ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia os anos 2015 e 2016.

I. ANTECEDENTES

O día 27 de novembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia os anos 2015 e 2016, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Segundo a exposición de motivos, no actual contexto económico, a sociedade esixe dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas e eficientes que coadxuven a paliar os efectos e a reducir o desemprego, sinaladamente das persoas con especiais dificultades de inserción; por esta razón, mantendo os elementos nucleares que caracterizan orixinariamente aos programas integrados para o emprego, a presente regulación realiza unha adaptación do programa estatal de programas experimentais en materia de emprego, introducindo unha serie de modificacións tendentes a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, establecer colectivos de actuación específicos e garantir a prestación ás persoas participantes de medidas de mellora da empregabilidade que inclúen necesariamente formación para o emprego e intermediación no mercado de traballo. De esta maneira, configúrase un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para 2015.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 23 de decembro de 2013, publicada no DOG o 10 de xaneiro de 2014, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 25 de novembro de 2013 (ditame 45/13), obsérvase que foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.





Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:
Una nova redacción do obxecto do mesmo no número dous do artigo 1º, no que se concreta o que debe de entenderse por programas integrados de emprego con intermediación laboral.

No artigo 2º, apréciase a modificación  dos créditos con cargo aos cales se financiarán as axudas reguladas neste proxecto de orde, pasando as contías a ser  1.200.000 € para a anualidade 2015 e 4.560.000 € para a anualidade 2016, correspondentes a fondos finalistas transferidos.

O artigo 4º do proxecto dispón, no seu número 1, que unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude para cada tipo de programa dos regulados no artigo 3.1 da orde. Así mesmo dispón, no número 3, que non poderán ser entidades beneficiarias aquelas nas que ademais de concorrer algunha das causas do  artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nas que recaera, nos últimos cinco anos, resolución definitiva de perda de dereito ao cobro ou reintegro da subvención percibida, por incumprimento das obrigas derivadas das bases de convocatoria.

No número 3 do artigo 5º recóllese agora tamén o procedemento para exercitar os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de conformidade coa Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.

Polo que respecta aos criterios de valoración dos programas (artigo 7º), inclúense mais colectivos no grupo B e un novo grupo D, modificándose tamén nalgún caso a puntuación máxima a obter, especificándose con mais detalle os criterios para valorar as características técnicas do programa integrado e o carácter innovador do programa.

A contía máxima das subvencións (art. 9º) pasa a establecerse por participante en vez de por euros/mes.

En relación cos gastos imputables, o artigo 10º do proxecto inclúe agora no índice 2 da letra e) do número 1, entre os gastos xerais, os de gardería e/ou atención a persoas dependentes das persoas participantes que lles faciliten a asistencia ás distintas accións do programa.

Finalmente, o artigo 15º, número 1, letra f), recolle entre as obrigas das entidades beneficiarias a de asegurar aos participantes contra accidentes, tanto para as accións formativas como no caso de realización de prácticas profesionais non laborais, que será sempre sen franquía ou no seu defecto a carta de garantías deste, e terá polo menos a seguinte cobertura: asistencia médica, farmacéutica e hospitalaria para calquera accidente acontecido durante o horario de desenvolvemento da formación ou das prácticas, incluíndo o tempo necesario para o desprazamento do participante e unha indemnización mínima de 30.000 euros por falecemento e mínima de 60.000 euros por invalidez permanente, derivadas ambas as dúas situacións dun accidente na empresa onde se realicen as prácticas e no desprazamento.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a realizar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia durante os anos 2015 e 2016” consta de: Exposición de motivos, dezaseis artigos, tres disposicións adicionais e  dúas disposicións finais.


O día 2 de decembro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén unha consideración xeral e vinte e unha consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración específica manifestada pola CIG (anexo I), unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo II) e unha específica manifestada pola CEG e polas organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo III).



DITAME 33/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados para o emprego de Galicia durante os anos 2015 e 2016”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de novembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Este Comité observa que a Orde do 23 de decembro de 2013, reguladora das subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas integrados para o emprego durante os anos 2014 e 2015, se vai solapar durante 2015 coa que agora se ditamina, que rexe para os anos 2015 e 2016.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3º. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No último parágrafo do epígrafe A deste artigo e no segundo parágrafo do epígrafe B establécese, respectivamente, que o obxectivo de inserción laboral para as persoas en situación de desemprego deberá ser, polo menos, do 30 por cento no caso do epígrafe A, porcentaxe que se reduce ao 25 por cento no caso do epígrafe B.

Este Comité segue a entender que os obxectivos de inserción laboral que se especifican neste artigo son excesivos debido á situación do mercado laboral e dos colectivos obxecto do programa, polo que se propón para os programas do epígrafe A unha porcentaxe de inserción do 25% e para os programas do epígrafe B unha porcentaxe do 20%.

Segunda.- Artigo 3º. Tipos e características dos programas integrados de Galicia.
No apartado 2 deste artigo establécese que o Servizo Público de Emprego de Galicia seleccionará, mediante un procedemento de selección específico para estes programas regulado mediante Instrución, ás persoas demandantes de emprego dispoñibles.

Este Comité considera que é necesario aclarar que no referido proceso de selección participa tamén a entidade beneficiaria.

Terceira.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias.
Neste artigo, ao rematar o apartado 1.b), establécese que “unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude para cada tipo de programa dos regulados no artigo 3.1 desta orde”.

Este Comité propón que a dita esixencia se enumere como apartado 2 para non inducir a confusión, posto que afecta a ambos os dous tipos de entidades, tanto ás sinaladas coa letra b) como ás sinaladas coa letra a).

Cuarta.- Artigo 6º. Documentación.
No apartado 1 deste artigo enuméranse os documentos que se deben aportar coa solicitude.

Este Comité considera que sería necesario prever a posibilidade de modificar estes documentos mediante solicitude motivada e a aprobación do correspondente órgano administrativo, xa que hai circunstancias que poden variar substancialmente en función das condicións particulares das persoas candidatas.

Quinta.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Este Comité, á vista dos criterios enumerados neste artigo, propón incluír como criterio principal na valoración dos programas, cun 15% da puntuación máxima, a aqueles proxectos que combinen todas as accións establecidas no artigo 1º da orde.

Sexta.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1 deste artigo recolle, dentro dos criterios de valoración dos programas, a relación dos grupos dos colectivos desempregados para atender.

Este Comité non comparte a división destes colectivos prioritarios en distintos grupos e con distintas puntuacións, polo que se propón que se valore simplemente o número e as características dos colectivos desempregados para atender en función das especiais dificultades da súa inserción laboral, independentemente do colectivo prioritario de pertenza.

Sétima.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.A. deste artigo, na súa letra b.1, avalía con 20 puntos aos programas integrados localizados en concellos que cumpran unha serie de requisitos; pero xa non se inclúe a referencia a aqueles que teñan sufrido un ERE extintivo no seu ámbito territorial.

Este Comité considera que debería puntuar tamén ese feito, polo que propón que se avalíen con 20 puntos os programas localizados en concellos que teñan sufrido un ERE extintivo no seu ámbito territorial no 2014 que teña suposto un incremento da media de paro desde o ano 2010.

Oitava.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.A. deste artigo, na súa letra b.2, establece que, no caso de que os programas se desenvolvan exclusivamente dentro do ámbito das provincias de Lugo e/ou Ourense, a puntuación deste apartado incrementarase en 5 puntos.

Este Comité entende que esa puntuación adicional non debería responder a un criterio estritamente xeográfico, senón a criterios máis obxectivos.

Novena.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
O apartado 1.A.d. deste precepto recolle, como criterio de valoración dos programas, “os compromisos adquiridos” en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes.

Este Comité propón substituir a expresión “os compromisos adquiridos” por “obxectivos comprometidos”, por ser máis adecuada.

Décima.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
En relación co antedito criterio de valoración, especificado no apartado 1.A.d) deste artigo, obsérvase que no actual proxecto normativo redúcese aínda máis a puntuación que se lle asignaba a este criterio nas ordes dos exercicios anteriores (dun máximo de 20 puntos sobre 70, pasouse no exercicio de 2013 a 15 sobre 80 e agora, neste proxecto, pásase a 15 sobre 145).

Este Comité non está de acordo con esta redución, máxime se ten en conta que este proxecto normativo ten por obxecto o financiamento de programas dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral e considera ademais que o cumprimento dos obxectivos comprometidos en materia de inserción laboral no mercado de traballo das persoas demandantes para atender, debería ter un maior peso na puntuación global.

Décimo primeira.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
Dada a natureza dos programas, non se considera necesario puntuar o esforzo inversor que figura no apartado 1.A.e. deste artigo, polo que este Comité propón que se elimine este criterio.

Décimo segunda.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.

O apartado 1.A.f. establece que “avaliarase a xestión e execución dos programas das entidades que participaron nas cinco convocatorias anteriores e puntuarase negativamente unha mala xestión restando ata 15 puntos”.

Este Comité considera que a inclusión dun criterio negativo pode inducir a distorsións na puntuación total. Por outra parte, non se fan explícitos os criterios obxectivos que definirían unha posible “mala xestión”. Xa que logo, este Comité entende que se debería suprimir a valoración negativa prevista no punto 1.A.f. deste artigo.

Por outra banda, neste mesmo apartado 1.A.f. establécese que se avaliará a xestión e execución das accións das entidades que participaron en convocatorias anteriores.

Este Comité considera que se deberían poñer en coñecemento das entidades os resultados da referida avaliación da xestión e execución das accións.



Décimo terceira.- Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
No apartado 1.A.h. deste artigo puntúase o carácter innovador do programa e avalíase, no seu primeiro ítem, a utilización “das novas tecnoloxías de información e de plataformas web 2.0.”

Este Comité considera que bastaría con dicir “a utilización das tecnoloxías e das plataformas web”.

Décimo cuarta.- Artigo 8º. Procedemento, competencia e resolución.
O apartado 5 deste artigo establece un prazo de resolución de seis meses o que modifica o disposto nese mesmo apartado da orde do exercicio anterior.

Este Comité considera que é un prazo excesivamente longo, polo que solicita que se volva á redacción anterior e que o prazo para resolver e notificar sexa de tres meses.

Décimo quinta.- Artigo 10º. Gastos imputables.
Este Comité quere chamar a atención sobre o feito de que, no caso dos custos salariais e de seguridade social (apartado 1.a), a substitución dunha contía máxima anual por un tope mensual implica unha redución do máximo anual.

Así, no caso de que non se manteña a regulación de máximos anuais, este Comité propón que se axusten os máximos mensuais para que a axuda anual total, de 42.000 euros, non se vexa minguada.

Décimo sexta.- Artigo 10º. Gastos imputables.
Este Comité considera que, no apartado 1.c) deste artigo, debería simplificarse a redacción do seu último parágrafo e facerse constar que a prestación de servizos docentes non terá a consideración de subcontratación.

Décimo sétima.- Artigo 12º. Xustificación e pagamento.
En contra do solicitado por este Comité nos ditames relativos ás ordes dos exercicios anteriores, o apartado 1.A) deste artigo establece que a entidade beneficiaria poderá solicitar, en concepto de anticipo, un pagamento do 25 por cento da suma das subvencións dos anos 2015 e 2016, sempre que a devandita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade do ano 2015.

Posto que a orde ministerial prevé anticipos de ata o 100%, este Comité propón que se estableza que se poderán aboar anticipos, por encima do estipulado no apartado 1. A) deste artigo, de ata o 100%.

Décimo oitava.- Artigo 13º. Publicidade.
No apartado 1 deste artigo establécese que, para os efectos de difusión pública, deberá figurar un cartel informativo no que constará o financiamento pola Consellería de Traballo e Benestar e o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Este Comité considera que debería figurar exclusivamente o financiamento da referida Consellería, polo que propón que se elimine a publicidade do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.
Décimo novena.- Artigo 14º. Seguimento das accións.
Este Comité considera que, no apartado 1 deste artigo, debería incluirse o que figuraba nas ordes de exercicios anteriores, que prevía a elaboración dun informe pola persoa responsable da visita que sería asinado por esta e pola persoa responsable da entidade, sen que isto implicase a conformidade desta última.

Vixésima.- Disposición adicional primeira.
O segundo parágrafo desta disposición adicional fai referencia á tramitación anticipada de expediente de gasto.

Este Comité advirte que, para o caso de que a Lei de Orzamentos 2015 se publique no DOG antes desta orde, debería suprimirse ese parágrafo.


Vixésimo primeira.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.






























ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG)


Exposición de motivos.
No parágrafo terceiro da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

A CIG considera que debería rectificarse este aspecto pola súa carencia de relación material co contido dunha orde que, substancialmente, e agás retoques cosméticos, ven sendo reprodución doutras anteriores.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN DE CCOO DE GALICIA.

Artigo 7º. Criterios de valoración dos programas.
No punto 1.h. deste artigo  establécese que a puntuación que se outorgará polo emprego da lingua galega nas accións do programa integrado para o emprego, será de 5 puntos.

As organizacións sindicais que integran este Comité consideran que se debería recuperar a previsión que contiña a Orde correspondente ao exercicio de 2009, onde este criterio contaba cunha valoración de 12 puntos, xa que o idioma é un ben cultural que se debe promover. Por outra banda, pode supor unha fórmula de achegamento e proximidade coas persoas participantes nas actividades, mellorando o seu resultado.

































ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CCOO DE GALICIA E A CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 10º. Gastos imputables.
Na letra c) deste artigo establécese que cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50% do custo total final da actividade subvencionada.

As organizacións sindicais UGT-Galicia e SN de CCOO de Galicia e a CEG consideran que debería permitirse que a porcentaxe chegue ata o 100%.