ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, e se aproba a convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 2 de decembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, e se aproba a convocatoria para o ano 2015, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, recolle no título IV os mecanismos de acción positiva na formación para o emprego e as demais políticas activas de emprego a favor das persoas en situación ou risco de exclusión social.

Segundo a exposición de motivos, a Consellería de Traballo e Benestar, para dar cumprimento a ese mandato legal, incluirá no plan Anual de Política de Emprego (PAPE) para o ano 2015 un programa dirixido a fomentar a mellora da empregabilidade, a través da adquisición de experiencia profesional, mediante a contratación subvencionada de persoas desempregadas de moi difícil inserción laboral e/ou en risco de exclusión social, beneficiarias da renda de integración social de Galicia.

Así, este proxecto de orde regula a convocatoria de subvencións ás entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA.

Cómpre mencionar aquí o proxecto de orde pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego e mellora da empregabilidade no ámbito de colaboración coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2015 (aínda non publicada e obxecto do ditame 30/2014), que outorga preferencia ás persoas integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia, para ser seleccionadas como persoas traballadoras ao abeiro do citado proxecto normativo.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se somete a ditame. Do seu contido cabe salientar o seguinte:

O artigo 2º deste proxecto fixa a contía para o financiamento destas axudas nun importe global de 10.000.000 euros.

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións os concellos e as agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, sempre que todos eles dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do obxecto para o que se concede a subvención (artigo 3º).

No artigo 5º regúlase a presentación de solicitudes (que deberá levarse a cabo por medios electrónicos), a documentación complementaria que deberá xuntarse á solicitude e o prazo de presentación, que será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

O prazo de resolución das solicitudes será de cinco meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude (artigo 9º).

No artigo 10º relaciónanse os requisitos que deben cumprir as contratacións e, no artigo 12º, as obrigas das entidades beneficiarias.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, e se aproba a convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, 14 artigos, dúas disposicións adicionais e dúas disposicións finais.

O día 18 de decembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén cinco consideracións xerais e once consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.





DITAME 37/2014



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de RISGA, e se aproba a convocatoria para o ano 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 2 de decembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de decembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS:

Primeira.
No DOG do 3 de xuño de 2014 publicouse a orde da consellería de Traballo e Benestar do 30 de maio de 2014 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras de Risga, e apróbase a convocatoria para o ano 2014. Dita norma, que afecta a presente convocatoria non  foi sometida o preceptivo ditame do Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité chama a atención sobre a gravidade deste feito, pois estaríase a incumprir o establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello  Galego de Relacións Laborais.

Segunda.
O Comité entende que o obxecto e finalidade destes programas fan aconsellable que non se circunscriban exclusivamente ás entidades locais e se permita a  participación neles das entidades sen ánimo de lucro, especialmente as que teñen, entre as súas finalidades, a persecución dun interese social.

Terceira.
Obsérvase que o proxecto normativo non prevé a posibilidade de baixa das persoas destinatarias das axudas, polo que este Comité propón establecer un mecanismo que regule estes casos.

Cuarta.
Obsérvase que ao longo do proxecto normativo faise referencia á tramitación anticipada de expediente de gasto e ao proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2015.

Este Comité advirte que, posto que a Lei de Orzamentos 2015 foi aprobada polo Parlamento de Galicia en data 15 de decembro de 2015,  a referencia debería facerse á Lei e non ao proxecto.

Quinta.
Este Comité observa a presenza de erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no caso de uso das barras (artigos 10.e, 12 “beneficiario/a”) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira.Exposición de motivos.
A redacción do penúltimo parágrafo da Exposición de Motivos é confusa, como tamén o é a do número 4 do artigo 2º, polo que este Comité propón que se simplifique a súa redacción e que se prime, na fórmula de reparto, o número de persoas perceptoras da Risga existentes en cada provincia.

Segunda. Artigo 2º.- Financiamento.
Este Comité considera que debería substituírse o baremo que figura no número 5 deste artigo polo establecemento dunha porcentaxe igual sobre o número de persoas preceptoras da Risga en cada concello.

Terceira. Artigo 4º.- Contía da subvención.
No apartado 3 deste precepto establécese que, para os efectos destas subvencións, non se consideran custos salariais elixibles o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1º c) do Estatuto dos Traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

Este Comité entende que deberían incluírse como subvencionables ambos conceptos, mais aínda se se ten en conta que hoxe en día non existen practicamente conceptos excluídos da base de cotización.

Cuarta. Artigo 6º, Consentimento e autorizacións.
Este artigo están redactado como se fora dirixidos a persoas físicas, cando de feito vai dirixido a entidades, polo que este comité entende que se debería adaptar a redacción tendo en conta que as beneficiarias son entidades.

O mesmo se observa respecto do artigo 7º.

Quinta. Artigo 9º, Resolución.
O número 2 deste artigo prevé un prazo de resolución de cinco meses contados a partir da presentación da solicitude, cando na anterior convocatoria o prazo previsto era de tres meses.

Este comité entende que, tendo en conta que a finalidade desta convocatoria e atender a persoas en situación delicada e urxente, o dito prazo debería reducirse a un mes.

Sexta. Artigo 9º, Resolución
O apartado 2 deste precepto prevé que o prazo de resolución e notificación se compute desde a finalización do prazo de presentación da solicitude cando, ao non existir concorrencia competitiva, o prazo debería computarse a partir da presentación da solicitude.

Sétima. Artigo 10º, Requisitos da contratación.
As restricións que impón este artigo á contratación obrigan, na práctica, a recorrer á fórmula do contrato a tempo parcial, polo que este Comité entende que se deberían flexibilizar as fórmulas de contratación de cara a non facer obrigatoria a contratación a tempo parcial.

Oitava. Artigo 10º, Requisitos da contratación.
Na letra d) deste artigo disponse que terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral e os maiores de 25 anos e os que teñan cargas familiares.

Este Comité entende que, de cara a non discriminar a outros colectivos beneficiarios, a redacción debería ser: “terán preferencia, en todo caso, as persoas perceptoras da RISGA que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral”, polo que se propón a supresión da preferencia outorgada aos maiores de 25 anos e os que teñan cargas familiares.

Novena. Artigo 10º, Requisitos da contratación.
No apartado e) deste precepto establécese o requisito  de solicitar as persoas demandantes non ocupadas mediante a presentación da oferta específica do programa de contratación de persoas beneficiaras RISGA, nas oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, engadindo que, excepcionalmente,  se poderán utilizar ofertas especiais con vinculación nominal.

Este Comité considera que deberían constar expresamente na orde cales son as referidas situacións excepcionais.

Décima. Artigo 12º, Obrigas dos/as beneficiarios/as. (sic)
Como se dixo na consideración xeral quinta, este Comité observa a presenza de erros no uso da linguaxe en materia de xénero, particularmente no caso de uso das barras (“dos/das”, “beneficiarios/as”) que consideramos non é a solución máis axeitada para respectar a neutralidade de xénero, polo que propón a modificación do título deste artigo polo de “Obrigas das entidades beneficiarias”

Décimo primeira. Artigo 12º, Obrigas dos/as beneficiarios/as. (sic)
Este Comité observa que o disposto na letra h) deste artigo non garda relación co obxecto desta orde, polo que debería suprimirse.































ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG) E O SINIDACTO NACIONAL DE COMISIÓNS OBREIRAS DE GALICIA (SN CCOO- GALICIA)


Exposición de motivos.

No parágrafo segundo da exposición de motivos deste proxecto normativo vencéllase esta orde co eido do “Diálogo Social”.

As organizacións sindicais CIG e SN CCOO-Galicia consideran que debería suprimirse esta referencia pola súa carencia de relación material co contido desta orde.