ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 18 de decembro de 2014 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma.

Segundo se establece na exposición de motivos deste proxecto normativo, a Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de fomentar e difundir o cooperativismo, así como para recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido, considerou axeitado instituír con periodicidade anual os premios á cooperación, e acordou establecer as súas bases reguladoras.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 12 de febreiro de 2014, publicada no DOG o 20 de febreiro de 2014, e visto tamén o ditame emitido polo Consello con data 16 de decembro de 2013 (ditame 49/13), obsérvase que non se tivo en conta ningunha das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Este proxecto normativo presenta as seguintes modificacións con respecto da orde para o anterior exercicio orzamentario:

Dáselle unha nova redacción ao artigo 4º, relativo aos valores cooperativos, e se detallan os principios cooperativos establecidos pola Alianza Cooperativa Internacional.

Dáselle tamén unha redacción máis completa ao número 9 do artigo 9º, onde se regula a protección dos datos de carácter persoal que se inclúen nun ficheiro denominado “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades”, cuxo obxecto é xestionar este procedemento.

Modifícase o artigo 14º, relativo ao prazo de presentación de solicitudes e traballos, no que se engade que, se o período de presentación resultara inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, dezanove artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.


O día 8 de xaneiro de 2014 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.






DITAME 2/2015





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de decembro de 2014, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de xaneiro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Continúase a apreciar a ausencia, ao longo do texto do proxecto, dalgunha previsión respecto da  incompatibilidade entre participar neste concurso e concorrer aos outros premios en materia de cooperativas, polo que se propón que se regule a imposibilidade de concorrer simultaneamente a varios destes premios.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 8º.- Tribunal.
O primeiro apartado deste artigo prevé que será a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas a que avalíe os proxectos presentados, actuando como tribunal para a concesión do premio.

Este Comité considera que debería engadirse un apartado neste artigo establecendo o seguinte: “Cando exista vínculo algún entre un membro da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e un aspirante ao premio, aquel terá a obriga de absterse.”

Segunda. Artigo 15º.- Prazo de presentación de solicitudes.
Este precepto recolle un prazo pechado para a presentación de solicitudes que remata o 15 de maio de 2015 e, para o caso de que o período de presentación resultara inferior a un mes, fixa un prazo dun mes desde o día seguinte á publicación da orde.

Este Comité considera que se debería simplificar a redacción para unha maior claridade,  polo que propón a seguinte: “O prazo de presentación de solicitudes de participación estará aberto durante tres meses a contar dende a publicación desta Orde. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte”.

Terceira. Artigo 18º.-Financiamento
Neste artigo, así como no artigo 19º, alúdese ao proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o 2015. Este Comité considera que debería modificarse este artigo, de xeito que faga referencia á Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015, que xa foi publicada.

Da mesma maneira, proponse que se suprima o artigo 19º, relativo á tramitación anticipada.

Cuarta. Disposición Adicional
Esta Disposición  aproba a delegación, entre outras, da competencia para resolver a concesión do premio na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se suprima esa parte da redacción, posto que ese órgano xa está habilitado para resolver en virtude do artigo 9º.6 deste proxecto normativo.

Quinta. Disposicións Derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.