ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, cofinaciada parcialmente co FSE, e se convocan para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 21 de xaneiro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social, cofinaciada parcialmente co FSE, e se convocan para o ano 2015, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As cooperativas, xunto con outras entidades entre as que se atopan as sociedades laborais, forman parte da denominada economía social nos termos en que a define a Lei estatal 5/2011, do 29 de marzo, de economía social; é dicir, como o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo dos seus integrantes, ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.
Segundo establece a exposición de motivos do proxecto normativo, a economía social perfílase cada día como un actor económico e social fundamental na sociedade actual. Co obxecto de promover o seu desenvolvemento, creouse un instrumento de colaboración formado por entidades públicas e privadas que colaboran nun marco de actuación co mesmo obxectivo común de fomento, que presta especial atención ao emprendemento e á creación e consolidación de emprego. Este instrumento regúlase mediante o Decreto 225/2012, do 15 de novembro, polo que se crea a Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social.
O conxunto de axudas establecidas no proxecto normativo que se somete a ditame forman parte da actividade de fomento da economía social despregada pola Xunta de Galicia e concrétanse en tres programas con entidades destinatarias diferenciadas.
Os dous primeiros programas dan continuidade a sendas liñas de actuación reguladas en pasados exercicios pola orde de axudas para o fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais e a orde de concesión de axudas aos concellos e outras entidades locais de Galicia para a realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo. Os ditos programas de axudas son complementados por outro programa, que pretende incentivar a realización de actividades de promoción por parte de entidades que se teñen incorporado á recentemente creada Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social. Deste modo incentivase a efectiva participación nesta Rede de entidades sen ánimo de lucro como asociacións e fundacións, de organizacións profesionais, empresariais e sindicais e de cámaras de comercio.
Os tres programas comparten, en maior ou menor medida, o marco de actuacións que representa a Rede Eusumo, que permite a coordinación de actuacións e un maior e máis eficaz aproveitamento dos recursos dispoñibles para o labor de fomento.
Nesta convocatoria contémplase o financiamento dos distintos programas con cargo ao Fondo Social Europeo (FSE) e aos fondos propios que cofinancian, pois o Programa operativo FSE Galicia 2007-2013, no seu eixe 4, tema prioritario 80, destinado ao fomento de colaboracións pactos e iniciativas a través de redes de partes interesadas, contempla as axudas á economía social e á potenciación e dinamización de redes e asociacións. Deste xeito, prescíndese dos fondos finalistas da convocatoria de acordo coa Orde TAS/3501/2005, do 7 de novembro.
Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 3 de abril de 2014, publicada no DOG o 11 de abril de 2014, e visto tamén o ditame emitido polo Consello Galego de Relacións Laborais con data 9 de decembro de 2013 (ditame 48/13), obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial.

Á diferenza da convocatoria do ano 2014, no proxecto normativo que se ditamina regúlanse os tres programas e se recollen no articulado da convocatoria e non en anexos: “Fomento e consolidación das asociacións de cooperativas e de sociedades laborais” no capítulo III, “Oficinas locais de fomento cooperativo” no capítulo IV e finalmente, “Apoio ás entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades no marco da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social” no capítulo V.

Os principios de xestión recóllense nun artigo específico, o 2º, que antes figuraban no artigo 1º.

No artigo 6º, relativo a solicitudes e prazo, engádense novos apartados que detallan a presentación electrónica dos documentos.

En materia de gastos subvencionables, engádense no artigo 14º.3 dous novos subapartados de cara a facilitar o control do devenvolvemento das actividades divulgativas formativas pola subdirección xeral de Cooperativas e Economía Social.

Pola súa banda, un novo artigo, o 21º, regula a devolución voluntaria de subvencións.

No capítulo VI, relativo á convocatoria de axudas para o ano 2015, modifícase o período de execución das accións, que agora é ata o 30 de setembro para os tres programas. Modifícase tamén a data máxima de xustificación das subvencións recollida no artigo 43º, que agora é o 15 de outubro e non o 15 de novembro.

O financiamento destas subvencións redúcese dos 1.165.000 € da convocatoria da anualidade 2014 ata os 862.120 € deste ano.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todas as persoas que fan parte do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, corenta e catro artigos, tres disposicións adicionais e dúas finais.











O día 4 de febreiro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e doce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén así mesmo, como anexos, unha consideración específica non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-Galicia, CIG e S.N. de CC.OO. de Galicia (Anexo I) e unha consideración xeral non unánime manifestada polas organizacións sindicais UGT-GALICIA e S.N. DE CC.OO. de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia (Anexo II).





DITAME 3/2015



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de apoio ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, da Consellería de Traballo e Benestar, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de xaneiro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de febreiro de 2015, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.
Este Comité valora moi positivamente a redacción do artigo 13, que establece a posibilidade de pagamento anticipado de ata un 80% do importe da subvención e a exoneración da obriga de constituír garantía cando se trata de entidades non lucrativas, o que supón unha aplicación rigorosa do Regulamento de Subvencións de Galicia, tal como solicita este Comité nos seus ditames.

Segunda.
Tanto na exposición de motivos como ao longo do texto do proxecto normativo, aparecen referencias a diversas ordes ministeriais, respecto das cales este Comité considera que se debería especificar a data na que foron publicadas no BOE.








CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 8º. Consentimentos e autorizacións.
En relación co disposto no apartado 3 deste precepto, este Comité propón que se invirta a súa redacción para o mellor cumprimento da Lei de Protección de datos de carácter persoal, e que se estableza primeiro a obriga de aportar as certificacións pola entidade solicitante e, en segundo lugar, a opción de que a solicitante autorice expresamente ao órgano xestor para que solicite no seu nome as certificacións.

Segunda.- Artigo 9º. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
Na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo) figuraba entre os criterios de valoración: “O emprego da lingua galega na realización das actividades” e se puntúaba con ata un máximo de 15 puntos.

No proxecto normativo sometido a ditame, o emprego da lingua galega valórase como criterio auxiliar para outorgar prioridade ante outras solicitudes presentadas ás que se asignara o mesmo número total de puntos en virtude dos restantes criterios.

Este Comité Delegado entende que debería recuperarse a redacción do proxecto normativo para 2011, para cumprir coa Lei 9/2007 de Subvencións de Galicia, que no seu artigo 20.2, letra l), establece: “Avaliarase, en todo caso, o emprego da lingua galega na realización de actividades ou condutas para as que se solicita a axuda”. Así como para respectar o previsto no artigo 5.3 do noso Estatuto de Autonomía, que encomenda aos poderes públicos de Galicia o potenciamento do emprego do galego.

Terceira.- Artigo 11º. Resolución e recursos.
No apartado 3 deste precepto sinálase que, en calquera dos medios de divulgación das actividades, deberá constar de xeito destacado a colaboración da Consellería de Traballo e Benestar.

Este Comité propón que  concrete o significado da expresión “de xeito destacado”.

Cuarta. – Artigo 15º. Documentación xustificativa para o pagamento.
Neste artigo utilízase na clasificación do número 1 a letra “j”. Este Comité considera que esta letra é impropia do alfabeto galego, polo que debería substituírse pola seguinte que corresponda.

Esta mesma consideración reitérase para o artigo 27º a respecto das letras  “j” e “k” do seu apartado 3.

Quinta.- Artigo 15º. Documentación xustificativa para o pagamento.
Os apartados 1. f) e 3. e) esixen xustificar na memoria a aplicación da parte dos gastos non imputada ao programa, o que parece excesivo, polo que se propón suprimir esa obriga, de xeito que a redacción sexa: “Cando unicamente se impute unha porcentaxe deles ao proxecto, a memoria deberá xustificar a aplicación da parte imputada ao programa, así como especificar o criterio de imputación”.

Sexta.- Artigo 15º. Documentación xustificativa para o pagamento.
Nos apartados 1 i) e 3.a) deste precepto esíxese copia de todos os documentos xerados (en formato papel e formato dixital).

Este Comité considera que esta obriga é excesiva e que tan só se debería aportar aquela documentación que teña transcendencia.

Sétima.- Artigo 25. Actividades e gastos subvencionables.
O apartado 2 recolle os gastos normais de funcionamento que son subvencionables e inclúe, no  5º ítem, as cotas asociativas a entidades de intercooperación de ámbito superior á Comunidade Autónoma galega.

Este Comité considera que non ten lóxica que se subvencionen con axudas autonómicas eses gastos de ámbito estatal, polo que se propón a supresión deste ítem.

Oitava.- Artigo 33. Criterios de avaliación.
No apartado 2 deste artigo e no apartado 3.g) do artigo 27 establécense os criterios valorables dunha forma moi xeral, recollendo soamente a puntuación máxima que se pode acadar con cada un deles, sen criterios orientativos que baremen ese máximo.

Este Comité propón que se avance na concreción desa valoración para que as entidades beneficiarias poidan guiarse e evitar que se trate dunha cuestión discrecional para a Comisión de valoración.

Novena.- Artigo 38. Incentivo adicional.
O apartado 2 fixa un incentivo máximo de 1.000 euros pola creación de cada grupo promotor, cun máximo de 6.000 euros por entidade beneficiaria.

Este Comité entende que ese límite de 6.000 euros pode frear a actividade cooperativa ao impedir que a creación de máis de 6 grupos promotores poida ser subvencionada.

Décima.- Artigo 43º. Xustificación das accións subvencionadas.
Respecto das datas máximas para xustificar as accións, este Comité considera que se deben ter en conta, á hora de fixar eses prazos, a data de peche do pagamento de cotas á Seguridade Social e a data para o ingreso do IRPF.

Décimo primeira.- Artigo 44º. Financiamento e normativa reguladora.
Ao longo dos apartados 1,2 e 3 deste precepto especifícase o financiamento das axudas de cada un dos programas e, a continuación, resúmese a asignación a cada un deles.

Este Comité considera que se debería suprimir ese parágrafo final, que resulta redundante, por estar a información xa establecida, máis claramente, nos citados apartados.

Décimo segunda.- Disposicións derradeiras.
Obsérvase que no texto sometido a ditame figuran dúas disposicións derradeiras, que deberían denominarse disposicións finais para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega.






ANEXO I


CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, CIG E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA:

Artigo 9º. Criterios obxectivos de adxudicación das subvencións.
En relación coa consideración específica unánime segunda, as organizacións sindicais que integran o Consello consideran necesario expresar, a maiores, o seguinte:

Con ocasión de anteriores proxectos normativos ditaminados por este Consello, nos que se introduciron cambios neste mesmo senso, a Administración explicou a substitución do criterio que outorgaba puntuación directa ao emprego do galego, pola avaliación do seu emprego unicamente no caso de que varias solicitudes acaden a mesma puntuación cun escrito recibido da Comisión Europea (Dirección xeral da Competencia). Sen embargo, ese escrito, de data 10.10.2012, vén referido en exclusiva ao Réxime de axudas ás agrupacións de Innovación (Clusters) en Galicia, e máis en concreto aos proxectos de I+D+i. No escrito, os servizos da Comisión piden ás autoridades españolas que se absteñan de asignar puntos polo uso da lingua galega na avaliación e selección de actividades e proxectos apoiados no marco do réxime de axudas estatais de I+D+i e que ese criterio se aplique como auxiliar, para distinguir entre os proxectos aos que se teña asignado o mesmo número de puntos.

É evidente que a natureza das axudas afectadas por esta Orde (subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social) non garda relación algunha coa materia de I+D+i afectada polo devandito escrito da Comisión Europea, polo que se considera que debe manterse a redacción deste precepto contida na Orde do 25 de febreiro de 2011 (DOG nº 46, do 8 de marzo).

ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Consideración xeral:
Estas organizacións consideran que o financiamento das actividades de formación reguladas neste proxecto normativo debería establecerse a través das ordes reguladoras específicas como as relativas ás dos plans de formación sectoriais e intersectoriais ou outras que podan establecerse ao efecto.
O financiamento de formación ao marxe do marco da formación para o emprego non fai senón crear desigualdades e atomizar o reparto de fondos, tendo en conta que concorren outras asociacións que non se benefician de financiamento paralelo para a execución da súa formación.