ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 39/14

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2015 das subvencións para o financiamento da formación e da actividade laboral dos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro.

I. ANTECEDENTES

O día 10 de decembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2015 das subvencións para o financiamento da formación e da actividade laboral dos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é concretar os principios xerais contidos na lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para a execución das horas de formación que excedan do 25% da xornada laboral asociadas aos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

O Real Decreto 395/2007, de 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego contempla a formación de oferta, entendida como aquela que ten por obxecto facilitar ás persoas traballadoras, capacitándoas para o desempeño cualificado das diferentes profesións e para o acceso ao emprego.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 30 de decembro de 2013, publicada no DOG o 10 de xaneiro de 2014, e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 16 de decembro de 2013 (ditame 51/13), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Respecto ao texto da orde do exercicio anterior, o proxecto normativo contén as seguintes novidades:

A orde configurase en dous programas segundo a fonte de financiamento, así os incentivos establecidos no capítulo II (Programa de incentivos á formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe)  serán un programa autonómico que a Xunta de Galicia incluirá no Programa Anual de Políticas de Emprego (PAPE) para o 2015 como programa propio dentro de Eixe 2 Formación. Pola súa banda os incentivos establecidos no capítulo III (Programa de incentivos á actividade laboral do contrato para a  formación e a aprendizaxe)están cofinanciados polo Fondo Social Europeo (FSE) dentro do programa operativo Galicia 2014-2020, nunha porcentaxe do 80 por cento.

As bases que rexen os programas regulados neste proxecto normativo establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto do programa non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia no solicitante dos requisitos establecidos e ata o esgotamento do crédito orzamentario.

No artigo 1º, inclúese xunto co obxecto e finalidade da convocatoria unha nova regulación para os principios de xestión  da mesma. Así mesmo  establécese que os contratos haberán de ser realizados con persoas mozas menores de 30 anos.

Non obstante esta inclusión do financiamento comunitario non implica un aumento dos fondos con respecto a convocatoria do 2014 pois nesta se prevían 1.100.000 € para as anualidades 2014 e 2015 que foron posteriormente aumentadas con 2.000.000 € mais por medio de modificación por orde do 13 de xuño de 2014 (DOG 16 de xuño de 2014) mentres que na presente convocatoria se prevén no artigo 2º 1.400.000 € para a anualidade 2015 e 600.000 € para a de 2016.

Inclúese un novo artigo 3º no que se define o que ha de entenderse por persoa desempregada, persoa moza desempregada sen cualificación e custo salarial.

Polo que se refire as entidades beneficiarias, regúlanse  agora no artigo 4º, incluíndose a  posibilidade de ser beneficiarias destas axudas as entidades da administración local da Comunidade Autónoma de Galicia para os dous programas desta convocatoria.

No artigo 5º regúlase a competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde, que no caso das do capítulo II corresponderalle, por delegación da persoa titular da consellería de Traballo e Benestar, á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego e Formación, mentres que nas do capítulo III será á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Introdúcese un novo artigo 7º, no que se regulan os consentimentos e autorizacións e un artigo 8º relativo os datos de carácter persoal.

No artigo 10º, relativo a resolución e recursos, auméntase o prazo para resolver dos tres meses que establecían na convocatoria do 2014 a cinco meses.

As incompatibilidades e concorrencia pasan a regularse nun novo artigo 12º, así mesmo se especifican en maior detalle no artigo 13º as obrigas das entidades beneficiarias das axudas.
Polo que se refire ao suposto de devolución voluntaria da subvención, recollida no artigo 15º, o número da conta se reflicte agora mediante código IBAN, segundo tiña solicitado este Comité e non mediante o CCC.

Engádese un novo artigo 16º, relativo ao seguimento e control, para comprobar o cumprimento dos requisitos esixidos na orde e na normativa vixente. Por medio do artigo 17º, tamén novo, se regula a aplicabilidade do réxime de axudas de estado da normativa comunitaria a estas axudas,  incardinándose dentro do réxime de minimis recollido nos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea e aplicándoselle as excepcións contidas no número 2 do artigo 17º deste proxecto normativo.  

No capítulo II (artigos 18º a  26º) regúlase o Programa de incentivos á formación asociada aos contratos de formación e aprendizaxe e no III (artigos 27º a 35º) o Programa de incentivos á actividade laboral do contrato para a  formación e a aprendizaxe.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2015 das subvencións para o financiamento da formación e da actividade laboral dos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, trinta e cinco artigos, unha disposición adicional e dúas finais.

O día 26 de decembro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén trece consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia.

Contén, como anexos, una consideración xeral (Anexo I) e unha consideración específica non unánimes (Anexo II) manifestadas pola CEG, dúas consideracións específicas non unánimes manifestadas polas organizacións sindicais (Anexo III) e unha consideración xeral non unánime manifestada pola CIG (Anexo IV).







DITAME 39/2014




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2015 das subvencións para o financiamento da formación e da actividade laboral dos contratos de formación e aprendizaxe regulados polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro, con data de rexistro de entrada neste Consello o 10 de decembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 26 de decembro de 2014, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAL.

Primeira. Artigo 4º.- Entidades beneficiarias.
Neste artigo utilízase na clasificación do número 4 a letra j. Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Segunda. Artigo 7º.- Consentimento e autorizacións.
Este Comité suxire que, para unha maior claridade, o punto 3  debería quedar redactado como segue: “No caso daquelas entidades que denegasen expresamente o consentimento ao órgano xestor para a súa solicitude, acreditación documental de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.”

Terceira. Artigo 10º.- Resolución e recursos.
O prazo de cinco meses que se establece no apartado 2 deste artigo para resolver as solicitudes presentadas parece excesivo, polo que este Comité propón que se reduza a tres meses, prazo que se considera suficiente, sendo ademais o que figuraba na anterior convocatoria.

Cuarta. Artigo 17º.- réxime de axudas.
Nas letras d) e e) do número dous deste artigo figuran recollidos como sectores as axudas destinadas as actividades de exportación e as condicionadas a utilización de produtos nacionais. Ao non tratarse de sectores en sentido estrito, este Comité propón que se recollan ambas noutro parágrafo deste artigo.

Quinta. Artigo 19º.- Requisitos.
Segundo o número 5 deste precepto, a formación asociada ao contrato de formación e aprendizaxe vinculada a certificados de profesionalidade deberá ser impartido  por un centro acreditado.

Este Comité propón que se regule a posibilidade de acreditar con carácter provisional aos centros para impartir esa formación.

Sexta. Artigo 23º.- Obrigas da entidade beneficiaria.
Este Comité propón se corrixa, para respectar a linguaxe en materia de xénero, evitando o uso das barras (“polos/as”) no número 1 deste artigo, e no número 2 substituír tamén “os traballadores contratados” por “as persoas traballadoras  contratadas”.

Séptima. Artigo 30. Exclusións.
Na letra c) deste artigo faise referencia as contratacións realizadas con persoas traballadoras que presten servizos na mesma empresa ou grupo de empresas. Este Comité considera que se debería definir, a efectos desta orde, o que se considera por “grupo de empresas”.

Oitava. Artigo 31. Solicitudes e documentación.
Na letra d) deste artigo faise referencia ao artigo 28.3, cando se refire aos documentos acreditativos das baixas previstas. A referencia debería facerse ao artigo 27.3 que é onde se regula este suposto.

Novena. Artigo 33.
Entre o artigo 32, xustificación e pagamento e o 34, obrigas das entidades beneficiarias, bótase de menos a existencia do artigo 33, polo que de non existir tal artigo deberían renumerarse os restantes.

Décima. Artigo 34. Obrigas das entidades beneficiarias.
Este Comité considera que non se entende a redacción deste artigo ao preverse a obriga de manter as persoas traballadoras contratadas, polo período de duración dun ano do contrato obxecto de subvención. Tendo en conta que o período  de duración mínima do contrato é de un ano, a redacción debería ser “polo período de duración do contrato obxecto de subvención”.


Décimo primeira. Artigo 35. Reintegro.
No número 2 deste artigo prevese o suposto de extinción da relación laboral temporal dunha persoa traballadora por morte ou incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, entendendo que non se produce incumprimento e conseguintemente non procederá o reintegro. Este Comité entende que debería preverse a  posibilidade de substitución da persoa traballadora para estes supostos e que, no caso de non facerse,  a contía a reintegrar sexa proporcional ao tempo que resta para a finalización do contrato.



Décimo segunda. Artigo 35. Reintegro.
No número 3 deste artigo faise referencia  a que “nos demais casos se produce un incumprimento total”. Este comité entende que debería especificarse a que casos se refire esta disposición.

Décimo terceira. Disposicións derradeiras. (sic)
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran duas disposicións derradeiras que deberían denominarse “Disposicións finais” para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG:


Neste proxecto regúlase a posibilidade de que podan ser entidades beneficiarias destas axudas as entidades da administración local da Comunidade Autónoma de Galicia. Tendo en conta que a finalidade destas axudas e o financiamento da formación e da aprendizaxe regulada polo Real Decreto 1529/2012, do 8 de novembro por el que se desenvolve o contrato para a formación e a aprendizaxe e se establecen las bases da formación profesional dual, a CEG entende que debería de eliminarse do proxecto a posibilidade de que estas entidades puidesen ser beneficiarias destas axudas.



























ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA CEG:


No artigo 23 entre as obrigas das entidades beneficiarias,  menciónase neste punto a de verificar o cumprimento dos requisitos establecidos para os docentes, esta cuestión non é competencia das empresas contratantes senón dos centros acreditados, polo tanto non é esixible para estes efectos.



ANEXO III

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira. Artigo 13º.- Obrigas das entidades beneficiarias.
Entre as obrigas requiridas ás empresas debería establecerse a de poñer en coñecemento da representación legal das persoas traballadoras as circunstancias de execución de cada contrato formalizado.

Segunda. Artigo 28º.- Requisitos.
No segundo parágrafo do número tres deste artigo regúlase o cálculo  do incremento do cadro de persoal. As organizacións sindicais propoñen que se modifique a redacción computando só as baixas voluntarias e a xubilación anticipada, por falta de voluntariedade da persoa traballadora nos outros supostos contemplados neste apartado.

ANEXO IV

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADA POLA ORGANIZACIÓN SINDICAL CIG:

A Confederación Intersindical Galega avalía negativamente que se destinen fondos das cotas de formación, aportados polas persoas traballadoras e empregadoras, para inxectar liquidez a certas empresas pola vía de subvencionar os contratos aos que se refire este proxecto de orde.