ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/14

Ditame sobre o anteproxecto de lei da Economía Social de Galicia.

I. ANTECEDENTES

O día 13 de novembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, co que remite o anteproxecto de lei da Economía Social de Galicia e solicita o ditame preceptivo deste organismo sobre o citado proxecto normativo, para así dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segundo a exposición de motivos do anteproxecto, a Lei estatal 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, definiu o concepto e concretou os seus principios orientadores, configurando un marco xurídico de aplicación no conxunto do Estado que, sen substituír a normativa aplicable a cada unha das entidades que conforman o seu ámbito, pretende un maior recoñecemento e visibilidade da economía social outorgándolle maior grao de seguridade xurídica. Tendo en conta as potencialidades da economía social, a súa destacada presenza na economía, e as competencias que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia, resulta necesaria a aprobación dunha norma legal que dote ao sector dunha regulación propia en sintonía coa realidade galega e que fomente a súa consolidación e expansión.

Ao longo da dita exposición de motivos establécese que esta Lei da economía social de Galicia ten entre os seus obxectivos principais o de poñer en valor este sector económico, dotalo da relevancia que merece polas súas achegas á sociedade e impulsar a súa capacidade de xerar un modelo de desenvolvemento económico e social equilibrado e sustentable. Por medio desta Lei intégrase o sector, ata o de agora disperso e se sitúa nun plano de participación institucional que abre canles de interlocución, capaces de mellorar a eficacia das políticas activas de emprego e de benestar social. Establécense, así mesmo, mecanismos de coordinación entre os distintos axentes públicos e privados, que facilitan concretar obxectivos e aglutinar esforzos e incentivos para o desenvolvemento do sector.

Deste proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

O capítulo primeiro recolle as disposicións xerais e nel reflíctese o obxecto da norma, a vontade de acadar un maior recoñecemento e visibilidade do conxunto das entidades asociativas que conforman a economía social, e fomentar o seu desenvolvemento.

Defínense o concepto de economía social, o ámbito de aplicación e os valores e principios orientadores comúns e ten en conta en conta as especificidades da realidade galega.

O capítulo segundo enumera as entidades que forman parte da economía social en Galicia e establece as bases da súa organización e representación. Como novidade, incorpóranse as comunidades de montes veciñais en man común ao Catálogo galego de entidades de economía social.

O terceiro capítulo define o marco galego de participación institucional e respecta as competencias atribuídas ao Consello Galego de Cooperativas. Créase o Consello da Economía Social de Galicia, como órgano de promoción e difusión da economía social, de carácter consultivo e asesor das administracións públicas. Na súa composición tense en conta as peculiaridades do sector en Galicia e a representación dos distintos departamentos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia máis diretamente relacionados coa promoción e fomento da economía social. Contémplase así mesmo a participación da administración local e das universidades de Galicia.

O cuarto e último capítulo céntrase na promoción, fomento e difusión da economía social e inclúense medidas dirixidas ao impulso e á dinamización do autoemprego, do emprendemento de base cooperativa e da colaboración empresarial.

Finalmente, a través das disposicións derradeiras (sic), modifícanse seis artigos da Lei 5/1998 do 18 de decembro, de Cooperativas de Galicia, xa modificada por Lei 14/2011, do 16 de decembro e engádese unha nova disposición adicional á dita lei, na que se regulan as cooperativas xuvenís.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos as persoas integrantes do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame, denominado “Anteproxecto de lei da Economía Social de Galicia”, estrutúrase en catro capítulos con dezaoito artigos, tres disposicións adicionais, unha derrogatoria e catro derradeiras.

O día 4 de decembro de 2014 reúnese este Comité e acorda emitir o seguinte ditame, que contén tres consideracións xerais e doce consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións empresarial e sindicais.

Contén así mesmo, como anexos, as consideracións de carácter non unánime sobre a valoración da norma: unha consideración específica manifestadas pola CEG (anexo I) e unha consideración específica manifestada polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e o SN. de CC.OO. de Galicia (anexo II).



DITAME 34/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto de “Lei da Economía Social de Galicia”, con data de rexistro de entrada neste Consello o 13 de novembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de decembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
En Galicia, a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na xestión dos asuntos de relevancia pública maniféstase polo recoñecemento da súa presenza nos órganos  de dirección e participación da Administración autonómica, así como en numerosas entidades, organismos públicos e órganos de asesoramento e participación e faise así efectiva na práctica a presenza institucional dos axentes sociais máis representativos no ámbito autonómico.

Neste sentido, a Lei 17/2008, de 29 de decembro, de participación institucional das organizacións sindicais e empresariais mais representativas de Galicia, recoñece na súa exposición de motivos ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas, unha posición xurídica relevante na participación na xestión dos asuntos públicos de natureza socioeconómica, manifestando que Galicia camiña, con esta lei, coa vontade de deixar claramente recollido o compromiso do Goberno de recoñecer a implicación e participación dos axentes sociais na vida económica e social do país.

É, polo exposto, que chama a atención deste Comité a omisión intencionada no anteproxecto de Lei de Economía social de Galicia da presenza das organizacións sindicais e empresariais máis representativas no denominado Consello de Economía social de Galicia regulado no artigo 9 de dito anteproxecto, o que supón unha evidente conculcación do disposto no artigo 3.1 a) da Lei 17/2008, de 29 de decembro, de participación institucional no que se establece:

“Artigo 3º.- Ámbito de aplicación.
1. A participación institucional establecida nesta lei será aplicable respecto dos órganos de asesoramento e participación, e nos termos nos que a normativa específica de cada entidade ou organismo público así o estableza, nos seguintes ámbitos de intervención:
a) Entidades e organismos públicos integrados na Administración da Xunta de Galicia que teñan atribuídas competencias en materias de carácter laboral, social ou económico.
Inclúense todas aquellas entidades ou organismos públicos que teñan competencias en materia de traballo, emprego, formación profesional, economía social, políticas de igualdade, emigración e inmigración vinculada ao mercado de traballo e, en xeral, calquera outra materia de relevancia laboral ou social”.

Ademais supón tamén unha clara contradicción co estipulado na Lei estatal 5/2011, de 29 de marzo, de Economía Social, que no seu artigo 9 “Consejo para el Fomento de la Economía Social”, si contempla no seu apartado 3 a presenza dos interlocutores sociais máis representativos.

Este Comité valora de xeito negativo a regulación da participación institucional contemplada neste anteproxecto de lei que omite a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, polo que solicita que se adapte ao marco legal vixente.

Segunda.
Este Comité observa o uso do masculino xenérico no artigo 11.4), polo que propón que se revise o texto de cara á unha utilización adecuada da linguaxe en materia de xénero

Terceira.
Obsérvase que ao longo do texto do proxecto remitido existen gran cantidade de erros no uso do galego e tamén erros ortográficos (por exemplo, nos artigos 3, 6 e no 10.3, na disposición adicional segunda) e tamén utilízanse as letras j) e k) que non existen en lingua galega, polo que se propón unha revisión do texto do proxecto normativo para corrixir os ditos erros.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Exposición de motivos.
No apartado III da exposición de motivos,sexto parágrafo, establécese a composición do Consello de Economía Social de Galicia e nel contémplase a participación da administración local e das universidades galegas polo seu papel central na investigación e divulgación.

Este Comité considera que é necesario engadir neste parágrafo ás organizacións sindicais e empresariais máis representativas.

Segunda.- Exposición de motivos.
No apartado III da exposición de motivos, parágrafo décimocuarto, disponse que “Mediante dúas disposicións adicionais establécese a necesaria coordinación do Consello de Economía Social de Galicia co Consello Galego de Cooperativas e regúlase especificamente o acceso da economía social aos principais órganos de diálogo institucional ..”

Este Comité considera que se debería suprimir o termo “principais” e referirse aos órganos de participación institucional sinalados na norma e non aos órganos de diálogo institucional.

Terceira.- Artigo 10. Funcións.
No apartado 1.e) deste artigo alúdese á función de “Formular propostas de incorporación ou exclusión no catálogo galego de entidades de economía social...”

Este Comité considera que a función debería ser non soamente a de formular propostas senón tamén de informalas.

Cuarta.- Artigo 10. Funcións.
No apartado 1.h) deste artigo alúdese á función de “Velar pola promoción e pola axeitada aplicación dos principios da economía social e desta Lei.

Este Comité propón que se substitúa a expresión “principios da economía social e desta Lei” pola de “principios da economía social expresados nesta Lei”.

Quinta.- Artigo 10. Funcións.
No apartado 3 deste artigo establécese que “Correspóndelle ao Consello de Economía Social de Galicia designar ás persoas que deban ostentar a súa representación nos órganos de participación institucional de carácter xeral ou específico ...”

Este Comité propón a seguinte redacción en lugar da antedita: “Correspóndelle ao Consello de Economía Social de Galicia designar as persoas que deban ostentar a súa representación nos órganos de participación institucional relacionados na disposición adicional segunda desta orde ...”

Sexta.- Artigo 11. Composición.
No apartado 1 deste artigo defínese quen integra o Consello de Economía Social de Galicia.

Este Comité considera que debería engadirse unha nova letra para incluir aos interlocutores sociais máis representativos, de acordo co proposto na consideración xeral primeira deste ditame.

Sétima.- Artigo 11. Composición.
No apartado 1.g) establécese que integrará o Consello de Economía Social de Galicia unha persoa representante das Universidades de Galicia.

Este Comité considera que habería que determinar neste precepto o mecanismo de designación desta persoa polo Consello Galego de Universidades.



Oitava.- Artigo 13. Funcionamento.
No apartado 4, segundo parágrafo, establécese que asistirán ás reunións, sen dereito a voto, “un máximo dunha persoa asesora a petición das entidades de  ...”

Este Comité considera que se debería suprimir a expresión “un máximo dunha persoa asesora” e substituila pola seguinte redacción: “unha persoa asesora por cada unha das entidades seguintes ..”

Novena.-Disposicións adicionais. Disposicións finais.
Obsérvase que neste proxecto normativo, a diferenza doutros, as disposicións adicionais e as finais non aparecen encaixadas baixo un título común, polo que se propón que se inclúan na redacción, respectivamente, as expresións “Disposicións adicionais” e “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.

Décima.- Disposicións derradeiras (sic).
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran tres disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

Décimo primeira.- Disposición derradeira (sic) primeira. Modificación da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia.
No apartado 8, relativo á nova disposición adicional novena, sobre as cooperativas xuvenís, no número 2, letra c), observa este Comité unha redacción confusa que podería producir inseguridade xurídica, polo que entende debería mellorarse.

Décimo segunda.- Disposición derradeira (sic) primeira.
No apartado 8, relativo á nova disposición adicional novena, sobre as cooperativas xuvenís, no número 2, letra f), establécese que a redución do número de persoas socias traballadoras .... será causa de disolución ou transformación en cooperativa ordinaria.

Este Comité considera que debería aclararse neste precepto se a disolución ou transformación se decide autonomamente pola cooperativa xuvenil ou se decide por outra instancia.















ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG):

Disposición adicional segunda.-
Con respecto á integración da representación das persoas designadas polo Consello da Economía Social de Galicia nos órganos de participación institucional que se establecen nesta Disposición adicional, a devandita integración non debería ir en detrimento da prevista para as organizacións empresariais máis representativas de acordo coa normativa de aplicación, e, así mesmo, debería salvagardar o mantemento do equilibrio entre grupos ou partes na composición do órgano correspondente.


































ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:
Disposición adicional segunda.-
En relación co establecido nesta disposición, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que para a súa aplicación debe terse en conta o criterio da Organización Internacional do Traballo (OIT), segundo o que os órganos de participación institucional deben ter unha composición tripartita e paritaria.