ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 18 de decembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

Segundo se establece na exposición de motivos deste proxecto normativo, a Consellería de Traballo e Benestar, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, impulsa a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos e promociona a educación e a formación cooperativa, mediante a realización do certame Cooperativismo no ensino e aproba a súa convocatoria para o ano 2015.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 12 de febreiro de 2014, publicada no DOG o 20 de febreiro de 2014, e visto tamén o ditame emitido polo Consello Galego de Relacións Laborais con data 16 de decembro de 2013 (ditame 50/13), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo presenta as seguintes modificacións con respecto á orde para o anterior exercicio orzamentario:

Inclúense entre os beneficiarios o alumnado e profesorado de centros educativos en réxime especial (artigos 3º, 4º e 7º).

Dáselle unha redacción mais completa ao número 6 do artigo 12, onde se regula a protección dos datos de carácter persoal que se inclúen nun ficheiro denominado “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades”, cuxo obxecto é xestionar este procedemento.

No artigo 13º, relativo á xustificación e pagamento, engádese no seu número 2 unha nova documentación xustificativa para quen ten a autoría do mellor proxecto empresarial.

Modifícase o artigo 18º, relativo ao prazo de presentación de solicitudes e traballos, no que se engade que, se o período de presentación resultara inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.

No que se refire ao financiamento e á contía dos premios, que se recollen nos artigos 20º e 19º, se reducen lixeiramente dos 28.200 € previstos na convocatoria anterior aos 25.000 € no 2015, polo que resulta minorada a contía dos premios, que pasa de 2.200 € a 2.000 € e de 1.200 € a 1.000 €.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, 21 artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.


O día 8 de xaneiro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.












DITAME 1/2015





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido  ao alumnado e profesorado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de decembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de xaneiro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
Obsérvase que no texto do proxecto normativo aínda persisten algunhas incorreccións da linguaxe en materia de xénero, como o emprego das barras nos artigos 1.3, 7.4 e 12.6,  polo que se propón unha revisión do texto, tendo en conta ademais que as recomendacións oficiais establecidas pola Xunta de Galicia só aconsellan o uso das barras para os formularios.

Segunda
Continúase a apreciar a ausencia, ao longo do texto do proxecto, dalgunha previsión respecto da  incompatibilidade entre participar neste concurso e concorrer aos outros premios en materia de cooperativas, polo que se propón que se regule a imposibilidade de concorrer simultaneamente a varios destes premios.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 18º.- Prazo de presentación de solicitudes e traballos.
Este precepto recolle un prazo pechado para a presentación de solicitudes que remata o 15 de maio de 2015 e, para o caso de que o período de presentación resultara inferior a un mes, fixa un prazo dun mes desde o día seguinte á publicación da orde.

Este Comité considera que se debería simplificar a redacción para unha maior claridade,  polo que propón a seguinte: “O prazo de presentación de solicitudes de participación estará aberto durante tres meses a contar dende a publicación desta Orde. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte”.


Segunda. Artigo 20º.-Financiamento.
Neste artigo alúdese aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2015.

Este Comité considera que debería modificarse este artigo, de xeito que faga referencia á Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015, que xa foi publicada.

Da mesma maneira, proponse que se suprima o artigo 21º, relativo á tramitación anticipada.

Terceira. Disposición Adicional.
Esta Disposición  aproba a delegación, entre outras, da competencia para resolver a concesión do premio na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se suprima esa parte da redacción, posto que ese órgano xa está habilitado para resolver en virtude do artigo 12º.3 deste proxecto normativo.

Cuarta. Disposicións Derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.