cando existan candidatos que o permitan”, da que pode derivar inseguridade xurídica, polo que proponse que se establezan uns parámetros claros e obxectivos que definan cando é obrigatorio.

Décimo primeira. Artigo 12º.- Procedemento de selección do persoal directivo, docente e de apoio.
Este artigo establece que a selección do persoal directivo, docente e de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Este Comité considera que, na selección do persoal directivo e docente, deberían establecerse uns criterios máis obxectivos de selección, por canto faculta á Comisión de Selección para poder utilizar, ao seu criterio, o sistema de oferta de emprego tramitada pola oficina, convocatoria pública ou ambas as dúas.

Aínda cando non sexan de aplicación os principios reitores de selección de persoal ao servizo da Administración pública, o certo é que a dimensión pública deste tipo de instrumentos merece e esixe a máxima transparencia na súa articulación e posta en funcionamento, máxime tendo en conta que se está a seleccionar o persoal directivo e docente que é quen lle dará á iniciativa maior ou menor prestixio.

É por iso polo que deberían dedicarse polo menos uns parágrafos a establecer unha serie de criterios para ser valorados polo grupo de traballo mixto, como poden ser: méritos, experiencia previa, etc.; todos eles tendentes a garantir a libre concorrencia, a igualdade de oportunidades e, sobre todo, a oportunidade da decisión que se adopte; oportunidade na que debe ter un peso especial a capacidade acreditada e recoñecida das persoas candidatas.

Así mesmo, as organizacións empresarial e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que se utilice o sistema de oferta e non existisen persoas candidatas ou estas non resultaran idóneas, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará a oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen persoas candidatas ou estas non foran consideradas idóneas, faríase a convocatoria pública”.

Décimo segunda. Artigo 13º.- Contratación.
No apartado 1 deste artigo faise referencia a que as persoas seleccionadas como alumnado- traballador serán contratadas pola entidade promotora a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe.

Este Comité considera que, dada a amplitude do colectivo de beneficiarios recollido no apartado 3 do artigo 11º, se presentan serias dúbidas de que todos eles se podan contratar a través da modalidade do contrato de formación e aprendizaxe.

Décimo terceira. Artigo 14º.- Incidencias e reclamacións.
Para o caso da selección do persoal directivo e docente, este Comité bota en falta unha mínima regulación deste tipo de reclamacións, onde parece que se lle atribúe personalidade xurídica ao grupo de traballo mixto, cando este carece dela; ademais, a prol dunha maior claridade e seguridade xurídica, deberíase deixar constatado ante quen e en que prazo poderán formularse as reclamacións.

Consideramos que deberían sinalarse expresamente e para evitar dúbidas, as reclamacións que se poidan suscitar, a xurisdición ante a cal debe comparecer a persoa que reclame e a necesidade ou non de esgotar vías previas.

Décimo cuarta. Artigo 21º.- Criterios de valoración dos proxectos.
No proxecto de orde do exercicio de 2013 figuraba no apartado 1, letra m) do artigo 20, entre os criterios de avaliación: “Emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos. Ata 5 puntos.”

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.  

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto de 2013 para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Décimo quinta. Artigo 21º.- Criterios de valoración dos proxectos.
Este Comité propón a revisión ortográfica do texto do proxecto normativo e corrixir a referencia ás letras j e k, impropias do alfabeto galego, nos artigos 21º e 35º, letras que deben substituirse polas que correspondan.

Décimo sexta. Artigo 22º.- Resolución.
O apartado 1 deste artigo establece que o prazo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses a contar dende o remate do prazo de presentación de solicitudes.

Este Comité considera este prazo excesivo, polo que propón que sexa de tres meses.

Décimo séptima. Artigo 29º.- Subvención para custos salariais do alumnado-traballador.
Desde o exercico de 2011 obsérvase un descenso en 50 puntos porcentuais do SMI a subvencionar nos contratos para a formación e aprendizaxe, que pasa a ser do 100%.

Hai que ter en conta que as entidades promotoras dos programas xa deben completar a contía dos salarios para adaptalos aos convenios colectivos de aplicación, polo que este Comité considera que debería manterse a porcentaxe contemplada na Orde do ano 2010, co fin de favorecer a súa continuidade. Ademais, para o exercicio do ano 2015 suprímese unha paga extraordinaria, co que se acentúa este perxuizo.

Este Comité considera que debería manterse o aboamento da segunda paga extra.

Décimo oitava. Artigo 38º.- Asistencia, seguimento e avaliación.
Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas ao Consello Autonómico de Emprego, aos Consellos Provinciais de Emprego e aos Comités Territoriais de Emprego , para asegurar o exercicio das funcións que o Decreto 192/2011, do 29 de setembro lles encomenda.

Décimo novena.-Disposicións adicionais. Diposicións finais.
Obsérvase que neste proxecto normativo, a diferenza doutros, as disposicións adicionais e as finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción, respectivamente, as expresións “Disposicións adicionais” e “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.










ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 21º.- Criterios de valoración dos proxectos.
En relación coa consideración específica unánime décimo cuarta, relativa a este mesmo artigo 21º, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na orde precedente.

















ANEXO II


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”. A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás retoques cosméticos, ven sendo reprodución doutras anteriores.