ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 38/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas xoves que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de decembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas xoves que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para o financiamento ás empresas das bolsas das persoas xoves que realizan prácticas non laborais nestas empresas.

Segundo a exposición de motivos, considérase urxente e necesario artellar medidas que incrementen as oportunidades de emprego para este colectivo, medidas que deben contribuír a facilitar o seu acceso ao mercado de traballo, á ocupación e á adquisición de práctica laboral nun contorno real.

Entre estas medidas figuran a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas, reguladas no Real decreto 1543/2011, do 31 de outubro, polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas.

Para incentivar a realización destas prácticas, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesario subvencionar as bolsas que se paguen ás persoas xoves que realicen as prácticas non laborais en empresas.


Do novo proxecto normativo destácanse os seguintes aspectos:

A primeira novidade é a esixencia que se recolle na exposición de motivos, no artigo 1º e no artigo 4º, segundo a cal, as persoas novas deben estar incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantia Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para poder ser persoas participantes nas actuacións.

Ademais, a idade destas persoas debe estar comprendida entre os 18 e os 24 anos (artigo 4º), cando na orde do exercicio anterior o límite de idade se fixaba en 25 anos.

O artigo 6º inclúe un novo apartado, o número 6, no que se relaciona o contido da declaración responsable que este proxecto normativo considera como parte da propia solicitude.

Engádense, neste proxecto de orde, tres artigos novos: o artigo 7º, relativo ás autorizacións (se ben o contido do apartado 3 correspóndese co do apartado 3 do anterior artigo 6º), o artigo 17º, acerca do cofinanciamento polo Fondo Social Europeo e o artigo 18º, que regula os datos de carácter persoal.

En canto ao financiamento destas axudas,  a contía do crédito ascende a 540.541 euros para o ano 2015 e 540.541 euros para o ano 2016 (exposición de motivos e disposición adicional primeira).

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas integrantes do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas xoves que realizan prácticas non laborais en empresas, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil” consta de: Exposición de motivos, dezaoito artigos, catro disposicións adicionais e dúas finais.

O día 19 de decembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais e dez específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais UGT- Galicia, CIG e SN de CCOO e pola CEG.

Contén así mesmo, como anexos, as seguintes consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas consideracións xerais (Anexo I)  manifestadas polas organizacións sindicais e unha consideración xeral e seis específicas manifestadas pola CEG (Anexo II).



DITAME 38/2014




En relación coa solicitude de ditame sobre proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, das subvencións para o financiamento das bolsas ás persoas xoves que realizan prácticas non laborais en empresas, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 19 de decembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.
Este Comité considera que na norma debería preverse un tratamento específico para a situación prevista no artigo 5º.1 do Real Decreto 1543/2011 de darse o caso, polo demais desexable, de que a persoa xoven durante o desenvolvemento das prácticas non laborais pase a ser contratada pola empresa ou ben se incorpore como persoa socia á cooperativa ou sociedade laboral.

Segunda.
Obsérvanse no texto do proxecto normativo algunhas incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico e o uso das barras na denominación dos cargos públicos, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Terceira.
Este proxecto normativo exclúe as persoas discapacitadas de entre 25 e 30 anos, que deberían ser persoas destinatarias por estar incluídas dentro do Sistema de Garantía Xuvenil en España.

Este Comité propón a inclusión das citadas persoas, especialmente ao ter en conta que se trata dun colectivo de moi difícil inserción.

Cuarta.
Este Comité considera que debería concretarse no proxecto normativo obxecto de ditame o mecanismo de preselección  das persoas destinatarias das prácticas non laborais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL:

Primeira.- Artigo 3º. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
Segundo o apartado 1 deste precepto, as empresas ou grupos empresariais, en colaboración cos Servizos Públicos, poderán subscribir acordos con persoas xoves.

Este Comité propón que se defina o que se entende por “grupo empresarial” aos efectos deste proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 3º. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
Segundo o apartado 1 deste precepto, as persoas xoves coas que se subscriben os acordos deben ser persoas con ningunha ou moi escasa experiencia laboral.

Este Comité considera necesario concretar a expresión “moi escasa experiencia laboral”, por tratarse dun concepto totalmente indeterminado.

Terceira.- Artigo 4º. Destinatarios das prácticas non laborais e contido das mesmas.
No apartado 1 deste precepto establécese que as prácticas irán dirixidas a “persoas novas desempregadas” eliminándose a  referencia que figuraba na anterior convocatoria de estar inscritas no servizo público de emprego. As organizacións sindicais propoñen que a dita expresión sexa substituída por “persoas novas que non traballen”  ou no caso de manterse que se inclúa a expresión de “inscritas na oficina de emprego”.

Cuarta.- Artigo 5º. Acordos para a realización das prácticas.
Este artigo remata fixando a obriga para a empresa de informar á representación legal das persoas traballadoras sobre os acordos de prácticas non laborais subscritos coas persoas xoves.

Este Comité considera que se debería incluír unha previsión para o suposto de que non exista representación legal das persoas traballadoras e suxire que, en tal caso, sexa informada a totalidade do cadro de persoal.

Quinta.- Artigo 7º. Autorizacións.
En relación co apartado 1, este Comité propón que se invirta a redacción deste precepto, para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal e establecer, en primeiro lugar, a obriga da persoa solicitante de aportar as certificacións e, en segundo lugar, a opción de autorizar expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Proponse a mesma consideración respecto do apartado 3 deste mesmo artigo e recoller, en primeiro lugar, a denegación expresa do consentimento e, en segundo lugar, a acreditación de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e non ter pendente de pagamento ninguna débeda coa Administración pública de Galicia.

Sexta.- Artigo 12º. Pagamento e xustificación das subvencións.
Segundo o apartado 2 deste artigo, a xustificación dos gastos correspondentes ao ano 2015 deberá realizarse antes do 20 de decembro de 2015.

Este Comité propón que, para evitar un período de lagoa, se especifique que os gastos posteriores á devandita data serán xustificados no exercicio de 2016, xunto cos gastos correspondentes a este ano 2016. Por outra parte debería ampliarse o prazo máximo de xustificación (31 de outubro) ou prever algún mecanismo para a súa xustificación.

Sétima.- Artigo 12º. Pagamento e xustificación das subvencións.
O último parágrafo do apartado 3 deste precepto sinala os casos en que non se poderá realizar o pagamento da subvención, entre eles, o suposto en que a empresa beneficiaria sexa debedora en virtude de resolución da procedencia de reintegro.

Este Comité propón que se especifique que debe tratarse dunha resolución declarativa firme e, polo tanto, non recorrible.

Oitava.- Artigo 12º. Pagamento e xustificación das subvencións.
Segundo o apartado 3 deste artigo, non poderá realizarse o pagamento das axudas se a empresa beneficiaria non está ao corrente nos pagos relativos ás súas obrigas tributarias, de Seguridade Social ou ten calquera débeda pendente coa administración.

Este Comité propón que se recolla a posibilidade de permitir á empresa beneficiaria subsanar a débeda en tanto en canto pode que non sexa coñecedora da súa existencia.

Novena.- Artigo 16º. Devolución voluntaria das subvencións.
Neste artigo  identifícase unha conta de Novagalicia Banco empregando o IBAN, pero este figura mal expresado, xa que debe establecerse en bloques de catro díxitos, polo que se propón que se proceda á súa corrección.

Décima.- Disposición adicional segunda.
Nesta disposición indícase que “...a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais...”.

Este Comité considera que para evitar confusión interpretativa o termo “nacionais” debería substituírse por “estatais”.


ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E SN. DE CC.OO. DE GALICIA:

Consideracións xerais:

Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais botan en falta a regulación de maiores controis que os establecidos no artigo 4º.2 e o establecemento de cautelas e seguimento real das prácticas non laborais, en evitación de que esta vía se poida utilizar en fraude de lei para contratar man de obra practicamente gratuíta.

Segunda.
Nesta convocatoria exclúense as entidades sen ánimo de lucro. As organizacións sindicais non comparten este criterio e consideran se debería flexibilizar para permitir a participación de ditas entidades tendo en conta que estas poden aportar posibilidades de prácticas para aquelas persoas orientadas ao ámbito dos servizos sociais con perfís profesionais que poderían quedar excluídos ao limitarse o programa ás empresas privadas.





ANEXO II

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
A CEG valora positivamente a continuidade dunha orde que financie a realización de prácticas profesionais para xoves que carecen de experiencia, en tanto en canto pode contribuír a mellorar a súa empregabilidade.

O desenvolvemento do borrador non fai senón reproducir as condicións establecidas no Real decreto 1543/2011 polo que se regulan as prácticas non laborais en empresas (BOE núm. 278, do 18 de novembro de 2011) para a súa financianción.

É por iso  que as consideracións que a continuación se detallan están na liña de concretar e ampliar aspectos non contemplados no citado Real decreto, co obxecto de multiplicar o seu impacto nos xoves e nas empresas.


Consideracións específicas:

Primeira.- Artigo 3º. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
O apartado 4 deste artigo fixa a duración das prácticas non laborais entre seis e nove meses.

A CEG considera que debería ampliarse o período subvencionable de xeito que a duración das prácticas sexa de tres a nove meses, tal e como establece o Real decreto 1543/2011.

Segunda.- Artigo 3º. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
A duración das prácticas establécese entre seis e nove meses; non obstante, deberíase adaptar, xa que pode darse a circunstancia de que as prácticas se desenvolvan nun tempo inferior á xornada laboral completa polo que, se ben o período de realización en meses é o mesmo, as horas efectivas poden diferir substancialmente.

Así mesmo, e atendendo a esta circunstancia, a remuneración contemplada no artigo 10º debe ser rateada en función das horas efectivas.

Terceira.- Artigo 3º. Requisitos das prácticas non laborais que poden ser obxecto de subvención de acordo con esta Orde.
Segundo este precepto, as prácticas desenvolveranse baixo a dirección e supervisión dun titor.

A CEG propón que se incorporen algunhas medidas de apoio ás persoas que van a realizar a labor de titoría, atendendo ao seu papel e responsabilidade para o correcto desempeño da súa labor.



Cuarta.- Artigo 4º. Destinatarios das prácticas non laborais e contido das mesmas.
O apartado 2 deste precepto regula o procedemento de preselección das persoas xoves para a realización das prácticas.

A CEG considera que é necesario que se aclare o proceso de preselección (prazos, etc) que debe realizar o Servizo Público de Emprego de Galicia, en tanto en canto as empresas deben someterse a el como fase previa e obrigatoria antes do inicio das prácticas.

Así mesmo, por ser o Servizo Público de Emprego de Galicia o organismo encargado das accións de control e seguimento, debe articularse no convenio a devandita circunstancia e valorarse que sexa este o que asine ao igual que o resto das partes (alumno e empresa) a efectos doutras posibles actuacións inspectoras.

Quinta.- Artigo 5º. Acordos para a realización das prácticas.
A CEG propón que a orde se acompañe dun modelo de acordo de prácticas que recolla polo menos os aspectos mencionados neste artigo 5º.

Sexta.- Artigo 10º.- Determinación  da subvención para as prácticas non laborais.
No número 2 deste artigo se dispón que o importe da subvención se concretarase só no 75% do IPREM mensual, polo que a CEG solicita se amplíe ata a cobertura establecida no número 6 do artigo 3º.