ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES
O día 20 de novembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2015, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as axudas e subvencións que baixo a rúbrica xeral de programas de cooperación institucionais, están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración con entidades sen ánimo de lucro.
Segundo se establece na Exposición de Motivos, esta convocatoria de axudas e subvencións configúrase como programas de cooperación institucionais en colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, dirixidos a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas de 18 ou máis anos e menores de 25, ou menores de 30 no caso de persoas con un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, que non estean traballando nin estean participando en actuacións educativas ou formativas. Estas persoas deberán estar inscritas na base de datos do Sistema de Garantía Xuvenil en España e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao Programa.
Á vista do borrador agora remitido e do texto desta mesma orde publicado no DOG o día 20 de maio de 2014 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 3 de marzo de 2014 (ditame 14/14), obsérvase que se tivo en conta algunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.


Do novo proxecto normativo destacan as seguintes novidades:
Trátase dunha nova convocatoria dirixida as persoas mozas inscritas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, co obxecto de obter cofinanciamento (92.5%) con cargo a Iniciativa de Emprego Xuvenil do Programa Operativo de Emprego Xuvenil (FSE) para o período 2014-2020. Non obstante as bases reguladoras proceden dunha adaptación da  orde que regulaba os programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro para as persoas traballadoras desempregadas e mulleres vítimas de violencia de xénero na convocatoria do exercicio 2014.
Consecuentemente obsérvase unha  diminución  no importe do crédito dispoñible para esta convocatoria (artigo 2º) ao reducirse o colectivo ao que vai dirixida, pasando de 8.100.000 € a 3.193.605 €.
No artigo 5º, relativo aos requisitos das entidades beneficiarias engádese unha nova letra c) no número 4, presumíndose que a entidade beneficiaria non disporá de capacidade técnica e de xestión suficiente cando estea incursa en procedementos xudiciais ou de investigación por parte dos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado ou da Comunidade Autónoma, dos que se teña constancia oficial por parte da Consellería de Traballo e Benestar en materias relacionadas coa xestión de fondos públicos.
No artigo relativo os requisitos dos servizos que se prestarán, 4º, establece na súa letra d) que a duración dos contratos das persoas desempregadas que desenvolvan a prestación dos servizos sexa de 6 meses e a xornada a tempo completo.
Inclúense dous novos artigos, o 8º e o 9º nos que se regulan o consentimento e autorizacións e os datos de carácter persoal, respectivamente.
Modifícase tamén, no artigo 10º, relativo ao procedemento, a valoración dos proxectos en relación coa anterior regulación, que fora modificada a súa vez mediante corrección de erros  (DOG, 12 xuño, 2014).
En relación cos requisitos e criterios para a selección das persoas traballadoras mozas beneficiarias destas axudas, o artigo 12º dispón que deberán estar desempregadas e ter dezaoito ou máis anos e menos de vinte e cinco, ou menos de trinta  no caso de persoas con un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Establécese tamén que terán preferencia, en todo caso, as  persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia.
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO
O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 2 de decembro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e dezaséis consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.
Contén así mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma de carácter non unánime seguintes: unha xeral e unha específica manifestadas polas organizacións sindicais UGT-GALICIA, CIG e SN. DE CC.OO. DE GALICIA (Anexo I), catro específicas manifestadas pola CEG (Anexo II), unha específica manifestada pola CIG (Anexo III) e dúas específicas manifestadas pola UGT-Galicia.





DITAME 32/14



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades sen ánimo de lucro, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2015”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de novembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2014, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.
Primeira.
O Comité subliña que no anterior exercicio orzamentario o colectivo de beneficiarios de esta convocatoria era mais amplo, e agora limítase ás persoas mozas.
O Comité entende que se ben é comprensible esta convocatoria enmarcada no Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020, habería que atender os colectivos beneficiarios da anterior convocatoria por medio doutra orde.
Segunda.
Este Comité considera que as referencias que se fan neste proxecto normativo ao proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 deberán facerse á Lei correspondente de publicarse esta antes do proxecto sometido a ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:
Primeira.- Artigo 3º.- Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra b), o feito de ser titular dun contrato de telefonía fixa no local que se pretende habilitar ao efecto destas axudas.
Este Comité considera que debería ser indistinto se se trata dun contrato de telefonía móbil ou fixa, polo que propón que se suprima a especificación.

Segunda.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
No apartado 2 deste artigo establécese unha escala respecto da contía da subvención en función do grupo de cotización das persoas traballadoras contratadas.

Este Comité considera que, en lugar da referida escala, se debería manter a redacción que figuraba nos apartados 2 e 3 da orde do exercicio de 2011, nos que a contía da subvención se establecía segundo uns módulos por grupo de cotización que tomaban como base o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).

Terceira.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
En relación co establecido no apartado 3 deste artigo, este Comité considera que debería incluírse entre os conceptos subvencionables a indemnización prevista polo artigo 49º.1 c) do Estatuto dos traballadores, xa que forma parte do custo que supoñen esas contratacións para a entidade e non se trata dun custo de carácter voluntario, e posto que, ademais, noutros programas si ten o carácter de subvencionable.

Cuarta.- Artigo 5º. Subvención: Contía.
O inciso final do apartado 3 deste precepto exclúe da consideración de custos salariais elixibles aos incentivos e complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Chama a atención esta regulación xa que, desde a entrada en vigor do Real decreto 16/2013, a meirande parte dos complementos son cotizables e, polo tanto, deben ser obxecto de subvención.

Quinta.- Artigo 6º. Presentación de solicitudes.
No apartado 6 deste artigo recóllese que só poderá presentarse unha solicitude por entidade beneficiaria.

Este Comité considera que a cualificación de “beneficiaria”a unha entidade no momento da solicitude é incorrecta, polo que solicita a súa supresión e que figure soamente que só poderá presentarse unha solicitude por entidade.

Sexta.- Artigo 10º. Procedemento.
Na convocatoria do anterior exercicio orzamentario, incluíase como criterio de valoración no artigo 8º, relativo ao procedemento, que as entidades que tiveran un ámbito de actuación superior ao municipal e implicaran, no seu deseño e execución, a outros organismos ou entidades do contorno, así como aos actores sociais presentes no territorio, ou xurdan da iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente.

Neste proxecto normativo elimínase este criterio de valoración. Este Comité propón que se manteña por consideralo importante dadas as finalidades do programa.

Sétima.- Artigo 10º. Procedemento.
No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase no apartado 4, parágrafo final,  como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.
Este Comité Delegado entende que debería cumprirse coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia que, no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.
Oitava.- Artigo 10º. Procedemento.
No apartado 5 do proxecto sometido a ditame establécese unha puntuación máxima para a valoración das solicitudes, mais non unha puntuación mínima.

Este Comité  considera que ao non establecerse unha puntuación mínima pódense producir efectos non desexados, polo que debería establecerse un corte mínimo de cara a que as solicitudes con escasa puntuación non interrumpan a rotación para outorgar axudas adicionais ás entidades mellor valoradas.

Décima.- Artigo 11º. Resolución.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente.

Décimo primeira.- Artigo 12º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
No apartado 1 deste artigo establécese que as persoas desempregadas mozas deberán estar  inscritas no ficheiro do sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

Este Comité considera que debería manterse a redacción da orde anterior no sentido de esixir que figuren tamén inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego.

Décimo segunda.- Artigo 12º. Requisitos e criterios para a selección dos traballadores e traballadoras.
A última frase do primeiro parágrafo do apartado 1 deste artigo establece que os requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de interese social.

Este Comité propón modificar a redacción ao considerar que debe ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o que comprobe no momento da selección que as persoas traballadoras que serán contratadas reúnen os requisitos e criterios. En consecuencia, suxire a seguinte redacción:
“... Estes requisitos deberán cumprirse no momento da selección.”

Décimo terceira. - Artigo 15º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Neste artigo utilízase na clasificación a letra j.
Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Déicmo cuarta. - Artigo 16º.- Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.
No apartado 2. III.a) deste artigo establécese que as entidades beneficiarias das axudas deberán manter un sistema de contabilidade separada ou unha codificación contable adecuada de todas as transaccións realizadas con cargo aos proxectos subvencionados polo FSE, referidos a operacións da afectación da subvención á finalidade da súa concesión.

Este Comité considera necesario que se especifique neste apartado que gastos son os que deben asentarse na contabilidade separada, se soamente aqueles que son subvencionables ou todos os que se produzan como consecuencia da prestación do servizo.

Décimo quinta.-Disposicións adicionais. Diposicións finais.
Obsérvase que neste proxecto normativo, a diferenza doutros, as disposicións adicionais e as finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúa na redacción, respectivamente, as expresións “Disposicións adicionais” e “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.

Décimo sexta.-Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.





ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA
Consideración xeral:
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais observan que, no texto do proxecto normativo, non se especifica que as entidades beneficiarias non poidan recibir contraprestacións económicas das persoas usuarias ou beneficiarias dos servizos prestados coa actividade das persoas contratadas, entendendo que o proxecto de orde debería ser taxativo ao respecto, prohibindo expresamente a recepción de calquera contraprestación económica.
Consideración específica:

Artigo 10º.-Procedemento.
En relación coa consideración específica sétima, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar , a maiores, o seguinte:
A Administración ten explicado a substitución do criterio que outorgaba puntuación ao emprego do galego pola súa avaliación, unicamente, no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.
É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde non garda relación algunha coa materia de I+D+i á que alude o devandito escrito da Comisión Europea, polo que consideramos que debe puntuarse directamente o criterio de utilización da lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle unhas presuncións da capacidade técnica e de xestión suficiente das entidades e inclúe, na letra c), o ter contratado por conta allea por máis de seis meses algunha persoa traballadora nos últimos tres anos, sen que se poidan computar os contratados mediante as axudas e subvencións correspondentes aos programas e medidas das Políticas Activas de Emprego.

A CEG considera que se debe aclarar a razón desta exclusión.

Segunda.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
O apartado 3 deste precepto recolle a presunción de  cando as entidades non disporán de  capacidade técnica e de xestión suficiente. A CEG considera que debería aclararse que se refire a servizos subvencionados nos programas de cooperación a entidades sen ánimo de lucro.

Terceira.- Artigo 3º. Entidades beneficiarias. Requisitos.
As presuncións establecidas no apartado 4 deste artigo –no que se refire á capacidade técnica e de xestión que deben ter as entidades concurrentes- non son presumibles da capacidade técnica nin de xestión da entidade, así: “As reclamacións ou denuncias escritas derivadas dos servizos subvencionados en exercicios anteriores non proceden xa que este é o primeiro exercicio que esta orde se pon en marcha e non existe, polo tanto, ordes precedentes. Ademais, incurriríase en vulneración do principio constitucional de presunción de inocencia, ao admitir unha reclamación ou denuncia por escrito sen a posibilidade de contradición da parte reclamada ou denunciada”.

Por outra parte, a presentación da documentación xustificativa establecida na letra b) deste apartado 4 e relativa a outros programas xa extintos, non garda relación coa presunción de capacidade que a entidade debe ter para acceder ás axudas aquí reguladas.

Idénticos argumentos deben reproducirse con respecto á presunción relacionada co feito de que exista unha investigación en curso á que se refire a letra c) deste apartado 4.

A CEG considera que mais que requisitos para acreditar a solvencia, realmente deben entenderse como requisitos para obter a condición de beneficiaria da axuda. Neste sentido, a redacción proposta debería aterse á regulación das prohibicións para obter a dita condición, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Cuarta.- Artigo 6º. Presentación de solicitudes
A CEG considera que o prazo de presentación de solicitudes de un mes, recollido no apartado 3 deste artigo, é demasiado reducido, polo que solicita sexa ampliado.



ANEXO III


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG

Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos do proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”. A CIG considera que debería suprimirse esa referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.





















ANEXO IV

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓNS SINDICAL UGT-GALICIA,
Artigo 10º. Procedemento.
UGT- Galicia considera que no apartado 4, letra a) deste artigo a creación e mantemento do emprego debería ser valorada ata 20 puntos en non ata 10 como ven no proxecto sometido e ditame. Consecuentemente a puntuación máxima prevista nesta letra debería elevarse ata 30 puntos, como se prevía na anterior convocatoria.
Artigo 10º. Procedemento.
En relación coa puntuación prevista na letra d) deste artigo para a experiencia da entidade na xestión de programas, UGT- Galicia solicita que sexa elevada dos 5 puntos previstos na presente convocatoria ata 20, polo que a puntuación máxima prevista no artigo  no apartado 5 debería ser elevada de 45 ata 60 puntos.