ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/15

Ditame sobre o proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

I. ANTECEDENTES

O día 30 de xaneiro de 2015 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, co que remite proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, e solicita, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas.

De conformidade coa exposición de motivos deste proxecto normativo, a Consellería de Traballo e Benestar entende que cómpre apoiar o aproveitamento integral das sociedades cooperativas como elementos dinamizadores da economía local e singularmente creadores de riqueza e emprego, a través do estímulo aos axentes que interveñen nos procesos de xeración de proxectos empresariais, e a tal efecto acordou establecer as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas e proceder á súa convocatoria para o ano 2015.

Este proxecto normativo someteuse a ditame por primeira vez para a anualidade 2013 (ditame 3/2013). Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde do 4 de abril de 2013, publicada no DOG o 12 de abril de 2013, e visto tamén o ditame emitido polo Consello Galego de Relacións Laborais con data 23 de xaneiro de 2013, obsérvase que foron tidas en conta algunhas das consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresarial. Por tratarse dunha convocatoria bianual, é agora a segunda vez que se somete a ditame do Consello.

Como novidades, respecto da anterior convocatoria, cabe salientar as seguintes:

En materia de presentación de proxectos, no artigo 3º disponse agora que as solicitudes se presentarán preferentemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. As candidaturas poderán presentarse no Consello Galego de Cooperativas.

Pola súa banda, no artigo 9º relativo a resolución e recursos, engádese un novo paragrafo 9 relativo á Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

A dotación económica do premio redúcese, de acordo co artigo 14º, de 6.000 € a 5.000 € na convocatoria para 2015. Finalmente, no apartado 2 do artigo 16º, recóllese a documentación a presentar previamente ao pagamento.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015” consta de: Exposición de motivos, dúas seccións, dezasete artigos, unha disposición adicional e dúas finais.


O día 11 de febreiro de 2015 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e trece específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.




DITAME 4/2015




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do concurso de iniciativas cooperativas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2015, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 5/2008, do 23 de maio, pola que se regula o Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 11 de febreiro de 2015, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira
Este Comité aprecia a ausencia, ao longo do texto do proxecto, dalgunha previsión respecto da  incompatibilidade entre participar neste concurso e concorrer aos outros premios en materia de cooperativas, polo que se propón que se regule a imposibilidade de concorrer simultaneamente a varios destes premios.

Segunda
O proxecto normativo que se somete a ditame consta de exposición de motivos, seccións, artigos e disposicións adicionais e finais. Este Comité considera que, para unha correcta estruturación da norma, deberían substituírse as seccións por títulos, respectando así a xerarquización destas disposicións normativas nas que o título debe ir antes do capítulo e da sección.

Terceira.
Obsérvanse no texto do proxecto normativo algunha incorreccións puntuais, como o uso do masculino xenérico, polo que se propón unha revisión do texto cara á unha axeitada utilización da linguaxe en materia de xénero.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAL E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira. Artigo 3º.- Presentación de proxectos.
Este artigo dispón no seu apartado 5º que as copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia que sexan auténticas.

Este Comité propón que se admita tamén a posibilidade de copia compulsada ou cotexada.



Segunda. Artigo 4º.- Documentación.
No apartado 1º deste precepto establécense os requisitos de formato que deben reunir as copias en papel dos proxectos que se presenten e esíxese que se faga en Arial 12 ou tipo de letra similar.

Este Comité propón que se suprima a especificación “...ou tipo de letra similar...”, por entender que todos os tipos de fonte son similares, o que fai innecesaria esa puntualización.

Por outra banda, neste mesmo apartado, disponse que a copia de cada proxecto deberá ser presentada impresa por unha soa das caras da folla. Este Comité considera que en aras dunha economía sustentable debería suprimirse esta obriga e permitirse a presentación dos proxectos impresos polas dúas caras da folla.

Terceira. Artigo 4º. Documentación.
No apartado terceiro deste artigo faise referencia a necesidade de presentación dunha “nota escrita” polas persoas autoras do proxecto, na que se aceptarán expresamente as bases do concurso.

Este Comité considera que o termo correcto é o de “declaración” por ser tecnicamente máis preciso e axustarse máis ao contido do documento a presentar, polo que propón a substitución da expresión “nota escrita” pola de “declaración”.

Cuarta. Artigo 5º Prazo.
No primeiro parágrafo deste artigo recóllese que “a presentación dos proxectos farase no prazo indicado na convocatoria”. Ese prazo establécese no artigo 14 do proxecto de Orde, polo que este Comité entende que se debería substituír a expresión “indicado na convocatoria”, por “indicado no artigo 14 desta Orde”.

Quinta. Artigo 8º.- Tribunal e criterios de avaliación.
O primeiro apartado deste artigo prevé que será a Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas a que avalíe os proxectos presentados, que actuará como tribunal para a concesión do premio.

Este Comité considera que debería engadirse un apartado neste artigo que estableza o seguinte: “Cando exista algún vínculo entre unha persoa membro da Comisión Permanente do Consello Galego de Cooperativas e algunha aspirante ao premio, a primeira terá a obriga de absterse.”

Sexta. Artigo 10º.- Financiamento e normativa reguladora.
Este Comité considera que no apartado primeiro deste artigo debería figurar unha remisión á contía do premio e ao seu financiamento, que se recollen respectivamente, nos artigos 15 e 17 da convocatoria.

Sétima. Artigo 11º.- Condicións xerais de participación.
Este Comité considera que se debería modificar a redacción do apartado 2 deste artigo de cara a facilitar a súa precisión, para o que se propón que, en lugar de establecer “considerase que os participantes no concurso prestaron o seu consentimento ao presentar o proxecto”, debería figurar a seguinte expresión: “a presentación do proxecto comportará a estes efectos o consentimento das persoas participantes no concurso”.

Oitava. Artigo 11º.- Condicións xerais de participación.
Conclúe o apartado 3 deste artigo coa seguinte redacción “os materiais presentados non serán devoltos”.

Este Comité entende que tal previsión resulta desproporcionada, ao tratarse de traballos orixinais e considera que debería regularse o dereito a recuperar os traballos presentados e fixar un prazo a tal efecto.

Novena. Artigo 12º.- Obrigas dos beneficiarios, compatibilidade e reintegro.
Este Comité propón que se engada un novo apartado a este artigo no que se explicite claramente a obriga de realizar o proxecto nun prazo determinado.

Décima. Artigo 14º.- Presentación de solicitudes.
Este precepto recolle dous prazos distintos para a presentación de solicitudes.

Dado que se ignora a data de publicación da Orde, proponse que se fixe un prazo xenérico, por exemplo, de tres meses, contado a partir da  data da publicación.

Décimo primeira. Artigo 16.- Xustificación e pagamento
No inciso segundo da letra c) do apartado 2 deste artigo establécese a necesidade de presentar unha memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto. Este Comité propón que se elimine o termo “realizadas”.

Igualmente, na aliña primeira desta letra c) figura un erro no termo “Ademais”, que ten que escribirse con minúscula e suprimir o punto e seguido que a precede

Décimo segunda. Disposición Adicional.
Esta Disposición  aproba a delegación, entre outras, da competencia para resolver a concesión do premio na persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Este Comité propón que se suprima esa parte da redacción, posto que ese órgano xa está habilitado para resolver en virtude do artigo 9.6 deste proxecto normativo.

Décimo terceira. Disposicións derradeiras (sic).
Observase que no texto sometido a ditame figuran dúas Disposicións derradeiras que deberían denominarse Disposicións finais, para non contradicir a definición que do termo “derradeira” fai a Real Academia Galega. Proponse, así mesmo, que as ditas disposicións se encaixen baixo un título común “Disposicións finais” antes de enunciar cada unha delas.