ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 27 de novembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2015, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional para o emprego, que teñen por obxecto a cualificación profesional dos traballadores e traballadoras.

A Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, polo que se desenvolve o Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, en materia de formación de oferta, modificada parcialmente pola Orde ESS/1727/2012, de 2 de agosto, establece as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas o seu financiamento.

Entre as distintas modalidades de formación de oferta que regula a antedita Orde contémplanse as accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas, cuxa execución se realizará mediante a convocatoria do órgano competente de cada Comunidade Autónoma conforme ás bases que na Orde se establecen.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde para o exercicio de 2014, publicado no DOG o día 21 de xaneiro de 2013 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 22 de novembro de 2013 (Ditame 43/13), obsérvase que se tivo en conta algunha consideración manifestada a título particular por unha organización sindical.

O novo proxecto normativo non introduce modificacións na maioría do articulado con respecto o exercicio do 2014, destacándose os seguintes aspectos:

O artigo 4º establece os medios electrónicos como única vía para a presentación de solicitudes, descartando a posibilidade da presentación presencial.

Mantense a supresión, no  artigo 5º, do emprego da lingua galega na realización de accións formativas como criterio avaliable e puntuado con 5 puntos; no actual proxecto,  como no exercicio 2014, a utilización da lingua galega ten a consideración de elemento dirimente en caso de empate nas puntuacións obtidas.

O capítulo III, “Do cofinanciamento polo Fondo Social Europeo” sigue a manterse o cofinaciamento con cargo o Programa Operativo adaptabilidade e Emprego para o período 2007-2013..

En canto aos custos subvencionables (artigo 34º), hai varias modificacións nos custos relativos a actividade formativa,  tanto no relativo a docencia como gastos de medios didácticos, na amortización da adquisición dos mesmos, nos de alugueiro e arrendamento financeiros. Rebáixanse as primas dos gastos de seguro para participantes que pasa, por exemplo no caso de morte dunha cobertura mínima de 150.000 € a 60.000 €, non  modificándose a regulación dos gastos de publicidade.


Polo que respecta ás persoas destinatarias da formación (artigo 43º), o apartado 2 deste precepto dá preferencia ás que teñan a condición de persoas desempregadas, se ben terá prioridade determinados colectivos (por exemplo, mulleres vítimas de violencia, persoas con discapacidade ou persoas desempregadas de longa duración).

No artigo 49º. Relativo a Calidade, avaliación, seguimento e control dos cursos. Disponse que as actuacións realizadas en materia de avaliación polas entidades, deberán comunicarse a Dirección Xeral de Emprego e Formación no momento en que se efectúen, dando traslado de copia da documentación e dos resultados obtidos a través dun informe no que queden reflectidas, así como da verificación das condiciones de impartición do curso e as actuacións de mellora que se teñan realizado a raíz dos resultados das accións de avaliación e control.  A maiores deberán facer un seguimento continuo que permita a identificación de áreas de mellora e a elaboración de plans de mellora, detectando debilidades que puidesen ser subsanadas dentro do período de realización do curso, e quedando reflectidas as actuacións levadas a cabo para tal fin na memoria final.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2015” consta de: Exposición de motivos, 55 artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións finais.


Os días 12 e 15 de decembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén seis consideracións xerais e corenta e sete específicas sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e a empresarial.

Contén, así mesmo, como anexos as consideracións de carácter non unánime seguintes:

• Unha xeral e catro específicas manifestadas polas organizacións sindicais que integran o    Consello (Anexo I)
• Tres específicas manifestadas polos sindicatos UGT e CC.OO e a CEG (Anexo II)
• Unha xeral e tres específicas manifestadas polo sindicato CIG e a CEG (Anexo III)
• Unha xeral e unha específica manifestadas polos sindicatos UGT e CIG e pola CEG (Anexo IV)
• Catro específicas manifestadas polo sindicato CIG (Anexo V)
• Unha específica manifestada polo sindicato CC.OO. (Anexo VI)
• Dezasete específicas manifestadas pola CEG (Anexo VII)
• Unha específica manifestada polo sindicato UGT (Anexo VIII)
• Unha específica manifestada polos sindicatos UGT e CC.OO e a CEG (Anexo IX)



DITAME 36/2014




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública para a programación de accións formativas dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2015”, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de novembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois das xuntanzas celebrada os días 12 e 15 de decembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.
Este Comité observa que a dotación orzamentaria sufriu unha mingua, respecto á dotación inicial prevista na orde do exercicio anterior, do 27,48% para as entidades de dereito público e do 19,84%  ou do 10,93, segundo os casos, para as entidades sen ánimo de lucro.

Este Comité non está de acordo con esa minoración, considerando que as diminucións producidas na convocatoria anterior e na actual están a poñer en risco o obxectivo de procurar a formación das persoas desempregadas e o fomento do emprego, polo que se debería incrementar o esforzo económico e máis dadas as actuais taxas de desemprego en Galicia.  

Debido ás circunstancias actuais e a problemática do noso mercado de traballo, é imprescindible unha dotación suficiente que permita poñer en marcha as accións de formación necesarias e de calidade, que sirvan para integrar no mercado de traballo á poboación desempregada, que cada vez ten maiores dificultades.

Aínda máis, mantense a redución do 15% dos custos asociados, o que prexudica enormemente ás entidades beneficiarias no desenvolvemento da actividade formativa coa calidade requirida, máxime ao ter en conta que, agora, esa porcentaxe do 15% debe aplicarse sobre os custos directos da acción formativa e non sobre o orzamento total, como ocorría na orde para o exercicio anterior.

A esta limitación orzamentaria súmase a consolidación da redución dos anticipos, o que pon en grave perigo a posibilidade de impartición das accións formativas e a viabilidade das propias entidades beneficiarias.

Aínda coñecida a limitación imposta pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, este Comité suxire que a Xunta de Galicia aprobe unha norma específica para subvencións en materia de formación para o emprego que permita os anticipos de ata o 100 por 100 ou, como mínimo, o 50% que establece a norma estatal.

Finalmente, este Comité propón que, en todo caso, teñan a consideración de custos elixibles os gastos financeiros.

Segunda.
Para evitar os efectos nocivos da diminución do crédito dispoñible para esta convocatoria e atenuar o impacto dos retrasos nas liquidacións das subvencións, este Comité propón que se estableza algún instrumento financeiro que posibilite a execución das accións formativas, como, por exemplo, un aval do IGAPE que implique que as entidades solicitantes poidan acceder a créditos con condicións financeiras especialmente favorables que cubran o 100% da cantidade subvencionada.

Terceira.
O carácter prioritario dos novos certificados de profesionalidade debe tomarse con cautela, pois aínda que o Decreto 106/2011, de Inscrición e acreditación, foi publicado en xuño de 2011, a administración non está a responder de xeito áxil ás solicitudes de novas homologacións, máxime no momento actual, que están a saír publicados un volume importante de novos certificados de profesionalidade e se derrogan moitas das especialidades que as entidades tiñan acreditadas. Así mesmo, deberíanse ter en conta, con carácter prioritario, todas aquelas accións que, sen estar asociadas aínda aos novos certificados, teñen éxito polo seu nivel de demanda e polo seu grao de inserción laboral.

Por outra banda, este Comité reclama da Administración unha maior axilidade nos procesos de inscrición de centros e acreditación de especialidades.  

Deberíase considerar a posibilidade de reprogramar as accións, nos termos e prazos establecidos pola Administración, e ter en conta a posibilidade de reprogramar aquelas accións que aínda que non estean na solicitude inicial, poidan ter demanda.

Deberíase poder adiantar o inicio das actividades formativas de modo que os cursos con maiores horas lectivas se poidan desenvolver sen ter que sobrecargar de horas ao alumnado.

Ademais, debería contemplarse a posibilidade de facer convocatorias de carácter bianual, co obxecto de facer unha programación máis axeitada en horarios e necesidades de formación.



Cuarta.
Este Comité considera que se debería continuar a traballar na mellora da aplicación SIFO para simplificar os procesos, coa finalidade de axilizar os traballos nos centros e garantir o seu funcionamento en todo momento, e evitar a introdución manual de calquera tipo de dato por parte dos centros.

No que se refire á xestión administrativa, é necesaria unha maior axilidade na xestión e unha simplificación das obrigas administrativas que leva consigo a execución das accións e evitar que os centros teñan que remitir a documentación esixida nos artigos 4º e 8º, que debe remitirse vía SIFO e tamén en papel.

Quinta.
Este Comité considera que, con independencia de que o alumnado poida non participar nalgún dos módulos da acción formativa, deberíase garantir e concretar expresamente na orde o financiamento total da acción formativa á entidade, independentemente do número total do alumnado que participe en cada módulo.

Sexta.
Este Comité observa que persisten algunhas incorreccións ortográficas puntuais en materia de xénero, principalmente as relativas ao uso reiterado das barras presente ao longo do texto do proxecto normativo (especialmente significativo na utilización de alumnos/as), que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero. Debe terse en conta, ademais, que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia aconsellan o uso das barras só para os formularios.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. – Exposición de motivos.
No antepenúltimo parágrafo da exposición de motivos alúdese ao proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015.

Este Comité considera que debería terse en conta, no momento da publicación deste proxecto de orde, se a referencia hai que facela á lei de orzamentos ou ao proxecto de lei.

Segunda. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Este Comité considera que debería incluírse entre estas vías de acceso, unha vía específica para as organizacións sindicais e empresariais e as súas entidades prestadoras de formación, co obxecto de garantir o cumprimento da obriga de cooperación da Administración cos interlocutores sociais.


Terceira. - Artigo 3º. Entidades beneficiarias.
Este precepto establece que poderán participar na vía de programación ordinaria: “Todos aqueles centros e entidades de formación inscritos ou acreditados no rexistro de centros e entidades de Formación para o Emprego da Consellería de Traballo e Benestar, naqueles certificados que teñan acreditados á data de publicación desta orde”.

Este Comité considera que debería permitirse participar aos referidos centros tamén naquelas especialidades que estean en proceso de inscrición ou acreditación á data de publicación da orde.

Cuarta.- Artigo 4º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado, 2.f) indícase que cando as especialidades formativas se correspondan cos novos certificados de profesionalidade, deberán achegar convenio ou acordo coa empresa ou empresas onde se realizarán as prácticas.

Este Comité considera que debería achegarse un compromiso da entidade de realizalas, pero os convenios deberían presentarse cando a acción formativa estivera concedida para non comprometer ás empresas sen necesidade.

Quinta.- Artigo 4º. Solicitudes, documentación e prazo.
No apartado 2.g), establécese que xunto coa solicitude se acompañe a xustificación documental de ter cumprido na execución das accións formativas concedidas na convocatoria anterior co compromiso de inserción laboral.

Este Comité propón a eliminación da obrigatoriedade atribuída á entidade beneficiaria da subvención de ter que xustificar documentalmente a inserción laboral do seu alumnado polas seguintes razóns:

1ª. A entidade beneficiaria non dispón de autoridade legal para obrigar ao seu ex-alumnado a comunicar e xustificar documental e suficientemente a súa inserción laboral nun período de seis meses, logo de ter rematado o correspondente curso, o que na práctica supón cando menos unha patente limitación para a entidade.
2ª. A ausencia de recursos económicos específicos habilitados para a realización deste traballo, unha vez rematada a acción formativa.

En todo caso, este Comité considera que debería quedar máis claro e concretarse o procedemento que teñen os centros de xustificar o dito compromiso. Ademais hai que ter en conta que parte do alumnado pode optar polo autoemprego.

O compromiso de inserción laboral debería ser máis flexible no referido aos prazos, xa que, dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo a inserción laboral faise máis complicada e, polo tanto, debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural posterior á finalización das accións, as baixas producidas ao longo do curso por colocación ou que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.

Debido ao escaso marxe existente entre a finalización da formación na convocatoria do 2014 (15 de decembro de 2014) e a presentación da nova solicitude (1 mes desde a publicación), este Comité considera que é pouco realista o compromiso de inserción esixido ás entidades colaboradoras. Establécese como requisito que o alumnado teña finalizada a formación específica para poder cumprir co compromiso de inserción laboral, polo que as entidades só dispoñen de 15 días para poder conquerir e demostrar os obxectivos de inserción, cando o máis probable e que estes se produzan nos 6 meses seguintes á finalización da formación.

Sexta.- Artigo 4º. Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 3 deste precepto establece que: “para cada número de censo poderanse solicitar, como máximo, dúas edicións dunha mesma especialidade”.

Este Comité propón a supresión do devandito apartado xa que impón unha limitación sen xustificación algunha do alcance desta medida

Sétima.- Artigo 5º. Procedemento.
Para a elaboración do Anexo IV referido neste artigo, este Comité considera que se debería ter en conta a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas na determinación, con criterios obxectivos, das especialidades priorizadas a incluír no citado anexo.

Por outro lado, este Comité considera que deberían manterse incluídas no referido Anexo IV, cando menos durante un período de tempo axustado ao período de amortización do esforzo inversor, aquelas especialidades formativas que supoñan un elevado investimento para as entidades beneficiarias, para os efectos de permitir a súa programación e rendibilización en termos económicos e sociais.

Oitava.- Artigo 5º. Procedemento.
No apartado 4.5º deste artigo establécese que “A inserción deberá realizarse nunha ocupación relacionada coa familia profesional á que pertenza a especialidade impartida. Non se considerarán inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso”.

Este Comité considera que se debería substituír este texto por: “Consideraranse inserción as baixas por colocación que tiveran lugar ao longo do curso.”

Novena.- Artigo 5º. Procedemento.
Este artigo establece como criterios de valoración a xestión de centro e a experiencia na impartación da formación profesional.

Co obxecto de que as entidades poidan traballar na mellora continua, este Comité propón que a Administración traslade as suxestións de mellora que considere convenientes derivadas do informe técnico de seguimento, aínda mais cando este puntúa no baremo.

Neste sentido, tamén deberían clasificarse neste artigo os criterios de baremación relativos ao informe técnico de seguimento (ata 10 puntos) e á xestión administrativa e contable (ata 10 puntos), máxime se temos en conta que, nesta convocatoria, se produce un incremento na valoración de 5 a 10 puntos.

Décima.- Artigo 5º. Procedemento.
No apartado 4.7º deste artigo valórase con 2 puntos a acreditación da entidade en norma ISO de calidade ou plan de mellora EFQM.

Este Comité propón que se manteña a valoración de 5 puntos pola ISO que se prevía no exercicio de 2013 e se suprima o contido das letras b), c) e d) referido aos selos de excelencia.

Por outro lado, debería valorarse con dous puntos a aquelas entidades que acrediten documentalmente estar en proceso de obtención de certificados ou selos en xestión de calidade.

Décimo primeira.- Artigo 5º. Procedemento.
No apartado 4.9º, introdúcese unha asignación negativa de 20 puntos polo incumprimento do compromiso de inserción.

Este Comité considera que o dito incumprimento debería penalizarse con só 10 puntos negativos, que son os mesmos que se asignan polo compromiso de inserción, xa que ao penalizarse co dobre de puntos o incumprimento, pode levar a que as entidades beneficiarias, diante deste risco, decidan non comprometerse á inserción, deixando ao programa sen unha parte substancial da súa finalidade.

Décimo segunda.- Artigo 5º. Procedemento.
O apartado 7º deste artigo fixa en 25 puntos dos 94 posibles a puntuación mínima necesaria para acceder á programación, o que esixe un 26,6 % da puntuación posible total.

Este Comité propón que se fixe unha puntuación mínima requirida que sexa equivalente ao 35% da puntuación máxima posible.

Décimo terceira.- Artigo 20º. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 1 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o abono do anticipo deberá constituír garantía a favor da Consellería, este Comité considera que, para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, etc., así como todos os gastos financeiros que se lle ocasionan, como os xuros debedores ou calquera modalidade de garantía válida en Dereito como o seguro de caución, estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, dado que teñen unha clara relación coa acción formativa a impartir.

Para o caso de que se esixa aval bancario, este Comité solicita que se aclaren as condicións de levantamento dos avais aos que se refire este artigo.


Décimo cuarta.- Artigo 26º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
En relación co apartado 3, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, establecendo primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante, e en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente á Consellería de Traballo e Benestar para que solicite no seu nome as certificacións.

Décimo quinta.– Artigo 27º. Resolución.
O apartado 2 deste artigo recolle, para a resolución dos expedientes,un prazo de cinco ou de tres meses segundo a vía de programación de que se trate .

Este Comité propón que este prazo sexa de tres meses para todas as vías.

Décimo sexta.- Artigo 29º.-Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 2º inclúese un parágrafo segundo o cal: “Os docentes(...) deben acreditar 150 horas de formación en materia de xénero ou de experiencia profesional ou docente en materia de xénero”.

Este Comité propón eliminar a preposición “de” da redacción, xa que parece dar a entender que con 150 horas se adquire experencia profesional ou docente en materia de xénero, cando esa referencia alude só á formación.

Décimo sétima.- Artigo 29º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Obsérvase que na documentación que se relaciona na letra e) do apartado 3 deste artigo esíxense os extractos do libro maior no que se reflictan todas as operacións contables realizadas para a execución da acción formativa.

Este Comité entende que debería eliminarse esta obriga por considerar xa suficiente a documentación que se esixe. E, de manterse, debería engadirse “ou ben extractos da contabilidade analítica onde se reflictan todas as imputacións realizadas para a execución da acción formativa”.

No caso específico das entidades sen ánimo de lucro constátase, por exemplo, que na xestión de plans subvencionados de formación para o emprego, non se poden desglosar as subcontas por tipos de plans debido a súa complexidade, polo que a imputación dos custos para cada plan formativo realízase a través da contabilidade analítica que está cadrada coa contabilidade financeira.

Décimo oitava.- Artigo 29º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No último parágrafo do apartado 3 deste artigo establécese que a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2015.

Este Comité considera que os prazos, na práctica, resultan moi axustados, polo que entende que se debería flexibilizar o período de xustificación, sendo este como máximo de 15 días despois de finalizado o último curso.


Décimo novena.- Artigo 29º. Obrigas das entidades beneficiarias.
No apartado 16 deste artigo establécese a obriga de dispoñer de libros contables, coa identificación en conta separada ou epígrafe específico da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións formativas.

En liña co disposto na consideración décimo sétima, este Comité considera que deberían engadirse os termos “contabilidade financeira ou analítica”.

Vixésima.- Artigo 29º. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que, con respecto ao establecido no apartado 21 deste artigo e para conseguir unha maior axilidade, sería conveniente que o propio Servizo Público de Emprego detallara na súa carta ás persoas candidatas os requisitos que estes deben cumprir para acceder á especialidade correspondente.

Vixésimo primeira.- Artigo 29º. Obrigas das entidades beneficiarias.
O artigo 29.9 establece a obriga de dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

Este Comité considera que se trata dun método excesivamente custoso, polo que se debería optar por un sistema de control menos gravoso.

En todo caso, este Comité quere chamar a atención sobre a posible colisión deste sistema de control biométrico cos dereitos recoñecidos á cidadanía na Lei de protección de datos de carácter persoal.

Vixésimo segunda.- Artigo 30º. Custos subvencionables.
No apartado II.3 relaciónanse outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxería, correo, limpeza e vixilancia asociados á execución da actividade formativa, e elimínase con respecto á convocatoria para o 2012, a expresión “e outros non especificados anteriormente”.

Este Comité entende que este cambio impide a imputación doutros custos asociados como, por exemplo, a telefonía.

Por outra banda, nesta convocatoria mantense a redución dos custos asociados no 15%, polo que este Comité considera que este cambio prexudica enormemente ás entidades beneficiarias, fundamentalmente ás entidades sen ánimo de lucro, que non teñen actividade mercantil para manter as súas estruturas formativas, polo que se propón recuperar a porcentaxe establecida nas convocatorias anteriores ao ano 2013 (20%).

Vixésimo terceira.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
O apartado I.1 deste artigo establece un custo hora en concepto de docencia estipulado no 35% do custo da acción formativa, con carácter exclusivo.

Este Comité suxire que se formule unha redacción nova, na que se estableza unha modulación da porcentaxe da docencia en relación coa valoración económica do módulo.

Vixésimo cuarta.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
No apartado I regúlanse os custos directos da actividade formativa. Este Comité considera que a estrutura de gasto proposta en relación a estes custos socava a xa exigua capacidade de imputación do gasto relativo á coordinación, preparación e titoría e impide na práctica a aplicación duns criterios e estándares mínimos de calidade neste importante apartado, o que provoca na práctica un descenso cuantitativo nas posibilidades de imputación destes custos entre un 5% e un 9%, naquelas accións formativas de maior alcance técnico e maior demanda por parte do sistema produtivo.

Vixésimo quinta.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
No apartado I.1.a) regúlanse os custos directos da actividade formativa relativos á docencia que son subvencionables.

Este Comité propón que se supriman os seguintes parágrafos, por tratarse dun tema de administración laboral da entidade:

“A remuneración mensual habitual percibida polo persoal propio da entidade beneficiaria, non poderá ser incrementada durante o período de execución da acción formativa, agás que por norma ou modificación do convenio colectivo así se estableza. Non obstante, non serán admisibles aqueles custos salariais que por vía de convenio ou acordo entre a entidade e o traballador prevexan unha maior retribución en función do importe da subvención.

Non serán subvencionables os complementos ou pluses salariais non previstos na lexislación laboral, nos convenios colectivos que resulten de aplicación ou no contrato da persoa traballadora.

No suposto de baixas por IT e maternidades non se poderán imputar as retribucións dos formadores correspondente ao tempo que permaneza de baixa.

Tampouco serán subvencionables, as vacacións pagadas, pero non disfrutadas”.

Vixésimo sexta.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
Segundo o apartado I.3 : “As empresas ou grupos de empresas que impartan proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata, non poderán recoller como custo subvencionable os gastos de amortización”.

Este Comité propón que se defina que debe entenderse por “grupos de empresas” a efectos desta orde.

Vixésimo sétima.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
O apartado II.1 regula os custos de persoal de apoio relacionando, en particular, unha serie de gastos que se inclúen.

Este Comité considera que a expresión “en particular” debería substituírse por “a título de exemplo”, de maneira que non limite as tarefas incluídas e deixe claro que simplemente son exemplos e que non supón, en ningún caso, unha lista pechada.

Vixésimo oitava.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
O apartado II.1 inclúe, como custos asociados, o custos de persoal de apoio, definidos como os custos de persoal de apoio interno necesarios para a xestión e execución da actividade formativa.

Este Comité propón que se elimine o inciso “interno”, xa que esa redacción impide a posibilidade de contratar persoal de apoio externo.

Vixésimo novena.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
No apartado III recóllense, como outros custos subvencionables, os custos de avaliación e control da calidade da formación, ata o 5% do custo xustificado nos apartados I e II.

Este Comité considera que ese límite do 5% non debería vencellarse aos custos xustificados, senón ao custo subvencionado, como se recollía no texto da orde anterior.

Trixésima.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
O artigo 29.9 establece a obriga de dispoñer dun sistema de control biométrico para o seguimento e control do alumnado e do persoal docente, compatible co sistema establecido polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

Este Comité considera que o custo relacionado co establecemento deste sistema debería subvencionarse e ser incluído neste precepto.

Trixésimo primeira.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
Respecto do apartado I.3, este Comité considera que debe preverse a posibilidade de realizar amortizacións aceleradas, previa solicitude motivada á administración debido a que o equipamento, as instalacións e a maquinaria, que supoñen unha elevada inversión, poden estar afectados por necesidades de renovación para adaptarse continuamente aos requirimentos de actualización tecnolóxica.

Trixésimo segunda.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
Segundo o apartado I.4 deste precepto: “A imputación de alugueres entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 10 % da subvención concedida para a impartición da acción formativa”.

Este Comité considera que se debería manter a redacción da orde para o exercicio anterior, que establecía ese límite no 20%.



Trixésimo terceira.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
O apartado I.4 remata co seguinte parágrafo: “No caso dos contratos de arrendamento que non conteñan unha opción de compra e cuxa duración sexa inferior ao período de vida útil do activo ao que se refire o contrato, o arrendatario deberá poder demostrar que o arrendamento financeiro era o método máis rendible para obter o uso dos bens. Se os custes houberan sido mais baixos de terse utilizado un método alternativo os custes adicionais se deducirán do gasto subvencionable”.

Este Comité propón que se elimine este parágrafo, por constituír unha intromisión na liberdade de empresa. Subsidiariamente, para o caso de que esta consideración non fose atendida, propón que se especifique o que acontece nos supostos de arrendamento con opción de compra en que non se executa esa opción de compra.

Trixésimo cuarta.- Artigo 40º. Xustificación dos custos directos.
Tanto respecto deste precepto como do artigo 41º, este Comité propón que se adapten os requisitos documentais e xustificativos ás propostas de modificación feitas ao artigo 34º.

Trixésimo quinta.-Artigo 47º.- Persoas destinatarias da formación.
O apartado 2 relaciona os colectivos de persoas desempregadas que terán preferencia para a participación nos cursos e inclúe, no número 2º, ás persoas que teñen superados un ou varios módulos dun certificado.

Este Comité propón que, no caso de programar un certificado completo, se permita a posibilidade de superar o número máximo de alumnado previsto de 15 persoas, para que esa persoa que xa superou un ou varios módulos poida incorporarse no momento en que se vaia desenvolver o módulo que ten pendente. Esta incorporación iría asociada a un incremento económico no módulo ou módulos.

Trixésimo sexta.-Artigo 47º.- Persoas destinatarias da formación.
Debido á situación e dimensión do desemprego na actualidade, este Comité considera que no apartado 2, a preferencia establecida no borrador da Orde debería modificarse, para situar en primeiro lugar ás persoas desempregadas de longa duración e recolocar os ordinais de preferencia en función deste cambio.

Trixésimo sétima.- Artigo 47º. Persoas destinatarias da formación.
O apartado 3 deste artigo establece que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións, agás nos cursos con compromiso de contratación inmediata.

Este Comité propón substituír “en cada unha das accións” por “no conxunto do plan formativo”.

Trixésimo oitava.- Artigo 48º. Selección do alumnado.
No apartado 1.b) deste artigo regúlase o xeito de realizar a preselección do alumnado pola oficina de emprego correspondente.
Este Comité considera que co obxecto de axeitar a sondaxe entre as persoas demandantes de emprego, estas deben convocarse de acordo co perfil establecido no programa do curso e ter en conta o interese do alumnado.

Trixésimo novena.- Artigo 48º. Selección do alumnado.
No apartado 1.c) deste artigo permítese a participación nas probas ás persoas traballadoras ocupadas que o tiveran solicitado.

Este Comité considera que non se debería limitar esta participación só ás persoas traballadoras ocupadas, polo que se suxire a eliminación do termo “ocupadas”.

Cuadraxésima.- Artigo 48º. Selección do alumnado.
Respecto ao establecido no apartado 1 letra e) epígrafe i deste artigo, sobre que a selección do alumnado que se realice mediante un anuncio en prensa deberase publicar en domingo, agás que o centro directivo correspondente da consellería autorice a súa publicación nun día distinto, este Comité propón que se acuda a esta posibilidade “sen necesidade de autorización previa”.

Cuadraxésimo primeira.- Artigo 48º. Selección do alumnado.
No apartado 3 recóllese a posibilidade de substituír o alumnado que non se incorpore ou se dea de baixa. No caso das accións formativas vinculadas a certificados de profesionalidade, esa posibilidade só se dá durante os primeiros cinco días lectivos.

Este Comité considera que debería permitirse esa substitución máis aló dese prazo de 5 días, e fixar unha porcentaxe en función da duración da acción (xa que non ten a mesma repercusión nun certificado de 300 horas que nun de 600), cun máximo do 25%.

Así mesmo, debería terse en conta esta circunstancia no cálculo de alumnado subvencionado.

Cuadraxésimo segunda.- Artigo 51º. Módulos transversais.
No apartado 6 deste artigo dise que aquelas persoas que xa tiveran realizado algún módulo transversal, “non poderán volver a realizalo”.

Este Comité considera que, dado que pode haber alumnado que teña interese en volver realizar o módulo, debería dicirse: “poderán quedar exentos se así o solicitan”.

Cuadraxésimo terceira.- Artigo 53º. Diplomas.
Coa finalidade de dotar de máis claridade ao previsto no apartado sobre a entrega de diploma oficial a quen asistise “como mínimo ao 75% das horas lectivas”, este Comité considera que se debería facer constar expresamente se ese 75% se refire ás horas lectivas totais do curso ou ao 75% das horas lectivas totais con excepción das horas dos módulos transversais.

Cuadraxésimo cuarta.- Artigo 54º.Prácticas non laborais.
En relación ás prácticas incluídas no programa formativo do curso, sería desexable establecer unhas instrucións  para o correcto desenvolvemento das prácticas e atender aspectos como o calendario de execución, lugar (mesmo concello ou outro), circunstancias para a renuncia e, en xeral, todos aqueles aspectos derivados da posible casuística.

Cuadraxésimo quinta.- Anexo V. Compromiso de inserción de alumnos.
Consideramos este anexo pouco realista, xa que na situación económica e empresarial actual, deberíase poder traballar ao longo do curso na inserción laboral do alumnado. A esixencia de comunicar na solicitude ás empresas nas que se vai realizar a inserción, os postos e a duración do contrato, representa unha seria limitación para as entidades solicitantes e pouco realista, xa que as empresas non teñen por qué manter ese compromiso. Debería substituírse por unha declaración de intencións, con xustificación posterior do grao de cumprimento, e atender as alegacións expresadas no artigo 4º.

Cuadraxésimo sexta.- Disposición Adicional Terceira.
Nesta Disposición Adicional faise referencia á obtención concorrente de subvencións ou axudas “outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais” en coherencia co disposto no apartado 6 do artigo 32º deste proxecto normativo.

Cuadraxésimo sétima.- Anexo IV.
Este Comité considera que as organizacións sindicais e empresariais máis representativas deben participar na determinación dos criterios de elaboración do Anexo IV e presentar as propostas de especialidades a incluír nel.




ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO DE GALICIA:

Consideración xeral.
Complementariamente ao sinalado na consideración xeral unánime primeira, as organizacións sindicais que integran o Consello queren facer constar que, mentres se produce unha redución xeneralizada dos fondos adicados a formación, a parte reservada para a súa execución por empresas privadas increméntase un 7,14%.

Consideracións específicas.

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto e ámbito de aplicación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, aínda que comparten a lóxica excepción da concorrencia competitiva, consideran que se debería realizar unha fiscalización eficaz sobre a que entidades se lles concede e en que condicións.

Segunda.- Artigo 5º. Procedemento.
O apartado 4.8º deste precepto valora con 5 puntos o emprego da lingua galega na realización das accións formativas.

As organizacións sindicais propoñen que se outorguen ata 15 puntos cando se use o galego en todos os trámites e procesos formativos.

Terceira.- Artigo 8º. Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 4, sobre a Licenza municipal de apertura recóllese que “No seu defecto este documento poderá ser substituído por unha declaración responsable do seu representante legal na que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición”.

As organizacións sindicais que fan parte deste Comité consideran que para cumprimentar o disposto no Decreto de Rexistro de Centros e a normativa en materia de Actividades Económicas, non se pode permitir operar aos centros de formación cunha simple declaración responsable do seu representante legal sobre a idoneidade. Por iso, propoñen substituir a redacción aludida pola seguinte: “No seu defecto, este documento poderá ser substituído pola copia da solicitude de licenza municipal de apertura, en trámite de concesión, coa obriga de presentar a licenza de apertura no intre en que se lle outorgue”.

Cuarta.- Artigo 20º. Pagamento.
Respecto ao establecido no apartado 1 deste artigo, onde se esixe á entidade que para o aboamento do anticipo deberá constituír unha garantía a favor da Consellería a través dun seguro de caución ou outras formas de aval, as organizacións sindicais deste Consello consideran que este debería esixirse só para as entidades lucrativas.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E SINDICATO NACIONAL DE CC.OO DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira. Artigo 5º.- Procedemento.
As organizacións UGT-Galicia, S.N. de CC.OO. de Galicia e máis a CEG consideran que a valoración da experiencia na impartición das accións debería ter en conta o caso dos certificados de máis recente aprobación e, polo tanto, de menor percorrido no que a experiencia se refire, para deste xeito evitar que se xeren diferenzas na puntuación atribuíbles a outras circunstancias.

Segunda. Artigo 47º.- Persoas destinatarias da formación.
Este artigo relaciona os colectivos que terán preferencia para a participación nos cursos, sinalando no seu apartado 3 que poderán participar ata un 25% de persoas traballadoras ocupadas en cada unha das accións.

Estas organizacións propoñen que se aclare se a citada porcentaxe inclúe aos traballadores autónomos e, de non ser así, que se inclúan.

Terceira. Artigo 54º.- Prácticas non laborais.
As citadas organizacións consideran que non compete a esta norma a esixencia da documentación requirida no apartado 1.2 deste artigo para o inicio das prácticas, relativa á propia actividade da empresa, como a licenza de apertura, ou o cumprimento da normativa en PRL, xa que de non estar ao día a autoridade competente non permitiría que a empresa desempeñase a súa actividade.

Debería ser suficiente con presentar unha declaración.

ANEXO III


CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Consideración xeral.
En relación co previsto nos artigos 7º, 12º e 19º, as organizacións CEG e CIG, consideran que para evitar situacións discriminatorias entre as distintas entidades beneficiarias das subvencións, deberíase abrir a posibilidade de recorrer á subcontratación nas tres vías de programación, de xeito explícito, a todo tipo de entidades.

Consideracións específicas.

Primeira. Artigo 2º.- Vías de programación.
O último parágrafo deste artigo exclúe a posibilidade de presentar solicitude de subvención por máis dunha vía de programación.

A Confederación Intersidical Galega e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que se debe eliminar esa limitación, xa que as entidades poden decidir presentar accións formativas en varías vías en atención á súa especificidade e mesmo poden ser complementarias.

Por outra banda, queren chamar a atención sobre o feito de que non se motiva suficientemente tal restrición.

Segunda. Artigo 8º.- Solicitudes, documentación e prazo.
O apartado 5 deste artigo limita a un máximo de dúas as accións formativas que pode solicitar cada entidade pola vía de programación dos convenios de colaboración.

Estas organizacións consideran que debería suprimirse esa previsión, xa que limita a oferta formativa dun colectivo que presenta maiores dificultades de inserción laboral ou ten necesidade dunha formación máis específica ou mesmo innovadora.

Terceira. Artigo 40º.-Xustificación  dos custos directos.
A CIG e a CEG propoñen que se modifique o contido do apartado 1.d) e se adapte ao solicitado na consideración primeira deste Anexo.


ANEXO IV

CONSIDERACIÓNS XERAL E ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E CIG E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA


Consideración xeral.
As centrais sindicais UGT- Galicia e CIG, así como a CEG consideran, respecto do procedemento de presentación de solicitudes e documentación complementaria que se debería respectar o dereito recoñecido á cidadanía na Lei 30/1992 de Réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo que pode optar entre a presentación telemática e a presentación en papel por rexistro.


Consideración específica.
Artigo 2º. Vías de programación.
Segundo o apartado 2 deste precepto: “os centros e entidades (...) poderán solicitar calquera dos certificados de profesionalidade en que estean acreditadas á data de publicación da orde.

As centrais sindicais CIG e CC.OO., así como a CEG, propoñen que , ademais dos certificados de profesionalidade, se permita tamén a realización de especialidades formativas.


ANEXO V

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CENTRAL SINDICAL CIG.

Primeira. Artigo 5º.- Procedemento.
Regúlanse neste artigo os criterios avaliativos de “Capacidade acreditada da entidade” (Apartado 4.2º, con ata 15 puntos) e a “Metodoloxía innovadora” (Apartado 4.4º, con ata 10 puntos).

A CIG considera que os criterios deben tender a ser o máis obxectivos posibles, para evitar discrecionalidade no outorgamento da puntuación, e que deberían ser coñecidos polas entidades solicitantes os parámetros que poden dar lugar ás diferentes asignacións, polo que propón que se detallen neste precepto os criterios de aplicación para a asignación concreta de cada puntuación.

Ademais, considera que o criterio do apartado 4.2º debería avaliarse con ata 25 puntos como figuraba na orde para o exercicio de 2013.

Segunda .- Artigo 5º.- Procedemento.
Respecto do apartado 4.6º, a CIG propón que se recupere a previsión da convocatoria do exercicio 2013, segundo a cal: “Se a especialidade solicitada está incluída no anexo IV e se programa na súa totalidade, outorgaranse 20 puntos”, xa que no borrador actual se valora con 5 puntos.

Terceira.- Artigo 32º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
O apartado 3 deste artigo establece que o importe das accións formativas concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe do módulo que lle corresponda á especialidade.

Esta organización propón a eliminación do modelo proposto para a cuantificación das subvencións destinadas a cada acción formativa, que entendemos desvencellado da realidade, xa que non ten en conta os custos reais que ten cada especialidade formativa en función das súas características e esixencias materiais de execución.

Cuarta.- Artigo 51º. Módulos transversais.
En relación coa formación en materia de Prevención de Riscos Laborais, a CIG considera que a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia debería impulsar a elaboración de Catálogos Formativos nesa materia, para os sectores da Construción e do Metal, dado que as limitacións impostas nos procesos vencellados á obtención das denominadas “Tarxetas Profesionais”, especialmente no primeiro sector mencionado, imposibilitan na práctica a homologación para poder impartir con medios propios estes concretos módulos transversais.





ANEXO VI

CONSIDERACIÓN ESPECIFÍCA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLO SINDICATO NACIONAL DE CC.OO. DE GALICIA.

Artigo 40º.- Xustificación dos custos directos.
O Sindicato Nacional de CC.OO de Galicia considera que se debería esixir expresamente, dentro da documentación que se require, o modelo IDC (modelo de xustificación documental da cotización), que na práctica xa se vén esixindo.


ANEXO VII

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA

Primeira.- Artigo 5º. Procedemento.
Respecto á previsión do apartado 1.a deste precepto, a CEG considera que a resolución das entidades que sexan solicitantes e conten con centros acreditados en máis dunha provincia, debería facerse pola Dirección Xeral de Emprego e Formación, en aplicación dos principios de racionalidade administrativa e eficiencia.
Segunda.- Artigo 5º. Procedemento.
O segundo ítem do apartado 4 deste artigo outorga 10 puntos se a especialidade solicitada é conducente á obtención dun novo certificado de profesionalidade, sempre que se programe na súa totalidade.
A CEG entende que esa puntuación é excesiva, xa que non está na liña de fomentar a formación accesible e modular e, ademais, hai que ter en conta que os criterios de acceso do alumnado varían en función dos módulos, polo que dificultará os procesos de selección.
Finalmente o aquí establecido non ten a súa correspondencia cos criterios de preferencia dos colectivos regulados no artigo 43.2, no que o colectivo prioritario é aquel que desexe completar un certificado.
Terceira.- Artigo 5º. Procedemento.
O compromiso de inserción laboral regulado no apartado 4.4º debe ser máis flexible no tempo (duración), xa que dadas as actuais circunstancias do mercado de traballo, a inserción laboral faise máis complicada. Tamén debería terse en conta a inserción durante todo o ano natural anterior á solicitude das accións, a inserción por un período mínimo de tres meses, as baixas producidas ao longo do curso por colocación, a inserción de persoas desempregadas que se constitúen como autónomos ou eliminar a esixencia de que a inserción teña que realizarse nunha familia profesional relacionada coa especialidade impartida.
Cuarta.- Artigo 5º. Procedemento.
O apartado 4.6º deste artigo avalía con 5 puntos a solicitude que teña a especialidade solicitada incluída no anexo IV.

A CEG considera que a solicitude debería avaliarse cos citados 5 puntos tamén cando sexa unhas unidades de competencia que formen parte da dita especialidade formativa.

Quinta.- Artigo 5º. Procedemento.
Respecto ao apartado 4.2º , a CEG considera que a valoración da experiencia en formación profesional debe asociarse ó CIF da entidade e non debería circunscribirse ao centro, xa que unha entidade con experiencia pode adquirir un centro novo e polo tanto non obter puntuación.


Así mesmo, a experiencia non debe circunscribirse unicamente á formación de carácter presencial financiada con fondos públicos senón que tamén debe abarcar toda a formación incluíndo outros métodos admitidos como a teleformación e independentemente da súa financiación, sobre todo ao ter en conta que ante a progresiva redución de fondos públicos moitas empresas de formación con ampla experiencia implementaron a oferta privada nestes últimos anos.

Sexta.- Artigo 5º. Procedemento.
O apartado 4.8º valora o emprego da lingua galega na realización das accións formativas con 5 puntos.

A CEG considera que a utilización da lingua galega na impartición das accións debe estar supeditada ao coñecemento que os alumnos teñen da mesma, polo tanto debe ter carácter potestativo polo profesorado e o seu uso non debe ser motivo de baremación. De non ser así, deberíase esixir ao alumnado un nivel mínimo da lingua acreditado a través do correspondente Celga para poder garantir a calidade da formación e a eficiencia na súa impartición. Por iso a priorización que se lle da ao uso do galego na impartición a través da baremación debería estar sempre supeditada ao mantemento da calidade atendendo ao colectivo a formar.

Con este motivo, a CEG solicita a supresión da referencia ao uso do galego na impartición.

Sétima.- Artigo 12º. Execución das accións formativas.
No que atinxe á contratación de persoal docente para a impartición da acción, sen ter a consideración de subcontratación, provoca a discriminación na contratación do persoal docente a través dun servizo externo e prima a figura dos empresarios individuais fronte aos colectivos. Aínda máis, cando estes en moitos casos, son os que proporcionan un colchón financeiro ante a falta de axilidade nos pagos por parte da administración.

Moitas empresas de formación prestan colaboración a través dos seus docentes, proceso que se fai con todo o rigor e a transparencia que esixe esta orde.

Con este motivo, a CEG propón que se permita a subcontratación da docencia tamén con empresas independentemente da súa forma xurídica.

Para maior abundamento, no caso da programación vía convenios de colaboración, si que se permite a contratación de empresas docentes segundo establecido no artigo 40. d).

Oitava.- Artigo 32º. Determinación das subvencións para a acción formativa.
A contía estipulada para cubrir os custos do titor de prácticas no apartado 3 deste artigo, establecida en 1,5 € por alumnos/hora, é insuficiente polo que a CEG propón que sexa incrementada para cubrir polo menos o custo laboral do titor do tempo dedicado ás horas de titoría.



Novena.- Artigo 34º. Custos subvencionables.
O apartado I.4 deste precepto establece que: “No caso dos contratos de arrendamento que non conteñan unha opción de compra e cuxa duración sexa inferior ao período de vida útil do activo ao que se refire o contrato, o arrendatario deberá poder demostrar que o arrendamento financeiro era o método máis rendible para obter o uso dos bens. Se os custes houberan sido mais baixos de terse utilizado un método alternativo os custes adicionais se deducirán do gasto subvencionable”.

A CEG considera que debería precisarse que se entende por “máis rendible”, xa que se o circunscribimos á orde fará referencia a un menor custo imputable, o que pode limitar a opción do aluguer que, na maioría dos casos, é maior que a porcentaxe de imputación da amortización no caso da compra ou das instalacións nas datas nas que se desenrola a acción formativa.

Se a interpretación da norma é esta, que prima a amortización sobre o aluguer, as dificultades para as empresas de formación son maiores, xa que deberán facer fronte a unha inversión nun momento de incertidumbre económica e dunha dubidosa rendibilidade a longo prazo.

Décima.- Artigo 36º. Incumprimento de obrigas e reintegro.
A CEG considera que a penalización establecida no punto 2.c) é excesiva, polo que de acordo cos motivos argumentados na alegación relativa ao art.5.4.8º (consideración sexta deste Anexo), propón a súa eliminación.

Décimo primeira.- Artigo 51º. Módulos transversais.
A CEG considera que deberían revisarse as materias a impartir nestes módulos, e incluir outras materias de interese para as persoas destinatarias e os criterios para homologalos, posto que provocan duplicidades de xestión.

Décimo segunda.- Artigo 51º. Módulos transversais.
Debería recuperarse a obrigatoriedade da realización do curso de PRL nos termos establecidos no art.47.2 da Orde de convocatoria anterior. Isto ven motivado porque nas familias profesionais mencionadas no citado artigo é un requirimento imprescindible e necesario de acceso ás prácticas que as empresas esixen, para poder garantir e velar pola seguridade dos traballadores/alumnos dados os riscos específicos derivados das tarefas a desempeñar.

Décimo terceira.- Artigo 52º. Dereitos e deberes dos alumnos e das alumnas.
No apartado 5º establécese que: “A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia.

A CEG considera que é necesario aclarar qué se entende por “calquera outro medio”, en tanto en canto o alumnado debe estar advertido do modo de xustificación das ausencias.

Décimo cuarta.- Artigo 54º. Prácticas non laborais.
Polo que se refire ao período de presentación da documentación que se precisa para a realización das prácticas, co motivo de facilitar a participación das empresas na xestión de toda a documentación administrativa que se xera e sobre a cal as entidades beneficiarias dependen de terceiros, a CEG solicita unha redución dos tempos de entrega que se traduza en cinco días hábiles de antelación á data de inicio das prácticas e non os dez días hábiles que se recollen no actual proxecto normativo, tal e como se viña establecendo anteriormente.

Décimo quinta.- Artigo 54º. Prácticas non laborais.
No apartado C.2 deste artigo establécese que as empresas deberán comunicar aos representantes legais das persoas traballadoras na empresa unha relación do alumnado que vaia realizar as prácticas, as datas e horario de realización.

A CEG considera que as entidades non deberían establecer os procedementos internos das empresas, co cal serán elas mesmas as que decidan o que nas súas empresas deben comunicar, a quen e como.

Décimo sexta.- Artigo 54º. Prácticas non laborais.
A CEG propón que se inclúa a posibilidade de, logo de autorización da Administración, ampliar o número de horas das prácticas incluídas no programa formativo das especialidades vencelladas a novos certificados, co obxectivo de facilitar o acceso a unha formación máis completa e aproveitando as oportunidades que as empresas poidan facer.

Décimo sétima.- Anexo IV.
A CEG propón a inclusión das seguintes especialidades no anexo IV, para proporcionar formación específica nestes ámbitos no que a demanda de emprego cualificado das empresas é maior:

SSCE0110 Docencia da formación para o emprego
ADGD0308 Actividades de xestión administrativa
ADGD0108 Xestión contable e xestión administrativa para auditorías
ADGD0208 Xestión integrada de recursos humanos
ADGD0210 Creación e xestión de microempresas
IFCD0110 Confección e publicación de páxinas webs
IFCT0310 Administración de bases de datos
IFCT0109 Seguridade informática

IFCT0609 Programación de sistemas informáticos
FMEC0108 Fábrica e montaxe de instalacións de tubería industrial
FMEC0110 Soldadura con electrodo revestido e TIG
FMEC0210 Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG
FMEC0208 Deseño de caldeiraría e estruturas metálicas
FMEC0309 Deseño na industria naval
FMEC0209 Deseño de tubería industrial

COML0210 Xestión e control do aprovisionamento
COML0309 Organización e xestión de almacéns

SSCS0208 Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais
SEAG0211 Xestión ambiental.

Así mesmo propoñemos sexan incluídas especialidades da familia de informática e de administración e xestión xa que os perfís profesionais  das ofertas de emprego esixen maiores coñecementos nesta materia.

E concretamente:

-       IFCT0510 Xestión de sistemas informáticos.

-       FCT0509 Administración de servizos de internet


ANEXO VIII

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CENTRAL SINDICAL UGT-GALICIA:

Anexo IV.
UGT-Galicia  propón a inclusión das seguintes especialidades no anexo IV, para proporcionar formación específica nestes ámbitos no que a demanda de emprego cualificado das empresas é maior:

ADGG 0108   Asistencia á dirección
SSCB   0109   Dinamización comunitaria
IFCT    0109   Seguridade informática


ANEXO IX

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS CENTRAIS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Artigo 43º. Forma de xustificar a pagamento.
Este precepto regula os distintos soportes que permiten xustificar o pagamento.

As organizacións sindicais S.N. de CC.OO. de Galicia e UGT-Galicia, así como a CEG consideran que debería substituírse o parágrafo relativo ao pagamento en efectivo por outro no que se inclúa, como xustificante de pago, os tickets ou facturas que inclúan o CIF do provedor, á vista do dispsosto na normativa de carácter xeral que existe sobre esta materia.